Un ano máis, e xa van 27, o IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou no
Día da Ciencia na Rúa celebrado o pasado sábado 6 de maio na Coruña. Aló
fomos pasar o día un total de 31 alumnas e alumnos de 1º, 2º e 4º ESO
acompañados por Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro para
presentar traballos realizados no Club de Ciencia e na materia de
Proxecto Competencial. Nesta edición o noso alumnado explicou
moitos e variados proxectos que chamaron a atención do numeroso público.
Os máis pequenos levaban réplicas caseiras dunha fonte infinita, “A
fonte de Herón”, e da “Copa de Arquímedes” coa que o científico trataba
de ensinarlles aos alumnos a importancia da mesura. Tamén amosaban o
proceso de extración do fío de seda no traballo “Da eiruga ao fío”, o
comportamento dun “Globo non newtoniano” e unha mostra dos rodolitos
procedentes da “Praia das Palomitas” de Fuerteventura, que aínda que
parezan comestibles son estruturas calcáreas formadas por algas. Os
medianos cautivaron aos visitantes co “Proxector Holográfico”, unha
estrutura feita con metacrilato que permite transformar vídeos dun
smartphone ou tablet en hologramas 3D e co “Hotel de insectos” con
aposentos de madeiras, pedriñas e pallas. Asimismo, ensináronlles a
moitos nenos e nenas a construir “A Ponte da Vinci”, unha ponte
autoportante que se suxeita co seu propio peso. Por último, os
grandes foron os encargados de explicar a importancia do centro de
gravidade co “Paradoxo mecánico”, un artiluxio que parece desafiar as
leis da gravidade xa que sobre el, aínda que pareza mentira, un simple
bicono fabricado con dous funís de plástico “sobe baixando” ou “cae
cara arriba”. Tamén explicaban a importancia do pH e para medir o grao
de acidez e levaban feita unha “Escala caseira de pH” co líquido
resultante de cocer col lombarda e amosaron a viraxe de cor que
experimentaba o papel indicador tamén elaborado por eles, ao engadirlle
produtos de uso común, como vinagre, bicarbonato, leite, deterxente ou
lixivia. Finalmente co traballo titulado “A cor das hortensias”
relacionaban a cor das flores destas plantas co pH do solo, canto máis
ácido, máis azuis e canto máis básico, máis rosas. Queremos felicitar
ao noso alumnado por dedicar este día á ciencia: divulgando os
traballos propios e aprendendo dos que levaban os outros participantes.
Agora só queda expoñelos na propia casa ao remate do curso, na que vai
ser o XXVIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de xuño. Estades
invitados!
Tocaba ademáis, facer balance. Realmente, estamos satisfeitos da marcha do club xa que case 30 alumnos e alumnas participaron voluntariamente durante todo o curso. Aínda que as primeiras sesións foron conxuntas e dedicadas á tan de moda Intelixencia Artificial, logo houbo que facer separación por niveis. O alumnado que cursou 1º ESO, foi descubrindo cada luns experimentos sinxelos: dende xogar con palillos máxicos, xeo seco ou fluídos non newtonianos ata construír visores de hologramas, lámpadas de lava e facer figuras de tensegridade caseira con paus de xeado e gomas elásticas.
O alumnado de 2º e 3º ESO, case todos participante no club dende o curso pasado, estiveron fundamentalmente dedicados a preparar a súa participación nas Olimpíadas da Escola de Enxeñería de Camiños da Coruña e da Universidade de Telecomunicacións de Vigo. Para estas últimas tiveron que elaborar un par de proxectos que trataran de “Resolver retos de la sociedad” e así xurdiron o Bastón con entonación, para persoas invidentes e o Despertador lumínico.
Estes proxectos xunto con outros elaborados nas materias de Proxecto Competencial e de Tecnoloxía coma por exemplo O tren magnético, As gafas de realidade virtual, As mesas flotantes ou as Maquetas da Circulación sanguínea humana e das Nefronas, foron presentados no Día da Ciencia na Rúa2024 onde recibimos o Premio Javier Novelle “pola magnífica selección de traballos presentados”. Agora tan só queda amosalos na propia casa e iso terá lugar na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño de 9:30 a 13:10.
No IES Ribadeo seguimos apostando por achegar a ciencia ó alumnado e pensamos que todas estas actividades son unha boa forma de fomentar as vocacións STEM orientadas ao ámbito científico-tecnolóxico así como de estimular o espíritu científico entre as nosas alumnas e alumnos.
Para completar a actividade do I Bioblitz IES Ribadeo durante a cal se fixo un rexistro intensivo de especies no xardín do instituto e alrededores, tivemos unha sesión post-saída e Belén Pérez Teijo, socia colaboradora da Plataforma “Fotografía y Biodiversidad” amosounos a forma de obter moitos datos estadísticos a partir das observacións que subimos á plataforma Observation.org. durante a actividade.
Agora, o alumnado dedicará algunha sesión a preparar a exposición dos datos máis relevantes e serán amosados na XXIX Feira da Ciencia que se celebrará os días 13 e 14 de xuño. Tamén prepararán a cartelería necesaria para dar a coñecer a rareza extrema atopada durante o I Bioblitz. Trátase da araña saltarina, Saitis barbipes, propia de ambiente mediterráneo que en Ribadeo nunca fora citada e no norte de España en contadas ocasións.
Tamén aproveitamos ó final da sesión para facer entrega de regalos. No nome do IES de Ribadeo, as profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, entregámoslle uns agasallos a Nerea Fernández Prado por atopar unha “rareza extrema” nesta terra e a Belén Pérez Teijo para agradecerlle a súa dedicación e axuda. Pero Belén tamén traía regalos xa que no seu nome e no de Observation entregoulle a Nerea unha lente macro para móbil e outras catro máis sinxelas para o alumando que realizou maior número de observacións que foron Eva González, Sara García, Alvaro Gavieiro e Claudia Loureiro.
O IES Ribadeo felicita aos participantes pola súa implicación e agradécelle a Belén Pérez e á plataforma de ciencia ciudadana que representa, “Fotografía y biodiversidad”, os seus premios para o noso alumnado e a súa colaboración para axudarnos a aprender de forma divertida e concienciar ao alumnado da importancia da biodiversidade.
Para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que se celebra cada 2 de febreiro e que este ano ten por lema “Actuar polos humedais é actuar pola humanidade”, o alumnado de 4º ESO de Bioloxía saíron á ría acompañados pola profesora Susi Besteiro para estudar a ría como ecosistema e tomar conciencia do importante que é a súa conservación.
Nas distintas paradas observamos un bó número de aves invernantes axudados polos prismáticos e telescopio. Como a marea estaba baixando, nas zonas da enseada da Lieira xa descubertas, as limícolas como correlimos (Calidris alpina) e zarapitos (Numenius arquata) non perdían o tempo para alimentarse peteirando no fango. Nas zonas onde aínda había auga, as nadadoras como os patos asubións (Anas penelope), rabudos (Anas acuta) e alavancos reais (Anas platyrhynchos), buscaban algo para comer filtrando a auga e as zancudas como garzas (Ardea cinerea), garcetas (Egretta garzetta) e cullereiros (Platalea leucorodia), camiñaban polas láminas de auga cada unha co seu estilo propio. As espátulas mergullando o seu peteiro alongado vadeaban polas pozas, as garcetas peteiraban para extraer invertebrados acuáticos ou algún verme e as garzas reais con movementos sumamente lentos, tirábanse con forza sobre os peixes para ensartalos co seu peteiro que semella un arpón. Había gran actividade na ría, facía bo día e non era tempo de descanso excepto para os madrugadores cormoráns (Phalacrocorax carbo) que xa fartos de peixe, repousaban coas ás abertas para secar a plumaxe en zonas como o tesón, ou en illotes. Tamén pola beira galega, estaba en acción unha das águias pescadoras (Pandion haliaetus) e observamos o pousadeiro que teñen no medio da ría así como o “señuelo” que lle puxeran na beira asturiana o primeiro ano que invernou aquí unha delas, Panchita, para que pensara que tiña compañía.
Foi unha mañá moi agradable na que aínda que nos centramos na observación de aves invernantes, tamén aproveitamos para distinguir os grandes grupos de vexetación segundo a salinidade que soportan. As máis halófilas son as pradeiras mergulladas de Zostera que quedan ó descuberto en baixamar na Lieira e son das de maior extensión do Cantábrico. Despois, a partir da enseada de Vilavedelle, comezan a aparecer os xuncais e nunha posición máis retrasada, dende Porto ata Abres, os carrizais ou canaveirais que prefiren augas menos salgadas.
En definitiva, unha clase distinta para dar a coñecer o noso patrimonio natural e concienciar sobre a importancia da súa conservación. Feliz día dos Humedais!
O sábado 5 de maio foi o 'día de la ciencia en la calle' de A Coruña. Alí foi unha representación do IES, invitada como tódolos anos polos amigos da Casa das Ciencias, a amosar algunhas das montaxes da feira. Aló estiveron tanto os líquidos non newtonianos (auga e maicena) como a mostra de plegamentos que pode ter a cortiza terrestre, ou dos tecidos hidrófugos, xunto coa idade dos peixes, á vista das escamas. Tanto os dermatoglifos como o fume caínte que se facía visible nunha montaxe, ou os globos que 'incomprensiblemente' non estoupan ó ser perforados de xeito convinte acapararon a atención dos visitantes. A carpa do IES recibiu moita xente; en momentos, abonda máis da que podiamos atender. Por ela pasaron tanto xente curiosa como alumnos e profesores doutros centros, algúns aínda adestrados pola nosa xente para que poideran facer eles mesmos algunha explicación ou reproducir algunha experiencia sinxela: temos fotos dos globos atendidos por xente de fóra... Pero tamén pasaron VIP: á primeira hora da mañá, o Director da Casa das Ciencias pasou co equipo coordinadorr a botar unha ollada, e máis tarde, foi el mesmo quen trouxo á carpa ó alcalde de A Coruña a ver as curiosas propiedades da maicena... Por suposto, tamén pasou a tele, a radio, a prensa, ... pero o máis importante foi que a xente que fomos non o pasamos nada mal, ó tempo que ensinábamos ciencia e aprendíamos doutros (pois había alí máis de 20 centros educativos e outras entidades). Asemade, algúns estableceron contactos de diversos tipos, e ata tivemos un agasallo dun visitante a unha hora de pouca afluencia: un malabarista deunos unha demostración asombrosa das súas habilidades, en sesión expresa para os que estabamos naquel momento na carpa. Tivemos visita de portugueses (hai fotos enviadas por eles) e de universitarios, e como tódolos anos, a xente da organización tamén fixo visitas para disfrutar e aprender connosco nunha xornada na que ata acompañou o tempo, lucindo o sol con algunha nube sen atosigar. Tamén houbo anécdotas, pero ésas xa son máis persoais... Entradas anteriores sobre o tema: 1 2 3 4 5 6 7 Participantes: Borja Pardo Iglesias, Iria Acevedo, Rubén Balsa, Andrea Darriba, Álvaro Fernández Faílde, Mª Vieites Díaz, Raquel Barbeito, Paula Dorado, Adrián Fernández, David García, Iván González, Cristian Pernas, Ángela Vázquez, Alejandro Villaveirán, Diego Yáñez, Marcos Fernández, Adrián Fernández, Daniel Gallo, Arturo Linares, Iván López, Joaquín López, Eloy Rodil, Manuel Trashorras, J.Mel. Ventoso, Óscar Villamayor, Mª Jesús besteiro e Antonio Gregorio
A primeira feira de ciencia e tecnoloxía postpandémica de Ribadeo, 27ª edición, 2022, só pode cualificarse como un éxito atribuíble ós alumnos liderados por Mª Jesús Besteiro. Chega con falar cos alumnos participantes para pulsalo, pois non só son os artífices senón tamén os beneficiarios directos. Por suposto, a xente visitante coa que puiden falar tamén ten unha opinión semellante. Mágoa que xa rematara e, se non pasaches polo IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, xa non tes oportunidade, pois xa pechou. De calquera xeito, aquí deixo un pequeno apunte que pode servir de sucedáneo. Da nota de prensa enviada ós medios a algún vídeo de explicacións, pasando por fotos e mesmo unha exposición externa que complementaba o feito polos alumnos.
Aquí queda:
Das Catedrais á Lúa na XXVII Feira da Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Ribadeo, 9 de xuño, 2022. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo non quixeron rematar este curso de volta á normalidade sen celebrar a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, unha actividade emblemática que xa vai pola XXVII edición e que baixo o lema “Das Catedrais á Lúa” inclúe traballos moi diversos, algún dos cales xa foron presentados en Coruña, no Día da Ciencia na Rúa.
O alumnado de 1º ESO explica a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosan cranios de vaca, corzo, cabalo can, tigre, porco, xabaril e coello indicando as principais características dentarias dos herbívoros ruminantes e non ruminantes, dos carnívoros, omnívoros e roedores. Tamén animan a loitar contra a avespa asiática facendo trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da velutina, unha especie invasora que pon en perigo ás nosas abellas.
Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, presenta dende traballos elaborados en tecnoloxía coma hoteis para insectos polinizadores ou paradoxos mecánicos ata traballos de xeoloxía, concretamente da Praia das Catedrais. Reproduciron en pasta de modelar faias, grutas, túneis rochoso, ollos, arcos e farallóns e con eles amosan as distintas fases de evolución do cantil e o retroceso da liña de costa. A visita complétase coa exposición titulada “Mulleres que nos levaron á lúa” cedida pola unidade de Igualdade da Universidade de Vigo coa que se trata de visibilizar o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Coa axuda da Comisión de Igualdade, as alumnas de 1º ESO fan un repaso pola biografía de mulleres como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden. Trátase de mulleres enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiveron como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria do Apolo XI, fixeron de computadoras humanas, deseñaron a alimentación axeitada para os astronautas, descubriron novos combustibles ultralixeiros así coma outras moitas contribucións sen as cales non sería posible o lanzamento exitoso da nave e sen embargo non aparecen nos libros. Deste xeito, promóvese a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, foméntase a atracción das nenas ribadenses cara á ciencia e as enxeñarías e divúlgase o saber porque “os bos costumes non poden perderse”.
-
Vídeos e outro material:
Sobre o centro de gravidade:
Hoteis de insectos:
Rochas sedimentarias:
A formación das Catedrais:Dentición dos ruminantes: Dentición herbívoros non ruminantes: Dentición dos omnívoros: Dentición dos carnívoros: Dentición dos roedores: Trampas de velutina:
Sobre o electroimán
E complementos: exposicións. A primeira que deixo en baixo, a única externa, compleméntase coa entrada na Galipedia 'Mulleres na NASA', aínda que as mulleres das que trata non só traballaron coa NASA.
E outros murais e exposicións, novas ou xa integradas no IES (non poño o museo de ciencia, que queda para outra):
Complemento: ciencia, muller, esforzo.
Unha mirada matemática, exposición doutros anos no IES
O pasado día 20 de maio, en Santiago, tivo lugar o que foi o momento punteiro en todo o ano para avaliar o estado das relacións entre ciencia, técnica e sociedade en Galicia. O Consello da Cultura Galega presentou un informe que hai cousa de ano e medio puxo en mans dun conxunto de dez especialistas para determinar o estado da divulgación da ciencia en Galicia. Ó longo das súas 385 páxinas vai desgranando a diversidade de ecosistemas polos que transcorre a divulgación científica na nosa terra. Descargable en pdf ou lido apartado por apartado, presenta -dun xeito rigoroso mais áxil- ata o máis pequeno dos camiños polo que se pode producir esa difusión, e tamén explora o impacto de cada un deses camiños na sociedade galega, poñéndoo en relación coas outras posibilidades e co que se pode vislumbrar fóra da nosa terra. Como se di no texto, é algo necesario para potenciar a toma de contacto da sociedade e a ciencia, e polo tanto para o desenvolvemento da propia ciencia en Galicia.
Nun informe de tanta extensión, hai moitas partes que gustaría destacar. Collerei só dúas: o impacto da publicación do informe nos medios e o apartado de feiras de ciencia.
Portada do informe
A primeira manifesta algo que circunvala ó informe e que só está en parte dentro. Os medios de difusión teñen apartado propio no informe. Mais o informe non parece ter un apartado propio nos medios. O Consello da Cultura Galega emitiu no seu momento varias notas de prensa e publicou na súa web vídeos da xornada de presentación, pois o acto en si foi acompañado de diversas charlas pola mañá e pola tarde, pequena pezas de difusión científica e dunha táboa redonda na que poidemos participar os asistentes. Sen entrar en máis detalles, coido que o Consello 'fixo o seu traballo', máis a difusión nos medios quedou abondo escasa; no mellor dos casos, difundindo algún detalle da xornada e dicindo que o motivo da mesma fora a difusión do informe. É dicir, quen esteña interesado, que o lea. Chega con facer unha procura do informe en internet e ver os resultados para comprender que a importancia do tema nos medios tradicionais foi furtada por outras novas doutro tipo.
O segundo cólloo por estar tanto eu como Ribadeo involucrados directamente nel. O apartado de feiras de ciencia. Nel, refírese en boa parte ós datos recollidos na wiki As Feiras de Ciencia na Galiza, publicación irmá tantas veces relacionada neste blog, e da unha importancia grande á feira de ciencia máis lonxeva da nosa terra, a Feira da Ciencia de Ribadeo, na que Mª Jesús Besteiro, dende o comezo, Teresa Díaz, en case todas as ocasións, e outra moita xente, participamos xunto con moreas de alumnos nas 22 edicións mantidas dende maio de 1995, primeiro no IES Porta da Auga e agora no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. A Feira da ciencia ten xa un longo recorrido neste blog, mais non deixa de ser moi ilustrativa a comparación con outras feiras de ciencia, de centros de ensino ou institucionais, que Silvia López Ben fai nese apartado do informe, e as conclusións que tira da súa exposición. Non furtarei a súa lectura no propio informe...
Ben. A conto do título, un apunte: non se trata dunha explosión
destrutiva, nin moito menos, senón unha explosión no mesmo sentido que a
explosión de flores nos campos na primavera. Da vida que medra, se
organiza e aprende a vivir.
Chegan estas datas, e un evento
esperado ano tras ano polos estudantes de medias de Ribadeo volve
facerse realidade. Que unha das cousas que se preguntan a comezos de
curso sexa 'cando é a feira?' indica que os estudantes contan da feira,
como di o refrán, segundo lles vai nela: ben.
Este ano, a 25 Feira da Ciencia de Ribadeo
ten lugar entre mércores 10, e venres 12 de abril, polas mañás, no IES
de Ribadeo Dionisio Gamallo. E alí se atopan os alumnos, libres para
aprender e para ensinar. Para participar e facer partícipes á demais
xente de anaquiños de ciencia misturada coa súa propia vida, que
manifestan a cada explicación que dan. Explicacións que son recibidas ás
veces -poucas- con indiferencia, pero tamén ás veces -moitas- con
auténtico asombro. Como un exemplo deste ano, ver reconstruído un
esquelete dunha musaraña (entre outros) a partir de egagrópilas (que non
sabes o que é unha egagrópila? vai por alí e apréndeo, moito mellor que
en Google!) deixa asombrada a toda canta persoa pasa por diante e ve.
Podo certificalo porque aínda adiquei un cachiño a ver a expresión da
xente mentres os alumnos de Susi Besteiro explicaban o proceso. Xente á
que moitas veces lle costa crer que outra xente, de 4º ESO, sexa capaz
de facer unha reconstrución así.
De calquera xeito, moitas veces o
primeiro que se pulsa (e antes que ninguén, os alumnos) é a ilusión do
equipo de profesores que liderados por Susi participan na edición. Este
ano, a María del Monte, Bea ou Mario nótaselles á primeira ollada. Tamén
o perciben e comentan moitos outros compañeiros, mesmo de paso casual
polas aulas do IES, que quedan coas ganas de participar para outro ano
que volten coincidir. Xente que queda estimulada ó observar unha labor
que deixa pegada.
E os alumnos? Que se é un alicerce que deixen a
aula unhas horas para expoñer algo do que se sinten en xeral orgullosos
de que saíra de si? Pois claro! As clases normais non poden competir en
atractivo, aínda que de feito, as horas adicadas a 'facer' os traballos
sexan máis que as adicadas a explicalos, é dicir, aínda que traballen
máis con este sistema (algúns, moito máis). Aprendizaxe en acción,
facendo e explicando, integrando as cousas, relacionándose cos demais e
pensando en como facer que entendan, coas súas propias verbas. Esa
aprendizaxe inclúe, ás veces, erros que non son corrixidos no momento,
pero que máis tarde pasan á memoria de como se foi aprendendo.
E o ambiente? Ir para ver.
Pódense
dar explicacións do que sucede con teorías didácticas, mais coido que a
máis sinxela é a máis axeitada: ós alumnos pode gustarlles facer
ciencia. Facela así.
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como xa é tradición, participou un ano máis no Día da Ciencia na Rúa celebrado o sábado 4 de maio na Coruña. Unha boa parte do alumnado do Club de Ciencia e de Proxecto Competencial viaxou ata a cidade herculina acompañado polos profesores Andrés Rodríguez, Beatriz González e Susi Besteiro.
Foi unha xornada na que as alumnas e alumnos ribadenses tiveron a oportunidade de amosar os traballos realizados ao longo do curso ó numeroso público asistente. Os máis pequenos, deleitaron coas mesas flotantes e o elevador hidráulico construídos con paus de xeado, unhas gafas de realidade virtual caseiras e tres experimentos de magnetismo que arrancaron numerosas sonrisas: as moedas bailarinas, os alfinetes levitantes e o tren magnético elaborado cunha pila, imáns e fío de cobre.
Pola súa banda, o alumnado de 2º ESO presentou un orixinal despertador lumínico e unha maqueta coa que explicaban os tipos de poleas: fixas, factoriais e exponenciais. Finalmente, alumnas de 3º ESO, amosaron un bastón para invidentes e tres maquetas relacionadas coa fisioloxía humana: o ril e a nefrona, os grupos sanguíneos e a circulación sanguínea.
Foi un día dedicado á divulgación científica pero tamén a aprender cos traballos elaborados polo resto de centros participantes e disfrutar no Planetario, na Casa das Ciencias ou explicando os experimentos a algúns “Grandes da Ciencia”, cabezudos con rasgos de Marie Curie, Jacques Cousteau, Charles Darwin e Isaac Newton entre outros.[Ver imaxe en baixo]
O alumnado recibiu numerosos parabéns e o IES de Ribadeo foi merecedor do Premio Javier Novelle 2024 pola “magnífica selección de traballos presentados” [ver imaxe en baixo]. O profesorado acompañante considera que é unha honra recibir un premio no que se rinde homenaxe a Javier Novelle, impulsor durante vintecatro anos do Día da Ciencia na Rúa [artigo na Galipedia] e fiel visitante da Feira da Ciencia ribadense que este ano chega á súa XXIX edición e celebrarase os días 13 e 14 de xuño con interesantes proxectos.
Para celebrar a Gran Semana da Ciencia Ciudadana pola Biodiversidade, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo contou coa colaboración de Belén Pérez Teijo, membro da Xunta da Asociación Fotografía y Biodiversidad e representante do OCB de Ribadeo, e de Nelly Bouso Gasalla, que xunto con Belén forma parte de SOCEME, a Sociedade para a Conservación e Estudo das Mariposas en España.
Xunto co alumnado de 1º de Bacharelato e coas profesoras Beatriz González e Susi Besteiro, levaron a cabo o III Bioblitz “Explorando o noso xardín”, no que durante un par de horas se rexistraron de maneira intensiva todas as especies presentes no entorno do centro.
A actividade desenvolveuse empregando a aplicación móbil ObsIdentify, que permite identificar especies a partir de fotografías xeorreferenciadas e subir automaticamente os datos á plataforma de ciencia cidadá Observation.org.
Nunha sesión posterior ao Bioblitz, Belén Pérez e Nelly Bouso analizaron os rexistros obtidos. Unha vez que os validadores da plataforma revisen as observacións, o alumnado preparará un traballo para presentar os resultados na Feira da Ciencia, que terá lugar os días 10 e 11 de xuño.
A experiencia resultou especialmente enriquecedora, pois combina aprendizaxe activa, diversión e sensibilización ambiental. Ademais, contribúe á recollida de datos en lugares e momentos que doutro xeito serían inaccesibles, o que lle dá un gran valor científico. Esta é precisamente a finalidade de Observation.org, plataforma de ciencia cidadá da que Fotografía y Biodiversidad é socia desde hai tres anos e á que xa achegou máis dun millón de rexistros grazas á participación de persoas non especializadas desde 2010, converténdose así en entidade pioneira en España neste ámbito.
Pola súa parte, SOCEME, fundada en 2014, céntrase no estudo e seguimento das bolboretas en España. Tanto Belén Pérez como Nelly Bouso teñen asignados varios transectos dos que envían datos mensualmente desde hai anos, contribuíndo ao coñecemento e conservación destes insectos.
O IES de Ribadeo agradece a Belén Pérez e a Nelly Bouso a súa colaboración e felicita ao alumnado pola súa implicación. Tal e como se destacou na charla final, “só protexemos aquilo que amamos e só amamos aquilo que coñecemos”. Por iso, dedicar parte das clases de ciencias ao traballo de campo segue sendo unha aposta segura para formar cidadanía crítica e comprometida coa natureza.
Presentación da Feira da Ciencia deste ano, segunda parte, que terá lugar o 14 e o 15 deste mes, e que corresponde ó seguinte comentario e nota de prensa: O día 8 de novembro tivo lugar a presentación da segunda parte da Feira da Ciencia deste ano. Participaron nela Alfonso Piñeiro, Mº Jesús Besteiro e Antonio Gregorio, ilustrando en conxunto o marco no que se inscribe, a semana europea da ciencia neste ano que tamén é o ano da ciencia, a colaboración entre a Asociación Cultural Xerfa e o IES, a subvención por parte da Dir. Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, etc. Incidiuse tamén en aspectos concretos da feira, dende a exposición de cogomelos, adiantada unha semana respecto ó resto de presentacións por motivos de axenda do IES, á nominación doutras experiencias que terán lugar no IES o 14 e 15 de novembro, en horario de tarde (16 a 18h). Fíxose fincapé na autoría dos alumnos do IES e en que son os principais aproveitados no obxectivo declarado desta actividade, estender a comprensión e o interese pola ciencia. Son eles tamén os que xa amosaron en diversas ocasións experiencias e montaxes da feira no día da ciencia na rúa de A Coruña e o farán a finais de mes en Galiciencia (da que haberá información máis puntual). Nota de prensa:
Resume de datos sobre a feira de ciencia:
Organizan:
IES Porta da Auga + Asociación Cultural Xerfa
Subvencionan:
Semana da Ciencia + Ano da ciencia 2007 + Dir. Xeral de investigación, desenvolvemento e innovación Xunta Galicia (prog. Diverciencia) + EnCiGa
A finais de xaneiro finalizou o prazo para presentar ideas para os carteis da feira deste ano 2007, XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía. Poucos días despois, o xurado, presidido por Alfonso Piñeiro como director do centro, Mª Jesús Besteiro Cabanas, Teresa Díaz Estévez e eu, elixiu entre 21 traballos en papel e formato dixital, e polo tanto outorgou o premio ó traballo presentado por Sabela Mourelle Mon, alumna de 4º ESO do IES. O premio? Un mp3 que xa estará sendo usado. Felicidades.
Leva dende o comezo do curso 2022/2023 formando e divertindo a unha xeración de estudantes.
Emblema do club de ciencia do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
No seu blog, hoxe pódense ver un vídeo dunha lámpada de lava, o último en ser cargado, outro vído de actividades no samaín, máis curiosas e divertidas que espeluznantes, e os primeiros pasos do club, que deixo a continuación:
Este curso comezou a súa andadura o Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Cada luns, no recreo de mediodía, 28 alumnos e alumnas reúnense para realizar experimentos científicos guiados por Leticia Fernández Joven e Andrés Rodríguez Ramos, profesores do Departamento de Física e Química; Javier Rodríguez González, profesor de Tecnoloxía e Susi Besteiro Cabanas, profesora de Bioloxía. A iniciativa ten como finalidade estimular o espíritu científico entre o alumnado e impulsar as vocacións STEM, orientadas ao ámbito tecnolóxico. Tamén pretende ser unha forma de potenciar a xa tradicional Feira da Ciencia, que na súa XXVIII edición contará con varios dos experimentos realizados no Club. Como actividade de benvida, fíxose a práctica “Arte culinario”. Tódolos participantes elaboraron o seu propio cadro e comprobaron como os deterxentes alteran a tensión superficial permitindo mesturar o leite e os colorantes alimentarios. O Samaín tamén tivo un toque científico, xa que ademais de “Saquiños fantasmas” e “Slime monstruoso”, co experimento “Cabazas tenebrosas”, o alumnado tivo a oportunidade de manipular xeo seco, comprobar a súa reacción coa auga así como facer pompas xigantes e curiosos vermes escumosos que non paraban de medrar. Ó longo do mes de novembro, o mes da ciencia, tocou facer un experimento moi sinxelo pero que sempre sorprende ao alumnado: “Fluidos non newtonianos”. Para iso, mesturaron maicena e auga comprobando como a viscosidade pode variar coa tensión aplicada. Tamén experimentaron outra propiedade dos fluidos, como é a densidade, realizando vistosas “Lámpadas de lava” con aceite, auga, colorante e pastillas efervescentes. Finalmente, rematamos o mes fabricando “Visores de hologramas” con metacrilato e aínda que cortar as pezas non resultou doado, o alumnado quedaba abraiado cando ó rematar a estructura podía observar imaxes tridimensionais impresionantes coa axuda do móbil. En definitiva, un Mes da Ciencia en Galego, celebrado por todo o alto: coa inauguración e posta en marcha do Club de Ciencia do IES Ribadeo. Seguiremos divulgando o noso saber científico...
Outra vella publicación para o IX Congreso de Enciga, de 1996 (boletín das ciencias nº 28). Neste caso, tratábase da proxección do vídeo 'Voa coa imaxinación':
VOA COA IMAXINACIÓN
Mª Jesús Besteiro Cabanas
Álvaro Doural Leiras
Antonio Gregorio Montes
IES Ribadeo
Introducción.
"Voa coa imaxinación / I Feira da ciencia e tecnoloxía" é un vídeo realizado co motivo da 1ª Feira da Ciencia e Tecnoloxía que tivo lugar no IFP de Ribadeo.
Dende entón, xa ten habido unha segunda edición e obtivéronse as conclusións da primeira.
Xunto co pase do vídeo está previsto facer un comentario de diversos aspectos sobre a realización das Feiras.
Rematou. Unha nova edición da Feira da Ciencia de Ribadeo, a 26, deixou de novo tras de si un bo sabor de boca, aínda que cunha estrutura diferente obrigada por ter que enfrontármonos á pandemia.
A directora do centro, Mª Jesús Besteiro, fixo varios resumes no blog do IES, en Crónica3 ou na Comarca, en particular sobre as científicas que impartiron charlas na feira, crónicas que máis ou menos acubillo agora aquí. Neste momento só está colgada a charla de María Vieites, que queda tamén aquí, e iranse incorporando aquí mesmo as outras:
No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estamos celebrando durante esta semana a XXVI edición da Feira da Ciencia e da Cultura. O curso pasado foi cancelada debido ao confinamento e este curso 2020/2021 é unha Feira especial por dous motivos: en primeiro lugar, porque deixa de ser só Feira da Ciencia abrindo a participación a todos os departamentos que o desexen, pero tamén porque a pandemia condiciona as actividades e non estará o alumnado presentando as súas experiencias coma sempre senón que participarán co seu grupo de referencia en visitas virtuais a museos científcos, conferencias de temática variada, visitarán as exposicións de gravados de Amando Suárez Couto, Xela Arias e de traballos feitos polo alumnado en bioloxía, tecnoloxía, música e portugués, farán percorridos guiados polo xardín para descubrir as nosas árbores e tamén participarán na proxección da película Nación ou visitarán o Museo IES Ribadeo que trata de poñer en valor o noso patrimonio histórico educativo.
Desexamos que o noso alumnado disfrute coas actividades e que sexan proveitosas.
Sonia Villapol, Neurocientífica, dende Houston co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoctoral na Universidade Pierre e Marie Curie de París e dende2010 traballa en EEUU onde pasou polo Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston. Ademáis, dende fai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional daCOVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan cómo lle afecta ocoronavirus ó cerebro e ó sistema nervioso.
Non só nos falou sobre a covid e os danos neurolóxicos a longo prazo senón que ilustrounos no tema das probas, das vacinas e contounos que no seu día a día ademáis de coordinar o seu propio equipo de invcestigación pensa novos proxectos e sobre todo, busca financiación para poder facelos realidade.
Reflexionou sobre a importancia da cooperación internacional a nivel científico, que seguramente a pandemia sirva de punto de inflexión para que os países dediquen maiores presupostos á investigación e insistiulle ó noso alumnado en que o esforzo e a motivación son a clave para chegar lonxe e que deben decidir persoalmente o seu futuro apoiados eso si, polas súas familias. Encantounos a conferencia, que poderá verse en breve a través da web e agradecémoslle a Sonia que nos dedicara parte do seu tempo e mandámoslle un cariñoso saúdo dende Ribadeo.
María Vieites, Física, dende o CERN co IES Ribadeo Dionisio Gamallo
María Vieites, impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º Bach unha conferencia titulada “O Cern: acelerando e detectando partículas”.
Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico. María cursou o grao de Física na USC con estancias de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suiza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ó CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías.
Toda esta traxectoria, valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos.
Explicounos como funciona o Centro Acelerador de Partículas, que é a máquina máis grande construída polo ser humano, deunos datos tan curiosos como que o túnel do acelerador está situado a 100 metros de profundidade e que traballan coas temperaturas máis frías de toda a galaxia, a -271,3 ºC pero ademáis, tratou de que entenderamos a necesidade da antimateria nun mundo dominado pola materia.
María, que se dedica a facer investigación fundamental e non aplicada, contounos que o seu traballo permítelle estar en contacto diario con científcos e científicas colaboradores do CERN repartidos por máis de 80 países e que a información é compartida entre todos, o que supón unha grande vantaxe á hora de investigar.
Finalmente, María, que foi gran colaboradora como alumna en moitas Feiras da Ciencia, confesounos que ademais de investigar tamén lle gusta divulgar para achegar a ciencia ó público e alentou ó noso alumnado a estudar o que lles guste e a non ter medo a enfrentarse a novos retos. No seguinte enlace, podedes vela (https://youtu.be/c1jlYEiWpdg) e dende o IES de Ribadeo, queremos darlle a noraboa e mandámoslle un saúdo cariñoso.
(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.
Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.
O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.
Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía. Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente
Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual.
A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.
LAURA CALAZA, “unha matemática falando dedialectoloxía galega”
A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación tamén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española pero dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).
Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensiónde Burela motivo polo cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso. Impartiu para nós dúas charlas, a primeira titulada “O debate do X” para alumnado de 3º ESO e a segunda “Dime como falas e direiche de onde eres”.
En principio pode sorprender unha matemática falando de dialectoloxía, pero é que realmente esa fronteria que ás veces pensamos que existe entre as ciencias e as letras, non é tal. Están moito máis ligadas do que podemos imaxinar e Laura demostróunolo sobradamente.
Rematou ambas sesións permitíndolle ó alumnado empregar o teléfono para facer un “Mentimeter”. Debían describir cunha palabra a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Para boa parte do alumnado resultou interesante, divertida e sorprendente. Alegrámonos de que tódalas actividades foran proveitosas eagradecémoslle a Laura o tempo que nos dedicou e o agasallo de papiroflexia feito por ella. Xa o collemos como idea para o vindieiro curso.
Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura, boa parte do alumnado do IES de
Ribadeo Dionisio Gamallo tivo a oportunidade de visitar os museos
científicos coruñeses.
O Departamento de Bioloxía, que foi o
encargado da actividade, seleccionou para o alumnado de 1º ESO a visita á
Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Trátase da sala máis
espectacular do acuario, unha gran piscina de 4,4 millóns de litros de
auga onde nada os maiores peixes do Atlántico. Puideron ver meros,
douradas, os grandes bancos de xardas e de xurelos e, por suposto, as
quenllas, entre as que destaca Gastón, un Tiburón Toro macho de 2,5
metros de longo e 120 kg de peso.
O alumnado de 2º ESO visitou a
exposición "Puro Swing" na Casa das Ciencias centrado na explicación dos
experimentos pendulares de Galielo e Foucault que cambiaron a historia
da ciencia, no segredo do botafumeiro mirar como a gravidade fai debuxos
xeométricos e aprender a maxia con péndulos acoplados.
Finalmente, na Domus, eliximos para 3º
ESO a "Disección en directo do ollo" e para 1º de Bacharelato, a
"Disección en directo dunha flor", ambas acompañadas de xogos
interactivos coa aula.
Todas resultaron de interese e o
alumnado mostrouse participativo. Nun curso condicionado pola pandemia e
o protocolo anticovid, que fixo imposible a realización de prácticas de
laboratorio, dende o IES de Ribadeo queremos agradecerlle aos Museos
Científicos Coruñeses a súa colaboración.
Ribadeo, 8 de xuño, 2021. Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e
da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer
unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o
título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos
recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como
A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se
trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se
atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor,
un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común
entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que
foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución
humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de
sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5,
coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo
heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a
Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o
segundo Tour de Francia.
Tan só queda para os vindeiros días
rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser
aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración
do Museo de Atapuerca.
Hoxe hai dous anos, estaba facendo un recorrido pola última feria da ciencia de Ribadeo ante pandemia (apuntes da feira, aquí). Queden as fotos de abaixo como testemuña parcial do que hoxe xa se poden chamar 'aqueles tempos' das Feiras de ciencia no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo ou antes, no IES Porta da Auga. Non cito ós autores e autoras porque non aparecen tampouco todos os traballos. tanpouco faigo máis comentarios, que a bon seguro, non farían xustiza a moitos dos traballos expostos. A feira foi organizada por Mª Jesús (Susi) Besteiro:
¡Hola de nuevo!
-
Lo que tenían que ser unos cuantos meses se han convertido en cinco años.
De diciembre de 2021 a noviembre de 2026. Lo que tenía que ser un librito
sobre e...
VERNE EN VIGO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón
-
VERNE EN VIGO Xosé Carlos Rodríguez Rañón Se cadra, cando Jules Verne
desembarcou accidentalmente en Vigo puido ter escoitado polas rúas da
pequena localid...
A unha semana da Feira da Ciencia de Ribadeo
-
Un ano máis (e van 31 edicións), achégase a Feira da Ciencia de Ribadeo.
Iso, unha feira montada arredor da ciencia. Despois de comezar no século
pasado, f...
Cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física
-
¡Bienvenidos otra vez a Gravedad Cero! Es un honor para mí escribir este
post porque hoy celebramos el cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física,
una ave...