A revista Xerfa recolle, ano a ano, artigos sobre a feira. O deste ano será, máis ou menos, o seguinte:
Retazos da Feira
Ó remate da feira, pedinlles a algúns alumnos dos máis novos do centro que fixeran unha pequena redacción contando cousas sobre a feira: a súa experiencia, os seus gustos, ... calquera cousa que creran que podía ser contada. As condicións eran poucas, case reducidas a que o escrito non fora moi longo, pois no tema e a forma, mentras se referiran á feira, podían ser calesqueira, de relato a opinión pasando pola exposición de feitos sen xulgar.
O resultado está a continuación, variopinto, unhas veces expoñendo de novo algunhas cousas que ó longo dos anos xa teñen saído na nosa revista, 'Xerfa', e outras, cousas totalmente novedosas. Mesmo queixas, que é de supoñer poderían ser máis explicadas pero pola petición de non ser moi extensas as redaccións, quedaron así, e sanas contradiccións en cousas opinables, que se poden usar para chegar a un coñecemento maís profundo.
Todas, a ter en conta para facerse unha mellor idea do conxunto da actividade e como mellorar para outro ano. Aquí van.
Antonio Gregorio Montes
Feira da Ciencia e Tecnoloxía - XV Edición
Est 2009 foi a decimoquinta edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Porta da Auga de Ribadeo, e foi por esa razón pola que nos achegamos a descubrir máis sobre ela. Ó entrar no pavillón o primeiro que observamos foi un conxunto de paneis con suriosidades da tecnoloxía e da ciencia, e, máis adiante, sobre o mesmo tema, un conxunto de alumnos de 4º de ESO con experiencias. Para obter máis información, achegámonos a un dos alumnos, que nos recibiu explicándonos un deles, titulado 'A formación de Furacáns'.
Despois retrocedimos e entre as posibilidades, escollimos o ir á dereita, onde nos esperaban os rapaces de 1ºB. Un deles foi explicándonos os experimentos un a un. Entre eles, atopábanse cousas sobre os números de Fibonacci, a medición de barrancos e árbores e os poliedros regulares.
Collendo á outra man, nas primeiras mesas agardaban os alumnos de 1ºA, explicando experimentos consistentes na cristalización de minerais. Máis aló, noutras mesas atopamos rapaces do segundo curso, con experimentos como 'O efecto Flubber' ou 'Como poñer 14 cravos enriba dun'.
Seguimos adiante, e entre as posibilidades, dirixímonos á mesa do medio do pavillón. Poñía 'As mareas na ría'. rapidamente, chegou unha rapaza do bacharelato e explicóunolo amablemente.
Seguimos logo pola dereita, onde había investigacións de 1º de ESO. Entre outras cousas, destacaba unha maqueta da praia das Catedrais e un maniquí usado para a explicación da medición da envergadura.
Continuamos avanzando. Esta vez había alumnos de 3º, 4º e do Bacharelato, con experimentos e demostracións como o do tren levitante, que facían flotar mediante imáns.
Por último, chegamos ó espazo onde había alumnos tamén de 3º e do Bacharelato con traballos como 'As correntes termohalinas' ou un estudo sobre a extinción dos burros.
... e con isto remata a nosa reportaxe sobre a Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo, da que esperamos haxa moitas máis edicións.
Ramón Miranda Barcia
XV Feira da Ciencia e Tecnoloxía - 2009
Despois de facer as nosas pescudas, traballar todo o que traballamos nos nosos proxectos e logo dunha gran inaguración á que acudiu o alcalde de Ribadeo e outras persoas importantes do pobo, a Feira da Ciencia abriu as súas portas ó público para que a xente poidese ver os proxectos.
Todos estabamos moi ledos porque logo dun duro esforzo, os nosos traballos ían poder servir para algo e a xente ía poder aprender algo novo con eles. Uns traballos eran máis difíciles de entender que outros pero todos nos explicamos o mellor que poidemos para que a xente nos entendese. Para nos isto era todo novo, ver a tantos estudiantes de tantos colexios esperar para oir as nosas explicacións parecíanos impresionante. Era un pouco como xogar ós mestres.
O trato coas visitas creo que foi correcto e portámonos educadamente, aínda que lles tiñamos que berrar porque non se escoitaba moi ben.
Como ven sendo dende fai algúns anos, á Feira acudiu a prensa e fixeron unhas reportaxes nas que os alumnos explicabamos os nosos proxectos despois de facerlles Antonio un resumo do contido da Feira e a colocación dos traballos.
Eramos como unha gran familia, pasabamos máis tempo nos traballos dos outros que nos nosos mesmos. Ata algúns se sabían de memoria os traballos dos outros! Comentabamos moito as caras que poñía a xente cando non entendían algo. Semellaban un poema!
Paseino xenial!
María Pernas Rodríguez
As visitas da feira da Ciencia
As visitas foron moi variadas; foron tanto nenos como adultos.
Viñeron colexios e institutos de Xove, de Burela, de Vegadeo e de Ribadeo.
A maioría dos alumnos eran insoportables. Os máis pequenos facían preguntas absurdas porque non entendían nada, e encima tocaban todo. E había algún que xa era de cursos superiores e, cando estabas a explicar, estaba nas berzas, falando, ou íase.
Os maiores portáronse moito mellor: facíanche caso e ó final se non entenderan algo, preguntábancho, e había mesmo cousas que non sabías responder.
Tamén estivo a Televisión de Galicia, Telelugo, Localia-ORT ... e Cristina Rodríguez (actriz en 'Pradolongo'). Estas eran visitas máis agradables.
Laura Luaces Rodríguez
O meu primeiro ano
Este ano foi a miña primeira Feira da Ciencia. Imaxinábaa así, pero vexo que detrás de cada traballo hai máis esforzo do que eu cría. Estaba todo organizado: os horarios, a distribución dos traballos por temas como matemáticas, ciencias naturais, física e química, ...
O que menos me gustou foi que os traballos estaban moi mal colocados, xa que o espazo non estaba moi ben calculado. Todos os traballos eran moi interesantes; no meu tempo libre fun velos, mirándoos e escoitando as explicacións dos compañeiros. O traballo que máis me gustou foi o do 'Altavoz humano', aínda que o apartado que máis interesante me pareceu foi a cantidade de cousas que se poden facer con lá e un globo. En xeral, espero repetir esta experiencia moitas máis veces, e coñecer tantas persoas como coñecín este ano.
Arantxa Santos López
A XV Feira da Ciencia
Había moitos tipos de experimentos. A min a maioría non me deu tempo a velos. Habíaos que eran con auga, outros con globos, e outros sobre as rochas e cristais.
Viñeron moitos colexios ver os experimentos, por exemplo, de Xove, A Veiga, Burela, Foz, ou o Gregorio Sanz, o Sagrado Corazón e o Gamallo Fierros de Ribadeo.
Dos experimentos que máis me fascinaron foi o dos altavoces.
Un dos experimentos da nosa clase foi elixido para outras feiras; chamábase 'A medición das árbores'.
Veu a televisión e gravaron a maioría dos proxectos, e houbo xente que saiu nos xornais.
A min tocoume explicar o traballo de mates sobre poliedros.
Alejandra Martínez Cortiñas
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario