2007/07/22

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (II): O día da eclipse

O día da eclipse (publicado o 10/08/1999)
A eclipse pasa rápida. Aínda que cada fase, cada “momento” propágase sobre a superficie da terra a unha velocidade variable de ata preto de 3.000 quilómetros á hora, parecerá que práticamente non se move, facéndoo co disco solar. Só notaremos como se vai ocultando ate un máximo e logo destapando, nun proceso que en Galicia será dunha duración total de algo máis de dúas horas.
Un tempo que pode resultar cansado ou moi corto, segundo como se considere. Se estás a ler isto, é que tes unha interese antes que suceda, e hai que tratar de aproveitalo. E dende pequeniños sabemos que non debemos mirar ó Sol: é perigoso para a nosa vista. Un Sol eclipsado, tamén.
Se a eclipse fora total, aínda se podería observar claridade ó noso arredor. Pero aínda as máis de tres cuartas partes de oscuridade que se observarán en Galicia representan unha luminosidade ambiente equivalente a trinta mil veces ben folgadas a da Lúa chea. E para a vista, dirixila á eclipse é tan perigoso como mirar o sol de xeito directo. De feito, estaremos facénndoo cunha parte del, a que non está eclipsada.
¿Como se pode observar entón? O máis seguro é facelo mediante unha reflexión: cun anaco de espello proxectar a imaxe sobre unha parede branca, por exemplo. Este método ten máis aventaxes que a evidente de protexer a vista. Así, podemos achegarnos á imaxe canto queiramos e observala con detemento e os seus cambios. Podemos facernos destros na arte de proxectar practicando antes a proxección do sol cun espello e mirando o mellor sitio para facelo. É convinte para esto ter conta da hora á que será o acontecemento, arredor das doce da mañán.
O outro xeito de facelo é protexéndonos por medio dun filtro. Aquí cabe a duda de cal usar, e debemos aternos primeiro o criterio da seguridade e despois ó da comodidade. Para cumprir coa salvagarda ocular, podemos probar antes tratando de botar miradas furtivas ó sol con diversos filtros para ver o que non nos lastima a visión e nos permite ver con claridade. O outro criterio é secundario, pero se podemos adaptar ese filtro a unha montura de gafas, de protector de soldadura, ... notarémolo á hora do uso.
O que nunca se debe facer é miralo a través dun aparello como prismáticos ou telescopio, concentradores de luz e neste caso provocadores de lesións oculares seguras.
Despois desto, ¿que esperas ver? Nestos tempos é dificil sorprendernos, e o sol, colgado sobre as nosas cabezas sen grandes cambios dende hai moito, non parece ter novidades que ofrecer. Para alguén experto, esas dúas horas longas de eclipse poden ser motivo de tratamento anterior e posterior, a parte dunha grande actuación en si mesma. Para algunha xente, será un engorro non dispor desa luz que falta. Para moita, unha curiosidade. En calquera caso, se nos facemos unha idea previa de como é sempre poderemos comparar e desfrutar mellor mellor do que observemos.
Sempre, claro está, que o tempo no-lo permita ver. Noutro caso, en troques de sombra poderemos observar a difusión da luz solar que quede, estraña penumbra como de tormenta que nos chegará a través das nubes interpostas.
En calquera caso, sempre podemos falar despois sobre el.
--
Non nos debe enganar que o telescopio sexa o aparello usado en observación astronómica: os filtros e especificacións para a observación do sol non o fan aconsellable e si perigoso para unha situación como esta e persoas inexpertas. 
-- 

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.