... e despois da eclipse. (20/08/1999)
A eclipse pasou. Vímola e agora é tempo de falar dela coa experiencia do observado e a reflexión sobre o que vimos. A pouco que apliquemos o sinxelo enunciado anterior estaremos empregando o sentido común e tamén en liña co método científico: dalgún xeito nos preparamos, formámonos unha imaxe previa do que ía pasar e por que, logo fixemos a observación, e por último pasamos á fase de comentario, reflexión e análise.
Nesta, podemos encadrar os feitos en diversos ámbitos.
O primeiro está relacionado con se a vimos ou non. En Ribadeo, ate xusto despois de rematar, o ceo permaneceu descuberto con pouca brétema e algunha nube de pouco grosor que case non enturbiaron a vista. Resultou un feito chamativo e buscábase velo, solicitando ós coñecidos que tiñan algún aparello ou método un rato de observación. Nalgún caso, nembargantes, pasouse do asombro promovido de xeito previo polos medios de comunicación á decepción, cansancio ou desentendemento: despois de ser notoria a ocultación, buscábase "vela ben" e había quen dicía estar desencantado por non quedar a oscuras. De calquera xeito, quen máis, quen menos, sinteu, por exemplo, un lixeiro viruxe e a falta de luz, equivalente a un atardecer.
Empregáronse diversos métodos para mirar: a través de vidros de soldadura ou gafas ad hoc para a ocasión, proxectando o sol a través dun furado nunha cartulina ou por medio dun espello nunha parede, reflexado na auga... mesmo a través dun pequeno furado "construído" coas mans. Si, coas mans podíase facer un orificio polo que proxectar sobre o chan ou sobre un papel a eclipse. Como consecuencia de buscar a solución máis doada acabáronse no contorno os cristais de soldadura ou as gafas especiais. Por descontado, tamén se usaron métodos non adecuados, como o ollar a través de radiografías.
Ó mirar, unha diferencia da que se percatou a xente foi que, segundo as características do método usado, á fin da eclipse os ollos podían estar molestos. Eso pasoulle aínda a xente que empregou métodos recomendados, pero usando características erróneas, como vidros de filtro de soldadura dun grao inadecuado. Outra diferencia que se notou foi que, segundo o método, a imaxe parecía como dereita ou invertida. Outra máis, que para as observacións a través dun obxecto, segundo o tipo de filtro, o evento aparecía de diferente cor.
Curiosidades máis achegadas á propia astronomía son a observación que que a lúa seguiu unha traxectoria recta, deixando sempre ó descuberto a parte inferior dereita (ou superior esquerda, segundo o método de observación) do sol, co que pode dicirse que o efecto foi de "pasar por enriba". Tamén foi de maior significación neste sentido observar que a liña entre sol e sombra era nítida, mentres que o borde externo solar non o é nunca, senon que vai diminuíndo a súa luminosidade de xeito progresivo. Polo mesmo motivo, os picos da figura que se vía non eran puntiagudos, senón redondeados.
A eclipse é un caso particular de ocultación: así se chama cando un corpo celeste oculta a outro. A lúa, no seu recorrido cáseque mensual, oculta unha e outra vez diversos astros. Todas as ocultacións chaman a atención. E non só elas: as chuvias de estrelas como a das perseidas, os días no entorno da eclipse deron tamén que falar, motivando que máis dun preguntara se hay relación. A astronomía ten un montón de aspectos interesantes. E, se despois de todo non te interesa máis que os eventos deste tipo, ánimo. En menos dunha decea de anos poderemos observar outra eclipse, se ben en condicións menos favorables que neste caso. Ó fin e o cabo, as eclipses pódense producir dúas veces ó ano (tanto as de sol como as de lúa)
--
(II) O día da eclipse
(III) ... e despois da eclipse
Ningún comentario:
Publicar un comentario