2021/03/25

Que a Terra non sempre rota coa mesma velocidade?

   Unha nova do correo da ESA lembroume unha cousa que en xeral se pasa por alto e non se lle dá importancia: a rotación da Terra varía mi pouco no tempo, pero varía. Non é constante.

   A principal variación a longo prazo está asociada ás mareas: a Lúa (tamén o Sol, pero moito menos) ó producir ás mareas leva a un movemento da auga e a un rozamento desta coa superficie sólida, ralentizando o xiro ó ser o xiro da Lúa arredor da Terra moito máis lento (velocidade angular da Lúa na súa órbita) que o da Terra arredor do seu propio eixe (velocidade angular da rotación terrestre).

   Pero non é o único efecto a considerar, nin todos os efectos son para diminuír a velocidade angular e alongar o día: o derretemento do xeo das montañas actúa acortando a duración diaria, ó diminuír o radio medio de xiro da materia terrestre (diminúe o momento de inercia, e por conservación do momento angular, a velocidade angular aumenta). Tamén, a un prazo moito máis curto que a idade da Terra, actúan os cambios debidos a que a órbita da Lúa non é circular arredor da Terra, co que en consecuencia (conservación do momento angular) a velocidade angular da Lúa non é constante, nin a súa distancia á Terra, coa súa influencia na velocidade da auga e a cantidade de auga, e polo tanto, na velocidade de xiro do conxunto terrestre.

   Pero é que aínda hai máis. Están, por exemplo, os movementos debidos ós terremotos, desprazando masas de terra e variando o xiro en consecuencia, ou o derretemento de xeo e neve sobre a terra, que como foi dito máis arriba, vai parar ó mar e distribúese en toda a superficie, non só a unha distancia do eixe da terra equivalente á que estaba antes de derreterse, e fai variar o momento de inercia, ou a dilatación da auga, que tamén fai que o líquido se redistribúa pola superficie...

Desprazamento do terreo no terremoto citado.
Obtida do artigo referido.


   Efectos todos eles moi pequenos, pero que na actualidade poden observarse e estudarse. Incluíndo correntes oceánicas, ventos atmosféricos ou actividades humanas. Fenómenos que por certo tamén poden contribuír a variar lixeiramente o eixe terrestre.

  Custa pensar que cando a Terra se solidificou, o que chamamos hoxe 'un día' tiña entre seis e oito horas de duración, e un 'ano' consistiría en máis de 1000 amenceres e atardeceres. Hai dez anos, un terremoto de magnitude 9,0 en Xapón, de seis minutos de duración (e que causou mortes e destrucción), tamén acurtou a duración do día en 1,8 microsegundos (millonésimas de segundo) e cambiou a posición do eixe do corpo da Terra -a liña imaxinaria arredor da cal se equilibra a masa do mundo- uns 17 cm. (Nota: o eixe do corpo é o eixe de equilibrio de masa da Terra, mentres que o eixo de rotación oscila arredor del.)

   E unha cousa práctica: por que se ocupa a ESA diso? Pois, a máis de pola súa interese científica, por intereses prácticos como a boa sincronización e optimización do funcionamento dos satélites, precisando máis a súa posición en relación ás nosas cabezas e ás estacións de seguimento, e mellorando polo tanto a comnicación.

2021/03/21

Reflexionando nun día de cambio de tempada: ciencia e lingua

   21 de marzo. Equinoccio, saída do inverno e comezo da primavera. Día de cambio, onde o a luz do día xa predomina sobre a noite no hemisferio norte, razón quizais pola que foi proclamado día da árbore... Un día de cambio, de novos equilibrios.

   Caeu na miña man un artigo sobre 'como o inglés deviu a lingua da física', que me fixo pensar sobre esta lingua nosa na que estou a escribir, o galego.

   Primeiro, un resume: O latín, lingua coñecida pola xente culta do renacemento, a que sabía ler, foi o vehículo ideal para pasar a unha lingua coñecida os escritos gregos descubertos daquela. Aló polos anos 1800, o coñecemento do latín xa non era tan estendido, e en Europa habí tres linguas que competían a nivel científico: inglés, alemán e francés. Os intercambios facíanse combinándoas, podendo haber intercambio epistolar no que unha parte escribira nunha lingua e a outra, noutra. No primeiro terzo do século XX, Alemaña destacaba no campo da física, e era a meca de quen aspiraba a formarse e desenvolver unha carreira científica, comezando a tomar avantaxe. Mais os nazis, coa súa persecución dos xudeus -unha parte considerable dos científicos alemáns por aquel entón- o negacionismo científico nalgúns campos, e a perda da guerra, esnaquizaron esa preeminencia. Na outra beira do atlántico, con máis cartos despois da guerra, os científicos emigrados alí xunto cos locais, fixeron posible que a ciencia nos EEUU se despegara por riba do nivel europeo, atraen máis científicos para a súa formación e desenvolvemento, e facilitando o despegue das revistas científicas en inglés. Aínda así, naqueles tempos en Rusia houbo un despegue científico grande, mais a influencia do ruso quedou truncada pola decisión das autoridades soviéticas de cerrar as revistas científicas rusas con artigos en inglés, mentres nos EEUU se financiou a tradución do ruso ó inglés, incrementando a potencia científica desta lingua mentres Rusia se illaba prexudicando a súa produción científica.

   Que repercusión ten isto nunha lingua minorizada, sen estado que a defenda (e cunha defensa deficiente por outras institucións), nun páramo científico no que son escasos os resaltes? Pois diría, para comezar, que en física iso ven a eliminar a preeminencia do castelán, xa que a publicación é en inglés, non en castelán, que queda a un nivel semellante ó galego...

   Non é para un alba de groria, mais a reflexión amorosa sobre ciencia e lingua pode favorecer a ambas e á xente que a fai e os seus sucesores: non é o mesmo facer ciencia (ou outra cousa) nun idioma aprendido que nunha linga nativa. E a lingua é un dos pés vitais cos que contamos, unha parte viva de nós mesmos que se desenvolve nun equilibrio ecolóxico con outras semellanes que non son nosas do mesmo xeito que nós non somos delas.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.