2009/05/13

Profesor 10: Divagando sobre educación.

Á espera da súa publicación en Xerfa:
Profesor 10: Divagando sobre educación.
"Se atopas cara a educación, proba a ignorancia" (Manuel Castells, citando un dito norteamericano)

E por que non profesora? Ó fin, parece que a maior parte da humanidade é de sexo feminino...
Vale pois, profesora 10. O tema é o mesmo.
Quen?
Por partes, non se trata de sinalar a ninguén, senón de comezar pensando que características debe ter unha profesora 10.
O primeiro sería eficiencia na tarefa de transmisión de coñecementos. O primeiro? Entón, hai que deixar relegada a tarefa de formación como persoa? Supónse que cando alguén pasa das mans dos 'mestres' á dos 'profesores' está a cambiar o que se pide del tan substancialmente? Non o creo así, pero, onde imos procurar máis información para determinar a tarefa do profesor, e así asignar as características que corresponden ó desempeño da mesma e á persoa que a debe desempeñar? No diccionario? Se collemos a definición do 'Diccionario de la Real Academia Española', vixésimo segunda edición, atopamos na súa primeira acepción:
"1. m. y f. Persona que ejerce o enseña una ciencia o arte." Algo semellante ocorre co correspondente da RAG. É dicir, o profesor ensina. E punto. ... non estou moi de acordo coa aplicación práctica da definición, pois se imos ás tarefas do profesor, da profesora, atopamos outras que en principio non teñen moito que ver coa definición, e máis coas funcións administrativas, por exemplo. Algo no que concorda o diccionario de pedagoxía que se pode consultar en liña:
"s. 1. Persoa que pola súa vocación dedica a súa existencia a transmitir a unha nova xeración unha síntese dos aspectos teóricos, prácticos, éticos e estéticos da cultura, de forma equilibrada e diferenciando coidadosamente os contidos permanentes e os transitorios. 2. Persoa que exerce a profesión docente, e que ten como principal tarefa a organización, sistematización e desenvolvemento do proceso de ensinanza. Ademais, debe levar a cabo tarefas de titoría, orientación, xestión, investigación, etc., podendo varia-la natureza ou o tipo de funcións segundo o nivel educativo no que o profesor traballe." Aquí si que xa estou algo máis de acordo co que representa o profesor (perdón, a profesora) na actualidade. Incluíndo os temas que deberan ser accesorios. O que debera... esa é xa outra historia.
Nun artigo de hai uns 14 anos, titulado 'Mestres, profesores, catedráticos', falaba de algo disto dende outro punto de vista: non mirando só á función, senón a percepción social, que tamén inflúe na función finalmente asignada dun xeito 'legal'. A lembranza dese artigo lévame a algo que se pode expresar como: a existencia de profesoras cambia de xustificación ó longo do tempo? É dicir, a educación está claro que ten que adaptarse ós tempos, e polo tanto, a función profesoral debera adaptarse tamén. Pero, que é o que continúa a traverso do tempo?
Chegado a este punto, xa estou liado (ó fin, o que pretendo confeso que é liar a quen lea para que pense sobre educación), pero quédame unha cuestión importante que non podo deixar pasar sen tratar, pois é totalmente relacionada co título: pode existir unha profesora 10 illada? Isto é, pode separarse o que fai unha profesora do que profesa o conxunto do grupo ('claustro') de profesoras dun centro e ser considerada unha 'profesora 10'? Tal vez en preescolar ou nos primeiros cursos de primaria se poda considerar. En medias, o que conta é o centro educativo, dende a directora á bedela, pasando polas propias alumnas-compañeiras, sendo o pilar fundamental o aunar esforzos de cada grupo de profesores correspondente a un nivel ... Estamos pillados xa pola estrutura: a calidade da educación depende dela tamén.
E os pais? pois ... deixo outra cita, pero xa non me meto no tema: "por unha beira, a calidade e adicación de mestres e profesores. Pola outra, a atención dos pais á educación dos seus fillos" (tamén, M. Castells, quitándolle o contexto de xeito intencionado)
Mirando agora máis de parte dos alumnos, deixando ó profesorado a unha beira... Imaxinas que se poidera dar o caso que que poñéndonos á beira do mar houbera unha xerfa que nos empapara de educación? Sería un chollo, non? ... Pois veriamos. O que non se consegue cun certo esforzo tende a non apreciarse. É posible que a xerfa se perdera no vacío, sen educar a ninguén por non achegarse á beira do mar.
Ben, se chegaches ata aquí, algo dese esforzo de educación seguro que xa o tes feito...
Antonio Gregorio Montes
Nota 1: M.Castells é especialista en temas de socioloxía relacionada coas novas tecnoloxías, non en educación.
Nota 2.Na primeira cita, para adecuala máis á nosa ideosincrasia, diría de tomar 'cara' como 'custosa', 'con necesidade de facer un esforzo para chegar a ela'.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.