Polo momento, o clima de Vilalba non ten sido estudado de xeito independente. Calquera que viva en Vilalba terá unha idea tanto do clima como da temperie, do tempo que está a facer, fixo ou se prevé que faga nun momento dado. Pero sen datos obxectivos, as ideas dunhas e outras persoas, o seu xeito de sentir a meteoroloxía que afecta a Vilalba, variarán abondo. No mesmo pobo non hai estación meteorolóxica, e no concello, a única estación meteorolóxica funcional cunha serie de datos que xa vai sendo ampla (vinteun anos, 2/1/2001) foi levantada nunha zona de muíños de vento, a carón da fronteira co concello de Guitiriz. Ou sexa, lonxe da vila e a douscentos metros máis de altura que a casa do concello. De feito, o seu nome é 'Guitiriz - Mirador', o que dá unha idea da súa posición (43,226593º N, -7,783072º [O], WGS84). Abondo máis recente, oito anos (8/3/2013), é a de Lanzós (43,3746º N, -7,64468º [O]), tamén abondo máis próxima e a unha altura semellante á da casa do concello. E moito máis recente, pois aínda lle faltan meses para ter o ano (16/10/2020), é a de Santaballa (43,327644º N, -7.716554º [O], 'Feiranova-Santaballa'), tamén dunha altura semellante e máis próxima que a de Lanzós.
O caso é que, coas tres estacións, xa se van recollendo datos para facer unha historia climática de Vilalba, e a iso ven esta entrada, a ilustrar o seu comezo, cos datos da temperatura media. Outro día colleremos outra variable.
As gráficas teñen datos das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia, e a primeira tamén unha estimación, calculada a partir dos datos das tres estacións, da media de temperatura diaria na zona da casa do concello, na vila.
A primeira gráfica non dá moitas claves a quen non estea afeito a tratar con este tipo de presentación de datos. Aínda así, vese que a serie máis longa (en azul, a de Guitiriz-Mirador) vai aumentando pouco a pouco o número de días anuais cunha temperatura media nas 24 horas no entorno dos 25 ºC, aínda que o día que ten unha temperatura media máis alta sexa do 2003. Tamén se ve que na parte correspondente á casa do concello, -en liña verde máis ancha por ser só unha estimación e así quitarlle a precisión- houbo días en xaneiro nos que a temperatura media baixou de cero graos centígrados, así como que é de esperar que aínda estean por vir os días máis cálidos.
Seguirá. Para quen teña interese, pode comparar cos datos de Ribadeo, para onde fixen un pequeno libriño cos datos de varias variables no que vai de século, facendo fincapé no 2020.