Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ciencia na rúa. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Ciencia na rúa. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

2024/05/09

O Ies de Ribadeo Dionisio Gamallo, no día da Ciencia na Rúa de A Coruña

Adxunto a nota de prensa con imaxes cedidas e algún comentario:
 

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado [4 de maio] na Coruña.

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.

Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.

Pola súa banda, o alumnado de 2º ESO presentou un orixinal despertador lumínico e unha maqueta coa que explicaban os tipos de poleas: fixas, factoriais e exponenciais. Finalmente, alumnas de 3º ESO, amosaron un bastón para invidentes e tres maquetas relacionadas coa fisioloxía humana: o ril e a nefrona, os grupos sanguíneos e a circulación sanguínea.

Foi un día dedicado á divulgación científica pero tamén a aprender cos traballos elaborados polo resto de centros participantes e disfrutar no Planetario, na Casa das Ciencias ou explicando os experimentos a algúns “Grandes da Ciencia”, cabezudos con rasgos de Marie Curie, Jacques Cousteau, Charles Darwin e Isaac Newton entre outros.[Ver imaxe en baixo]

O alumnado recibiu numerosos parabéns e o IES de Ribadeo foi merecedor do Premio Javier Novelle 2024 pola “magnífica selección de traballos presentados” [ver imaxe en baixo]. O profesorado acompañante considera que é unha honra recibir un premio no que se rinde homenaxe a Javier Novelle, impulsor durante vintecatro anos do Día da Ciencia na Rúa [artigo na Galipedia] e fiel visitante da Feira da Ciencia ribadense que este ano chega á súa XXIX edición e celebrarase os días 13 e 14 de xuño con interesantes proxectos.

 



2018/05/08

Actividades de divulgación: día da ciencia na rúa e Galiciencia

O pasado sábado, día 5, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estivo representado no XXIII día da Ciencia na Rúa de A Coruña, por un grupo de 40 alumnos acompañados por tres profesores. Na jaima puidose ver un estudo sobre especies invasoras, a experiencia da columna de lume e a da man incombustible, o funcionamento do xerador de van de Graaf e a bobina de Tesla, ilusións con boliñas do mesmo índice de refracción ca auga, experiencias de electrización e presión, etc.
A carpa do IES estivo amplamente concorrida durante toda a xornada. As experiencias e montaxes realizados foron unha selección dos presentados na última feira da ciencia do IES, adaptados ás condicións do día da Ciencia na Rúa.
A viaxe foi pagada pola Asociación Amigos da Casa das Ciencias, que colabora co centro educativo que mantén a feira ribadense dende hai máis de dúas décadas.
O martes 8, un equipo de dous alumnos e un profesor partirá á Galiciencia, que se desenvolverá en Ourense dende mércores a venres da semana. Presentarase un estudo realizado no centro: Hai sesenta anos e hoxe, o clima en Ribadeo. Dito estudo compara as principais magnitudes da temperie ribadense na década dos cincoenta do pasado século e na última década. Será presentado con outros realizados en diversas partes de Galicia e da península nesta feira científica de importancia estatal.
Foto cedida por un visitante






2012/04/20

Un proxecto de ensino e investigación, relacionado para Xerfa 2012


-->
Facendo e difundindo investigación - 2012

Érase unha vez … un arce. Non unha árbore, non, senón un proxecto dunha Agrupación de Centros Educativos1 (*) a nivel estatal …
Nesas andamos, este curso, tres centros, o Instituto El Cairat, de Esparreguera (Barcelona, Cataluña)2, o IES Pare Vitòria, de Alcoi (Alicante, Valencia)3 e nós, o IES Porta da Auga, de Ribadeo4, en Galicia. Este curso, e o pasado, pois é por dous cursos, aínda que existe a posibilidade de amplialo a tres.
Coido que o título di abondo do que se pretende. Para logralo, o Ministerio de Educación outorgou 8 200 € para o bienio a cada un dos centros participantes para o desenvolvemento de actividades. En compensación, o profesorado implicado en cada centro poñemos o noso traballo, e o alumnado, tamén. Uns e unhas, organizando e espoleando ás outras e outros, e os outros formándose e vivenciando de mellor xeito. Ou así debera ser e se pretende que sexa.
Polo momento, coa maior parte do tempo xa transcorrido, todo vai segundo o previsto. Como indica o título, trátase de que os alumnos teñan un trato de ti a ti con cousas que non se coñecen (nin eles nin os profesores) para coñecelas algo mellor a traverso da investigación. E iso, a mesma xente que a fai e outra que a pode arrodear: de aí o de facer, pero tamén difundir.
A idea naceu de contactos anteriores relacionados coa feira da ciencia. En particular, do paso de diversos proxectos da feira pola Galiciencia de Ourense, ó longo de varios anos, e o contacto con xente de Vigo e de Cataluña. O bo facer e o trato continuado permitiron unha elección inicial de centros que ó final non puido ser total por ter que participar centros públicos, non privados. Para compensar o anterior, seguíronse duas liñas diferentes. Unha, non prescindir totalmente do colexio Alborada de Vigo5, organizando con el os 'Foros Comunitarios' que son parte fundamental do proxecto, aínda que a súa parte teña que facela cubrindo os gastos con fondos propios dos alumnos e do centro6. Outra, o reforzar a parte institucional do proxecto dando acubillo a un centro descoñecido por nós de xeito directo, pero coñecido pola xente de Cataluña e do que, procurando información, obtivemos moi boas referencias como gañador de varios premios a nivel nacional, o IES Pare Vitòria.
Así chegou o comezos do curso 2010/2011 … sen confirmación do proxecto. O dito de que as cousas do Pazo van despazo fíxose valer unha volta máis de xeito que ía ben avanzado o primeiro trimestre cando chegou o 'si' do Ministerio. Daquela xa estaba programada a práctica totalidade de actividades relacionadas co proxecto que viñeron despois: a asistencia un ano máis a Ourense á Galiciencia en novembro, a Feira de Ciencia de Ribadeo e o Foro Intercomunitario coa visita á Coruña no día da Ciencia na Rúa7. A unha máis, a Exporecerca Xove, non presentamos ningún alumno.
Respecto á Feira de Ciencia, pódese ver cantidade de información na web do centro8, na de As Feiras de Ciencia na Galiza9 ou nos xornais do momento, como evento que foi vivido pola totalidade da comunidade educativa, participando boa parte dela de xeito direito. O curso 2010/2011 foi a XVII edición, gozando de boa saúde, presentando un montón de proxectos e intereses na reproducción, difusión e investigación de experiencias, montaxes e problemas diversos presentados por xente dende 1º ESO a 2º bac. E a XVIII edición, deste 2012, 'aínda está quente' e na memoria de todos cando se fai este escrito, continuando na mesma liña que as anteriores edicións.
Na Galiciencia10 mantida no outono do 2010, participaron tres proxectos11 diferentes de catro alumnos, que logo serían repetidos e mellorados na Feira de Ciencia. Algo semellante pasou na Galiciencia 2011, na que participaron cinco alumnos con tamén tres proxectos12. Como en anos anteriores, serviu de xeito de contacto con alumnos doutros centros, de trabar amizade e tamén saber o que se cocía neles a nivel de investigación e actividade educativa en xeral. E de pasalo ben, como pode testemuñar a xente que alí foi. Para todo hai tempo en tres días (e tres noites) en Ourense. As anécdotas, que as houbo, que as conten as implicadas ou implicados. Aquí, dicir tan só que os momentos de exposición, con visita de centros de toda Galicia, foron complementadas con baños nas termas ou unha visita a Ourense, e comentados longamente polas noites. Os proxectos pasaron polo tamiz dos organizadores, o Centro Tecnolóxico de Galicia13, que limitou o número de alumnos participantes de cada centro, a máis da elección de proxectos no interior do IES.
En canto ó terceiro e cuarto pés visibles, o Foro intercomunitario e o día da Ciencia na Rúa, tiveron lugar en maio, en San Vicente (O Grove - Pontevedra) e na Coruña respectivamente, de xeito consecutivo (os eventos deste curso 2011/2012 aínda están por chegar cando se escriben estas liñas). Ó primeiro, con alumnos dos catro centros citados (de Alcoi, Esparreguera, Vigo e Ribadeo) foron presentados 35 proxectos de investigación, e expostos secuencialmente durante dous días por xente de 4º ESO. Ó segundo, onde se uniu máis alumnado do noso centro, pero non participaron os dos outros centros, foi unha grande feira na que participaron máis de mil alumnos duns trinta centros dende o preescolar á universidade, aberta ó público coruñés e galego. Mostra na que, como xa é común, o noso IES era de abondo máis lonxe que o seguinte máis lonxano ...
Ó Foro asistiron con 13 traballos 17 alumnos de 4º ESO do Porta da Auga, que interactuaron de día e de noite cos outros participantes. De alí, o sábado, á Coruña, de onde retornou un autobús enteiro, pois na cidade uniuse a xente voluntaria que quixo, que resultou ser básicamente de primeiro de bacharelato, tanto de ciencias como de letras, pois tanto uns como outros presentaron proxectos para a feira. A xuntanza do grupo que partiu direitamente de Ribadeo co que asistiu ó Grove realizouse nunha área de servizo próxima á Coruña e foi unha cousa curiosa.
A modo de exemplo de como transcorren as actividades do proxecto, no II Foro Intercomunitario, entre outras cousas, houbo reunións correspondentes ó profesorado, realizáronse un cartel e un díptico, adiantouse ó resto dos centros un resume de cada unha das ponencias participantes para unha primeira orientación dos asistentes, houbo presentacións recíprocas dos diferentes centros, fíxose unha visita conxunta, ós asistentes fóilles entregado un diploma de participación e un detalle para lembranza, está en marcha -a piques de rematar- a edición dun libro coas fichas de todos os traballos presentados, realizouse un CD coas fotos do evento, … etc.
Quedan uns meses máis14. Neste segundo curso, o 2011/2012, básicamente estáse a repetir o xa feito o curso pasado en relación á estrutura e eventos, cambiando o Grove por O Carballiño, e non asistindo tampouco, por razóns que non veñen a conto, ós tres días da exporecerca barcelonesa. Naturalmente, está a ser totalmente novo en canto ós traballos presentados. Traballos que na súa case totalidade foron comezados este mesmo curso, e que levarán ós seus autores e autoras a outros lugares da xeografía, a compartir outras experiencias e trabar novas relacións humanas e 'de traballo'.
Antonio Gregorio Montes


(*) Este artigo refírese ó PROXECTO ARCE - Convocatoria 2010 Modalidad A “Investigación haciendo y difundiendo”, aprobado en disposición 18154 [Resolución de 18 de novembro de 2010, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, pola que se resolve a concesión de axudas das Modalidades A e B destinadas a promover Agrupacións de Centros Educativos para a realización e posta en prática de proxectos comúns (Programa ARCE) - BOE 25/11/2010]15. Os datos están collidos do Informe progresivo 2011 do IES Porta da Auga (cód. 27010945) e dos documentos previos ó Informe final, aínda sen realizar.

6Así se deu o caso no pasado foro, celebrado en O Grove, de que os nosos alumnos viron que ían gratis (os 3 € establecidos polo centro como axuda ó desprazamento) a unha actividade que ós vigueses lles costaba abondo máis, máis de 40 €.
7De todas elas se deu nova no blog do IES, http://portadaauga.blogspot.com
14O proxecto remata oficialmente en novembro. Está previsto nas bases que se poda ampliar un ano máis, a tres, pero non habería que contar con elo.

2023/05/13

O IES de Ribadeo e a Ciencia na Rúa. Susi Besteiro



    Un ano máis, e xa van 27, o IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou no Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado 6 de maio na Coruña. Aló fomos pasar o día un total de 31 alumnas e alumnos de 1º, 2º e 4º ESO acompañados por Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro para presentar traballos realizados no Club de Ciencia e na materia de Proxecto Competencial.  
    Nesta edición o noso alumnado explicou moitos e variados proxectos que chamaron a atención do numeroso público. Os máis pequenos levaban réplicas caseiras dunha fonte infinita,  “A fonte de Herón”, e da “Copa de Arquímedes” coa que o científico trataba de  ensinarlles aos alumnos a importancia da mesura. Tamén amosaban  o proceso de extración do fío de seda no traballo “Da eiruga ao fío”, o comportamento dun “Globo non newtoniano” e unha mostra dos rodolitos procedentes da “Praia das Palomitas” de Fuerteventura, que aínda que parezan comestibles son estruturas calcáreas formadas por algas.
    Os medianos cautivaron aos visitantes co “Proxector Holográfico”, unha estrutura feita con metacrilato que permite transformar vídeos dun smartphone ou tablet en hologramas 3D e co “Hotel de insectos” con aposentos de madeiras, pedriñas e pallas. Asimismo, ensináronlles a moitos nenos e nenas a construir “A Ponte da Vinci”, unha ponte autoportante que se suxeita co seu propio peso.
    Por último, os grandes foron os encargados de explicar a importancia do centro de gravidade co “Paradoxo mecánico”, un artiluxio que parece desafiar as leis da gravidade xa que sobre el, aínda que pareza mentira,  un simple bicono fabricado con dous funís de plástico  “sobe baixando” ou “cae cara arriba”. Tamén explicaban a importancia do pH e para medir o grao de acidez e levaban feita unha “Escala caseira de pH” co líquido resultante de cocer col lombarda e amosaron a  viraxe de cor que experimentaba o papel indicador tamén elaborado por eles, ao engadirlle produtos de uso común, como vinagre, bicarbonato, leite, deterxente ou lixivia. Finalmente co traballo titulado “A cor das hortensias” relacionaban a cor das flores destas plantas co pH do solo, canto máis ácido, máis azuis e canto máis básico, máis rosas.
    Queremos felicitar ao noso alumnado por dedicar este día á ciencia: divulgando os traballos propios e aprendendo dos que levaban os outros participantes.  Agora só queda expoñelos na propia casa ao remate do curso, na que vai ser o XXVIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de xuño. Estades invitados!

Susi Besteiro

 (Primeiro publicado, sen ligazóns, en https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/1143)

2020/09/16

Novelle

Nota: Este artigo é copia de https://www.ribadeando.com/2020/08/novelle.html

Novelle

Pode que non o coñezas: non foi político, nin artista, nin celebridade mediática... mais a súa influencia a nivel Galicia non é desprezable.

Coñecín a Javier Novelle no ano 2000. Coñecímonos. Ou máis ben, deba dicir coñeceume: preparando el a 5ª edición do Día daCiencia na Rúa, tivo noticia da Feira da Ciencia que mantíñamos no daquela IFP Porta da Auga e achegouse a Ribadeo para ollar a nosa VI edición e invitarnos a participar na Coruña. Dende aquela, non faltou a participación ribadense na festa científica coruñesa ata o día de hoxe: foi o comezo dunha amizade na que el, sorridor empedernido, desbordante de vida co seu ímpeto calmo, puxo o comezo, e agora, o final.

Morreu hai un par de días, xusto a piques do seu setenta cumpreanos, pero moitos anos despois de que a súa vitalidade quedara para min impresa na constatación da amizade. Era difícil non facerse amigo del a pouco trato que se tivera. Podías comezar relacionándote con el a nivel profesional, como foi o meu caso, mais, animado, xeneroso, activo, de seguida pasabas a ser cómplice da súa amizade.

A súa vida vese malamente compendiada na introdución do artigo que lle adica a Galipedia: “Francisco Javier Novelle Secades, nado en Teberga (Asturias) o 15 de agosto de 1950 e morto na Coruña o 14 de agosto de 2020, foi un activista difusor científico e profesor que desenvolveu a súa actividade en Galicia.” Malamente non porque non sexa reflexo da realidade, senón porque un relato referenciado como o que é necesario na Galipedia non é capaz de reflectir toda a vivez dunha vida na que a súa actividade cara á sociedade non pode separarse das vivencias internas, dos amigos, do desenvolver diario. Pode poñerse nun artigo enciclopédico o seu cariño pola terra natal, algo íntimo, lugar onde se sentía a gusto e retornaba unha e outra vez? Non. Todo o máis, pode poñerse algo como que gustaba de visitala. Hai unha diferencia grande que calquera que teña sentimentos parellos pode recoñecer.

Profesor no IES Calvo Sotelo de A Coruña, ós seus alumnos tíñaos presentes de continuo, pero será coñecido e recoñecido polo impulso que levou ó Día da Ciencia na Rúa ó que é na actualidade: un referente galego de difusión científica. Pode dicirse que, como instrumento, tiña a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, da que entrou a formar parte na súa primeira directiva aló polo 1993, rematando como presidente o día da súa morte. E, dentro da asociación, cousas como as visitas periódicas a diferentes lugares da xeografía galega, sexa para recoller cogomelos, empaparse da historia dun lugar, estudar a xeoloxía dunha zona, entender o funcionamento dun laboratorio, dar un paseo sentido por unha fraga... ou moitas outras, deron impulso a un núcleo non só de amizade, senón de coñecemento e transmisión de vitalidade ás persoas e ó entorno. E non foi a única asociación na que puxo o seu gran de area. Distinguindo ben os campos de actuación, tamén foi presidente e impulsor da Asociación de Ensinantes de Fabricación Mecánica.

O mesmo que un artigo enciclopédico ten uns límites estritos, unha pequena semblanza tamén ten limitacións: non pode traer á persoa con todas as súas luces e sombras, e menos aínda a riqueza dunha vida. En algún lugar hai que cortar, sabendo que non se chega amosar nin a punta do iceberg.

Javier, mentres a terra non cubra ós teus amigos, seguirás vivo. E despois, os efectos das túas obras han continuar relevantes aínda por moito tempo.

--

Lembranza no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

2017/05/08

Ribadeo no Día da Ciencia na Rúa de A Coruña

O sábado 6 de maio de 2017, un grupo de máis de 50 persoas do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou no Día da Ciencia na Rúa de A Coruña, como ven facendo máis de dous decenios.
Os Amigos da Casa das Ciencias, organizadores do evendo, invitaron un ano máis ó centro a levar á Coruña actividades que foron presentadas na Feira das Ciencias de Ribadeo. Alí, a atención á xente que se achegou á carpa foi constante, pois constante foir tamén o paso de xente, á que se uniron estranxeiros (houbo varias explicacións que foron dadas en inglés) ou personalidades, como o alcalde de A Coruña, que se interesou polos proxectos presentados, como amosan as fotos adxuntas.

Claro que 'non todo foi alcalde' (da Coruña), como se poden ver nas outra fotos:



E houbo tempo tamén para visitar de pasada outras carpas e actividades:



Máis información, pouco a pouco en As Feiras de Ciencia na Galiza.

2007/05/07

Día da ciencia na rúa de A Coruña



Facendo un breve percorrido polo que foi o día da ciencia na rúa ('Día de la ciencia en la calle', XII edición, unha menos que a nosa feira), preséntanse aquí dúas fotos obtidas por un visitante portugués, na nosa carpa (a segunda) e na da beira (a primeira). A reseñar que en ambas o pequeno ten na man o globiño que se levou da nosa, unha posible sinal do que lle gustou máis :-)

2022/06/11

Da XXVII Feira da Ciencia e Tecnoloxía

    A primeira feira de ciencia e tecnoloxía postpandémica de Ribadeo, 27ª edición, 2022, só pode cualificarse como un éxito atribuíble ós alumnos liderados por Mª Jesús Besteiro. Chega con falar cos alumnos participantes para pulsalo, pois non só son os artífices senón tamén os beneficiarios directos. Por suposto, a xente visitante coa que puiden falar tamén ten unha opinión semellante. Mágoa que xa rematara e, se non pasaches polo IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, xa non tes oportunidade, pois xa pechou. De calquera xeito, aquí deixo un pequeno apunte que pode servir de sucedáneo. Da nota de prensa enviada ós medios a algún vídeo de explicacións, pasando por fotos e mesmo unha exposición externa que complementaba o feito polos alumnos.

    Aquí queda:

Das Catedrais á Lúa na XXVII Feira da Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

Ribadeo, 9 de xuño, 2022. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo non quixeron rematar este curso de volta á normalidade sen celebrar a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, unha actividade emblemática que xa vai pola XXVII edición e que baixo o lema “Das Catedrais á Lúa” inclúe traballos moi diversos, algún dos cales xa foron presentados en Coruña, no Día da Ciencia na Rúa.

O alumnado de 1º ESO explica a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosan cranios de vaca, corzo, cabalo can, tigre, porco, xabaril e coello indicando as principais características dentarias dos herbívoros ruminantes e non ruminantes, dos carnívoros, omnívoros e roedores. Tamén animan a loitar contra a avespa asiática facendo trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da velutina, unha especie invasora que pon en perigo ás nosas abellas.

Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, presenta dende traballos elaborados en tecnoloxía coma hoteis para insectos polinizadores ou paradoxos mecánicos ata traballos de xeoloxía, concretamente da Praia das Catedrais. Reproduciron en pasta de modelar faias, grutas, túneis rochoso, ollos, arcos e farallóns e con eles amosan as distintas fases de evolución do cantil e o retroceso da liña de costa. A visita complétase coa exposición titulada “Mulleres que nos levaron á lúa” cedida pola unidade de Igualdade da Universidade de Vigo coa que se trata de visibilizar o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Coa axuda da Comisión de Igualdade, as alumnas de 1º ESO fan un repaso pola biografía de mulleres como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden. Trátase de mulleres enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiveron como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria do Apolo XI, fixeron de computadoras humanas, deseñaron a alimentación axeitada para os astronautas, descubriron novos combustibles ultralixeiros así coma outras moitas contribucións sen as cales non sería posible o lanzamento exitoso da nave e sen embargo non aparecen nos libros. Deste xeito, promóvese a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, foméntase a atracción das nenas ribadenses cara á ciencia e as enxeñarías e divúlgase o saber porque “os bos costumes non poden perderse”.

-

Vídeos e outro material:

Sobre o centro de gravidade:

Hoteis de insectos:

Rochas sedimentarias:

A formación das Catedrais:
Dentición dos ruminantes:
Dentición herbívoros non ruminantes:
Dentición dos omnívoros:
Dentición dos carnívoros:
Dentición dos roedores:
Trampas de velutina:

Sobre o electroimán
E complementos: exposicións. A primeira que deixo en baixo, a única externa, compleméntase coa entrada na Galipedia 'Mulleres na NASA', aínda que as mulleres das que trata non só traballaron coa NASA.










 


 E outros murais e exposicións, novas ou xa integradas no IES (non poño o museo de ciencia, que queda para outra):

Complemento: ciencia, muller, esforzo.


Unha mirada matemática, exposición doutros anos no IES




2007/11/09

Presentación da feira da ciencia




Presentación da Feira da Ciencia deste ano, segunda parte, que terá lugar o 14 e o 15 deste mes, e que corresponde ó seguinte comentario e nota de prensa:
O día 8 de novembro tivo lugar a presentación da segunda parte da Feira da Ciencia deste ano. Participaron nela Alfonso Piñeiro, Mº Jesús Besteiro e Antonio Gregorio, ilustrando en conxunto o marco no que se inscribe, a semana europea da ciencia neste ano que tamén é o ano da ciencia, a colaboración entre a Asociación Cultural Xerfa e o IES, a subvención por parte da Dir. Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, etc. Incidiuse tamén en aspectos concretos da feira, dende a exposición de cogomelos, adiantada unha semana respecto ó resto de presentacións por motivos de axenda do IES, á nominación doutras experiencias que terán lugar no IES o 14 e 15 de novembro, en horario de tarde (16 a 18h).
Fíxose fincapé na autoría dos alumnos do IES e en que son os principais aproveitados no obxectivo declarado desta actividade, estender a comprensión e o interese pola ciencia. Son eles tamén os que xa amosaron en diversas ocasións experiencias e montaxes da feira no día da ciencia na rúa de A Coruña e o farán a finais de mes en Galiciencia (da que haberá información máis puntual).
Nota de prensa:

Resume de datos sobre a feira de ciencia:

Organizan:

IES Porta da Auga + Asociación Cultural Xerfa

Subvencionan:

Semana da Ciencia + Ano da ciencia 2007 + Dir. Xeral de investigación, desenvolvemento e innovación Xunta Galicia (prog. Diverciencia) + EnCiGa

Data, lugar e hora:

IES Porta da Auga, Ribadeo

14 e 15 de novembro

16-20h.

Traballos previstos:

Cogumelos (exposición previa, 7-9 nov.)

Convección

Aceleracións inerciais

Timbre salgado

Variables dos tornados

Depósitos fluviais

Tensión superficial

O motor eléctrico máis sinxelo

O punto cego

Flota ou mergúllese?

Estudo da dilatación dos metais

Experiencias con nitróxeno

Mesa de billar trucada

Dermatoglifos

Modelos xeolóxicos

A idade dos peixes

Diafragma: músculo respiratorio

O baile dos confites

O globo faquir

Participantes:

Diversos alumnos do centro

Obxectivos:

Extender a comprensión e o interese pola ciencia

2012/05/03

Unhas verbas sobre a feira da ciencia 2012 (XVIII ed.)

18ª edición da feira da ciencia en Ribadeo. Breve reseña
A comezos de abril, o 12 e o 13, tivo lugar a última feira da ciencia en Ribadeo. A última edición celebrada no IES Porta da Auga antes da súa desaparición desenvolveuse, como os últimos anos, no pavillón de deportes anexo ó IES, cun pouco menos de espazo e menos tempo de adicación que en anteriores edicións. Este ano tivo un bonito cartel anunciador, pero non estivo acompañado do díptico que se fixo característico nas últimas edicións amosando a relación de traballos participantes. Si quedan reflectidos en internet e sobre todo, na nosa lembranza, na de todos os participantes, aínda que non de xeito único, pois aí están tamén as testemuñas nos xornais, na radio e mesmo na televisión, consultables asemade en internet. 
Estánse a analizar as primeiras enquisas que se realizaron de avaliación da feira. Cos resultados aínda preliminares, pois a maioría das enquisas non se retornarán antes de mediados de maio, aparece claramente o desexo da xente enquisada de que dure máis tempo e se lle adique máis espazo en futuras edicións. Entre agora e o posible futuro está un cambio de edificio nunha unión de centros que fai que se plantexen novas miras e novas preguntas para próximas veces, novidades que en calquera caso suporán cambios no que se fai na actualidade. 
Asemade, nas avaliacións do papel de cada quen na feira vese que a xeralidade da xente que participou está ufana co seu papel, e de xeito derivado, que vería con bos ollos o seguir participando, aprendendo e desfrutando, que querería facelo en anos sucesivos, de acordo co que se escoita ó final do vídeo realizado co motivo da primeira feira: cando unha feira remata, comeza a seguinte. 
Mentras, a sombra da feira exténdese non só ó que se aprendeu, ó que agora se sabe facer, a nunha vivencia diferente, ... non só en internet e nas novas dos xornais, senón tamén máis aló da xeografía, a traverso do día da ciencia na rúa de A Coruña ou do Foro interautonómico encadrado nun proxecto de asociación de centros (ARCE) que este ano ten lugar no Carballiño, lugares nos que se amosan traballos realizados para a feira e que levan o nome do centro pola xeografía galega e máis aló.

2024/06/10

Fin de curso no Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Susi Besteiro


 

Fin de curso no Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

    O último luns de maio, o alumnado do Club de Ciencia do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo xunto co profesorado implicado: Andrés Rodríguez, Javier Rodríguez, Noelia González e Susi Besteiro, xuntámonos coma sempre no recreo de mediodía pero esta vez non era para facer experimentos senón para celebrar o final do Club de Ciencia por este curso.

    Tocaba ademáis, facer balance. Realmente, estamos satisfeitos da marcha do club xa que case 30 alumnos e alumnas participaron voluntariamente durante todo o curso. Aínda que as primeiras sesións foron conxuntas e dedicadas á tan de moda Intelixencia Artificial, logo houbo que facer separación por niveis. O alumnado que cursou 1º ESO, foi descubrindo cada luns experimentos sinxelos: dende xogar con palillos máxicos, xeo seco ou fluídos non newtonianos ata construír visores de hologramas, lámpadas de lava e facer figuras de tensegridade caseira con paus de xeado e gomas elásticas.

    O alumnado de 2º e 3º ESO, case todos participante no club dende o curso pasado, estiveron fundamentalmente dedicados a preparar a súa participación nas Olimpíadas da Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña e da Universidade de Telecomunicacións de Vigo. Para estas últimas tiveron que elaborar un par de proxectos que trataran de “Resolver retos de la sociedad” e así xurdiron o Bastón con entonación, para persoas invidentes e o Despertador lumínico.

    Estes proxectos xunto con outros elaborados nas materias de Proxecto Competencial e de Tecnoloxía coma por exemplo O tren magnético, As gafas de realidade virtual, As mesas flotantes ou as Maquetas da Circulación sanguínea humana e das Nefronas, foron presentados no Día da Ciencia na Rúa 2024 onde recibimos o Premio Javier Novelle “pola magnífica selección de traballos presentados”. Agora tan só queda amosalos na propia casa e iso terá lugar na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño de 9:30 a 13:10.

    No IES Ribadeo seguimos apostando por achegar a ciencia ó alumnado e pensamos que todas estas actividades son unha boa forma de fomentar as vocacións STEM orientadas ao ámbito científico-tecnolóxico así como de estimular o espíritu científico entre as nosas alumnas e alumnos.

Susi Besteiro

Catedrática de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

2008/05/18

XIII día da Ciencia na Rúa de A Coruña


O que é a vida: a Feira da Ciencia do IES Porta da Auga vai unha edición por diante desta macro feira de A Coruña. Macro polo número de participantes e centros, así como polo número de proxectos e difución comparada coa nosa. Pero precisamente por eso van un pasiño por detrás nalgunhas cousas. Tamén eles están a plantexarse unha pequena reducción de tamaño, a pesares de que teñen sitio e o tamaño facilítalles o ter un orzamento grandiño. E é que o máis grande non ten por que ser mellor.
Voltando ó tema principal, o pasado 10 de maio 23 alumnos e alumnas, unha profesora e un profesor achegámonos á Coruña, o Parque de Sta. Margarida, para participar na primeira edición deste evento con participación do galego. E é que ata o momento toda a cartelería se facía só en castelán. O por que do cambio? Política municipal.
Non damos entrado en materia. Repetición: 23 alumnos e alumnas, que trouxeron como agasallo unha camiseta, a bolsa da comida, un pin... e outras cousas como unha volta gratis pola Coruña ou unha lesión nunha perna no Corte Inglés (que xa é categoría ser atendido no botiquín de dito comercio)
Pero, non era un día de ciencia? Certo. Por turnos, na carpa asignada ('jaima', na denominación aborixe coruñesa), foron expostos os traballos Circuíto humano, Mesa de billar trucada, Cubiño de xeo en aceite, Visión vacuna, Esqueleto de raposo, O Ferro dos cereais, Imáns que levitan, Vasos pegañentos e Tamiz hermético, todos vistos na nosa feira de abril deste ano.
O ambiente, a pesares da choiva, foi moi bó. Ata houbo intercambio de números de móbiles e correos electrónicos con xente foránea, chamada moitas veces de intención para visitar a nosa carpa. A atención á xente de fóra, exquisita. Anécdotas, moitas, pero coido que deben ser contadas pola xente que as viviu. Aprendizaxe? Abondo; sempre se ve algunha novidade e afeitos á nosa feira, sempre se procura con maior eficiencia que os que van de visita a unha exposición coma este.
Unha precisión: a gratuidade ven de que os 'Amigos da Casa das Ciencias' nos pagan a viaxe precisamente para que levemos experiencias amosadas aquí, na nosa feira.
En resumo, hai xente que xa está esperando a próxima edición para participar e 'aprender' cousas, alí e dándose un garbeo pola Coruña, por exemplo, polo Acuario, que ese día está aberto e ten transporte e entrada gratuítos para os participantes como nós.

2007/05/07

O IES, amosando a ciencia na rúa (XII día de la Ciencia en la Calle)

O sábado 5 de maio foi o 'día de la ciencia en la calle' de A Coruña. Alí foi unha representación do IES, invitada como tódolos anos polos amigos da Casa das Ciencias, a amosar algunhas das montaxes da feira. Aló estiveron tanto os líquidos non newtonianos (auga e maicena) como a mostra de plegamentos que pode ter a cortiza terrestre, ou dos tecidos hidrófugos, xunto coa idade dos peixes, á vista das escamas. Tanto os dermatoglifos como o fume caínte que se facía visible nunha montaxe, ou os globos que 'incomprensiblemente' non estoupan ó ser perforados de xeito convinte acapararon a atención dos visitantes.
A carpa do IES recibiu moita xente; en momentos, abonda máis da que podiamos atender. Por ela pasaron tanto xente curiosa como alumnos e profesores doutros centros, algúns aínda adestrados pola nosa xente para que poideran facer eles mesmos algunha explicación ou reproducir algunha experiencia sinxela: temos fotos dos globos atendidos por xente de fóra... Pero tamén pasaron VIP: á primeira hora da mañá, o Director da Casa das Ciencias pasou co equipo coordinadorr a botar unha ollada, e máis tarde, foi el mesmo quen trouxo á carpa ó alcalde de A Coruña a ver as curiosas propiedades da maicena...
Por suposto, tamén pasou a tele, a radio, a prensa, ... pero o máis importante foi que a xente que fomos non o pasamos nada mal, ó tempo que ensinábamos ciencia e aprendíamos doutros (pois había alí máis de 20 centros educativos e outras entidades). Asemade, algúns estableceron contactos de diversos tipos, e ata tivemos un agasallo dun visitante a unha hora de pouca afluencia: un malabarista deunos unha demostración asombrosa das súas habilidades, en sesión expresa para os que estabamos naquel momento na carpa. Tivemos visita de portugueses (hai fotos enviadas por eles) e de universitarios, e como tódolos anos, a xente da organización tamén fixo visitas para disfrutar e aprender connosco nunha xornada na que ata acompañou o tempo, lucindo o sol con algunha nube sen atosigar.
Tamén houbo anécdotas, pero ésas xa son máis persoais...
Entradas anteriores sobre o tema:
1
2
3
4
5
6
7
Participantes:
Borja Pardo Iglesias, Iria Acevedo, Rubén Balsa, Andrea Darriba, Álvaro Fernández Faílde, Mª Vieites Díaz, Raquel Barbeito, Paula Dorado, Adrián Fernández, David García, Iván González, Cristian Pernas, Ángela Vázquez, Alejandro Villaveirán, Diego Yáñez, Marcos Fernández, Adrián Fernández, Daniel Gallo, Arturo Linares, Iván López, Joaquín López, Eloy Rodil, Manuel Trashorras, J.Mel. Ventoso, Óscar Villamayor, Mª Jesús besteiro e Antonio Gregorio

2007/04/22

O fume


XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía
IES Porta da Auga
primavera 2007
Título: O fume
Autoría: Jose Manuel Ventoso Picos
Grupo: 1ºBT
Data entrega: 07/04/10
1.Introdución e Hipóteses.
O traballo consta de dous proxectos relacionados co fume.
Un trata sobre as correntes de convección ocasionadas ao queimar algo, por que o fume sube grazas a estas e de que acontecería de non habelas.
O outro trata sobre a disolucion de un sólido nun líquido; o que se ve ó poñer un pano húmido de forma que o fume pase por el e vese como se queda disolto no pano.
2.Pequeno resume.
Este traballo trata sobre diferentes cousas relacionadas co fume, vese por qué sube cara arriba e tamén de canto se pode disolver nun líquido
This work is about the smoke and some things that happen with it. You can see why it goes up, instead of falling and how much may be disolved in a liquid.
3.Obxectivos.
Facer algo vistoso e interesante co fume. Explicar dun xeito vistoso as correntes de convección e a disolución do fume en auga.
4.Base teórica.
Da parte de das correntes de convección, o aire quente é menos denso ca o frío e polo tanto sube arrastrando con el as partículas desprendidas na queima; pero se despois de queimar algo o aire arrefría vai cara abaixo e con el as partículas desprendidas na queima. A ter en contas que o CO2 é, a ingualdade de condicións de presión e temperatura, máis denso que o aire, polo tanto, ó estar á mesma temperatura que o ambiente, baixa.
Da parte da disolución é simplemente que os gases se disolven nun líquido de forma que no caso do CO2 moi pouco líquido pode disolver enormes cantidades de gas.
5.Traballo.
Ver foto.
6.Distribución.
Outubro: Buscouse en internet un tema interesante sobre o que falar e algun proxecto vistoso que se puidese facer con el.
Decembro (e vacacións de Nadal): Probouse se funcionaban os proxectos
Marzo: Preparouse a cartelería e rematouse o proxecto da disolución
7.Materiais e Orzamento.
Envase de plástico reciclado, follas de papel e un mecheiro.
8.Descrición.
Esta formado por dúas partes; a primeira trata sobre as correntes de convección que son as que fan ascender ao fume. É moi fácil de facer; so se necesita un pedazo de plástico envolto ou unha botella cun furado no lateral superior polo que se poida introducir un papel enroscado en forma de tubo e dúas tapas nas partes superior e inferior. Unha vez feito isto só queda prender lume á parte de fora do tubo de papel para que o fume suba por dentro del e chegue ao interior da botella. Cando chegue ó interior xa estará frío e o fume, no canto de ir cara arriba dentro da botella, caerá ao fondo desta. Débese poñer a parte de fora do tubo de papel cara abaixo de forma que teña forma de cheminea para que o fume suba por esta.
A segunda trata sobre a disolución dun gas nun líquido. Para facelo débense coller dous vasos de precipitados e poñer dentro algo queimándose. Debemos tapar ambos vasos cun pano; pero, mentres que un deles debemos telo húmido, o outro debe estar seco. Así podemos ver como o fume sae nun deles e do outro non, quedando no pano disolto en auga.
9.Material.
O matgerial producido son as dúas partes vistas: unha composta pola botella co furado e outra os dous vasos de precipitados co pano enriba
10.Conclusións.
Gustou o sinxelo que era este traballo e o vistoso que queda na feira a pesar de que non estaba ben rematado. Podíanse aprender moitas cousas quedou abondo claro e ben explicado.
Espeŕase que estará mellor presentado próximamente na xoranda da ciencia na rúa en A Coruña.
--
Máis imaxes sobre o fume...

2007/05/13

Fonte de Herón

XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía
IES Porta da Auga
primavera 2007

Título: Fonte de Herón

Autoría: David Grandío Moirón, Joaquín Río Barrera, Adrián Rguez. Sanjurjo
Grupo: 2ºB.T.
Data entrega: 09/04/07
1.Introdución e Hipóteses.
A idea de realizar a Fonte de Herón como proxecto para a Feira da Ciencia e Tecnoloxía 2007 xorde na visita no pasado curso á Coruña con motivo do Día da Ciencia na rúa. Alí había unha reproducción da Fonte de Herón (diferente á que se presenta neste traballo), e pareceu un proxecto moi interesante e vistoso que se podía realizar, pois tratábase de construír unha fonte usando tres recipientes, varios tubos para conectalos e auga. Con este material conseguiuse unha fonte, sen ningún tipo de propulsión dun motor que a faiga funcionar.
2.Pequeno resume.
Con este proxecto preténdese construír unha fonte usando tres recipientes, varios tubos e auga. A fonte funcionará debido ás diferentes presións, sen usar ningún motor eléctrico ou sistema que faiga funcionar e elevar a auga ao xeito dunha fonte.

In this project we want to make a fountain using two pots, three tubes and water. The fountain will work without electric energy, because the basic situation in the project are the different pressure.
3.Obxectivos.
Ó comezar a realizar este proxecto, a intención era que funcionase do xeito máis vistoso posible, semellando unha fonte. Deste modo pretendíase amosar como é posible construír unha fonte sen usar enerxía eléctrica ou doutro tipo no seu funcionamento (por exemplo un motor para a propulsión da auga), sinxelamente usando tres recipientes colocados a diferentes alturas, varios tubos para conectar os recipientes e auga. Ademais pretendeuse construír unha fonte que reutilice a auga usada (para iso sinxelamente había que cambiar os botes de orde e altura, pois un íase enchendo mentres que o outro se vaciaba de auga).
4.Base teórica.
Para a base teórica usouse información de internet ademáis de libros de física. O funcionamento débese a diferente altura que están os recipientes, e derivado, a diferente presión entre eles, pois un recipiente (o que estaba aberto, é dicir, no que nós usamos un embudo) estaba en contacto coa presión exterior, mentres que os tubos herméticamente pechados tiñan unha presión diferente. Esta diferencia de presións e a diferencia de alturas (como se pode observar nas imaxes do apartado 9) facían que o sistema elevase a auga do mesmo xeito que unha fonte.
5.Traballo.
Estos son os apartados presentados na cartolina:

1.-Introducción
Este proxecto toma como fundamento un dos grandes inventos de Herón de Alexandría, chamado “As portas do templo”, no que mediante un sistema semellante, e usando diversos mecanismos, conseguía abrir as portas do templo.

2.-Descrición da fonte
O sistema consta de tres recipientes. O recipiente superior (o A) que está aberto, e os recipientes B e C que están herméticamente cerrados. Ademais están conectados entre si mediante tres tubos como se observa nas imaxes.

3.-Representación gráfica

Ademais aquí irían as imaxes que tamén figuran no “apartado 9”.
4.-Funcionamento
En primeiro lugar debemos encher de auga ata a metade o recipiente B. Posteriormente, cando en A botamos auga, a fonte comeza a funcionar, xa que a auga pasa polo tubo de A ata B aumentando o nivel de auga en B, e o aire contido no bote B pasa ó recipiente C. En dito recipiente C a auga sae ao exterior, debido a presión exercida polo aire que entra no bote e que procede do B. Deste xeito o sistema funciona como unha fonte, pero sen usar ningún tipo de propulsión exterior que eleve a auga.
Este funcionamento débese a diferencia de alturas (os tres botes están a diferentes alturas) e polo tanto tamén debido ás diferentes presións que hai en cada recipiente (como comprobamos coa ecuación p= dgh).

5.-Resume en inglés
In this project we want to make a fountain using two pots, three tubes and water. The fountain will work without electric energy, because the basic in the project are the different pressure.

6.Distribución.
Estas son as fases de desenvolvemento do proxecto:
A decisión do proxecto foi tomada en maio do curso anterior.
Outubro: procura de información teórica.
Novembro: comezo da procura de material.
Nas vacacións de Nadal, realización dunha primeira fonte cuns tarros de plástico e de diferente xeito a presentada na feira. Tras moitas horas de traballo non funcionou, ademais de que a presentación non parecía convinte, polo que se decidiu realizala de diferente xeito, e así chegando ó proxecto actual.
A mediados de xaneiro, nova procura de material e máis información.
Entre finais de xaneiro e comezos de febreiro, construcción da nova fonte (medida de tubos, precinto dos tarros con silicona, conexións dos tubos...)
A finais de febreiro, remate da fonte, unha vez comprobado o seu funcionamento (precintóuse con máis silicona para evitar perdas de aire ou auga, e pintouse de cor negro).
A comezos de marzo realizouse o soporte (coa base de madeira e os tubos metálicos que houbo que soldar). Nesta fase tamén se realizou a cartelería presentada xunto co proxecto. Días antes da feira comprobouse todo, fixéronse fotos e vídeos do proxecto en funcionamento e redactouse unha breve explicación para a xente que visitase a Feira.
7.Materiais e Orzamento.
Neste proxecto foi abondo o material usado.
Reutilizado; un embudo, dous tarros, unha base de madeira, tubos metálicos para o soporte dos tarros.
Mercado; tubo de plástico negro (viña cunha lonxitude de 3 metros, valeu 1,90 euros), conexión para os tubos de 4mm (1,55 euros), bote de spray de cor negro (2,50 euros).
Material funxible; os folios da cartelería, as cartolinas, a silicona, e a soldadura (para unir os tubos metálicos que servían de soporte dos tarros).
8.Descrición.
Neste proxecto construímos unha fonte usando tres recipientes (dous pechados e un aberto, colocados a diferentes alturas como se pode ver nas imaxes do seguinte apartado), ademais de auga e varios tubos que serven de conexión entre os recipientes. Debido a colocación especial dos recipientes, e tamén debido a conexión mediante tubos (como se explica no apartado 5), conseguimos construír unha fonte, que ademais de non gastar enerxía eléctrica (na propulsión da auga), permiter reutilizar a auga. Especial atención require o feito de que os recipientes deben estar herméticamente pechados (só perforados polos tubos que serven de conexión), pois se non é así (é dicir, se existen pérdidas de auga ou aire), a fonte non funcionará. Tamén se debe estudiar a altura á que colocar cada un dos recipientes, o que permitirá controlar o chorro que sae da fonte.
9.Material.
Ademais da cartolina presentada coa explicación, descripción e información teórica (presentados no punto 5), temos o que é a fonte, para iso preséntanse varias fotos nas que se pode apreciar o resultado final da fonte:


10.Conclusións.
Foi un proxecto moi interesante, non só na opinión dos autores do proxecto, senón que tamén lle gustou aos compañeiros e a xente que visitou a Feira. Unha das cousas que más se valorou é a presentación final, pois quedou moi curiosa e funcionaba moi ben, o que leva a considerar que se acadou un dos obxectivos: construír un proxecto que se poida ser similar a unha fonte das que estamos afeitos a ver, pero coa novidade de que é unha fonte limpa, pois ademais de reutilizar a auga, non gastamos enerxía na propulsión de dita auga. Todos os que observaron a fonte quedaron sorprendidos, pois púidose uncionar coas diferentes presións ata conseguir o funcionamento idóneo. Unha cousa que se podería mellorar, é ter máis precisión na colocación dos tarros, xa que a auga saía a bastante presión e salpicaba algo por fora do embudo sobre o que caia a auga (outra solución sería poñer un embudo máis grande para que a auga non salpicase), pero éste é un detalle de menor importancia que se pode corrixir con facilidade. Como consello a quen poida repetir esta experiencia incidiríase en que tivesen especial coidado e pechar herméticamente con silicona os tarros para evitar perdas de auga ou aire, xa que senón non funciona. Para concluír, manifestar que os autores están moi satisfeitos co traballo realizado.
11.Outros.
Este traballo ten licenza Creative Commons Compartir Igual 2.1, básicamente libre de reproducción e de variación, especificando cal é a parte orixinal e citando o autor ou autores (pódese consultar en internet un texto en castelán ou en galego indicando todos os dados da licenza).
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.