2019/10/28

A CIENCIA NA GALIPEDIA

Preséntase a continuación un traballo a expoñer no XXXII Congreso de Enciga, a celebrar en Viveiro entre o 14 e o 16 de novembro de 2019.

A CIENCIA NA GALIPEDIA
Antonio Gregorio Montes

ABSTRACT
Wikipedia is the Galician version of Wikipedia, the free, open and collaborative online encyclopedia, sister of other projects such as Wikibooks or Wiktionary, many of which have also a Galician version.
The use of these projects, still largely unknown, is already also largely used in teaching by covering the current curriculum: offers it a layer of support, extension and/or contrast, while being useful for developing ideas or doing different kinds of work.
Is presented an analysis of the characteristics of the set and the structure of the articles, interaction, and educational possibilities, mostly in science.

RESUME
A Galipedia é a versión galega da Wikipedia, a enciclopedia libre, aberta e colaborativa en liña, irmá maior doutros proxectos como Wikibooks, orientada á producción de libros, Commons, repositorio multimedia, ou Wiktionary, dicionario en liña, moitos deles tamén con versión en galego.
O uso destes proxectos, aínda descoñecidos en gran parte, serve xa de apoio de facto no ensino recubrindo o currículo previsto cunha capa de ampliación e/ou contraste, ó tempo que é útil para o desenvolvemento de ideas ou a realización de traballos.
Preséntase asemade unha pequena análise de características do conxunto da constelación wikimedia e dos artigos, posibilidades de interacción e educativas, en particular, en ciencia.
Por outra banda, a perspectiva da Wikipedia é diferente por parte do alumnado e do profesorado. Presentarase o contraste entre ambos puntos de vista, así como a posibilidade de integración desta ferramenta en diferentes estilos de ensino.
Asemade, repasaranse algúns temas laterais como o uso de citas, licenza, ou a importancia de cara á pluralidade lingüística.

GALIPEDIA, WIKIPEDIA, WIKIDATA, COMMONS, WIKIBOOKS... E OUTRAS LERIAS
Nun entorno científico, todo o mundo ten máis ou menos claro que é a ciencia, aínda que as versións que se podan dar resulten ó final diferentes e podan abonar discusións teóricas.
A outra parte do título ca comunicación pode non estar tan clara para moita xente. Na páxina principal de calquera Wikipedia, como na Portada da Galipedia, hai seccións de introdución á propia enciclopedia, apoio para o seu uso ou edición, etc, o que non quita para que a pesar do extenso da súa difusión, sexa unha grande descoñecida máis aló do feito de que permite a consulta enciclopédicadun termo concreto.
Wikimedia é unha fundación sometida legalmente á lei nos EEUU pero de ámbito mundial, deseñada para manter ferramentas de coñecemento baseadas nas wiki en liña, libres, abertas e colaborativas. O nacemento desa constelación foi a Wikipedia en inglés, en formato enciclopedia. Despois viñeron os brotes de diversas linguas (hoxe máis de 300, segundo a Lista de Wikipedias). Entre elas, o galego, onde se coñece coloquialmente como Galipedia. E tamén, a diversificación de posibilidades: dicionario (Wiktionary)1, repositorio multimedia (Commons), elaboración de libros (Wikibooks), acumulación de fontes documentais (Wikisource), base de datos (Wikidata)2, etc, todas relacionadas, cos mesmos principios e metodoloxía, e impregnadas coa filosofía inherente ós chamados cinco piares da Wikipedia: enciclopedia neutral libre con normas de conduta sen regras prefixadas  -é dicir, con regras discutidas pola comunidade de soporte- (Wikipedia:Cinco piares, 23/10/2019)3.
De igual xeito que a fundación ten unha existencia ignorada por moita xente, nos usuarios, en xeral, hai descoñecemento e incomprensión dos cinco piares, en particular, que non é unha fonte primaria. É dicir, moitas veces o que non se entende é a lóxica da Wikipedia, e non as súas posibilidades, pero istas pasan a ser desperdiciadas ou mal usadas por dita falta de comprensión.
Por outra banda, aínda que o sistema wiki permite unha interacción total co contido, a súa imbricación cunha garantía de calidade fai necesaria tanto unha formación previa no sistema como un sistema de seguemento e organización da xente voluntaria. En certo xeito é paradóxico, presentando a wikipedia como axuda á formación, pero é algo que fai posible unha estrutura que só na Galipedia, nas páxinas principais, contén 160 000 artigos a día de hoxe (Portada, 23/10/2019), e non o resulta tan chocante se se pensa que o usuario consultivo só necesita manexar internet, e as habilidades necesarias vanse complicando a medida que aumenta a intrusión do usuario no propio sistema. Sistema que se complementa con páxinas de discusión, de necesidades, informativas, etc, nun número comparable -pero maior aínda- ó xa citado, incluíndo todo o historial de cada unha das páxinas, o que permite unha trazabilidade que axuda a resolver problemas internos e mellorar o conxunto. E, de xeito externo ou interno a cada un dos proxectos, pero ensamblado no conxunto, tamén complementado con material didáctico, cursos (Trainings, 2019) (Teach with wikipedia, 2019), etc, para potenciar e mellorar o uso da Wikipedia e a constelación de irmás e a súa relación co mundo educativo.
Dada a evolución da lexislación actual, unha introdución á Wikipedia estaría coxa sen puntualizar a licenza de uso. Nas wikipedias a licenza é de Atribución Compartir Igual 3.0 (CC BY-SA 3.0), da familia de licenzas Creative Commons. Basicamente, como é especificado na páxina citada da Galipedia, pódese (permite)
“Compartir — copiar e redistribuír o material en calquera medio ou formato. Adaptar — remesturar, transformar e recrear sobre o material para calquera propósito, incluso comercialmente.”
De xeito que o licenciante non pode revogar estas liberdades mentres se cumpran os termos da licenza, que resumidos, indican:
“Atribución — Debe dar o recoñecemento apropiado, fornecer un vínculo á licenza e indicar se se fixeron cambios. Pode facelo de calquera maneira razoábel pero non de maneira que poida suxerir que o licenciante o apoia a vostede ou o seu uso. Compartir igual — Se vostede remestura, transforma ou recrea sobre o material, debe distribuír as súas colaboracións coa mesma licenza cá orixinal. Sen restricións adicionais — Non pode aplicar termos legais ou medidas tecnolóxicas que legalmente impidan a outros facer algo que a licenza permite.”
Como nota da importancia destes termos, tódalas páxinas da Galipedia amosan a licenza antedita no seu pé de páxina.

CARACTERÍSTICAS DOS ARTIGOS
Os artigos da Galipedia ou de calquera outra Wikipedia son feitos literalmente por calquera. Aínda que cabería mellor o dicir ‘por calesqueiran’, pois só artigos totalmente recentes non teñen engadidios ou variacións realizadas por outras persoas diferentes a quen creou o artigo. Se se mira ‘Leis de Newton’, no historial aparecen nestes momentos máis de noventa aportacións diferentes (Historial de revisións de ‘Leis de Newton’) que van dende a súa creación o 16 de marzo de 2004 por Agremon a un cambio de æ en troques de ae en ‘Philosophiæ Naturalis’ o 5 de xullo deste ano feito polo alcume Alfonso Márquez. Cambios todos que se poden ver, un por un, e reverquer en caso de incidencia ou estudar para ver a evolución do artigo: un artigo bó non se fai dun momento para outro, senón que leva literalmente moito tempo. De feito, pódense poñer avisos de ‘en uso’ cando alguén está a modificar un artigo para que non se solapen edicións. Ou outros avisos: no caso das Leis de Newton, aínda despois de todos os cambios feitos, nestes momentos hai un letreiriño que indica que son necesarias máis referencias...
Así pois, os contidos son modificables, nunha especie de revisión por pares entre os voluntarios que participan na edición da Wikipedia, entre os que podes estar ti en calquera momento. A modificación inclúe as ampliacións de texto ou ecuacións o mesmo que a inclusión de material gráfico ou sonoro, inclusión de categorías para a súa clasificación, conexión coas versións noutras linguas, relación con outros artigos na mesma Wikipedia ou de xeito externo, control de autoridades, etc.
Visto o anterior, a posibilidade de interacción de profesorado e alumnado é enorme, como o é a que poda exercer calquera persoa, moito máis aló da súa consulta. Así, a cuestión sería saber aproveitar as posibilidades en caso de querer facelo.

REVISIÓN DO ESTADO DE ARTIGOS

Para tratar un tema calquera cunha certa amplitude, en termos da Wikipedia, en xeral é necesario visitar varios artigos, pois un tema amplo non estará concentrado só nun. Máis aínda, precisamente a profundización de contido nun artigo pode aumentr en demasía a súa extensión, o que fai convinte a subdivisión de dito artigo para facelo máis manexable. Así, o artigo sobre Albert Einstein na Galipedia trata moi por riba o efecto fotoeléctrico ou a relatividade especial, mais dirixe por ligazóns (hipervínculos) ós artigos que tratan ditos temas de xeito máis extenso.
Da mesma forma que dentro dunha Wikipedia os artigos compleméntanse e interrelacionan mediante ligazóns, tamén deben complementarse con outras fontes -de aí a importancia que se lle dá as referencias-, máis aínda cando un dos piares da Wikipedia indica que a enciclopedia non é unha fonte primaria, é dicir, que o que se pon nela debe ir referido a algo anterior que actúe como fonte primaria de datos e como validación do ‘resume’, ‘descrición’ ou ‘explicación’ que representa o artigo. Así, a Wikipedia non é un lugar onde se dispoñen investigacións orixinais, senón onde se poden referir esas investigacións como cita ou fonte.
Os artigos en si poden ter niveis de perfección moi diferentes. Dende artigos literalmente en embrión ata outros clasificados como artigos bos, ou como artigos de calidade, cos seus correspondentes criterios de calidade, ou que foron destacados, hai toda unha gama de posibilidades, cambiantes no tempo a medida que cada artigo vai consolidándose. Como exemplo, iso lle pasou (e pode rastrexarse no historial de edicións) ó artigo sobre Maria Goeppert-Mayer, Premio Nobel de Física, ó longo dos seus 14 anos de historia, e hoxe clasificado como ‘artigo bo’.

APOIO
Calquera wikipedia pode usarse como apoio na aula ou fóra da aula, e elixir o facelo en calquera momento, mais moitas veces, a decisión depende non de ter a idea, senón de saber facelo.
A Galipedia e moitas das outras wikipedias teñen toda unha literatura de apoio para a introdución dos usuarios e en xeral, dos colaboradores, como a Axuda ou a Guía no caso da Galipedia. Mais, unha vez superada a introdución, dentro de cada Wikipedia tamén existen lugares de interacción entre os usuarios que supoñen asemade un lugar de axuda para a xente recén chegada (ou non tanto), axuda facilitada polos máis expertos. No caso da Galipedia, o lugar principal deste tipo é A Taberna. Lugares así son posibles pola idea que encerra a colaboración na enciclopedia, o que permite asemade unha relación ‘social’ tanto dentro de lugares específicos nas wikipedias como en vivo, a traverso de diversas xuntanzas, ou por outros medios, como Telegram ou o Whatsapp, facilitando a relación e a axuda entre os participantes nunha auténtica rede de complementareidade onde cada persoa aporta segundo as súas posibilidades.

SISTEMA DE CLASIFICACIÓN E PROCURA

Ó estar constituídos os sistemas wiki en base a relacións internas por ligazóns, a aproximación a unha clasificación, o mesmo que o sistema de procura, pode ser ‘á medida’. Dende a anarquía asociada ó seguemento de ligazóns ó chou á estruturación de coñecementos que ven dada pola categorización.
Así, na Categoría:Física na Galipedia, hai a día de hoxe 49 subcategorías, a máis de 293 artigos directamente sinalados nesa categoría. Iso permite a procura non só dun artigo polo seu título, senón a aproximación dende un tema xeral a outro máis particular, ou o salto ó mesmo nivel dun tema a outro para unha explicación, por poñer tres exemplos totalmente diferentes de sistema de procuras. De xeito natural, os tipos de procura poden variar, misturando ou comezando cun tipo e continuando con outro. Un exemplo: procuramos as leis de Newton, que ligan a aceleración, categorizada como magnitude física, onde atopamos masa, que nos leva ó concepto de masa inercial e que nos permite profundizar e estruturar o coñecemento anterior arredor dese concepto...

CAL WIKIPEDIA?
Antes de tentar elixir entre wikipedias, unhas verbas sobre a elección da Wikipedia como acompañante no ensino.

WIKIPEDIA NO ENSINO?
É un dito estendido que cada maestriño ten o seu libriño: o xeito de facer as cousas de cadaquén é diferente, así como tamén obra de xeito diferente segundo o nivel. En relación á Wikipedia e o ensino, a literatura existente aumenta en cantidade cando se vai subindo de nivel educativo, con especial atención ó entorno universitario, e aínda existen proxectos en diversas wikipedias que tratan de adaptar os artigos a un nivel determinado, sexa lingüístico (Simple English) ou de idade (Vikidia, que non depende da Fundación Wikimedia, Txiquipedia, Wikiproxecto 1000 artigos de calidade para alumnado de 12 a 16 anos). As posibilidades están presentes en calquera nivel: A Galipedia é unha ferramenta para a aprendizaxe e o ensino. A Wikipedia estase a usar en todo o mundo para moi diferentes temáticas escolares, así como de moi diferentes xeitos (Schulenburg, F. 2016; Coomer, A. 2013) en niveis de diversos sistemas educativos. Ata existe unha wiki para dar acubillo a proxectos educativos (da que aínda non existe versión en galego), Wikiversity. E é que a Fundación Wikimedia como órgano aglutinador e de participación dos wikipedistas é consciente de que a distribución do saber pasa aínda hoxe en gran parte pola educación regrada, motivo polo que lle está a adicar esforzos diversos e liñas de actuación, como cando lle adica un espazo a contemplar as razóns para uso da wikipedia na educación (Reasons to use Wikipedia).
A Wikipedia é hoxe por hoxe unha ferramenta aprezada por unha elevada cantidade de estudantes que teñen acceso a ela. Os profesores manteñen unha relación amor / odio nunha porcentaxe variable, pero descartando na práctica a indiferencia: ninguén pode ignorar a Wikipedia como ferramenta xa en uso no ensino. Ademais, aínda que a xeración actual de profesores non medrou coa Wikipedia, a situación que está cambiando rapidamente. Así, Wikipedia pode ser unha parte chave do conxunto de ferramentas usadas xa na educación, manexada por unha porcentaxe de persoas que aumenta rapidamente (Gregorio, A. 2019). Non obstante, unha chave sobre a que o alumnado e profesorado poden ter puntos de vista moi diferentes ó non compartir obxectivos, o que se conxuga cunha comprensión parcial do que representa unha wiki e os ‘piares’ da Wikipedia.
A Wikipedia pode proporcionar unha potente ferramenta para a educación individualizada, axudar a desenvolver obras ou a avanzar en proxectos, pero só é unha base, ou unha chave, non un método, ou o peor aínda, unha educación "todo en un", a modo dos pisos ‘chave en man’. É unha boa ferramenta que debe integrarse nun conxunto de ferramentas e métodos usados en función da idade, o tipo de aprendizaxe de preferencia / sistema educativo, a autonomía, a importancia dada á colaboración, etc. Pero nunca unha ferramenta excluínte: o anterior non implica sobrevaloración. Como interacción coa aprendizaxe colaborativa, as wikis son superadas por outras ferramentas, necesitando integración para potenciar as mellores características de cada ferramenta no marco do método que se siga en cada momento. En caso contrario, pode ser mesmo contraproducinte como foi destacado polo mesmo fundador da Wikipedia, Jimmy Wales xa nos primeiros anos da enciclopedia (Young, J.R. 2006). De calquera xeito, en xeral os estudantes con conscientes de forma implícita de todo isto -o seu manexo da rede dalles unha certa intuición-, aínda que para moitos, simplificando, a Wikipedia só é unha ferramenta para un obxectivo: aprobar ano tras ano aproveitando o copia / pega.
En Enciga téñense presentado xa diversos traballos relacionados coa Galipedia e o ensino (Gregorio, A. 2005; Gregorio, A. 2013). Hoxe por hoxe, a introdución da Wikipedia en educación é un campo onde se levan producido diversas experiencias (Lightning talks), reflexións (Gregorio, A. 2019) ou estudos (Case Studies; Selwyn, N. 2016; Aibar, E. 2013, Monash University 2015, Neist J. 2019, McDowell, Z. 2016, etc), e, dado os resultados que se van anunciando, seguirá a medrar.

A GALIPEDIA NO ENSINO
A Galipedia non ten, evidentemente, unha presenza, número de artigos ou calidade en xeral como a versión inglesa da Wikipedia. Aquela, con seis millóns de artigos nestes momentos (English Main Page, 23/10/2019) ten un volume de artigos case corenta veces o da Galipedia, co que iso supón en información, a máis de que a lonxitude media de cada un é superior, é moito máis usada e revisada, etc. De feito, xa hai case década e media que se consideraba dita versión comparable en calidade á Enciclopedia Británica daquela (Terdiman, D, 2005), e o aumento de datos e precisións, etc, estivo medrando case exponencialmente durante unha década máis. Mais en xeral, a inglesa non será a versión que se tente consultar polo alumnado galego. As posibilidades decántanse máis ben pola Galipedia ou pola Wikipedia en Español.
Os estudantes nun contexto bilingüe ou multilingüe prefiren o uso da Wikipedia máis grande: está máis publicitada, ten máis artigos, é máis usada como a asociada á lingua dominante, etc. Ista diferente consideración leva a unha perda de diversidade nas posibilidades educativas a partir dun sesgo contra as linguas ‘menores’: a Wikipedia, que posibilitou a esperanza de posibilidades lingüísticas equivalentes para diferentes linguas debido ó seu xerme de diversidade, pode ser hoxe motivo de discriminación. ¿Pódese reverter esta tendencia?
En boa parte, a resposta ó anterior depende do impulso no contexto educativo. En particular, en relación a Galicia e á ciencia, a Galipedia ten deixado de ser hai tempo unha ‘enciclopedia de cousas de Galicia’ a modo dunha ‘Gran Enciclopedia Gallega’ dixital para abranguer temas científicos, que son ‘do mundo’.4 É evidente que a recomendación do uso dunha ou outra versión da Wikipedia en educación depende dos criterios seguidos. Hai que ter en conta que a educación formalmente establecida pola sociedade tende a reproducir a sociedade dun xeito acrítico, canonizando os estereotipos, e a Wikipedia e o seu uso non serían unha excepción nesa regra xeral.
As wikipedias teñen un conxunto de normas sobre política interior a cada unha delas. Este feito ofrécenos variedade entre as Wikipedias (se ben é certo que a variedade cualitativa redúcese en temas científicos, non ocorre o mesmo moitas veces coa cuantitativa) o que pode ser usado como unha ampliación da gama de paisaxes que se pode estender sobre unha idea, e iso implicaría ao menos a consideración do uso conxunto de varias wikipedias.
Por outra banda, o título deste subapartado pode levarnos a un campo en principio abondo apartado dos temas científicos ou mesmo do ensino: temos emocións? É dicir, imos elixir unha ou outra Wikipedia por un tema emocional? O caso é que está demostrado a nivel científico que si, que tomamos a grande maioría das decisións por causas emocionais, sendo as razóns apoios para as posturas que nos indican as emocións...

O CURRÍCULO
A Galipedia ou calquera outra wikipedia non está adaptada ó currículo de calquera materia, nin o pretende (quitadas as wikis específicas como xa se citou). O currículo é algo cambiante nos niveis e no tempo, e compróbase que aínda os pequenos cambios de adaptación entre dous centros supoñen ás veces inconvintes en temas concretos á hora de usar un texto. A máis, non se pode pretender usar unha enciclopedia como libro de texto en bruto. A comprobación de que artigos corresponden a un determinado currículo é asemade algo cambiante pola variación que pode sufrir a mesma Galipedia, na que o aumento de contido dun artigo, a división do mesmo como resultado dunha ampliación, etc, pode variar a súa contemplación dentro dun campo conceptual asociado.
Proxectos concretos dentro de cada Wikipedia poden tentar achegar os textos a un enfoque de ensino,  procurar axudas para o uso didáctico da Wikipedia ou sinxelamente, a unha mellora preferente de artigos sobre un determinado tema, como o Wikiproxecto Matemáticas ou o Wikiproxecto a Galipedia na aula, mais aínda así non por iso se libran totalmente das consideracións xerais anteditas
Unha posibilidade de aproveitamento seguindo rigorosamente a programación é o salto de ligazón en ligazón a traverso dos artigos dun determinado tema, ben sinalado polo profesor ou profesora, ben descoberto polo alumnado seguindo indicación realizada na clase. Trátase da trazabilidade do currículo, en teoría explicitado o primeiro día de clase dun xeito ou outro, e plo tanto, recorrible previamente polo alumnado na enciclopedia.

CONSIDERACIÓNS SOBRE AS LIÑAS DE ACTUACIÓN
Conforme o dito, as posibles liñas de actuación considerando o uso da Galipedia no ensino, son variadas, incluíndo a aportación na realización de traballos, a ampliación de coñecementos, contraste de ideas, desenvolvemento, etc, mesmo a contribución na edición de artigos -que representa un piar moi desexable na formación persoal do alumnado-, e dende o uso consultivo á propia intervención  nos artigos xa citada, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.
O contraste entre usuario e colaborador nunha Wikipedia non ven reflectido nunha fronteira definida. Polo tanto, non debe facerse delo unha bandeira no ensino. Un editor soe ser ó mesmo tempo usuario, e moitas veces, tamén é certa a afirmación inversa. En calquera caso, a xente que pasa por unha Wikipedia ten non só diferentes niveis de destreza no seu manexo, senón tamén un espectro continuo de porcentaxes de tempo de colaboración e tempo de uso, podendo usar unha medida de colaboración como relación co rendemento educativo, pero só como unha posibilidade discutible (como se fai máis abaixo).
Os estudantes usan Wikipedia non só polo doado que é copiar / pegar senón tamén pola integración / interpretación única en cada artigo -raro é que se paren nas páxinas de discusión a ver diferentes posturas, interpretacións, faltas observadas, etc-, o que lles permite en teoría aforrar esforzo no seu avance polo coñecemento, como se de libro de texto se tratara, simplificando a súa propia comprensión da realidade: unha lectura sinxela e única, non un conxunto de puntos de vista diferentes para contrastar entre eles. Algo que é contraproducente para a súa propia formación, que hai que considerar nas liñas de actuación e contra o que se debe loitar, máis aínda se se trata de potenciar o uso de Wikipedia en educación.
É importante a consideración das condicións nas que se pode actuar na educación coa Wikipedia. Por exemplo, hai moita diferencia entre usala como lugar onde procurar material ou integrala nunha experiencia vital de coñecemento. Diferencia que hi que considerar á hora de programar unha aprendizaxe, de integrar o método no currículo.
¿Cóntase cunha métrica para medir a eficacia da Wikipedia respecto á educación? ¿O sistema Wikipedia facilita o uso multimodal? Son algunhas das preguntas que se poden propor no tema Wikipedia e Educación. E ás que se pode comezar a dar resposta, pero que depende de aspectos tanto subxectivos como obxectivos. Así, pode dicirse que non hai unha métrica establecida de xeito único e obxectivo, pero iso é o que ocorre no mundo educativo a tódolos niveis, onde as métricas que se pretenden ‘universais’ (poñamos, as que dan lugar ó estudo PISA) comezan por depender duns criterios impostos á educación que non teñen por que ser universais nin moito menos, senón dependentes dunha determinada idea dos obxectivos do ensino. Ou, sobre o uso multimodal: a Wikipedia sería un elemento máis dentro do conxunto de instrumentos usables, que facilitaría o entronque con outras ferramentas así como diferentes xeitos de uso, pero que, ó tempo, restaría tamén o tempo dispoñible para eses outros recursos, en cantidade moi variable dependendo o estilo de ensino.

A MODO DE CONCLUSIÓN
Quedarían moitos detalles a examinar, determinar, a esbozar liñas de actuación, a máis de temas puramente didácticos ou enciclopédicos e que polo tanto escapan a unha intervención como a presente. Por exemplo, na Wikipedia o uso de referencias non só é unha obriga senón unha necesidade a partir de que é unha fonte non primaria e necesítase polo tanto unha certificación da bondade dos datos. Algo que se pode aproveitar no ensino científico como potenciador e integrador da idea do avance na ciencia ‘a ombreiros de xigantes’ atribuído a Newton. Pero, levado ó límite, tamén é unha restrición ou algo que pode derivar nos indesexados ‘argumentos de autoridade’ para xustificar calquera cousa en base a quen o di (do mesmo xeito que hai que escapar de ‘si, dío a Wikipedia’ como argumento de autoridade).
Para rematar polo comezo, o título, lembrar que de calquera xeito, ó final, o uso ben dado por toda unha constelación de factores, dos emocionais ós comprensivos, ós históricos, ós prácticos ou ós dependentes dos intereses, non pretendendo poder analizar de xeito independente unha toma de decisións, o uso da Galipedia, cunha análise que sempre será parcial.

REFERENCIAS
A Taberna. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:A_Taberna
Agremon. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Usuario:Agremon
Atribuído a Newton. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikiquote.org/wiki/Isaac_Newton
Aibar, E. Et al. Wikipedia in higher education: an empirical study on faculty perceptions and pactices. Presentado a EDULEARN13 (5th International Conference on Education and New Learning Technologies). Recuperado o 20 de outubro de 2019 en http://openaccess.uoc.edu/webapps/o2/bitstream/10609/24741/1/AIBAR_EDULEARN2013preprint_WIKI4HE.pdf
Albert Einstein, Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Albert_Einstein
Alfonso Márquez. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Usuario:Alfonso_M%C3%A1rquez
Artigos bos. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Artigos_bos
Artigos de calidade. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Artigos_de_calidade
Axuda. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Axuda
Case studies. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/Case_Studies
Categoría:Física. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:F%C3%ADsica
Category:Trainings. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Category:Trainings
CC BY-SA 3.0. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Texto_da_Licenza_Creative_Commons_Reco%C3%B1ecemento-CompartirIgual_3.0
Coomer, A. Should university students use Wikipedia? 2013, Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://www.theguardian.com/education/2013/may/13/should-university-students-use-wikipedia
Commons. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://commons.wikimedia.org/wiki/Portada_galega
Creative Commons CC BY-SA 3.0. Recuperado o 25 de outubro de 2019 de https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0/legalcode
English Main Page. Recuperado o 23/10/2019 en https://en.wikipedia.org/wiki/Main_Page
Head, A.J., Eisenberg, M.B. How today college students use wikipedia for course-related research. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://firstmonday.org/article/view/2830/2476
Gregorio Montes, A (2005). Galipedia, wikipedia, blog: aproveitables na aula? CD ROM XVIII Congreso Enciga, dispoñible en http://www.enciga.org/files/boletins/58/Gregorio_Galipedia.pdf
Gregorio Montes, A. (2013). A wikipedia, o ensino e a aprendizaxe.   XXVI Congreso Enciga, Boletín das Ciencias nº 77,  dispoñible en http://www.enciga.org/files/boletins/77/IN13_A_wikipedia_o_ensino_e_a_aprendizaxe.pdf
Gregorio Montes, A. Wikipedia to Education, E2W: revisiting some ideas. En Wikimedia & Education Conference 2019. Recuperado o 18 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Wikimedia%2BEducation_Conference_2019/Submissions/Wikipedia_to_Education_%26_E2W:_revisiting_some_ideas
Guía. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Guía
Historial de revisións de ‘Leis de Newton’, Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Leis_de_Newton&action=history
Lista de wikipedias, recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Lista_de_Wikipedias
Lightning talks. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Wikimedia%2BEducation_Conference_2019/Programme/Lightning_talks
Maria Goeppert-Mayer, recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Maria_Goeppert-Mayer
McDowell, Z. Evaluating student learning through Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/blog/2016/08/29/evaluating-student-learning-through-wikipedia/
Monash University. Wikipedia use -- nothing to be ashamed about. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://www.eurekalert.org/pub_releases/2015-02/mu-wu-021115.php
Neist, J. An instructional designer’s thoughts on Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en  https://wikiedu.org/blog/2019/10/24/an-instructional-designers-thoughts-on-wikipedia/
Portada. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Portada
Portal: Science. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://en.wikipedia.org/wiki/Portal:Science
Reasons to use Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/Reasons_to_use_Wikipedia
Schulenburg, F, 2016, recuperdo o 23 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/blog/2016/01/14/wikipedia-15-and-education/
Selwyn, N; Gorard, S. Students' use of Wikipedia as an academic resource — Patterns of use and perceptions of usefulness. The Internet and Higher Education, v.18, 2016. accesible en https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S1096751615000585
Simple english. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://simple.wikipedia.org/wiki/Main_Page
Teach with wikipedia. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/teach-with-wikipedia/
Terdiman, D, (2005) Study: Wikipedia as accurate as Britannica. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://www.cnet.com/news/study-wikipedia-as-accurate-as-britannica/
Tips and Resources. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education_Portal/Tips_and_Resources
Txiquipedia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://eu.wikipedia.org/wiki/Txikipedia:Azala
Vikidia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://es.vikidia.org/wiki/Vikidia
Wikibooks. Trecuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikibooks.org/wiki/Portada
Wikiclassroom; New way for students imspiration. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/News/June_2019/Wikiclassroom:_New_way_for_students%27_inspiration
Wikidata. Recuperado o 24 de outubro de 2019 de https://www.wikidata.org/wiki/Wikidata:Main_Page
Wikimedia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Fundaci%C3%B3n_Wikimedia
Wikipedia:A Galipedia, unha ferramenta para a aprendizaxe e o ensino. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:A_Galipedia,_unha_ferramenta_para_a_aprendizaxe_e_o_ensino
Wikipedia:Cinco piares. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en  https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Cinco_piares
Wikiproxecto 1000 artigos de calidade para alumnado de 12 a 16 anos. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_1000_artigos_de_calidade_para_alumnado_de_12_a_16_anos
Wikiproxecto:A Galipedia na aula. Recuperado o 23/10/2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_A_Galipedia_na_aula
Wikiproxecto:Matemáticas. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_Matem%C3%A1ticas
Wikisource. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikisource.org/wiki/Portada
Wikiversity. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://es.wikiversity.org
Wiktionary. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wiktionary.org/wiki/Wiktionary:P%C3%A1xina_principal
Young, J.R. Wikipedia Founder Discourages Academic Use of His Creation. The chronicle of higher education, 2006. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://www.chronicle.com/blogs/wiredcampus/wikipedia-founder-discourages-academic-use-of-his-creation/2305

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.