2018/11/15

As Pontes: 150 kg de CO2 por cada español

Recollendo datos de Eldiario.es (artigo "¿A cuántos coches equivale el CO2 emitido por la central de carbón más grande de España? "), temos que a emisión de CO2 de As Pontes foi de 6 930 000 toneladas en 2016. Entre 47 000 000 persoas que é o censo, a cousa anda preto de 150 kg/persoa. Ou equivalente, en coches, a 2 300 000. Botando contas da enerxía que necesita unha persoa para vivir e o dióxido de carbono que se produce ó queimar azucre, sae unha produción duns 800 g de dióxido de carbono producido por persoa viva ó día, uns 300 kg ó ano, ou máis de 20 000 000 de persoas para producir unha cantidade de CO2 (só CO2) equivalente á das Pontes.
Se te parece raro, podes incorparar, con eses mesmos números, que un coche produce unha cantidade de dióxido de carbono por termo medio anual, equivalente a unhas dez persoas.
... Que teñamos sorte coa transición enerxética...
Fume negra

2018/10/30

Un ano de chuvia na Illa Pancha

Estación pluviométrica con datos incompletos. Así clasifica o resume meteorolóxico de 1929 (publicado en 1935) á Estación na Illa Pancha.
Noutro lugar (Introdución), axusta: "En este RESUMEN figuran 878 estaciones. Como carecemos de medios para inspeccionar y remediar los posibles defectos de instalación y observación, hemos publicado, bajo la responsabilidad de los observadores,los datos dudosos, no eliminando más que los evidentemente inexactos y dejando que la labor de cada observador dé idea de su competencia y actividad". Algo necesario, pois, describindo a estación meteorolóxica de Illa Pancha (p.LXIII), expón "Coelleira (Isla), Pancha (Isla), San Ciprián (C.).-El Servicio Central de Señales Marítimas tiene instalados unos vasos cilíndricos para medida de las precipitaciones y, por lo tanto, aquéllas son aproximadas.
[Nota: páxinas antes aparece que C. corresponde a Estacións organizadas e mantidas polo corpo de Enxeñeiros de Camiños]. A táboa que corresponde ás medidas tomadas está na p. 524 da publicación, onde se nota que o de 'medidas incompletas' ven pola falta do mes de setembro:
Táboa de precipitacións con datos tomados na illa Pancha en 1929
Para facérmonos unha idea da aproximación comentada, podemos comparar os datos cos de Pedro Murias, collendo os pluviométricos mellor que os de vento, que por ser cualitativos e cambiantes no mes, son máis difíciles de promediar como se fai no resume:
Comezando polos 'días de neve', aparecen 3 en febreiro na Pancha e ningún en Pedro Murias. En canto ó día de máxima chuvia no mes, non coinciden en todo o ano, e nas cantidades máximas diarias, sistematicamente (excepto, por moito, o mes de febreiro, e por moi pouco, abril) as cantidades recollidas na Pedro Murias son superiores, mesmo moi superiores:
O resultado en '1929' para Illa Pancha foi calculado promediando agosto e outubro como dato de setembro
 E que indica en relación ó cambio climático? Na chuvia, temos visto no blog que parece haber pouca variación nestes últimos anos. Os datos da Pedro Murias indican que 1929 tería sido un ano con precipitación total semellante ó pasado 2017, pero as discrepancias de datos en Illa Pancha non permiten dicir nada máis. En calquera caso, está en proceso unha revisión de datos meteorolóxicos do século pasado en Ribadeo, que quizáis poda botar algo máis de luz sobre o tema.

Unha precisión: os signos meteorolóxicos usados
Datos de 
Resumen de las observaciones efectuadas durante el año 1929. Servicio Meteorológico Español. Madrid 1935

2018/10/23

Cen mil veces a túa masa, e está vivo

Hai tempo tiven noticia do organismo vivo máis extenso do planeta en canto á superficie ocupada. Trátase dun fungo Armillaria gallica en Michigan, EEUU, que se estende por 37 Ha (370 000 m2, equivalente a uns 60 campos de fútbol) e duns 2500 anos de vida (é dicir, tería nado antes de Aristóteles).
Hoxe tiven noticia doutro menos extenso pero abondo máis pesado, tamén nos EEUU, en Utah. A súa masa é duns 6 000 000 kg, isto é, unhas 100 000 veces a masa dun humano medio. Trátase dun chopo que foi aumentando por brotes nas raíces, constituíndo na actualidade unha rede subterránea que conecta multitude de troncos, con aspecto dunha chopeira, pero con esa característica: é en realidade un único individuo.
Imaxe de https://balonesdemadera.wordpress.com/2018/10/19/pando-el-organismo-vivo-mas-grande-y-pesado-del-planeta-el-bosque-de-un-solo-arbol-en-utach-eeuu-populus-tremuloides/

2018/10/10

Segundo a contaminación, a velocidade das correntes na zona é 1,1 km/h ...

A imaxe da ESA é clara: Despois dun choque entre barcos no estreito entre córcega e a península italiana, a mancha de petróleo estendeuse 40 km máis en 36 horas. Xeito triste de medir un desprazamento físico da auga...

2018/10/04

Un termómetro de oito metros ou 8 metros de termómetro

Tecnoloxía española (feito na Un. de Valencia) para un termómetro que abrangue un rango de distancia para a medición de temperaturas de oito metros cunha precisión abraiante.
Está destinado ó CERN, en Xenebra, que mantén xunto co Fermilab, nos EEUU, para un complexo de investigación multinacional, Deep Underground Neutrino Experiment (DUNE), e ten como misión contribuír á estabilidade térmica ca instalación.

2018/10/01

A desaparición dun acantilado


Non era moi alto, só 134 m. Pero foi un visto e non visto, por causas naturais e sen ter nada que ver terremotos e cousas semellantes.
Iso si, non foi no noso planeta, senón no cometa 64P Churyumov-Gerasimenko. Era o cantil que se ve practicamente no centro da imaxe. Un acantilado celeste que deixou de existir ó achegarse o cometa ó sol e literalmente ir estoupando o xeo desa zona do cometa ó aumentar a temperatura: á baixa presión que sofre a superficie do cometa, prodúcese a sublimación do xeo, sendo expulsadas así as partículas do ceo suxo que van formando a cola. O primeiro cometa visitado pola humanidade en troques de ser a humanidade visitada por el deu unha boa morea de sorpresas.
Sobre cometas.

2018/09/24

Dende comezos dos 90, o nivel do mar subiu máis que o meu polgar

Mergulla o teu polgar na ría, ou nas Catredrais. Dende que naciches, o nivel do mar ten aumentado, e dende o comezo dos anos noventa, por termo medio uns oito centímetros. A igualdade de marea, o extremo do teu polgar mergullado non chega a tocar a superficie libre de auga que tería ese mesmo lugar...
Ben pouco, pode pensarse. Só uns 3 mm cada ano. Pero está a aumentar, e é algo acumulativo. Para 2050 terá aumentado máis de 10 cm máis; en total dende comezos dos 90, cousa dunha cuarta. Para os que vivan na Veiga, suporá inundacións constantes, e para os habitantes dos atolóns espallados polos mares, o abandono do seu espazo vital.

O nivel do mar sube, segundo é medido, entre outras institucións, pola ESA. E, a quen lle toca pensar nas consecuencias e en evitalo? A todos nós.

2018/09/15

A dúas velocidades: mentiras indeterminadas

A dúas velocidades é o título do gráfico que me leva a esta entrada. apareceu nas páxinas de economía de La Voz de Galicia do día 14 de setembro. Trátase dun gráfico con tres seccións, nas que se comparan datos de EEUU e a UE. As dúas primeiras seccións son comparables: tentan determinar o 'volume' do PIB de ambas dende o 2007 ó 2017, e a variación interanual en porcentaxe.
O 'volume' do PIB ven dado en billóns de euros, e ofrece series como a seguinte:


2007 2008 2009
EEUU 10,5 10,0 10,3
UE 9,2 9,5 9,2
EEUU 1,9 -0,1 -2,5
UE 3,0 0,4 -4,4
Táboa obtida do gráfico, que se pode representar:
Coido que é doado ver que os datos de PIB 2008 dos EEUU (10,0) non corresponden cos de 2007 (10,5) nin despois de aplicarlles o incremento de 1,9 nin co incremento de -0,1... algo que, querendo desculpalos, e como os datos están en euros, podería ser achacable a un cambio na paridade dólar-euro ou semellante. Mais, se miramos a serie da UE, atopámonos con que, arredondando, o 9,5 de 2008 podería saír do 9,2 de 2007 aplicándolle o 3,0% de aumento na columna de 2007... sempre que 0 9,2 de 2009 saíra do 9,5 de 2008 aplicándolle o 0,4% da columna de 2008, o que, evidentemente, non pode ser.
No gráfico citado hai unha morea de situacións semellantes.
Non é a primeira volta que trato o mal uso ou abuso dos gráficos, mais neste caso non se trata de mal uso ou abuso, senón sinxelamente de erro continuado e desinformación subsecuente, o que leva a falar de mentiras.

2018/08/05

Sobre idioteces supostamente científicas

Hoxe un artigo na Voz, de Manuel L. Casalderrey, da nova de que os 'cartógrafos' teñen determinado o 'centro xeográfico de Galicia' en 42º 45’ 17,58075’’ N, -7º 54’ 36,75760’’ O. E quedo pampo. Terano determinado para a marea baixa ou a alta? Considerando as obras do novo porto de A Coruña ou non? Considerando a terra que ha debaixo de cada punto? Cos límites administrativos actuais? Porque a cousa, como di Casalderrey, ten a súa miga. El non especifica o por que, mais, sen fixármonos noutros detalles, a posición en latitude ten un erro de última cifra de 0,3 mm, e en lonxitude, aínda menor. Agora ben, se consideramos unha costa de 1000 km de lonxitude (as estimacións varían segundo a escala de mapa usada; normalmente úsase unha cifra maior), con variacións de marea cara ó océano e a terra de só 1 m de media (estimación moi baixa como se pode comprobar en calquera ría), é 1 km2, logo teremos unha estimación para a variación mínima da posición central de 1 parte en 30000 (considerando que as terras baixo o efecto da marea son estremeiras, a cifra é demasiado baixa, pero chega para o que quero resinar)
O caso é que o erro sinalado na cifra que subministra a posición dada é menor de 1 parte en 360 000 000, é dicir, 10000 veces menor que a variación dada polo efecto da marea.
Así pois, o que cabería, con esa precisión, é dicir que Galicia ten un centro móbil, pero iso, claro, faría perder o encanto da nova de ter algo 'tanxible' que sinalar e encumbrar, e (como apunta Casalderrey) aproveitar para propaganda e negocio. Ou sexa, o tema lembra o de 'mirarse o embigo'...
Imaxe da Nasa

2018/07/10

Os mellores chistes de Física e Química

Cara a fin de curso organizamos nunha clase un concurso de chistes de Física e Química. Despois das votacións, os elixidos catro mellores chistes (houbo empate no segundo lugar) foron:
37 puntos:
* Cal é a molécula máis poderosa? HDiosO
43 puntos:
* Para que saia o Sol hai unha solución: di_Sol_vente
* Houbo un accidente na estación espacial. Ningún ferido de gravidade.
44 puntos:
*Que pasa cando x tende a infinito? Que infinito se seca!
Contados por elas (a campeona foi unha rapaza) e por eles, a graza aumenta...
Unha nota: Non participei na votación. Os meus puntos terían sido para outros.

2018/06/24

Cambiando a wiki Feiras de Ciencia na Galiza

Na actualidade estou migrando de xeito obrigado a wiki Feiras de Ciencia na Galiza a un novo lugar. Levará un tempo que todo vaia saíndo ben...

2018/05/08

Hai sesenta anos e hoxe: o clima en Ribadeo (1951/19-2009/17)


Actividades de divulgación: día da ciencia na rúa e Galiciencia

O pasado sábado, día 5, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estivo representado no XXIII día da Ciencia na Rúa de A Coruña, por un grupo de 40 alumnos acompañados por tres profesores. Na jaima puidose ver un estudo sobre especies invasoras, a experiencia da columna de lume e a da man incombustible, o funcionamento do xerador de van de Graaf e a bobina de Tesla, ilusións con boliñas do mesmo índice de refracción ca auga, experiencias de electrización e presión, etc.
A carpa do IES estivo amplamente concorrida durante toda a xornada. As experiencias e montaxes realizados foron unha selección dos presentados na última feira da ciencia do IES, adaptados ás condicións do día da Ciencia na Rúa.
A viaxe foi pagada pola Asociación Amigos da Casa das Ciencias, que colabora co centro educativo que mantén a feira ribadense dende hai máis de dúas décadas.
O martes 8, un equipo de dous alumnos e un profesor partirá á Galiciencia, que se desenvolverá en Ourense dende mércores a venres da semana. Presentarase un estudo realizado no centro: Hai sesenta anos e hoxe, o clima en Ribadeo. Dito estudo compara as principais magnitudes da temperie ribadense na década dos cincoenta do pasado século e na última década. Será presentado con outros realizados en diversas partes de Galicia e da península nesta feira científica de importancia estatal.
Foto cedida por un visitante






2018/05/04

Hai sesenta anos e hoxe: o clima en Ribadeo (1951/59 – 2009/17)

O mércores que ven comezará a feira científica Galiciencia. este ano o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo presentará o traballo de comparación de 9 anos de temperie dos 50 do pasado século en relación ós 9 últimos anos. A continuación queda un resume:

Evolución dos principais parámetros climáticos en Ribadeo a partir de datos recollidos en La Comarca del Eo (1951/59) e Meteogalicia, subministrados pola estación meteorolóxica da Granxa-Escola Pedro Murias (43º32’32”N, 7º4’58”O, a 3,5 km do punto de referencia do centro de Ribadeo)

Comparación de datos de 9 anos nos 50 do século XX e os nove últimos anos, día a día, en caso de telos de ambas series (arredor de 1500 días, variando segundo a magnitude medida)

Temperaturas máximas: aumento de máis de grao e medio.

Temperaturas mínimas: diminución de case medio grao.

Aumento da temperatura media superior a 1ºC (sen especificar T media nas medidas dos anos 50)

Precipitacións: cambios non significativos en cantidade (variacións anuais maiores que diferenzas acumuladas). Máis agrupadas.

Vento: aumento de velocidade media. Máis días de calma e máis días ventosos.

Falta:
 *completar series de datos
 *mellorar a análise
 *comparar con estacións próximas
 *estudar a influencia da automatización
 *incorporar outros estudos
 *mellorar as predicións

Cos datos de 45% de días dispoñibles en dúas series de 9 anos separados seis décadas, vese que o cambio climático estase a notar dende entón en Ribadeo. Aumentan as temperaturas máximas e os ventos. Temperaturas mínimas e chuvia teñen variacións menores.

Diego Alonso Lustres e Alberto Dopico Fernández. Titor: Antonio Gregorio Montes. IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

2018/05/01

A DXT e a medición en física

CC BY-SA 4.0 , collido da wikipedia. Feito por ZullyC3P

Esta última semana a Dirección Xeral de Tráfico ten anunciado o uso de dúas innovacións que están relacionadas con principios de medición en física: o uso de drons e de radares fixos miniaturizados.
En ámbolos dous casos, trátase de mellorar a medición facilitando a toma de datos e interactuando o menos posible.
Sabemos que toda medición interfire no resultado, e que a minimización desa interferencia produce resultados máis adecuados á situación previa á interacción (é dicir, á medición).
O mesmo aplica para o caso dos radares miniaturizados, que poden ser colocados nas biondas sobresaíndo só uns poucos centímetros e voltándose así indetectables para os ollos da meirande parte dos condutores, co que a súa existencia non interfire co comportamento do condutor e o resultado axústase mellor ó comportamento ordinario do condutor...
Tamén no caso dun dron, a súa existencia resulta abondo máis indetectable que a dos helicópteros 'Pegaso' usados ata o momento (a máis de, polo precio de un 'pegaso', poder surtir de drons a moitas estradas), coas mesmas implicacións de mellora de medida que no caso dos radares miniaturizados.

2018/03/31

Unha nave espacial caerá á Terra, pero non en Ribadeo

Vexo unha nova na prensa sobre a Tiangog-1, non me gusta, vou á orixe da nova (http://www.esa.int/Our_Activities/Operations/Space_Debris/ESA_joins_reentry_campaign) e trátoa para poñer aquí información, en resume e clara, a partir dos datos da ESA.

A estación espacial china (que iso é, unha estación espacial) movíase (e aínda se move en órbitas que, proxectadas sobre a superficie terrestre, debuxan algo parello ó que se pode ver na figura, na parte central. Como os satélites terrestres xiran sobre o centro da Terra, as proxeccións como a que aparece na figura teñen xeito sinusoidal, isto é, as naves pasan máis tempo  sobre puntos de latitudes altas que sobre puntos do ecuador (gráfico da dereita). Resulta que é sobre esas latitudes no hemisferio norte sobre as que se concentra a maior parte da poboación, o que pode asustar á xente se se lle di: 'vai caer un cohete, e con máis probabilidade nesta zona que noutras'.
Para comezar, cada semana cae unha nave ou equivalente, e non se oe que cada semana haxa unha catástrofes por iso. De feito, non parece que ninguén morrera nunca por caer riba del un refugallo espacial. Neste caso, ademáis, a órbita non chega nunca ós 43º N (para nos 42,8º), e Ribadeo vila está máis ó norte. Resultado: probabilidade = 0. Iso si, se viaxas a castela, en canto pases de As Nogais estarás en risco... máis ben de que o cohete pase por riba de ti, pois difícil será que chegue unha parte á Terra que poda fastidiarte.
--
Nota posterior: Caeu o 1 de marzo sobre o Océano Pacífico

2018/02/14

STS

STS, Science, Technology & Society, ciencia, tecnoloxía e sociedade... a reintegración dos saberes científicos tecnolóxicos na sociedade é hoxe un tema crucial, nun momento no que a separación do saber científico e a aplicación tecnolóxica están levando a visións máxicas de mundo, convertindo para moita xente á ciencia nunha nova maxia que se ve como algo que se pode facer (pero 'alguén outro', non un propio) e está a disposición para desfrutar (porque alguén saberá abondo para facer que eu desfrute)
Neste intre, ven ben lembrar algo aparentemente apartado da liña argumental anterior, "Technology is not neutral. The choices that get made in building technology then have social ramifications." (MEHRAN SAHAMI, profesor na Universidade de Stanford, dito a conto da súa axuda para desenvolver un curso de ética en informática. NYT, 12/02/2018) Algo sabido e esquecido: a tecnoloxía non é neutra. A elección que se faga para construír a tecnoloxía ten consecuencias sociais. Algo que se leva manifestado na historia, dende moito antes da aplicación tecnolóxica masiva que supuxo a revolución industrial, e que cada vez é máis patrente co desenvolvemento da intelixencia artificial. Non é xa só que a humanidade dependa da tecnoloxía para a súa supervivencia, senón que o xeito de vivir dependerá das solucións tecnolóxicas que se implanten (elixan-desenvolvan-retroalimenten e nos retroalimenten cos/nos máis mínimos detalles da nosa vida), que, polo momento, están sendo capitaneadas por empresas privadas que procuran un lucro, como guías duns poderes públicos con portas xiratorias a elas. E non só en España.
Pode que non o vexamos, pero o futuro xa chegou: estámolo a facer.

2018/01/14

Dificultade para poñer quilómetro (km)?

Agora resulta que a dificultade para poñer quilómetro de xeito adecuado, en breve, é que a xente non sabe facer o k minúsculo. Si, que non saben que K e k son diferentes, que o entenden cando o ven escrito en formato de impresora, pero non son capaces de reproducir un k minúsculo, 'non saben'. E así, o k de quilo queda confundido do K de Kelvin, e a culpa non é deles, senón de que non saben algo abondo previo: escribir o k.
Parece mentira, verdade? Pois non, é verdade, non mentira. E, se non o cres, pregunta ó teu arredor.
Un lembra aqueles fitos que poñían 'KM', ou os modernos indicadores, que non poñen as unidades: 'Foz 24' e comeza a comprender que as indicacións normativas seguen o mesmo destino que outras leis: o incumprimento comezando polos que forman parte da mesma institución que pon a norma.
Aínda que non sempre ocorre así, como na foto que poño en baixo e onde está ben escrito:
licenza de documentación libre GNU Autor: Adrián Estévez (Estevoaei). Procedente de Wikimedia Commons.

2018/01/08

Gaia: relacións internas

O vídeo da ESA da unha boa visión das relacións entre oceanos e atmosfera, e dentro de cada un, as diferentes compoñentes...

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.