2024/05/31

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Bioblitz no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo 

Saitis barbipes. Lic. CC0 por Kaldari en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Saitis_barbipes_Barcelona_05.jpg

    Deixo a continuación a nota de prensa sobre o I Biblioblitz que se fai en Ribadeo, unha aposta polo coñecemento da biodiversidade no noso entorno. As fotos a continuación tamén son da mesma fonte:

    Ribadeo, 23 de maio, 2024. Recentemente, Belén Pérez Teijo, socia colaboradora da Plataforma “Fotografía y Biodiversidad” impartiu no instituto ribadense unha charla sobre “Ciencia Ciudadana”. Como resultado, un grupo de alumnos a alumnas de 1º Bacharelato, acompañados polas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, decidiron participar na “Gran Semana da Ciencia Cidadá pola Biodiversidade” que se está celebrando estes días. Para iso, baixo a tutela de Belén, elaboraron o I Bioblitz do IES de Ribadeo que leva por título “Explorando o noso xardín”.


    Un Bioblitz é un período intenso de exploración biolóxica para tratar de rexistrar tódalas especies vivas dentro dunha área determinada. Participar é moi fácil e non require ser expertos biólogos. Aproveitando as novas tecnoloxías, o rexistro faise dende a aplicación de teléfono ObsIdentify que permite identificar especies coas fotografías xeoreferenciadas e subir os datos á rede Observation.org. Despois os validadores revisan as aportacións e nos seguintes días extraense conclusións estatísticas.

Belén Pérez Teijo

    A actividade resultou de gran interese xa que permite aprender de forma divertida e concienciar ao alumnado da importancia da biodiversidade. Os datos finais expoñeranse na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. Rexistráronse numerosas especies de seres vivos pero ademáis unha delas ten un interese especial. Trátase da araña Saitis barbipes, considerada polos expertos “rareza extrema” e que lle supón unha Mención de Honra á alumna que a atopou, Nerea Fernández Prado.


    O IES de Ribadeo felicita aos participantes pola súa implicación e agradécelle a Belén Pérez a súa axuda. Non cabe dúbida de que sempre resulta proveitoso adicar algunha clase de ciencias ó traballo de campo porque coñecer o patrimonio natural é condición indispensable para loitar pola súa conservación.

 

Saitis barbipes

 

2024/05/19

Un raio de luz na noite


      Mentres esta noite en Ribadeo chovía a cántaros con cantantes baixo a choiva da fin de semana, 'aquí á beira' caía un bólido, anaco de rocha de cousa de 1 m de diámetro desprendido dun cometa. Deixo dous mostras de vídeos que collín na rede, tomados un en Portugal (Braga), máis impactante, outro en Sevilla, máis informativo, e outro... Hora: 0:46 desta madrugada.


 


     Hai pola rede outros moitos vídeos do fenómeno... E datos:

    V de entrada da rocha na atmosfera, aprox. 161 000 km/h

    Recorrido  no ceo: dende uns 200 km sobre Don Benito (Badaxoz) a uns 50 km ó oeste da Guarda, sobre o mar e uns 54 km de altura.

    Calcúlase que puido verse ata a uns 800 km de distancia, resultando en lugares próxims ó recorrido de maior luninosidade que a Lúa chea.

2024/05/09

O Ies de Ribadeo Dionisio Gamallo, no día da Ciencia na Rúa de A Coruña

Adxunto a nota de prensa con imaxes cedidas e algún comentario:
 

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado [4 de maio] na Coruña.

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.

Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.

Pola súa banda, o alumnado de 2º ESO presentou un orixinal despertador lumínico e unha maqueta coa que explicaban os tipos de poleas: fixas, factoriais e exponenciais. Finalmente, alumnas de 3º ESO, amosaron un bastón para invidentes e tres maquetas relacionadas coa fisioloxía humana: o ril e a nefrona, os grupos sanguíneos e a circulación sanguínea.

Foi un día dedicado á divulgación científica pero tamén a aprender cos traballos elaborados polo resto de centros participantes e disfrutar no Planetario, na Casa das Ciencias ou explicando os experimentos a algúns “Grandes da Ciencia”, cabezudos con rasgos de Marie Curie, Jacques Cousteau, Charles Darwin e Isaac Newton entre outros.[Ver imaxe en baixo]

O alumnado recibiu numerosos parabéns e o IES de Ribadeo foi merecedor do Premio Javier Novelle 2024 pola “magnífica selección de traballos presentados” [ver imaxe en baixo]. O profesorado acompañante considera que é unha honra recibir un premio no que se rinde homenaxe a Javier Novelle, impulsor durante vintecatro anos do Día da Ciencia na Rúa [artigo na Galipedia] e fiel visitante da Feira da Ciencia ribadense que este ano chega á súa XXIX edición e celebrarase os días 13 e 14 de xuño con interesantes proxectos.

 



El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.