2015/10/19

Meteoroloxía en Ribadeo hoxe, e unha pequena reflexión

Chove, e leva chovendo a última parte da noite. Miro e atopo que a estación automática da Granxa Pedro Murias non funciona: ten todos os seus parámetros fóra de medición. Como Luciano Zubillaga xa se xubilou e non hai quen se encargue da estación manual (nos últimos tempos tamouco el se facía cargo), non hai datos meteorolóxicos observados en Ribadeo...
Non hai? Si. En troques, a estación meteorolóxica do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo vai funcionando estes días. Non é no mesmo lugar, e pode haber algunha variación ademais por tratarse dunha estación 'persoal', sen aparellos de calidade científica senón práctica... Velaí os últimos datos:
Está ben dispoñer de datos alternativos, aínda que se lles de máis credibilidade a uns que a outros por determinadas circunstancias. Por se unha estación falla, por comparar, para poder asignar de xeito máis doado unha calidade, ... como metodoloxía para aplicar un método á ciencia. Testabilidade, comparación, reproductibilidade, non son verbas ocas, aínda que, en segundo que campos da ciencia, se sofra de evidentes limitacións (ou, senón, cando imos poder reproducir o big bang e a historia posterior?)
Esta historia científica é extensible: O mesmo -ou de xeito parello- pode considerarse en relación ó xornais, blog, calquera tipo de fontes de información... información e transparencia para poder comparar mesmo partidos políticos ou decidir que imos comer mañá. De aí a importancia da diversidade e transparencia, que non é nin non dar ningún dato (o máis frecuente e doado) nin dar unha morea de datos sen ordear, ou dispersos, ou en formatos non accesibles, dificultando o seu tratamento ata -ás veces- facelo imposible. Un sinxelo fóra de servizo dunha estación meteorolóxica da lugar a que se valoren os datos, en particular aqueles dos que non se dispón.
---
Horas despois, volve a funcionar... e cos datos 'non rexistrados' segundo a imaxe, presentes...↩
...

2015/10/17

Resolvendo un problema (que tiven) de hai 35 anos

Non é un gran problema pero para min era como unha espiña. A historia tamén é sinxela, pero elocuente: aló hai 35 anos remataba de pasar un exame de oposición con éxito, pero a falta dun problema. Sabía facelo, ademais de varios xeitos, pero non din chegado a ningunha conclusión. Aínda hoxe en día non sei por que. O problema non era difícil ademáis era intuitivo... o caso é que, ontel, lembrando o tema por outra cuestión, e dun xeito informal, collín un papel e o resultado, en poucos minutos, é o que hai embaixo.
O enunciado, máis ou menos, dicía: "Nun reloxo de agullas, a agulla horaria, minuteiro e segundeiro coinciden ás 0 horas. Cando volverán coincidir?"
Todo o mundo sabe que cada 12 horas coinciden, pero, coinciden cada menos tempo?
A solución é doada e queda embaixo... 35 anos despois dun intento infrutuoso que aínda non sei por que o foi.
A primeira columna amosa o tempo que tardan en volver a coincidir minuteiro e horaria despois dunha coincidencia. A segunda desenvolve o cálculo para a recoincidencia de minuteiro e segundeiro. O tempo que tardarán en volver coincidir as tres dende unha coincidencia múltiple ten que ser múltiplo de ambos... Todo para chegar á conclusión evidente: tardan 12 horas, e non menos.
...

2015/10/06

Premio Nobel de Física 2015

A Academia falou: concedido exaequo a TAKAAKI KAJITA (Japón, 1959) e ARTHUR B. MCDONALD (Canadiano, 1943)
Co título 'os camaléons do espazo', o comunicado da Academia Sueca di que eles 'resolveron o crebacabezas dos neutrinos e abriron novas perspectivas en física de partículas'. A ilustración que acompaña á frase amosa unha partícula, redonda, sen identidade preestablecida, no intre de elixir vestimenta, calzóns de diferentes cores, coas letras tau (t, tauón) e (electrón) ou u (mu, muón). Certamente, expresión dun disfraz camaleónico que presentaría a partícula como diferente, sendo a mesma con diferente calzón.
Á beira da posibilidade de descargar o comunicado de concesión do Premio Nobel, unha pregunta a modo de alicerce: sabes que correntes de centeas de miles de millóns de neutrinos están pasando polo teu corpo cada segundo? A xulgar pola estatística que acompaña á pregunta, as 3/4 partes dos interesados na páxina que cubriron a resposta si o saben. Claro que... non creo que sexa algo que se poda estender á poboación en xeral, o de estar interesados no Premio Nobel de Física, e máis aínda, se non están seguros, dar a resposta...
O comunicado entra en materia apuntando que vivimos nun mundo de neutrinos. Quizáis houbera que apuntar que aínda non sabemos en que mundo vivimos, a xulgar pola obscuridade dalgunha enerxía e materia -a maioría de ambas-
Collido de https://en.wikipedia.org/wiki/Dark_matter
...

2015/10/05

Comentario sobre ecuacións e sociedade: Hawking e a venda de "Historia do tempo", un conto

No libro "Historia do tempo", S. Hawking comenta un consello co seu editor, que lle ven dicir, máis ou menos: "por cada fórmula (=ecuación) que conteña o libro, reducirase a venda á metade" (refeireime á frase anterior como 'comentario do editor', CdE). Aínda así, Hawking deixou unha expresión matemática.

Debemos entender entón que a venda de libros se reduxo á metade.
a)
A metade... de que? Como non hai unha definición numérica previa da posible venda inicial, podemos tomar algunhas hipóteses alternativas que poderían ser plausibles en ausencia dunha definición tal, e ver que pasa:
Hipótese 1. Infinito. Descartámola, pois a metade de infinito segue sendo infinito, e, a máis de limitacións de recursos, tampouco vemos nin que se venderan infinitos libros, nin que en consecuencia Hawking se fixera infinitamente rico. Hipótese falsa.
Hipótese 2. Venda limitada a que cada habitante da Terra mercara ao menos 1 libro. Coñezo a máis dunha persoa que non mercou o libro, logo tampouco é certa. Hipótese falsa.
Hipótese 3. Venda limitada a que cada familia con alguén alfabetizado mercara ao menos 1 libro. A demostración da súa falsidade é semellante ó caso anterior. Hipótese falsa.
Hipótese 4. Suposición de que o dito só afecta ás vendas de libros sen tratamento orixinal, e polo tanto, en inglés. De novo, a demostración é semellante ós casos anteriores, se ben reducida á poboación de fala inglesa. Ademais, nese caso deixaría á maioría da poboación mundial indefinida. Hipótese verdadeira.
Hipótese 5. O editor non tiña idea da venda máxima posible de libros, e o que dixo, CdE, é, en termos absolutos, unha tontería. Se ben é unha hipótese plausible, é indemostrable sen un coñecemento previo do editor e das circunstancias, pois non saberiamos como contrastala... parello en principio ó que pasaría cunha 'Hipótese 6' na que estableceramos un número concreto. Mais, neste caso (6) Poderiamos comprobar só que é falsa se estableceramos un número inicial menor do dobre dos exemplares vendidos ata o momento, pois non sabemos os que se van vender no futuro.
Ademais, debido ás posibles variantes de números posibles e polo tanto indefinición da hipótese 6, inclinaríame a pensar que a hipótese 5 sobre o CdE ten posibilidades de ser correcta. Imos logo por un comentario un pouco máis profundo do CdE.
b)
Aceptando a hipótese 6, que "o que dixo é, en termos absolutos, unha tontería", (algo que, repito, está sen demostrar aínda que é unha hipótese plausible), poderiamos tentar afinar o CdE para a súa aceptación, pois parece que nos poidera resultar algo lóxico, ou sexa, ter algo de verdade nas circunstancias que reodean á venda do libro, isto é, xeralizando, ás circunstancias da sociedade actual.
Así, poderiamos ter como un feito máis aceptable un enunciado débil (CdED) no que se manifestara "por cada fórmula (=ecuación) que conteña o libro, reducirase a venda", sen especificar cantidade. Certo que voltamos a estar na mesma definición da cantidade inicial, pero, aínda así, o CdED non parece unha 'verdade evidente'? O abandono das expresións matemáticas, fóra dos ambientes de estudo, investigación ou aplicación práctica de cuestións físicas ou matemáticas, xunto coa dificultade (tamén evidente en moita xente) de relación entre realidade física e a súa expresión matemática ou, de xeito equivalente, o significado físico de expresións matemáticas, resulta, senón unha proba, un forte apoio para a veracidade do CdED.

Tanto é así que esta entrada non contén ningunha expresión matemática, para evitar a diminución de lectores... e mesmo as dúas igualdades (tentando amosar conceptos como equivalentes no contexto dado, non números nin magnitudes!) foron desterradas, co que espero que o número de lectoras e lectores se aproxime asintóticamente no tempo a infinito...

Esta entrada participa na edición LXV do Carnaval de la Física/Antroido da Física. Blog anfitrión: Física e Química en Ribadeo. 

2015/10/02

Facendo visible un feito: podemos desprezar a atmosfera nos cálculos de g

Unha clase de 2º bac en física. Posta en situación: Gravitación, expresión usada para o interior de corpos sólidos: diferenza entre expresións a empregar para cálculos sobre nós e baixo nós. Unha pregunta: e por que non segue aumentando a gravidade cara enrriba se por riba das nosas cabezas segue a haber atmosfera? Por que non podemos empregar a expresión correspondente ó interior da Terra?
Ben, a resposta pode ser dada en varios niveis. Coido que se trata de explicar por que non serve a expresión usada no interior da Terra, derivada da expresión de Newton, e rematada de deducir. Unha resposta rápida, a densidade do aire e/ou a diferencia de masa entre parte sólida do planeta e atmosfera pode ser ilustrativa, pero...
Para disipar dúbidas, un cálculo sinxelo, comezable un pouco máis acó ou máis aló...
A masa da Terra é, redondeando, 6·1024 kg (dato que, con ou sen redondeo, usan repetidas veces no curso). E a masa da atmosfera?
Saben que a densidade aproximada do aire a nivel do mar é 1,29 g/L, ou, o que é o mesmo, 1,29 kg·m-3. Tamén saben dende hai tempo que a superficie da terra é duns 510 millóns de km2, polo tanto, 5,1·1014 m2. E que a gran maioría da masa da atmosfera está nos 10 primeiros km, que como moito, teñen a densidade do nivel do mar. Polo tanto, a súa masa, volume por densidade, da 5,1·1014·104·1,29 kg; é dicir, pouco máis de 6·1018 kg
É dicir, comparando a masa da atmosfera coa da Terra, da que é menor nun factor 106 : desprezable.
...
Esta entrada participa na edición LXV do Carnaval de la Física/Antroido da Física. Blog anfitrión: Física e Química en Ribadeo.

2015/08/05

Un vello libro, un novo pracer: Richard Feynman e O carácter da lei física

Feynman foi, no seu momento, un descubrimento para min. Hoxe volve selo, ó ler un libro que tiña aparcado dende hai moito para a súa lectura: a edición que rematei é de 1980, ano no que me costou 750 pts. Valía iso e máis, contradicindo a cita que atopo ó comezar ler un novo libro: Nowadays people know the price of everything and the value of nothing (O. Wilde, The picture of Dorian Gray)
Apuntei no seu comezo, cando xa me deixara embriagar: un libro para deleitarse comprendendo. E é que as conferencias ditadas en Cornell por Feynman no 1964 son, para min, unha obra de mestría didáctica sen menosprezar a literatura que levan consigo. Poucas cousas novas me descubriron: ó fin, é divulgación de hai máis de 50 anos. Pero sería mentir o tomar a frase anterior ó pé da letra, pois as imbricacións de ideas, métodos... que fan medrar na cabeza son tamén novidade, máis sutil que o que podan ser novedosos conceptos independentes.
Apunto noutro lugar: 'parece que fala do software libre', cando está a falar do que supoñería un desenvolvemento teórico da astronomía na época maia. Apunto tamén a substitución de intereses dunha ciencia para outra segundo van acadando unha certa maioría de idade e vexo o punto álxido de descubrimentos en física e a baixada de matrículas universitarias na disciplina, ou lembro que hai varias aproximacións diferentes á lei de Newton, cando vexo tres, que xa coñecía, pero que non as vira en conxunto dun xeito nídio ata o momento. Anoto parágrafos que serían convenientes para os meus alumnos... e para min.
Un pracer e un desfrute de coñecemento.
--
Esta entrada participa na edición LXIII do Carnaval de la Física/Antroido da Física. Blog anfitrión: El mundo de las Ideas.

2015/07/05

Apoio á liberdade de datos como fundamento para a liberdade (de investigación, pero non só)

Ás veces, as leis naturais sofren constricións non por outras leis de tipo natural, ou a súa aplicación vese entorpecida non por dificultades técnicas, senón por leis humanas.  Coido que tal tipo de restrición debera ser mínima, contemplando só como freo continxencias de forza maior. A declaración de A Haia (The Hague Declaration on Knowledge Discovery in the Digital Age) tenta garantir un mínimo de contemplación desa idea. Aínda non a refrendaches? e a túa organización?

2015/06/05

Un traballo xa vello: Selectividad de Física-LOGSE en Galicia: un resumen de 5 años

https://www.scribd.com/doc/267756200/Selectividad-de-Fisica-LOGSE-en-Galicia-Un-Resumen-de-5-Anos é un traballo feito polo grupo de traballo de Física nas PAAU e presentado ó congreso de ensino da física en Sevilla no ano 2001. Apareceu nas actas do mesmo (polo que parece, por un erro, sen o meu nome...)

2015/03/20

Actividades para a Eclipse de Sol de 2015 en Ribadeo

En tres fases:
1.Aviso


Nota de prensa
20150314


Actividades para a observación da eclipse de Sol en Ribadeo


O próximo mércores 18 de marzo a AVV O Tesón ten previsto usar o salón de presentacións da Casa das Letras para realizar unha charla sobre a observación da Eclipse de Sol do 20 de marzo. A charla será a partir das 20:00 horas.

Falarase do que é unha eclipse, as características da eclipse en Ribadeo e os métodos de observación, habida conta que mirar ó Sol, con ou sen eclipse, sempre é un perigo para a vista.

A charla será a preparación para a observación da eclipse, e será impartida por Antonio Gregorio Montes.

Como adianto, dicir que o comezo da eclipse será ás 9 e 7 minutos , e a fin, ás 11 e 20 minutos, despedíndose a eclipse de Galicia. O máximo será ás 10 e 11 minutos, momento no que as tres cuartas partes do Sol non se poderán apreciar.

Aínda que está prevista a observación por un grupo de coñecidos, a asociación non organizará unha observación dirixida pola dificultade de mantemento entre a xente de condicións óptimas que non danen a vista e a responsabilidade que leva consigo.
2.Preparación
Diapositivas usadas na charla: http://www.slideshare.net/Agremon/a-eclipse-de-sol-de-20-de-marzo-de-2015-en-ribadeo



3.Despois de
En Ribadeo pasou a eclipse 'sen pena nin gloria'.Nin unha nin outra,porque non se viu. Os estratos de nubes sobre a vila, movidos por un zumbón vento nordés, só permitiron observar pouca luz: unha diminución lixeira ó comezo, pois o Sol aínda estaba baixo, e unha claridade máis aprezable despois, xa co Sol máis alto e coa mesma nubosidade.
A próxima eclipse de Sol en Ribadeo? En agosto de 2017, veremos unha minieclipse onde o Sol quedará reducido só un 12%.
As de Lúa, máis frecuentes, terémolas tamén máis preto: o 4 de abril haberá unha, pero non será visible dende as nosas casas. A que si será é a da madrugada do 28 de setembro, en seis meses. Total, como moitas das eclipses de Lúa. Unha animación dende https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/7/78/Animation_September_28_2015_lunar_eclipse_appearance.gif
Noutro blog: Preparación para esta eclipse de Sol
A eclipse de Sol de 2005
--
Posterior: http://www.gciencia.com/apod-galego/unha-eclipse-dobre-de-sol/ :

2015/03/09

Enfocando xa a Galiciencia 2015

Atopo na rede a seguinte información (que completo con ligazóns):
1.
Galiciencia
Feira científica de Galicia
mércores, 18 de novembro de 2015 ata venres, 20 de novembro de 2015
San Cibrao das Viñas (Ourense)
A Galiciencia é a maior feira científica de Galicia. Está patrocinada pola Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e celebrarase no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole os días 18, 19 e 20 de novembro de 2015. A estrela da feira é a exposición de proxectos de investigación e innovación presentada por equipos de estudantes de todas as idades, desde Primaria ata Bacharelato, acompañados polos seus profesores. Arredor dela, organizaranse tamén actividades paralelas, como obradoiros e espectáculos, relacionadas co Ano Internacional da luz e das tecnoloxías baseadas na luz.
O obxectivo principal da Galiciencia é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas con ideas innovadoras. A posta en práctica do método científico, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades para expoñer os seus proxectos ao público son algunhas das aptitudes que os participantes melloran grazas a esta actividade.
Desde mediados do mes de abril ata final do curso escolar organizaranse tamén cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar os seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terán lugar en horario de tarde, xa están abertas
Máis información nesta ligazón
2.
CURSO PARA PROFESORES:
Método científico
¿Pode un alumno investigar? A resposta é que sen dúbida si. O curso ten como obxectivo ofrecer ao profesorado unha formación específica para introducir a investigación na aula como ferramenta educativa. De carácter eminentemente práctico, reproduciremos todo o proceso investigador asumindo o rol de alumnos a medida que introducimos os contidos relativos a cada un dos aspectos implicados na tarefa investigadora.
Aínda que a percepción social da investigación está moi ligada aos ámbitos científico e tecnolóxico, a investigación pode integrarse en calquera materia, polo que o curso está aberto ao profesorado de todas as áreas.
CONTIDOS
1. ¿QUE ENTENDEMOS POR INVESTIGAR?.
A percepción de alumnos e profesores non sempre é a mesma.
É necesario coñecer as ideas preconcibidas dos estudantes antes de iniciar proxectos de investigación.
2. ¿QUE É UN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN?.
En moitas ocasións non se ten unha idea clara. Presentaremos os distintos tipos de proxectos e os enfoques metodolóxicos que implican.
3. A MIÑA PRIMEIRA INVESTIGACIÓN. O MÉTODO CIENTÍFICO.
Todos os alumnos dos últimos cursos da ESO e Bacharelato coñecen a nivel teórico o método científico. Pero poucos deles o aplicaron. Antes de iniciar un proxecto, é interesante desenvolver “pequenas investigacións” que se levan a cabo nunha a sesión e permiten que o alumno adquira as destrezas básicas do investigador.
4. SELECCIÓN DE IDEAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS.
Sen dúbida, un dos aspectos máis críticos á hora de levar a bo porto un traballo é que o tema sexa o adecuado. Por isto, valoraremos as problemáticas asociadas á elección.
●Que se axuste ás capacidades e coñecementos previos dos alumnos.
●Esperte interese e curiosidade.
●Dispoñamos dos recursos necesarios.
●Sexa viable tecnicamente.
●Ofreza resultados cuantificables.
5.¿COMO SE ESTRUTURA O TRABALLO DE INVESTIGACIÓN EN SECUNDARIA?
A grandes trazos, e con pequenas modificacións en función da área de coñecemento, existe un modelo xeneralizado a seguir. Veremos que implica cada apartado cando o adaptamos a os nosos alumnos.
1. Introdución.
2. Hipótese.
3. Metodoloxía (material e métodos).
3.1.-Asignación de significado e determinación dos valores e/ou categorías para as variables independentes.
3.2.-Deseño de utensilios experimentais e/ou dos documentos de recollida de información.
3.3.-Deseño do traballo de campo, documental e/ou de laboratorio.
3.4.-Desenvolvemento do traballo de investigación e recollida de datos.
4. Resultados e discusión.
5. Conclusións.
6. Bibliografía.
6. ¿QUE FUNCIÓNS TEN O TITOR?.
A principal responsabilidade do profesor é a dirección dos proxectos, e para isto é fundamental ter claras as funcións que lle corresponden e como afrontar as situacións que se van presentando a medida que avanza o proxecto. Analizaremos o difícil equilibro alumnos-titor e acoutaremos funcións.
7. EXEMPLO DE PROXECTOS XA REALIZADOS.
Sen dúbida, é de gran axuda dispoñer de modelos xa existentes. Veremos traballos xa finalizados e presentados a concursos e feiras que nos permitirán realizar unha análise crítica e valorar as problemáticas máis habituais que se producen durante a redacción da memoria.
8. ¿E AGORA QUE FACEMOS CON EL?.
Se queremos aproveitar todas as posibilidades educativas de embarcarnos nun traballo de investigación, debemos transmitir aos nosos alumnos a importancia de compartir o coñecemento e de saber comunicar o noso traballo. Para isto, dispoñemos da opción de presentalo tanto a concursos como a Feiras Científicas.
8.1. PRESENTACIÓN A CONCURSOS.
Existen gran cantidade de concursos aos que presentar o traballo. Presentaremos os principais existentes neste momento. 8.2.AS FEIRAS CIENTÍFICAS. GALICIENCIA.
Sen dúbida, unha das experiencias máis enriquecedoras para os estudantes é presentar o seu proxecto nunha feira científica. Para a participación, hai que preparar distintos aspectos, que van desde o deseño do stand á defensa oral. Como parte das actividades do curso, prepararemos o noso stand a escala e veremos as dificultades que implica para un alumno a defensa oral do proxecto.
●Preparación do proxecto.
●Redacción memoria e da documentación de inscrición.
●Defensa oral de proxectos.
●Galiciencia, unha oportunidade única para os nosos alumnos.
O curso é coordinado por David Ballesteros, profesor e titor de máis de 110 traballos de investigación levados a cabo por estudantes de secundaria de entre 12 e 18 anos durante os últimos 15 anos. Colaborador habitual do Parque Tecnolóxico de Galicia en proxectos de divulgación científica para mozos, é tamén socio activo de MAGMA, entidade que promove a investigación entre os mozos e que organiza a maior feira científica para mozos de España: A “Exporecerca Jove”. Contará coa colaboración como docentes de profesores cunha ampla experiencia educativa e no desenvolvemento de proxectos de investigación con estudantes.
Duración: 6 horas (3 horas/día).
Público: Docentes de Primaria/Bacharelato/Secundaria/FP.
Horario: 18h-21h.
Inscricións: sabela@tecnopole.es.
¿Cando e Onde?
CURSO DOCENTES_GALICIENCIA
Lugar - Datas - Centro/Entidade
ABRIL
San Cibrao das Viñas 13-14 abril Tecnópole
Celanova 20-21 abril IES de Celanova
Castro Caldelas 27-28 abril CPI Virxe dos Remedios
MAIO
Lugo 4-5 maio IES Xoán Montes
Sarria 6-11 maio IES Xograr Afonso Gómez de Sarria
Ribadeo 12-18 maio IES Dionisio Gamallo
Ferrol 19-20 maio IES Ferrol Vello
Pontedeume 25-26 maio IES Fraga do Eume
XUÑO
Vilagarcía 1-2 xuño IES Castro Alobre
Lalín 3-4 xuño IES Laxeiro
Vigo 8-9 xuño IES Santo Tomé de Freixeiro
Santiago 10-11 xuño IES Rosalía de Castro
E, relativo ás Galiciencias e á formación sobre proxectos de investigación, máis info.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.