2007/07/31

Sobre as Perseidas

Traduzo / adapto partes dun artigo sobre as Perseidas que ten orixe na NASA:

As Grandiosas Perseidas

Xullo 11, 2007: ¿Ten un calendario? Marque este día: domingo 12 de agosto. Ao carón da marca escriba "toda a noite" e "¡Meteoros!".
"Vai ser un gran espectáculo", "Teremos Lúa nova o 12 de agosto, "o que significa que non haberá luz lunar, polo tanto teremos ceos escuros e moitos meteoros". ¿Cantos? Unha ou dous Perseidas por minuto durante o punto de máxima intensidade da tormenta. Atención: a distinguir entre mteoros totais (imposibles de cuantificar) e visibles a ollo nu.

Esta choiva de meteoros ten orixe no cometa Swift-Tuttle. Aínda que o cometa non está preto da Terra, a súa cola intersecta a órbita terrestre. Pasamos a través dela cada ano no mes de agosto. Pequenos fragmentos de po do cometa chocan entón contra a atmosfera terrestre a 212.000 km/h (60km/s, dobre da velociade da Terra, ou se se quere, a suma da velocidade terrestre máis a do cometa a esta distancia do Sol). Debido a que os meteoros do cometa Swift-Tuttle saen da constelación de Perseo, a esta choiva de estrelas denomínalla "Perseidas".

Nota: Ás horas a continuación, sumar dúas para tomala como a hora legal en España

Durante o transcurso da noite, Perseo vai ascendendo e a cantidade de meteoros increméntase en gran medida. "A partir das 2:00 am do luns 13 de agosto, cada hora, ducias de Perseidas poden aparecer cruzando o ceo". O punto culminante ten lugar un pouco antes do amencer, cando a cantidade de meteoros pode ser maior que un por minuto.

Para obter mellores resultados, alónxese das luces da cidade.

E haberá algo extra: Marte. Na constelación de Tauro, xusto debaixo de Perseo, Marte verase coma se fose unha brillante estrela vermella.

Ceos craros e boa visión!

2007/07/22

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (IV): Eclipses... e eclipses

Publicado en... xaneiro de 2000?
Eclipses... e eclipses
20 de xaneiro de 2000. A poucas horas do eclipse de lúa anunciado para a madrudada do día seguinte, poucas novas había deste evento astronómico. O 21 de xaneiro, pasado o eclipse, rara vez a conversa xirou en relación coa efeméride astronómica.
11 de agosto de 1999. Cando comezou a ocultarse o Sol, non era doado atopar alguén que non soubera o día do eclipse, a hora aproximada e en que consistía. Ese día deu orixe a moitas conversas e moitas outras acabaron xirando arredor do sucedido.
En ámbolosdous casos, o eclipse foi total (en Galicia, o do pasado xullo foi só parcial). ¿Por que entón tanta diferencia de atención dos medios informativos e a xente en xeral?
O sucedido en xuño foi un eclipse de Sol e o do pasado día 21 foi de Lúa. Pode parecer non significativa a diferencia, pero marca boa parte da variación no tratamento dos medios informativos e tamén da atención xerada socialmente.
Por exemplo, os eclipses de Sol son só visibles de dia, cando hai actividade, pois implican ve-la ocultación do sol detrás da Lúa. Polo contrario, os de lúa son o efecto producido cando a terra lle tapa á Lúa a luz que lle chega do sol, e polo tanto, o noso astro ten que estar situado en medio. é dicir, se vemos a Lúa, témolo difícil para ve-lo Sol. Que un tipo de eclipses suceda de dia e outro de noite facilita que mentres un chama a atención da xente de xeito forzoso, o outro, polo contrario, leva que teña que facerse en xeral un esforzo para poder observalo.
Pero a anterior non é a única razón. O tamaño do disco que fai sombra da Terra é máis de 13 veces o tamaño do círculo lunar que nos tapa o sol. O anterior produce varios efectos. Así, fai que para un lugar da Terra determinado, a duración dos eclipses de Lúa sea maior. É dicir, a Lúa tarda máis en atravesar a sombra da Terra que o tempo que un punto da Terra sofre a sombra provocada polo noso satélite ó seu paso entre ela e o Sol.
Hai máis. Suceden moitas máis veces eclipses totais de Lúa que os correspondentes de Sol. E polo tanto, que se podan observar moitos máis (do orden dun 50%) eclipses de Lúa. Dito doutro xeito, son máis correntes. E tamén son visibles dende a meirande parte do planeta, mentras que as ocultacións solares son divisadas dende franxa abondo limitadas para o tamaño terrestre. Por outra parte, o noso satélite, coas súas fases, ténnos axeitados ás suas metamorfoses, e non constitue ningunha rareza non velo no ceo.
Outras diferencias, como que o eclipse de Sol a simple vista produza un mordisco nítido no borde do disco solar, ó mellor non chama moito a atención. ¿Por que había de chamala? Porque a parte oculta nun eclipse de Lúa vai diminuíndo de intensidade luminosa pouco a pouco. Nembargantes, ese efecto foi o signo que denotou que a Lúa non tiña atmósfera en cantidades apreciables.
O próximo 16 de xullo a Lúa volverá a desaparecer da vista de parte da Terra. Pero esa vez non nos tocará a nós observala. Dentro dun ano, nas primeiras horas da noite do 9 de xaneiro de 2001, si poderemos voltar a facelo. Será o primeiro eclipse do próximo milenio, e a unha hora moi apropiada. ¿Estará despexado?
-- 

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (III): ... E despois da eclipse

... e despois da eclipse. (20/08/1999)
A eclipse pasou. Vímola e agora é tempo de falar dela coa experiencia do observado e a reflexión sobre o que vimos. A pouco que apliquemos o sinxelo enunciado anterior estaremos empregando o sentido común e tamén en liña co método científico: dalgún xeito nos preparamos, formámonos unha imaxe previa do que ía pasar e por que, logo fixemos a observación, e por último pasamos á fase de comentario, reflexión e análise. 
Nesta, podemos encadrar os feitos en diversos ámbitos. 
O primeiro está relacionado con se a vimos ou non. En Ribadeo, ate xusto despois de rematar, o ceo permaneceu descuberto con pouca brétema e algunha nube de pouco grosor que case non enturbiaron a vista. Resultou un feito chamativo e buscábase velo, solicitando ós coñecidos que tiñan algún aparello ou método un rato de observación. Nalgún caso, nembargantes, pasouse do asombro promovido de xeito previo polos medios de comunicación á decepción, cansancio ou desentendemento: despois de ser notoria a ocultación, buscábase "vela ben" e había quen dicía estar desencantado por non quedar a oscuras. De calquera xeito, quen máis, quen menos, sinteu, por exemplo, un lixeiro viruxe e a falta de luz, equivalente a un atardecer. 
Empregáronse diversos métodos para mirar: a través de vidros de soldadura ou gafas ad hoc para a ocasión, proxectando o sol a través dun furado nunha cartulina ou por medio dun espello nunha parede, reflexado na auga... mesmo a través dun pequeno furado "construído" coas mans. Si, coas mans podíase facer un orificio polo que proxectar sobre o chan ou sobre un papel a eclipse. Como consecuencia de buscar a solución máis doada acabáronse no contorno os cristais de soldadura ou as gafas especiais. Por descontado, tamén se usaron métodos non adecuados, como o ollar a través de radiografías. 
Ó mirar, unha diferencia da que se percatou a xente foi que, segundo as características do método usado, á fin da eclipse os ollos podían estar molestos. Eso pasoulle aínda a xente que empregou métodos recomendados, pero usando características erróneas, como vidros de filtro de soldadura dun grao inadecuado. Outra diferencia que se notou foi que, segundo o método, a imaxe parecía como dereita ou invertida. Outra máis, que para as observacións a través dun obxecto, segundo o tipo de filtro, o evento aparecía de diferente cor.
Curiosidades máis achegadas á propia astronomía son a observación que que a lúa seguiu unha traxectoria recta, deixando sempre ó descuberto a parte inferior dereita (ou superior esquerda, segundo o método de observación) do sol, co que pode dicirse que o efecto foi de "pasar por enriba". Tamén foi de maior significación neste sentido observar que a liña entre sol e sombra era nítida, mentres que o borde externo solar non o é nunca, senon que vai diminuíndo a súa luminosidade de xeito progresivo. Polo mesmo motivo, os picos da figura que se vía non eran puntiagudos, senón redondeados. 
A eclipse é un caso particular de ocultación: así se chama cando un corpo celeste oculta a outro. A lúa, no seu recorrido cáseque mensual, oculta unha e outra vez diversos astros. Todas as ocultacións chaman a atención. E non só elas: as chuvias de estrelas como a das perseidas, os días no entorno da eclipse deron tamén que falar, motivando que máis dun preguntara se hay relación. A astronomía ten un montón de aspectos interesantes. E, se despois de todo non te interesa máis que os eventos deste tipo, ánimo. En menos dunha decea de anos poderemos observar outra eclipse, se ben en condicións menos favorables que neste caso. Ó fin e o cabo, as eclipses pódense producir dúas veces ó ano (tanto as de sol como as de lúa)
-- 

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (II): O día da eclipse

O día da eclipse (publicado o 10/08/1999)
A eclipse pasa rápida. Aínda que cada fase, cada “momento” propágase sobre a superficie da terra a unha velocidade variable de ata preto de 3.000 quilómetros á hora, parecerá que práticamente non se move, facéndoo co disco solar. Só notaremos como se vai ocultando ate un máximo e logo destapando, nun proceso que en Galicia será dunha duración total de algo máis de dúas horas.
Un tempo que pode resultar cansado ou moi corto, segundo como se considere. Se estás a ler isto, é que tes unha interese antes que suceda, e hai que tratar de aproveitalo. E dende pequeniños sabemos que non debemos mirar ó Sol: é perigoso para a nosa vista. Un Sol eclipsado, tamén.
Se a eclipse fora total, aínda se podería observar claridade ó noso arredor. Pero aínda as máis de tres cuartas partes de oscuridade que se observarán en Galicia representan unha luminosidade ambiente equivalente a trinta mil veces ben folgadas a da Lúa chea. E para a vista, dirixila á eclipse é tan perigoso como mirar o sol de xeito directo. De feito, estaremos facénndoo cunha parte del, a que non está eclipsada.
¿Como se pode observar entón? O máis seguro é facelo mediante unha reflexión: cun anaco de espello proxectar a imaxe sobre unha parede branca, por exemplo. Este método ten máis aventaxes que a evidente de protexer a vista. Así, podemos achegarnos á imaxe canto queiramos e observala con detemento e os seus cambios. Podemos facernos destros na arte de proxectar practicando antes a proxección do sol cun espello e mirando o mellor sitio para facelo. É convinte para esto ter conta da hora á que será o acontecemento, arredor das doce da mañán.
O outro xeito de facelo é protexéndonos por medio dun filtro. Aquí cabe a duda de cal usar, e debemos aternos primeiro o criterio da seguridade e despois ó da comodidade. Para cumprir coa salvagarda ocular, podemos probar antes tratando de botar miradas furtivas ó sol con diversos filtros para ver o que non nos lastima a visión e nos permite ver con claridade. O outro criterio é secundario, pero se podemos adaptar ese filtro a unha montura de gafas, de protector de soldadura, ... notarémolo á hora do uso.
O que nunca se debe facer é miralo a través dun aparello como prismáticos ou telescopio, concentradores de luz e neste caso provocadores de lesións oculares seguras.
Despois desto, ¿que esperas ver? Nestos tempos é dificil sorprendernos, e o sol, colgado sobre as nosas cabezas sen grandes cambios dende hai moito, non parece ter novidades que ofrecer. Para alguén experto, esas dúas horas longas de eclipse poden ser motivo de tratamento anterior e posterior, a parte dunha grande actuación en si mesma. Para algunha xente, será un engorro non dispor desa luz que falta. Para moita, unha curiosidade. En calquera caso, se nos facemos unha idea previa de como é sempre poderemos comparar e desfrutar mellor mellor do que observemos.
Sempre, claro está, que o tempo no-lo permita ver. Noutro caso, en troques de sombra poderemos observar a difusión da luz solar que quede, estraña penumbra como de tormenta que nos chegará a través das nubes interpostas.
En calquera caso, sempre podemos falar despois sobre el.
--
Non nos debe enganar que o telescopio sexa o aparello usado en observación astronómica: os filtros e especificacións para a observación do sol non o fan aconsellable e si perigoso para unha situación como esta e persoas inexpertas. 
-- 

Catro traballos xa vellos sobre eclipses (I): Antes dunha eclipse

Foron pulbicados no El progreso/a Mariña nas datas indicadas, e forman unha 'triloxía+1' referida a dous eclipses, un de Sol e outro de Lúa:

Antes dunha eclipse (08/08/1999)
O próximo 11 de agosto vai ter lugar unha eclipse. Será de Sol e total, a último do milenio. Espectacular, pero, na nosa Terra, parcial.
O anterior é un resume das noticias que se poden escoitar e ler estes dias na prensa. Nun acontecimento asi (“espectacular”) non debera de chegar con estes dados, presentados como noticia máis que como información, máxime cando moitas veces veñen acompañados de afirmacións inexactas ou incorrectas.
¿Que é unha eclipse? Tirando de dicionario, pódese saber que ven de “desaparición”, tendo como sentido na actualidade o proprio de desaparición, a evasión ou ausencia de algo ou alguén. En astronomía, é a ocultación transitoria, total ou parcial, dun astro ou a perda da sua luz prestada, por interposición doutro corpo celeste (do dic. da R.A.E.)
Dende a Terra poden darse dous tipos de eclipses. Un, o que ocorre cando a terra pasa entre lúa e sol, no que non lle chega luz á Lúa, á súa totalidade ou a unha parte, e polo tanto non se ve, xa que depende da luz do sol para poder ser vista: é a eclipse de lúa, total ou parcial. Outro, o que sucede por interposición da Lúa entre Sol e Terra, co que parte ou toda a luz do Sol non chega de xeito directo a un punto concreto da Terra: a eclipse de Sol.
Coloquialmente, no sentido non astronómico de eclipse, pode dicirse que o Sol ou a Lúa son eclipsados cando as nubes se interpoñen e non permiten a súa visión. Mentras que as eclipses astronómicas predícense con antelación de séculos unha vez coñecida a mecánica celeste (os movementos planetarios) estas outras ocultacións son aleatorias polo carácter das mesmas nubes, e ademais permiten tempos de difusión parcial da luz, o que non ocorre coas astronómicas.
Para que un corpo se interpoña entre outros dous, os tres corpos teñen que estar en liña. Para que suceda un eclipse, tamén o obxecto que se interpón debe ter un tamaño tal que notemos que está en medio. Para entendernos, unha mosca a un metro de nós non nos eclipsa a visión doutra persoa a tres metros: a parte que nos pode tapar dela é demasiado pequena para tela en consideración. O que o tamaño aparente da lúa e do sol sexan semellantes dende a Terra fai que ó pasar por diante poda ocultalo un tempo corto (ata un máximo duns oito minutos), mentres que o paso da terra entre sol e Lúa produce unha sombra de tamaño moito maior que a propia Lúa, co que é posible un tempo de ocultación tamén maior.
Cambiando de tema, das causas ó cando e cánto imos ver, a prensa expón os dados do eclipse para as cidades. Como na Mariña non hai grandes vilas, os que corresponden a esta comarca non saen na prensa. Para Ribadeo, con bastante aproximación a situación é 43º32’N, 7º03’W, e poden obterse os datos correspondentes de xeito facil por exemplo, entre os de Ferrol e Avilés, xa que os tres lugares están cáseque á mesma latitude e Ribadeo centrado entre ambas vilas e non demasiado lonxe delas. Esto da que os tempos nos que sucede a eclipse en Ribadeo serán con moita aproximación a media dos tempos para estas vilas. Refinando un pouco os cálculos, obtemos:
Comezo da ocultación, 08:49:43; fin da ocultación, 11:27:38; máximo da eclipse 10:05:29; parte do sol ocultada 82%; parte de luz directa ocultada 77%.
Ó anterior hai que axustarlle que as cifras teñen un erro máximo dun segundo nos tempos e dunha unidade nas porcentaxes, e sobre todo, que os tempos están dados en TU, tempo universal, polo que, para ter a hora legal, a dos nosos reloxes, hai que sumar 2 horas. É dicir, o máximo da eclipse será cinco minutos e medio despois das doce do mediodía. En Viveiro será cousa dun minuto antes.
Só este último dato, que tarde un minuto entre Viveiro e Ribadeo, da que pensar. Volveremos a falar do tema.
-- 
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.