2009/06/11

Nota de prensa sobre o Galego

Adxunto unha nota de prensa da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia:
O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA
A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:
- Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
- Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
- Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.
- Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado unhas 800 comunicacións, cuxa inmensa maioría se expuxeron en galego.
- Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
- Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou
en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.
Por todo isto, MANIFESTAMOS que:
Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.

Ningún comentario:

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.