2017/03/25

En ciencia non só hai mentiras científicas

Ó fin, chego a ler unha unha nova que xa non o é tanto. E non porque me atrasara moito eln leela (é de onte), nin porque se refira a outra nova anterior (esta de 10 días atrás). Titúlase 'Por qué no penalizamos la mentira?' e foi publicada no eldiario.es a raíz do artigo en Nature 'How dare you call us diplomats', de Amaya Moro-Martín, astrofísica. E non o é porque a historia ven de lonxe.
Resulta que Amaya rebélase contra o 'encargo' do goberno que facilitou a saída de milleiros e milleiros de persoas de España, entre eles xente nova investigadora, negou a súa saída, tildounos de aventureiros, e máis variantes aínda ó longo de varios anos, antes de pedirlles que sexan embaixadores da marca España. Ou sexa, vai abondo máis aló dunha petición xeral sobre a ciencia e a política científica, do 'eles escolleron a ignorancia!'.
Non se trata pois de castigar as mentiras que hai na ciencia, nin de fixarse en mentirijillas ou apariencias, senón de mentiras, desas que son sólidamente atacadas porque teñen bases importantes para mentir, porque collen temas que inflúen en moita xente, porque iso da postverdade nestes casos non é interpretación interesada, porque é iso: mentira.

2017/03/20

Primavera

Dende as 11 e 28 minutos, hora legal na España peninsular, deste 20 de marzo de 2017, estamos na primavera. Hoxe o Sol estará por riba do horizonte máis tempo que por baixo (aínda que non o vexamos, como no caso de Ribadeo). No momento do cambio inverno-verán, a posición da Terra e o Sol era tal que a liña recta pasando dende o centro do Sol ó centro da Terra pasaba xusto polo ecuador.
(O punto vermello, posición aproximada de Ribadeo este anoitecer. O plano do debuxo é o formado pola liña Terra-Sol e o eixe de rotación da Terra)

2017/03/17

Avisando a Feria da Ciencia de Ribadeo 2017, XXIII edición

Irán saíndo cousas na wiki Feiras de Ciencia.

Esas rochas de aí arriba...

A imaxe anterior, tomada da Galipedia, pero no dominio público, creada por Mdf, representa os asteroides localizados no sistema solar. A diferente cor representa o diferente tipo/clasificación segundo o seu movemento.
Son moitos, verdade? Pero a) non están nin moito menos todos os coñecidos, e b) hai moitos máis sen descubrir, normalmente máis pequenos,e mesmo dos que están descubertos, os erros no cálculo da súa órbita ás veces son grandes.
Ven a imaxe a conto de que o pasado 2 de marzo un asteroide ó que se lle puxo o nome de 2017EA pasou a unha distancia da superficie terrestre de menos de 15 000 km (pouco máis que o diámetro da Terra), menos da metade da altura dos satélites xeoestacionarios, dos que xa temos unha constelación enteira ó noso servicio.
Din os científicos que o obxecto ten un diámetro duns 3 m (cabe na caixa dun camión pequeno), unha masa duns 21 000 kg (ou sexa, densidade non moi diferente á do ferro)e pasou a unha velocidade duns 20 km·s-1 (unhas cen veces máis rápido que os avións de pasaxeiros). E que foi descuberto só unhas 6 horas antes da máxima aproximación. Ou sexa a unha distancia equivalente á que se atopa a Lúa.
É evidente que calquera método de destrución previa a un hipotético impacto contra a Terra, ca tecnoloxía actual, está totalmente descartada... É dicir, estamos tan a mercede dun impacto dese tipo como o estarían os dinosaurios.
Claro que o impacto contra a Terra sería dunha magnitude moito menor que o que se cre que causou a extinción dos animais prehistóricos, pero da unha idea da exposición á que estamos submetidos, da pouca cousa que somos. Algo que se ve suplementado con outro dato: dende hai uns 30 anos temos constancia de que uns 500 bólidos dunha categoría semellante impactaron contra a atmosfera, queimándose antes de chegar á superficie da Terra; algo menos de 20 cada ano. Abondo menor, por outra parte, do que impactou en Rusia hai catro anos e que foi ampliamente documentado. Asteroide que, por certo, só foi detectado ó entrar na atmosfera terrestre...
Para saber máis: asteroides próximos á Terra (xa detectados, claro!)

2017/03/01

Trappist-1, eses novos coñecidos

Deixo embaixo unha imaxe clarificadora. Trátase da comparación entre os corpos do 'noso' sistema planetario estelar, o sistema solar, e os do sistema Trappist-1, con planetas recén descubertos. O seu sol ten un diámetro que excede só lixeiramente o 115% do de Xúpiter (algo así como a relación entre a Terra e Marte, con menos diferenza). A información actual na wikipedia é tamén abondo explícita, dando, por exemplo, períodos orbitais dende 1,5 a 20 días, o que producirá, se as teñen (é dicir, se teñen o seu eixe de xiro sobre si mesmos inclinado en relación ó eixe de xiro en relación á estrela), estacións astronómicas de duracións de 9 horas a 5 días. Polo que parece, os tres centrais dos descubertos estarían en zona habitable (equivalente á zona na que a auga pode estar líquida), mais polo momento descoñécese a existencia de auga para dar lugar a unha vida tal e como a coñecemos, baseada no carbono, aproveitada da disolución en auga e con elementos principais C, H, O, N.
Velaeiquí:
By ESO/O. Furtak - http://www.eso.org/public/images/eso1706d/, CC BY 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=56526979

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.