A imaxe anterior, tomada da Galipedia, pero no dominio público, creada por Mdf, representa os asteroides localizados no sistema solar. A diferente cor representa o diferente tipo/clasificación segundo o seu movemento.
Son moitos, verdade? Pero a) non están nin moito menos todos os coñecidos, e b) hai moitos máis sen descubrir, normalmente máis pequenos,e mesmo dos que están descubertos, os erros no cálculo da súa órbita ás veces son grandes.
Ven a imaxe a conto de que o pasado 2 de marzo un asteroide ó que se lle puxo o nome de 2017EA pasou a unha distancia da superficie terrestre de menos de 15 000 km (pouco máis que o diámetro da Terra), menos da metade da altura dos satélites xeoestacionarios, dos que xa temos unha constelación enteira ó noso servicio.
Din os científicos que o obxecto ten un diámetro duns 3 m (cabe na caixa dun camión pequeno), unha masa duns 21 000 kg (ou sexa, densidade non moi diferente á do ferro)e pasou a unha velocidade duns 20 km·s-1 (unhas cen veces máis rápido que os avións de pasaxeiros). E que foi descuberto só unhas 6 horas antes da máxima aproximación. Ou sexa a unha distancia equivalente á que se atopa a Lúa.
É evidente que calquera método de destrución previa a un hipotético impacto contra a Terra, ca tecnoloxía actual, está totalmente descartada... É dicir, estamos tan a mercede dun impacto dese tipo como o estarían os dinosaurios.
Claro que o impacto contra a Terra sería dunha magnitude moito menor que o que se cre que causou a extinción dos animais prehistóricos, pero da unha idea da exposición á que estamos submetidos, da pouca cousa que somos. Algo que se ve suplementado con outro dato: dende hai uns 30 anos temos constancia de que uns 500 bólidos dunha categoría semellante impactaron contra a atmosfera, queimándose antes de chegar á superficie da Terra; algo menos de 20 cada ano. Abondo menor, por outra parte, do que impactou en Rusia hai catro anos e que foi ampliamente documentado. Asteroide que, por certo, só foi detectado ó entrar na atmosfera terrestre...
Para saber máis: asteroides próximos á Terra (xa detectados, claro!)
Un Chío de festas
-
Un mes mais, a edición de Chío xa está dispoñible na rede. Este mes,
dirixida de novo por Melina López, con verbas de Lucía Ferro ou as festas
do Sa...
Hai 22 horas
Ningún comentario:
Publicar un comentario