2016/12/27

Destrozando a unidade de expresión e comprensión

En poucos minutos chego á nova da morte de Vera Rubin, despois de pasar por unha nota de prensa do concello. E penso: de novo, debo deixar referido isto.
'Isto'? 'Isto' refírese a un par de cousas que non é a primeira vez que reflicto no blog (nin a última, seguramente).
A nova da morte de Vera Rubin aparece nun pequeno recadro de La Voz de Galicia:
Aínda que despois emprega 'astrónoma', no titular está ben claro: 'astróloga'. E non é raro ese mesmo desliz. Precisamente porque é común igualar ciencia e sperchería, maxia ou supersitición, estou remarcando o erro.
O segundo é unha nota de prensa do concello de Ribadeo, que noutra parte republicaría coas correccións pertinentes, limitándome aquí a enumeralas a modo de recordatorio para corrixir despois na aula:
6.500 € escríbese como 6500 € ou 6 500 €
56.000 €, como 56 000 €
11'57%, como 11,57 %
6.514'05 €, como 6514,05 €
É dicir, axeitémonos a poñer 7400, 07 ou 7,57 %, pois non por ser materia de ciencia queda fóra das normas de escritura... por moito que ás veces se vexa escrito doutro xeito.

2016/12/11

Hai 50 anos, premio Nobel de Física a Feynman

Teño que dicir que R. Feynman é un dos físicos que máis me ten chamado a atención. Pode que polo seu 'Está vd. de broma, sr. Feynman?' máis que polo conxunto da súa obra -enorme- en Física. Agora, entérome por un artigo de J. Mira que o comité Nobel remata de liberar información sobre o seu nomeamento. E, a consecuencia diso, chego ata algo que xa estaba dispoñible, pero ó que non chegara: o discurso de aceptación do Premio Nobel.
Que o desfrutes!

2016/11/30

Trebellando con datos: arquivo meteorolóxico

Esta tempada estou a descubrir máis recursos dos que son capaz de incorporar ó meu quefacer. Todos interesantes, moi interesantes, o descubrilos xenera unha serie de ideas de aplicación, que, xa digo, ultimamente sobrepasan a miña capacidade de uso xa exclusivamente pola capacidade temporal. Mais non por iso hai que desbotalos: outras persoas poden chegar a eles a través da información que deixo sementada, e ese é o papel, por exemplo, esta entrada, sementar difusión para que outra xente poda aproveitar se quere e está en condicións de facelo.
Chámase Arcimís, e é a nivel español un repositorio de datos meteorolóxicos, 'arquivo climatolóxico e meteorolóxico a nivel nacional'.
Segundo a introdución da propia web, Arcimís é o depósito institucional destinado a reunir, conservar e difundir a traverso do acceso aberto os documentos resultantes da actividade científica, institucional e docente da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Tamén se inclúe o patrimonio bibliográfico dixitalizado pola Biblioteca de AEMET. Augusto Arcimís Wehrle, foi o primeiro meteorólogo profesional en España e ol primeiro director do Instituto Central Meteorolóxico, a actual Axencia Estatal de Meteoroloxía (1888-1910).

2016/11/24

Vin isto, gustoume...

 Coido que deixo claro de onde ven, e a imaxe tamén deixa claro onde vai... + unha nota: algunha das relacións entendo que debera ter un título diferente.

2016/11/22

Unha imaxe, tres notacións

Unha imaxe, tres notacións, un problema. A confusión entre sistemas de notación dase en todas as actividades; este é só un exemplo nunha actividade, a comercial, que os produce a moreas.
Antes de seguir, lembrar que no estado español e a ata o momento coido a máis extendida no mundo, a notación para separar enteiros e decimais é usar unha coma. Mais o inicio das calculadoras en norteamérica ten feito estragos, e pódese comprobar a sinxeleza do artigo na wikipedia en francés ou en alemán, coa mistura e desinformación na wikipedia en español. En galego a wikipedia coido que explica abondo ben o problema, citando ademais unha fonte incontestable: http://www.bipm.org/en/CGPM/db/22/10/
Na imaxe atopamos o nomativo uso da coma 2,5 - que recalco en negriña para distinguir a opción boa-, pero tamén a notación usada en norteamérica (3.0) e a notación de comiña (45'20) para diferentes cousas. O punto está normalizado como identificador da serie de innovación no caso das usb, mais é alleo tanto como o ', máis aínda cando neste caso úsanse tipos de diferente tamaño para diferentes ordes, 45'20, de tal xeito que mesmo o formato normalizado do blog non me permite poñelo, tendo que ir ás especificacións html para poder amosalo no texto.
Queda claro? Quede ou non, a sensación que teño é que a confusión vai en aumento...

2016/11/20

Astronomía, nacemento, rendemento

Rematou a XI edición de Galiciencia, en Tecnópole (Ourense) con representación ribadense de Lucía Barcia García e Lucía Conde Fariñas co traballo 'Astronomía, nacemento, rendemento', que daba pé a un estudo sobre a influencia dos astros (Lúa e Sol) no número de nacementos e nas notas obtidas polos estudantes do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. O resultado, claro: non hay influencia sobre os nacementos, nacendo máis ou menos a mesma cantidade de xente en cada momento do ciclo luar ou solar, e parece que tampouco sobre o rendemento académico, con nota media indistinguible dun momento a outro de nacemento, se ben neste caso, a dispersión que indica que existen outros factores que si inflúen enmascararían o resultado, facéndoo non fiable.
As conclusións, tal como foron enviadas a Tecnópole:

Presentación proxectos galiciencia 2016 ies Ribadeo Dionisio Gamallo subido por Antonio Gregorio Montes
Algunha foto de 'astronomía, nacemento, rendemento':
 Instalando.
 Preparadas
 Atendendo á xente.
Despois de recibir os diplomas.

E algunha foto doutros proxectos (para ver máis, iranse poñendo en feiras de ciencias na Galiza)




 

2016/10/02

un instrumento web en astronomía: http://sci.esa.int/star_mapper/

Unha nova estrela no ceo das web de astronomía: o mapa estelar da ESA non é un planetario, e ten puntos demasiado grosos adicados ás estrelas. Mais a potencia da súa base de dados, a versatilidade e manexo doado fai del unha ferramenta a ter en cotna para iniciarse ou saber máis, sobre as estrelas e a súa configuración.
Pantalla de inicio http://sci.esa.int/star_mapper/:
Pantalla de explicación http://sci.esa.int/hipparcos/58154-star-mapper/:

2016/09/26

Temperatura, vento, nubes... tecnoloxía

Coido que máis ca unha web de información meteorolóxica é unha ferramenta de traballo para desenvolver o estudo e a comprensión da temperie. Ventusky é un sitio web con mapas dinámicos de vento, temperatura, nubes, presión, choiva... podendo cambiar dun a outro só premendo un botón, ou variar o momento do día movendo un circuliño nunha escala. O mapa pode ampliarse ou reducirse, insertarse nunha páxina web (como intento facelo embaixo, non é seguro que soporte todos os navegadores, mais premendo sobre o espazo reservado vaise tamén á páxina) ou ligarse ou insertarse como captura de pantalla (aínda máis abaixo)...

Previsión del tiempo en el mapaTemperatura, 43°N 6°W, 26/09/2016 20:00 (UTC+02:00), © VentuSky.com

 Só dicir que non será a última vez que apareza esta páxina referida no blog!

2016/09/23

Amosando o equinoccio de outono

O chan do patio. Un ángulo dunha porta da verxa. Unha 'tiza' feita cun anaco de ladrillo. Marcas no chan para indicar a sombra da punta do ángulo en diferentes momentos. Eses foron os 'materiais' para sinalar onte o equinoccio de outono en Ribadeo. e, como se ve na foto, a pesares de non ser o chan totalmente horizontal, a liña de unión das marcas da sombra sae unha recta, como corresponde á sombra dun punto ó longo do día equinoccial. Despois veñen as medidas de altura do ángulo e distancia mínima da sombra do pé da porta: o cociente danos a inclinación do Sol ó mediodía, a latitude. E a transmisión desa información , con distancias a outros puntos, que nos da o raio da Terra. E así se construiu a ciencia... mellorando pouco a pouco as medidas, o xeito de facelas, e propoñendo novas medicións...

2016/09/17

De aumento de temperaturas

A NASA leva un rexistro de temperaturas a nivel mundial que se remonta ó século XIX. Se ben por razóns obvias de falta de puntos de medición duns anos respecto ós outros ou diferentes aparellos ó longo da historia a serie non se pode cosiderar 'perfecta', é abondo precisa para amosar con boa aproximación o estado da temperatura do planeta. Agora publicou os datos en forma gráfica como se ve a continuación (en http://earthobservatory.nasa.gov/blogs/earthmatters/files/2016/09/tempanoms_gis_august2016.gif) A gráfica vai construíndo a liña de temperaturas medias mes a mes dende o ano 1880 ata agosto deste ano 2016. E aínda que está sendo publicitada co título de 'o agosto máis cálido da historia', se nos fixamos veremos que non só resulta ser o mes máis cálido que presenta a gráfica, senón que tódolos meses deste 2016 son os máis cálidos en relación coa lista de temperaturas correspondentes a ese mes dende 1880. Do mesmo xeito, vese claramente que as liñas tendentes a subir cada vez están máis separadas das anteriores, non só por riba da media. E Xaneiro ou febreiro están moito máis por enriba da media correspondiente do que o está agosto.
Un futuro ó que non estamos a prestar moita consideración. Claro que, nun momento de campaña electoral, parece que tampouco estamos a prestar moita consieración ó presente.

2016/09/02

Curiosidades de exames

Despois dunha corrección que resultou especialmente chamativa, rescato algunha resposta, indicando que todas teñen a súa lóxica, por máis que no contexto da pregunta correspondente poidan ser calificadas con cero e resultar mesmo hilarantes. Así pois, propoño procurarlles a lóxica (nalgún caso, doado, noutros, non tanto):
*Que efectos se poden producir cando se da calor a un corpo?
Pos sudor, mareos, fiebre...
Que sudemos e se e excesivo podemos marearnos ou incluso danos un golpe de calor.
*Que diferenza unha onda lonxitudinal e outra transversal?
Que a lonxitudinal captan a lonxitude e a transversal
Que a lonxitudinal vai recto e a transversal acia arriva
*Diferenza Tropismo e Nastia:
El tropismo es de altas temperaturas junto con muy buen tiempo, y, nastia es de temperaturas del noroeste junto con muchos chuvascos.
Nastia = E unha arteria.
O tropismo e cando os movementos se fan sen darse de conta e a nastia e cando os fan a propósito.
*Os individuos dunha especie poden reproducirse cos individuos doutra especie? Razoa o por que:
Non. Porque algunhas especies levanse mal e tamén cada unha ten o seu territorio.
Depende do individuo
*As arterias saen do corazón. Levan sangue osixenada ou non? Si, xa que o corazón ademais de bombear a sangre, o que fai é osixenala.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.