2012/03/15

A luz, por onde vai, ven

Pódote ver, pero non me podes ver ... mais estúdase que a luz, entre dous puntos recorre un camiño que é independente de que vaia ou veña. Parecen cousas contraditorias, pero non o son. Si, se lanzamos un raio de luz de A a B, polo mesmo camiño podemos facer que vaia de B a A. Pero para eso, temos que 'lanzalo'. se un dos extremos está obscuro, non o vemos. Verémolo en tal caso cando chegue o noso raio alí e ilumine. é dicir, se dúas persoas están unha fronte á outra, pero unha nunha zona iluminada, e a outra nunha zona totalmente obscura, a da zona obscura verá á da iluminada, pero non ó revés. Non hai ningunha imposibilidade física, senón ausencia de luz ... algo que a xente en xeral coñece mellor que o principio de Fermat que xustifica que a luz vaia e retorne polo mesmo lugar.

2012/03/14

O chorro de auga estréitase ó caer!

Pois si... ó caer, a auga vai ganando velocidade, co que unha mesma cantidade cada vez tarda menos en pasar por un sitio, e polo tanto, o 'tubo' que forma estréitase. A relación é sinxela: se a velocidade aumenta coa distancia caída h como (2gh)1/2, como por conservación da materia S·v = cte, sendo S a sección (=pi·r2), temos que o radio do chorro de caída é proporcional á inversa da raíz cuarta do espazo caído (máis unha constante debida á velocidade inicial de caída do chorro - se non, non caería da billa!-).

2012/03/13

Hoxe hai máis día que onte e menos que mañá (5 minutos)

Os días están a medrar. A cousa é: cánto
Quizáis en días coma hoxe, próximos ó equinoccio, nos valla un pequeno cálculo. Aquí, en Ribadeo, no pico invernal (solsticio), temos cousa de 7 horas de día, e no pico estival, 17, unha vez descontada a luz crepuscular.
Nun ano prodúcese un ciclo, é dicir, en 365 días, un desfase de 6,28 radiáns, o que corresponde a algo menos de 0,02 radiáns (aproximadamente a 0,017 radiáns) de desfase diario dunha función sinusoidal cunha amplitude de 5 horas, 300 min. Pero resulta que a función seno para ángulos próximos ó cero (é dicir, neste caso, próximos ó equinoccio) ten un valor asimilable ó do ángulo, co que estes días representa incrementos de valor algo menor que 0,02, o que multiplicado por 300 minutos da 5 minutos de incremento de luz ó día...

2012/03/10

Nova do paquete: as olimpiadas de física pasan a carón

Hoxe o progreso trae unha pequena reportaxe (en folla par ...) sobre dous alumnos da provincia que van ás olimpiadas nacionais de física: http://elprogreso.galiciae.com/nova/156532.html. Non trae nada particular, pero queda como referencia.

2012/03/09

Ensino da física e da química? En que contexto?

O mundo da moitas voltas. Parece que a dirección do ensino, máis. Mesmo de algo tan aparentemente obxectivo (a realidade conceptual e práctica é outra) como a ciencia. Así, aparecen declaracións como a seguinte da Comisaria Europea de Educación, Androulla Vassilio, que estima unecesaria unha reforma educativa para: "help Europe compete globally», «equip the young for today's job market» e «address the consequence of the economic crisis" ...
O que nos leva ó plantexamento da función de ensinar e dos seus obxectivos (o de educar, aínda que se empregue como sinónimo, hai tempo que deixou de ter substancia significativa).
A cita pódese ver en 1 http://ec.europa.eu/commission_2010-2014/vassiliou/about/priorities/index_en.htm (eu recollina hoxe mesmo a traverso de http://www.linkedin.com/e/-v4u14m-gzjdth9n-6p/plh/http%3A%2F%2Fwww.aufop.com%2Faufop%2Fuploaded_files%2Farticulos%2F1278785252.pdf/MIh9/?hs=false&tok=1CWRnqAOb2yl81 , un pdf no que o autor adopta unha postura neoliberal extrema)

2012/03/07

Interpretación de 'papers'

Vai en clave humorística, pero recomendo ler unha entrada de phd comics. A interpretación humorística non deixa fóra que sexa necesaria unha redacción máis clara na difusión científica, mesmo para a difusión a alto nivel.
A outra escala, lembro unha publicación miña, de hai tempo, vendo as interferencias entre a linguaxe científica e a popular ... pero iso é outra historia. Historia que en parte pódese ver aquí: Apuntes para una mejora didáctica de la enseñanza de la Mecánica en EEMM (Ciencias, revista de enseñanza, nº 3, dic. 1984, pp 26 & sig.)

2012/03/03

Moita auga! Uns números sobre o tema.

Estes días anda a xente alporizada: non chove no país da choiva, e nalgures comezan a pensar en restriccións de subministro.
Pois ben, o ano pasado en Galicia choveu por temo medio preto dos 1000 L/m². Iso supón uns 25 billóns de litros (2,5·10¹³), ou 10 millóns de litros por cada galego ou galega (un depósito de 50x50x4 m³)
Si, xa sei que hai que regar, e que non se pode todo aproveitar ... pero, non se poderían facer as cousas un pouco mellor para que o aproveitamento rendira (tendo en conta ademáis que a propia natureza encárgase de reciclar boa parte da auga consumida)?
Calculo que unha estimación de gasto persoal é duns 30 m³ ó ano por persoa, ou sexa, 30 000 L, trescentas veces menos que a cantidade de auga caída per cápita.
Francamente, a eficiencia debera mellorarse.

2012/03/02

Man cuántica

A física dános ás veces sorpresas. Moitas veces. Unhas sinxelas fendas polas que pasa a luz poden facer visible a difracción, e podemos observar nelas que a difracción é maior na dimensión da fenda menor ... ou podemos usar dito fenómeno para 'cuantificar' unha man. O vídeo a continuación dá fe dilo:

Saberías explicar o fenómeno?
-
con esta entrada (e as outras) o blog participa en 'Carnaval de la física', este mes liderado por zurditorium

2012/02/29

Sen luz e con frío? Inverno

Mira ó ceo. Ben, en Galicia está boa parte do tempo con nubes, pero aínda así pódese apreciar algo de xeito claro: o Sol sae despois e pónse antes no inverno, hai menos horas de luz, e quence menos. Hai moita xente que a causa dese quencer menos, pensa que o Sol está máis lonxe no inverno, cando en realidade no inverno (boreal, o que corresponde a Galicia), o Sol está máis próximo á Terra. Pero a diferenza de proximidade é pouca, polo que ten máis importancia outro efecto: a inclinación da Terra respecto do Sol.
Coincide que o eixe de xiro da Terra está inclinado respecto ó plano que descrebe a oŕbita terrestre, e no verán (boreal ou austral o que corresponda á latitude na que se esteña), esa inclinación fai que o Sol chegue máis alto no ceo e ilumine durante máis tempo, polo que quence máis tempo e ademáis, a capa de atmosfera que ten que atravesar ata chegar ó chan, de media, é menor (atravésaa máis perpendicularmente), co que chega maior porcentaxe de enerxía á superficie terrestre, e fai que a terra quenza máis. No invero sucede o contrario, e fai máis frío .. e menos luz.

2012/02/28

Mira ó teu arredor

E escolle.
Que?
Calquera cousa. Calquera. Porque con calquera poderás exercitar unha visión científica.
Que propiedades ten? Cor? Volume? Ten moita masa relativamente ou pouca? Nótase fría? Reflicte a luz? É dura? Sen facer grandes esforzos nin medicións poderás decatarte de moitas propiedades novas que non apreciaras antes.
E entón comezarás a preguntarte por que. Os por que de todo. E se te paras a pensar un pouco, estarás comezando a plantexarte hipóteses e mesmo a comprobar algunha delas, a construír teorías ...
Benvido ou benvida á técnica científica.
Naturalmente, poderás aprender moito, pero en parte, os primeiros pasos, podes dalos só, porque en realidade xa os tes dados moitas veces.
Benvido á ciencia!

2012/02/27

O que é afirmado sen proba, pode ser negado sen proba

Recollo do Museo da Ciencia valenciano e apóiome en http://www.citasyrefranes.com/famosas/autor/394 para reproducila, a frase do título para comezar unha nova época do blog. Afirmo (sen proba) que así vai ser, e para que non poda ser negado, terei que demostralo con posterioridade, pois ata o momento non o fixen...
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.