2013/10/31

Proposta para a comparación meteorolóxia en Galicia: un traballo para a Galiciencia

COMPARATIVA DOS SERVIZOS METEOROLÓXICOS
Ies Ribadeo
O Xardín, s/n 27700 (Ribadeo)
Tél: 982128098
Pablo Ramos Muras e Saúl González Eiros
INTRODUCCIÓN:
O traballo de investigar a comparacion nos erros dos servicios meteorolóxicos naceu da curiosidade por saber que servizo de meteoroloxía galego fallaba máis coa intención de determinar se é unha boa decisión a eliminación de Meteogalicia pola campaña determinada polo goberno central para eliminar as duplicidades na administración publica. (http://www.tiempo.com/ram/34812/meteogalicia-en-el-punto-de-mira/)
A finalidade do proxecto é averiguar a taxa de error das web de Meteogalicia e Aemet comparando a información coa recollida pola estación Pedro Murias tomando como referenza varios parámetros diferentes sobre o tempo na vila de Ribadeo.

HIPÓTESES:
Posto que Meteogalicia é unha paxina que só toma previsións do territorio galego e Aemet é unha paxina que abarca todo o estado pensamos que as prediccións de Meteogalicia seran máis precisas para o territorio ribandese posto que esta máis cerca. Porén, a nosa hipótese rexeita o descarte de meteogalicia, pois é unha ferramenta máis útil en terra galega.

MATERIAIS E MÉTODOS:
Para a realización do proxecto non requerimos máis que os datos recollidos nas páxinas web correspondentes e a interpretación das lendas sobre os calculos que ofrecían ditas páxinas. Tamén utilizamos o soporte LibreOffice para a presentación dos datos.
As lendas de Meteogalícia:
Para o estado do ceo:


Para o vento:
FONTES DOCUMENTAIS:
As páxinas web de:
Aemet: http://www.aemet.es/es/portada
Meteogalicia: http://www.meteogalicia.es/web/index.action
Pedro Murias: http://www2.meteogalicia.es/galego/observacion/estacions/estacions.asp#

RESULTADOS:
Esto sería un exemplo de comparación entre os resultados de temperatura de Aemet e de Meteogalicia cos tomados na realidade.
Estos datos miranse coa seguinte formula: sqrt(tmMG-Tm)²
onde TmMG é temperatura mínima predita e Tm e temperatura minima observada. Esta formula leva unha raiz é un cadrado para poder ter un exemplo de diferencia que sempre de positivo. O valor ideal desta formula sería o máis preto ao 0, sendo o 0 o valor no que ambolos resultados son iguais.

Esto mismo faise coas temperaturas maximas de Meteogalicia e de Aemet.
Canto máis distante o valor do cero, máis fallo.







CONCLUSIÓNS:
A día de hoxe, o noso estudo levanos a conclusión que a plataforma de meteogalicia ten, respecto a aemet, máis acerto a hora de predecir o vento e a forza deste. Sen embargo, Aemet proporciona mellores resultados sobre o estado do ceo, a chuvia e a temperatura.
Ainda así opinamos que a conservación de servizo meteorolóxico de Meteogalicia é un ben precisado, polo feito de que é un sistema aceptado e moi presente na vida de moitos galegos de todolos lugares da nosa comunidade.

BIBLIOGRAFÍA: Non usamos bibliografía especial aparte da lenda das respectivas paxinas web e a axuda do programa LibreOffice.


2013/09/25

Física en selectividade: Galicia setembro de 2013

A selectividad sempre é un trago para os estudantes, aínda que saiban que a ratio de aprobados non corresponde na realidade co nome pomposo dunha selección.
Coido que o exame de Física na selectividade neste setembro en Galicia é quizáis algo máis difícil da media deste tipo de exames, non polos temas ou complicación intrínseca, senón polos pasos a seguir, que estimo algo máis longos que isa hipotética media.
Había que escoller unha opción das dúas, hora e media de máximo, un venres ás 9 de mañá.
Pero, ano tras ano, exame tras exame (e non só de selectividade), e aínda que haca un convencemento de partida, sempre queda a dúbida do nivel, do tipo, da conveniencia en si...
Ti, que opinas? Que te parece a selectividade tal como está disposta agora (a lembrar que está previsto que cambie en breve)? Que ventaxas e inconvintes lle atopas a este tipo de exame? Que te parece o nivel?
NOTA: Esta entrada participa na XLIV Edición do "Carnaval da Física" que este mes organiza Marta Macho no seu blog ZTFNews.

2013/09/22

20130922 22:44. Entra o outono?

Esta tarde coincidiume escoitar a radio algún tempo. Abondo para escoitar varias veces algo como 'hoxe entrará o outono ás dez de corenta e catro'. Xusto a hora á que comezo de escribir ista entrada. E despois de pensar en varias cousas para facer algún comentario sobre o tema.
A primeira: fálase da hora, pero sen dar referenza do sistema. Se entramos por exemplo na wikipedia inglesa, atopamos o seguinte:
"For 2013 these times are:
Equinoxes Solstices
Mar 20, 11:02 UTC June 21, 05:04 UTC
Sept 22, 20:44 UTC Dec 21, 17:11 UTC"
É dicir, a hora 'de entrada' do outono ven claramente especificada no sistema de tempo UTC. Isto é, iso das 22:44 corresponde á hora oficial de verán na zona española da península.
A segunda, iso de que 'entra o outono' fáime pensar en algúen que entra por unha especie de porta, ou en algo que ven a nós, como se dunha imaxe xeocéntrica (mesmo antropocéntrica) se tratara. Coido que, en tal caso, máis adecuado é o dicir que 'a Terra entra no outono', pois é a Terra a que vai variando de posición relativa en relación ó Sol, chegando a unha zona de determinada inclinación, o mesmo que no caso das outras estacións.
Por último, chámame a atención de que se preste só ollos para a estación meteorolóxica, cando ven dada por unha estación astronómica, mentras ista se elude.
O primeiro comentario daría para falar abondo sobre os sistemas de representación da medición de tempo, mentras o segundo e o terceiro lévanme a pensar sobre o sistema de ensino que se emprega nas estacións, mesmo se ten influencia a porcentaxe de profesores de CCNN con formación como biólogos ... Algo demasiado extenso como para tratar aquí.
NOTA: Esta entrada participa na XLIV Edición do "Carnaval da Física" que este mes organiza Marta Macho no seu blog ZTFNews.

2013/08/16

Quen moito abrangue, pouco preme ... (II)

Sigamos pois coa segunda analoxía, ista coa mecánica cuántica a traverso do principio de indeterminación.
Se collemos a expresión
\Delta x \cdot \Delta p \ge \frac{\hbar}{2}
entón Δp indica a indeterminación no momento linear, e Δx a indeterminación na posición (ambos, nunha dimensión)
Collamos dúas magnitudes conxugadas: Δx como a indeterminación de coñecemento de a que actividade se está a adicar, e Δp como a indeterminación na intensidade de adicación a dita actividade (equivalente á velocidade de desenvolvemento pola 'chicha' que implica dita actividade). Entón, atopámonos con que o produto de ambas ten un límite inferior, que podemos expresar como cte.
Agora ben, se se abranguen moitas actividades, a indeterminación de que actividade se está a tratar nun momento dado aumenta, co que a indeterminación na intensidade de adicación a dita actividade pode ser menor. Se partimos de que ó adicarse a varias actividades, nalgún momento a adicación será cero (adicación nula), entón un baixo Δp indícanos asemade un baixo p, isto é, unha baixa intensidade de adicación á actividade. Por outra banda, como non escollimos de xeito preferente ningunha actividade, isa baixa intensidade de adicación pode ser extendida a calquera das adicacións posibles ... e sae de xeito matemático, por principio cuántico, o refrán.
--
Primeira parte: http://fqribadeo.ribadeando.com/2013/08/quen-moito-abrangue-pouco-apreta-i.html

2013/08/12

Quen moito abrangue, pouco preme... (I)

Unha lectura atrasada dunha revista fíxome cavilar en varias analoxías con relacións físicas. Esta é a primeira que se pasou pola mente: quen moito abrangue, pouco preme, en relación coa mecánica clásica a traverso da lei dos gases.
É un paso sinxelo. Lembremos: o que significa o dito é que quen tenta facer moitas actividades (ó tempo), non aprofonda en ningunha. Deixo entre paréntese a parte de ó tempo porque estimo que lle podo sacar máis xugo sen especificalo, e ademais, será un factor máis a considerar.
Pois ben, tomemos a lei dos gases p·V = cte. O que nos dí é que para unha mesma cantidade da gas, sen variar a condición de temperatura, un aumento de presión obtense a partires dunha diminución de volume.
Por outra banda, a idea de abranguer algo está relacionada coa idea de volume dese algo, e a idea de premer, relacionada coa forza ou a presión exercida. Dese xeito, non é necesario nin cambiar a simboloxía para usar a relación en comportamento humano...
--
2ª parte: Quen pouco abrangue, pouco preme (II)

2013/07/15

A miña partícula preferida? O(s) fotón(s)

Este mes o antroido da física (carnaval de la física) está promovendo falar de partículas. Iso deu pé a que pensara en cal é a miña partícula preferida. A elección estivo clara: os fotóns.
O primeiro para tentar dar unha explicación, dicir que é posible que de coñecer máis a fondo outras partículas a miña aprezación variara, pero iso implicaría unha preferenza intelectual, e agora tento dar unha explicación da preferenza sentimental, que coido que en moitas situacións ten prevalenza, co que me chega o coñecemento actual.
O segundo, explicar as (s): os fotóns son bosóns, e polo tanto, podemos atopar moitos nun mesmo estado. E, ademáis, gústannos así, agrupadiños uns cantos, para diversas cousas, por exemplo, os LASER.
Despois, o que representan sentimentalmente: saír tomar o Sol e os fotóns que nos envía ... non ten prezo! Hai alguén que me discuta isto?
Tamén, históricamente: foi o seu coñecemento de produción e absorción o que propiciou a física cuántica, vía a hipótese de Planck. E foi o (re)coñecemento da súa propagación, a traverso dos traballos e Michelson e Morley, Lorentz ou como non, Einstein, o que propiciou a física relativista.
Máis?
Pois si, moito máis. Pero xa dixen ó comezo que me ía centrar en cousas sinxelas ...


Esta entrada participa no XLIII Carnaval de la Física, que este mes ten acubillo en El Mundo de las Ideas.  

2013/07/10

De Werner Heisenberg a Barack Obama (e viceversa)

Lembremos a relación de indeterminación: expresa a indeterminación obrigada de dúas magnitudes que se complementan nunha acción.
Propóñome amosar como Obama remata hai pouco de dar a súa propia versión da indeterminación, dicindo algo como 'non se pode ter un 100% de seguridade e un 100% de liberdade'. Ben, 100% de seguridade significa 0% de incertidume (Δs), o mesmo que 100% de liberdade significa 0% de indeterminación debida a causas externas (Δl). Dese xeito, nunha primeira aproximación, poderiamos poñer de xeito matemático algo como
Δs · Δl >= k (1)
En realidade, para poñelo máis ó xeito de Heisenberg, deberamos poñelos en termos de magnitudes absolutas, e non relativas. Tendo en conta a relación entre erros absolutos e relativos (por exemplo, Δs = ΔS / S), temos
ΔS · ΔL >= k · S · L
ou
ΔS · ΔL >= K
Como primeira consecuencia, teríamos, a modo de Heisenberg, que ó aumentar a precisión na seguridade, a liberdade quedaría máis constrita a un determinado 'valor liberal', tendo así o paradoxo de que o axuste da seguridade a un valor determina a liberdade noutro valor, exposto polo mesmo mecanismo. Outra posible interpretación disto é que a liberdade queda entón determinada de xeito externo, é dicir, dentro do 'erro' previsto, pasa a ser a que é permitida polo sistema no que se experimenta a indeterminación cuántica, non sabendo en realidade de cánta liberdade se dispón ata que non se interactúa co sistema, quedando entón fixado o valor de liberdade polo xeito de actuación e as condicións do sistema ...
A letura non remata aí. Se nos centramos na expresión literal de Obama e a súa representación matemática (1), no paso de termos relativos a absolutos a constante cambia, coa inecuación no segundo caso cunha constante que é función do valor absoluto de seguridade e de liberdade que se pretenda. En caso de pretender gran seguridade, medra K e dase o paradoxo cuántico de que a indeterminación tamén medra, ou que, se a liberdade pretendida medra, a súa indeterminación tamén o fai, é dicir, en  determinados casos podemos mesmo atopar ó interactuar unha liberdade menor en certos individuos.
Ai, se Werner levantara a cabeza!

Esta entrada participa no XLIII Carnaval de la Física, que este mes ten acubillo en El Mundo de las Ideas.  

2013/07/09

De novo, o rendemento termodinámico pode ser aplicado ...

Desta, en 'psicosocioloxía económica', para ver que un aumento das diferencias económicas pode ser buscado para visibilizar máis a propia riqueza, por exemplo. Non fai falla forzar moito as correspondencias para facer unha relación entre riqueza persoal e temperatura: a maior temperatura correspóndelle unha maior enerxía por partícula ou densidade de enerxía, máis movemento, posibilidades de actuación/graos de liberdade, ... do mesmo xeito que a máis riqueza correspóndelle máis cartos, máis mobilidade por riba de fronteiras, normas reglas e demáis, máis posibilidades de actuación en  calquera aspecto, etc.
Agora ben, que é o rendemento termodinámico senón unha relación que nos da a porcentaxe de enerxía aproveitable? Se consideramos entón a visibilidade da riqueza/temperatura como a posibilidade de desprenderse de enerxía/saltar dunha temperatura a outra máis baixa, e polo tanto, o rendemento desa visibilidade ... teremos que se todos foramos ricos, as 'temperaturas' das que estamos a falar, serían altas, e polo tanto, como o funcionamento dunha máquina térmica, o rendemento η=(T1-T2)/T1 será pequeno en razón de que T1 é grande, mentras a diferenza (T1-T2) non poderá ser excesivamente grande xa que altas temperaturas xerais impiden que a temperatura final T2 sexa moi baixa sen un grande esforzo 'antirendemento' para conseguila.
Así pois, para aumentar o rendemento/visibilidade da riqueza, ou ben se baixan ambas temperaturas ou se sube a temperatura máis alta ou se baixa a máis baixa. Traducido pola correspondencia enrriba expresada, ou ben se empobrece todo o mundo (non de xeito proporcional, ollo, senón por igual, sexa cal sexa a situación de partida), ou ben os ricos se fan máis ricos (co que a ostentación é máis visible) ou ben os pobres máis pobres (co mesmo efecto).
Afondar máis no tema, unha volta establecidas as correspondencias básicas, é doado. Fálase de que unha sociedade máis igualitaria funciona mellor. Máis igualitaria no sentido de riqueza, pola correspondencia establecida, implicaría menos desniveis termodinámicos, e polo tanto unha entropía aumentando máis lentamente, con cambios máis suaves e polo tanto, menos desorde acumulado.
Agora ben, un aumento de temperatura implica a posibilidade de que se produzan algúns procesos que requiren temperaturas altas (por exemplo, o inicio dunha combustión de madeira), que podería significar un hándicap para sociedades de temperaturas igualitarias. Non obstante, en sociedades igualitarias non ten por que ser máis difícil de conseguir sempre que a 'temperatura' sexa alta. (De calquera xeito, nótese que o exemplo escollido, se ben pode dar calor, é altamente destrutivo da estrutura inicial ...)
-
Esta entrada participa no XLIII Carnaval de la Física, que este mes ten acubillo en El Mundo de las Ideas

2013/06/09

Oé, oé, oé, 2013 campeón!

2013 está feito un campeón. Con datos da estación meteorolóxica Pedro Murias, e aínda que queda moito ano, a maioría, polo momento manténse destacado nos dous indicadores máis considerados de temperie. O primeiro, a temperatura, ven dada na liña 'gorda' da gráfica de embaixo, e vemos que dende que infrapasou ó 2009, segue aumentando día tras día a diferenza, que xa chega a tres décimas de grao. A estas altura do ano, o 2007 levaba unha media de temperatura de dous graos superior, aínda que logo chegou ó fin de ano case empatado co 2009, mercede a moi baixas temperaturas en novembro e decembro. Neste 2013, tendo baixas temperaturas en xeral, o mes que marcou a tendencia foi maio, e xuño polo momento acompáñao.

En canto á chuvia ... Onte chegouse a un total acumulado no ano de 815,2 L/m2. A táboa e gráfica inferiores amosan que así sobrepasouse xa a chuvia caída outro ano máis, ista volta, 2001, co que xa leva caído máis chuvia que en todo 2004 (o máis seco do século), ou 2011, ou 2012 ou 2001.
 En canto á distribución da chuvia, o mes máis chuvioso foi xaneiro, que bateu de longo ós xaneiros do século. Febreiro só chega ó segundo posto na clasificación secular provisional, pois é superado polo febreiro de 2006. Marzo volta a encaramarse ó podio, e maio, aínda que ista volta, pola mínima. así, só quedaría abril como un mes 'normaliño' para a chuvia.


2013/05/31

Acompasando o tempo

Parece que o tempo este ano vai parello ás malas novas diversas. Facendo bo o dito de 'ata o corenta de maio ...', na época na que estamos, o Sol sae tímidamente entre nubes e as mangas curtas non son numerosas. Hai dez días que deixei unha entrada dicindo que este ano é, con diferenza, o máis chuvioso ata o momento no século. Dende aquela, os meteorólogos franceses anuncian un verán malo, malo. E tamén hai poucos días que a temperatura media do que levamos de ano se situou por baixo de calquera outro dos anos deste século...
 Por se non abondara coa táboa, a gráfica das medias de temperaturas ata un día dado é esclarecedora
O ano non se leva caracterizado por días extremadamente fríos, senón por temperaturas baixas para a época en xeral: nótase na gráfica que non hai grandes baixadas de media, como outros anos, o que indica tempadas curtas moi frías, pero dende o comezo manténse entre os anos máis fríos, e dende hai pouco máis de dez días, a media, a liña azul máis grosa) pasou a ser a máis baixa de novo (xa o fora por breves periodos antes).E claro, coa cantidade de choiva caída, os xardíns colgantes están fermosos, como se pode ver nas mostras de embaixo, tomadas no entorno da rúa Pai Sarmiento.



El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.