Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta verán. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta verán. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

2012/10/02

Sobre o clima en Ribadeo

Hai poucos días fixen unha entrada sobre o clima do verán ribadense (http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/09/rematou-o-veran-verdade-climatoloxica.html), na que esta mesma noite descubrín unha anomalía grave nos datos. Laméntoo. Coido que compre corrixila, o que fago nesta entrada a unha non habitual, repetindo a anterior xa corrixida e completando agora parcialmente con datos sobre choiva extendidos a todo o ano, durante todo o século actual. Fago a mesma salvedade que fixen na pasada entrada, pois hai falta dalgún día solto que pode variar lixeiramente o resultado dalgún ano concreto. O 2001, debido a que ten abondas faltas no comezo de ano, non o computei como ano completo.

O verán rematou o 22 de setembro preto das 5 da tarde hora oficial. Despois de cada verán, sempre hai comentarios sobre como se desenvoltou. E resulta que as percepcións subxectivas poden coincidir moi ben coa realidade meteorolóxica ...
Deixo abaixo gráficas e datos de temperaturas e cantidade de choiva dos veráns do século:
Vese que as temperaturas medias do verán (22 de xuño a 21 de setembro, ambos incluídos) deixan a 2012 en 4º lugar, por tras de 2006, 2004 e 2003. Se ben, como se pode ver nas táboas de abaixo (ordeadas a primeira por ano e a segunda por temperatura). Non obstante, as de 2004 e 2003 son case imperceptiblemente iguais ás de 2012, sendo só as de 2006 netamente máis altas.

En canto á choiva, aclarar que mentras que algunha falta de datos nas temperaturas non inflúe grandemente pola homoxeneidade do verán, unha equivalente falta de datos nos correspondentes á choiva, si que poideran variar a gráfica de precipitacións, de aí que anote nos datos de 2004 e 2009 faltan medidas na web correspondente a Pedro Murias, de onde tomo os datos deste artigo.



Coa salvedade antedita sobre os datos, unha volta corrixidos, obsérvase que o verán 2012 si foi especialmente seco en Ribadeo, completando o terceiro ano consecutivo de veráns secos, e véndose na gráfica que ó longo do que levamos de século, os veráns tenden a ser máis secos.


-- -- --
O primeiro gráfico novo representa a media de choiva acumulada ó longo dun ano para un día dado. É unha gráfica que me sorprendeu ó facela pola súa limpeza. Vese que a cantidade de choiva caída vaise acumulando ó longo do ano, pero distínguense zonas de máis precipitación e zonas de menos. Ó final hai unha caída (o día 366) que corresponde ó feito de que este século levamos só rematados dous anos bisestos, un deles o máis seco ata o momento.
Na segunda imaxe dividín a gráfica por tramos (obviando o do 366). Así pódese observar que ata o día 160 aproximadamente (10 de xuño), o réxime de choivas é prácticamente constante, pouco maior de 2,5 L/m2 e día. De aí ata aproximadamente o comezo astronómico do outono (21 de setembro), é dicir, prácticamente o verán, o réxime baixa a súa media, pasando a pouquiño máis de 1 L/m2 e día de xeito uniforme. De aí e ata comezo de decembro (pouco máis de dous meses, no comezo do outono), de novo volve a producirse unha uniformidade de choiva, pero esta vez maior, sobrepasando os 4 L/m2 e día. O mes de decembro volta a ter un réxime de choiva semellante ó de comezos de ano.

O anterior, en canto ás medias. Desglosado ano por ano, temos a seguinte gráfica, onde se pode observar que no 2006 (1300 L/m2 ) choveu máis do doble que no 2004 (600 L/m2 ), e que o conxunto deste ano , a 30 de setembro, era o máis seco dos referidos.
Como casa isto co referido no post anterior? Pois por dúas razóns: O inverno foi con diferencia o máis seco do século e o verán, tamén, se ben xusto antes do cambio de estación houbo unha choiva que convertiría o conxunto nun ano máis normaliño, aínda que algo máis seco que a media.


Vémolo coas marcas da gráfica seguinte, onde se ven os de días de choivas en xuño e a lenta evolución ata a marca de fin de setembro, últimas medidas recollidas.

-- --
Despois do anterior, quizáis veña ben unha reflexión: remataba o artigo que tento corrixir indo contra a percepción subxectiva. E está demostrado que a subxectividade moitas veces traballa en contra da realidade. Pero non sempre. E cos datos obxectivos tamén se pode equivocar un no seu tratamento (ou na súa obtención). Algo que hai que ter en conta...

2021/11/25

A duración do día

    Agora que nos achegamos ós días máis curtos do ano, un amigo díxome algo así como que o día de Santa Lucía era o día máis curto do ano, pois así constaba no refrán 'Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día'. Fíxenlle unha aclaración e expliqueille que non, que o motivo do refrán era outro, por máis que estivera relacionado. Con esta entrada pretendo facer esa mesma aclaración engadindo algún gráfico.

    Para evitar o contido máis farragoso, non poño as táboas que dan orixe ós gráficos, senón só estes.

    O caso é que todos nos podemos decatar que no hemisferio norte, poñamos, en Galicia, en Ribadeo, os días con máis horas de luz, os 'días máis longos', agrúpanse en torno á primavera e verán, e os que teñen menos horas de luz, en torno ó outono e inverno. Se indagamos un pouco máis, veremos que os que teñen máis horas de luz andan arredor do 21 de xuño, no solsticio de verán, época na que o ángulo que forma a liña Terra-Sol coa liña centro da Terra-Polo norte terrestre (é dicir, a 'parte de arriba do eixe terrestre') é menor. Iso implica que durante eses días non só o Sol ilumina un punto da parte norte terrestre durante máis parte da súa traxectoria de xiro diario (é dicir, durante máis tempo), senón que ademáis, o Sol chega a unha altura maior no ceo.

    Visto o anterior, o tema está claro: os días con maior duración da luz sobre un punto son os que está arredor do solsticio de verán, no hemisferio norte o 21 de xuño (ou 20, segundo como coincida o calendario e bisiestos), que é o máis duración da luminosidade. O día no que máis dura a noite é o do solsticio de inverno, que no hemisferio norte acae o 21 de decembro (algúns anos, o 22, polo mesmo motivo que pode variar o solsticio de verán). Naturalmente, no hemisferio sur, as datas intercámbianse.

    Mais o refrán sobre a Santa Lucía, festexada o 13 de decembro, non debe interpretarse como que medra o número de horas de sol no ceo, senón que indica que, a partir dese día (de xeito aproximado, o mesmo que ocorre coas datas dos solsticios) os anoiteceres vanse retrasando.

    Entón, como se entende que a partir de Santa Lucía se faga de noite cada vez máis tarde, pero que o día siga minguando? Pois porque os amenceres seguen a ser máis tardíos ata os arredores do 3 de xaneiro. Algo semellante pasa cos días máis longos. Iso ocorre porque 'as 12' do reloxo non indican 'as 12' hora solar, por ir a Terra na súa rotación a unha velocidade diferente en diferentes momentos do ano. Así, as 13:23, 13:27 e 13:34 marcaron o momento do día co sol máis alto no ceo nun mesmo lugar os días 13 de decembro (Sta. Lucía), 21 de decembro, solsticio de inverno, e 3 de xaneiro, o día no que amenceu máis tarde nese inverno 2019/20 nese lugar de Galicia. O desfase da hora legal coa hora solar en Galicia, de cousa de hora e media en inverno e dúas horas e media no verán, é o que explica que haxa unha petición de cambio de hora para facer un axuste entre ambas horas máis acaído.

    Primeiro, un vídeo:


     A 'distancia entre mans' anterior, a duración da luz diaria, ven representada nas seguintes gráficas, sempre considerando a orixe do día na parte inferior da gráfica e o fin na parte superior (na parte esquerda vese a escala en fracción de día transcorrida e na dereita a escala en horas), e, a medida que se despraza a gráfica cara á dereita, representando un día máis avanzado no ano: 

    Xa a ollo nu nótase a maior amplitude entre orto (azul) e ocaso (vermello) do Sol, o amencer e o anoitecer, nos días centrais do ano. Nembargantes, as liñas correspondentes á saída do Sol e a súa posta non son simétricas, senón que teñen un pequeno desprazamento, que corresponde cun retardo ou adianto do Sol, que se manifesta de xeito lóxico tamén no momento no que o Sol acada o punto máis alto no ceo, que varía ó longo do ano (todo elo debido á variación da velocidade de xiro terrestre arredor do Sol ó conservarse o momento angular variando a distancia ó Sol na súa órbita).
    O caso é que se observa que o momento de amencer máis cedo é uns días antes do momento no que anoitece máis tarde, estando o día de maior duración de luz entre ambos momentos. O inverso sucede no inverno, cando o día de Santa Lucía, o día no que a noite comeza antes 'polo reloxo', é anterior ó día no que o Sol sae máis tarde, quedano o solsticio de inverno, que sinala o día con menos duración de horas de luz, entre ambos:
    Os solsticios son sinalados nas gráficas coas liñas longas, mentres as máis curtas representan os amenceres -ou anoiteceres- máis temperás -ou máis tardíos-.
    Unha gráfica complementria aclarando o sentido no que transcorren o día e o ano:
     E outra máis indicando en vermello o tempo de luz, e o tempo de noite en azul ou gris, segundo que sexa antes do amencer ou despois do anoitecer, dentro das vintecatro horas da xornada.

2012/09/23

Rematou o verán. A verdade climatolóxica en Ribadeo

Recoñecemento de erro. Deixo a entrada de abaixo tal como foi posta en principio, mais hoxe, día 2 de outubro, remato de descubrir un erro que me levou a que os datos e as gráficas de choiva (non as de temperaturas) esteñan mal. A entrada está refeita corrixida e ampliada en http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/10/sobre-o-clima-en-ribadeo.html.
O verán rematou onte preto das 5 da tarde hora oficial. Despois de cada verán, sempre hai comentarios sobre como se desenvoltou. E resulta que as percepcións subxectivas non soen coincidir moi ben coa realidade meteorolóxica ...
Deixo abaixo gráficas e datos de temperaturas e cantidade de choiva dos veráns do século:
Vese que as temperaturas medias do verán (22 de xuño a 21 de setembro, ambos incluídos) deixan a 2012 en 4º lugar, por tras de 2006, 2004 e 2003. Se ben, como se pode ver nas táboas de abaixo (ordeadas a primeira por ano e a segunda por temperatura). Non obstante, as de 2004 e 2003 son case imperceptiblemente iguais ás de 2012, sendo só as de 2006 netamente máis altas.

En canto á choiva, aclarar que mentras que algunha falta de datos nas temperaturas non inflúe grandemente pola homoxeneidade do verán, unha equivalente falta de datos nos correspondentes á choiva, si que poideran variar a gráfica de precipitacións, de aí que anote nos datos de 2004 e 2009 faltan medidas na web correspondente a Pedro Murias, de onde tomo os datos deste artigo.


Coa salvedade antedita sobre os datos, obsérvase que 2012 non foi especialmente seco en Ribadeo ... e aínda que abondo por baixo de 2007, 2010 e 2008, tamén netamente por riba do ano seguinte en precipitacións estivais no século, 2002.

En fin, así son as cousas, aínda que as percepcións de cada un poden negar subxectivamente os datos obxectivos.

2012/11/06

Navier e Stokes no verán


Algo de ciencia, metido na vida diaria ... -Publicado hai máis dunha década en A Mariña/El Progreso-

Levo observando que a prensa, no verán e a falta doutras noticias que considera de máis interese, decántase algunha que outra vez por insertar novas de ciencia. Hai unha delas (unha das "novas") que se repite tódolos veráns en tódolos diarios: o efecto dos raios UV (ou UVA, ultravioleta). Esta reseña, a base de repeticións, parece dar algo de fastidio o poñela soa, e aprovéitase un congreso, un cursiño, etc, para darlle outro tratamento informativo, lixeiramente diferente dos anos precedentes.

Ante a soedade dunha noticia así, pode que para non deixala orfa, pode que pola asociación ou lembranza de que as noticias de ciencia tamén existen, entón xurden polas mesmas datas algunhas outras. Este comezo de xullo, por exemplo, tocoulle a vez á exploración á Marte, en particular polas dificultadees que tivo a Mars pathfinder para facer sair á sojourner (*) e dar unha volta pola superficie do planeta. Claro, as dificultades sempre teñen un pouco de morbo, aínda que sexan máquinas que actúan en boa parte de xeito robotizado. É comprensible a difusión da noticia, se para unha aterraxe de Clinton en Torrejón hai unha cobertura informativa que inclúe un comunicado de que se vai pasar a comunicación, fala antes un locutor dende a base, devólvese a conexión, volve ser avisado o tema dende o mesmo programa de tv, ... Apaguei a tele antes que Mr. President chegara e non sei aínda se se bicou o chan ó xeito papal ou non: a que viña xa o escoitara antes. Claro que unha crónica é unha crónica, aínda que sexa feita en Madrid a partir dunha rolda de prensa en Florida ilustrada con fotos de Marte. A noticia é noticia, e supoño que cando así se fai é porque vende (xa sexa o de Clinton ou o da pathfinder).

A ciencia, no verán, pode ser un recurso. Pero podíaselle sacar máis partido, a parte das noticias da prensa. Por exemplo, paseando por un porto deportivo pódense observar as tobeiras de saída de auga dunha moto acuática. Se ben a tecnoloxía usada nas mesmas é abondo máis básica, o sistema é semellante ó que ten a derradeira xeración de cazas saídos ó mercado, o que quere dicir tecnoloxía avanzada, que para a guerra sempre hai cartos.

Recollendo o fío, o sistema de dirección da moto pode relacionarse co avance de reacción do calamar, e se seguimos así chegamos, por exemplo, á relacionalo con cousas como a resistencia ó avance dos avións e a turbulencia, tamén en avións ou en sinxelas tuberías (¿a quen non lle molestou nunca o ruído dunha tubería cun fluxo de auga producindo unha vibración que entrou en resonancia?).

Pois resulta que ese tipo de problemas técnicos gardan relación coa pel dos tiburóns e dos delfíns, que tamén soen ser noticia no verán. Os tiburóns teñen na pel unhas falsas nervaduras que se están a usar como guía para diminuir a turbulencia e polo tanto a resistencia ó avance nos avións. Agora resulta, despois de tantos anos buscando superficies lisas para ter menos rozamento, que as superficies rugosas poden sacar ventaxa no campo dos transportes.

Tamén os delfíns levan ós estudiosos do tema un pouco máis aló no coñecemento. Esta vez a causa é que a pel do delfín váise movendo dun xeito case microscópico ó tempo co avance do animal. Para entendérmonos, é algo así como se os delfíns aproveitaran o xeito de locomoción das orugas, pero en tres dimensións, e non só no chan, claro. Un sistema semellante pénsase que pode estar funcionando nos avións a finais da próxima década.

Saltando dun asunto a outro, estou cáseque perdido. Ó tempo, éntranme ganas de saber máis e contalo: gustaríame facer un recorrido sobre a ciencia na realidade de cada día. Eso ten dificultades: non hai espacio, non hai tempo, non sei, ... e dubido que permitiran publicar moitas reseñas dese estilo nun lugar como este.

Unha vez cortado o artigo, podemos agora volver ó comezo: o título. Cando comecei quería falar de ciencia, e non como noticia senon como animación ou como resalte de algo que pode facer máis achegadas a nós as cousas que nos rodean. Mirando o colller un tema do verán para aplicala, a auga prestábase por estar asociada á diversión. E como fluído que é, o seu movemento é controlado tamén polas ecuacións de Navier e Stokes, máis descoñecidas, e polo tanto, exóticas que as de Newton, ás que complementan. Resulta que son esas ecuacións as que rixen tódolos fenómenos mencionados dende o das motos de auga, aínda que ó remate non falara delas...

Diversións da época do ano asociadas a conceptos dos que non se soe falar. ¿Quedarán gans de ler algo sobre un tema deste tipo?. Chega con tratar de comprender mellor o mundo que nos rodea, día a día.

----------------------------

(*) Traducido queda mellor: a nave busca-corredoiras de Marte tivo problemas para que o vehículo residente poidera saír e desprazarse pola superficie do planeta.

2017/01/02

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. I.- Temperaturas

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

Hoxe por hoxe, abondo antes de rematar o ano xa nos chegan novas sobre canto de quente foi o período anual correspondente, para toda a Terra. así, sabemos que unha vez máis no que vai de século, a media das temperaturas no noso planeta volveu subir no período que abranque o ano 2016. Algo que pode contrastar co que pasa nunha localidade particular, como Ribadeo, que, a ano rematado, tivo unha temperatura media o ano pasado de 14,10 ºC.
De xeito natural. por termo medio, as localidades individuais seguen a tendencia xeral, mais tampouco é raro que non o fagan un ou varios períodos consecutivos: estamos a falar de estatísticas. E este ano, Ribadeo seguiu a tendencia ó quencemento, mais non batiu marcas de temperaturas.
Recollendo os datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias no que vai de século, atopámonos con que o número de días nos que se acadou nalgún momento unha temperatura por baixo dos 3 ºC igualou ó mínimo de hai dous anos, con 3 días en todo o período. Iso confirma a tendencia de que, por termo medio en Ribadeo, cada catro anos hai 5 días menos con temperaturas por baixo de 3 ºC.
 Polo contrario, nas temperaturas por enriba dos 25 ºC non se produce tal máximo. Case ó contrario, está en mínimos do século. algo que indica que o que nos atoparemos na media non será un nivel demasiado alto de temperatura.
Para facernos unha idea do que represetna o non acadar máis días de máis de 25 ºC, a gráfica seguinte, correspondente á media das máximas temperaturas acadadas en cada un dos días do ano. E nela vese que a media de temperaturas máximas dos días máis cálidos anda polos 23 º, aínda lonxe dos 25 ºC.
Considerando as temperaturas anuais en conxunto, este ano non foi espectacular en ribadeo, como amosa a gráfica seguinte, na que se ve clara a súa quinta posición nos 14 anos considerados (anos con datos fiables abondo). A tendencia xeral está respaldada: dos cinco máis calurosos, 3 son os últimos (entre eles, os dous máis quentes).
 Así, a liña de tendencia está clara: cada ano a media de temperatura de Ribadeo sube algo máis de 0,03 ºC. Ou sexa, de seguir así, algo máis de 3 ºC no século, apoiando o nacemento da 'Galicia caribeña'.
As dúas gráficas seguintes son máis difíciles de interpretar, aínda que representan versións do mesmo fenómeno. a que aparece a continuación marca a media de temperatura dos 365 días anteriores. Marca unha tendencia ó aumento, mais o máximo está no período verán 2006-verán 2007.
A outra é a temperatura media dende comezos de século. Faise notar a perioricidade verán/inverno, cada vez máis atenuada ó ter maior número de datos e polo tanto, contar menos cada unha das tempadas individuais. E séguese a notar o aumento da temperatura, aínda que neste caso o coeficiente da recta de axuste non estea asociado a nada recñecible.
As dúas últimas gráficas son típicas, indicando a media mensual no que levamos de século en Ribadeo. Como curiosidade, a primeira danos moi boa aproximación a unha simetría arredor do ano, só un pouco xirada arredor do eixo febreiro-agosto, como corresponde ó atraso duns 45 días das temperaturas en relación ó período astronómico correspondente, con mínimas arredor do 5 de febreiro e máximas arredor do 5 de agosto.
 A última é maís recoñecible, indicando unha temperatura media (día con noite) de 19 ºC en agosto,por menos de 10 ºC en febreiro.
O resume:
aquí, o que dicía da temperatura os anos anteriores:
En 2016
En 2015
En 2014

2021/06/21

Verán

    Dende hoxe pola mañá, ás 5:32 hora oficial en España (3:32 UTC, solsticio de verán), é verán.

(aínda que en Ribadeo non o pareza)

   Seráo ata o 22 de setembro ás 21:21 hora oficial (19:21 UTC, equinoccio de outono) cando comezará o outono...

Solsticios e equinoccios. Imaxe collida de Joshua Cesa en gl.wikipedia.org, lic. CC BY SA 3.0 unported


2022/01/08

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: chuvia

     Seguindo coa meteoroloxía de 2021, despois das temperaturas, incluídas máximas e mínimas, e seguindo o mesmo esquema que o ano pasado, analizo de xeito somero os datos da chuvia caída na estación meteorolóxica Pedro Murias. 

    O pasado ano foi relativamente chuvioso, chegando a 1137 L/m2 cando a media no que vai de século quedou en 986 L/m2. Só 5 anos dos 19 considerados para a media (o primeiro a estación meteorolóxica non funcionou na súa totalidade) tiveron máis chuvia que 2021.

Táboa 4.1

    A táboa amosao dato correspondente ó resume anual como novidade, mais se se compara o resto coa táboa do ano pasado, as variacións nas medias son pequenas, como é lóxico por representar só pouco máis do 5 % do valor da auga caída no que vai de século.

Gráfica 4.2b
    En consecuencia co anterior, o gráfico de resume das medias de auga caída non se diferencia grande cousa do do ano pasado, teno o perfil de chuvia en Ribadeo unha zona de máis caída de auga no outono, e de menos no verán.
Gráfica 4.2a
    Fronte ó anterior, o ano pasado non variou moito o típico, se ben nótase algo que se ven acentuando dende anos atrás, a concentración de choiva en certos días e tempadas.
Gráfica 4.2c
    Resalto nesta gráfica os datos de 2021 e 2020 para amosar o diferente perfil, con 200 L/m2 máis o ano pasado que hai dous anos,diferenza lograda basicamente nos meses de xaneiro-febreiro, moito máis chuviosos no 2021, e cun perfil moito menos suave que no 2020.
Gráfica 4.2d
    Como xa comentaba o ano pasado, a tendencia de chuvia parece ser a aumentar, aínda que de xeito polo momento tan tenue como pouco significativo estatísticamente [o coeficiente de x é pequeno, correspondente a un aumento de 3,47 (L/m2)/ano, e R2. tamén e pequeno, correspondente a unha baixa representatividade do axuste da ecuación de tendencia]
Gráfica 4.3a
    A gráfica anterior e a seguinte corresponden de xeito moi aproximado, como xa comentei, á mesma distribución que anos anteriores, representando o máximo de chuvias no outono e no inverno, coa estación máis seca no verán.
Gráfica 4.3b
    En anos anteriores non fixera o desglose de chuvia de xeito semanal, que deixo abaixo e que pouco engade á distribución mensual, pois a información extra que podía haber tamén se ve emborrataxada por ser menos cantidade de datos por cada comuna, e polo tanto, maior posibilidade de variación estatística.
Gráfica 4.3c
    Unha curiosidade é a distribución da chuvia que cae ó longo dun día. De media, pódese ver na gráfica a continuación que non hai diferencia aprezable de chuvia caída a unhas ou outras horas: a curva é case recta.
Gráfica 4.4a
    O agrupamento da chuvia nuns poucos días, en contra dun réxime de chuvia máis uniforme como é tradicional, é algo que din se está a converter en tendencia, mais en Ribadeo, aínda que hai a percepción de episodios de fortes chuvias de xeito cada vez máis frecuente, as estatísticas polo momento non permiten asegurar dita tendencia. A iso veñen as seguintes gráficas:
Gráfica 4.4b
    A anterior indica que o número de días de choiva o ano pasado foi de 156, destacando só un ano por baixo neste século (2004) a pesar de ser un ano relativamente chuvioso. A media de días con chuvia no século é 11 días máis: 167 (case o 46 % dos días). Iso indicaría que a chuvia se concentra en menos días, mais a liña de tendencia indica máis ben unha leve suba do nḿero de días de chuvia ó ano. A gráfica a continuación, a concentración de días con máis de 25 L/m2 de chuvia caída, tamén indica que houbo máis días con esa característica en 2021 que en anos anteriores, pero a liña de tendencia (ademais, cunha aproximación moi pobre, como indica o pequeno R2) volve a dicirnos que a tendencia é a que o número de ditos días se manteña ou diminúa. 
Gráfica 4.4c

2014/09/22

Cambio climático e temperie en Ribadeo

Este ano, o verán comeza aínda mañá, 23 de setembro, aínda que sexa ben cediño (2:29 UTC, isto é, ás 0:29 hora oficial, media hora escas despois do cambio de día), co que podemos considerar que aló foi, máis aínda coa chuvia que leva a caer todo o día en Ribadeo. E falo de Ribadeo só, coas limitacións que leva consigo: unha parcialidade que fai que calquera afirmación ou conclusión que se poda obter non será máis que algo que sumar a outras moitas para poder obter unha evidencia xeralizada de cambio climático a nivel da Terra, que é o que interesa ó conxunto da humanidade.
Co dito ó comezo, podemos dicir que a tempada de boa temperatura vai pasada en Ribadeo, aínda que poda haber días sorpresa con Sol e temperatura agradable, pero dificilmente chegarán ás máximas do verán.
E aí ía: mentres que o cambio climático se vai producindo lentamente, subindo a temperatura media de xeito case imperceptible un ano tras outro, ó ser unha cuestión estatística, nos extremos de temperatura, en momentos puntuais do día a día, nótase máis a variación. Un caso particular, as temperaturas máximas obtidas a diario que poden superar unha temperatura alta: estariamos falando duns poucos días ó ano. Imo sver:
Dende comezos de século, a estación automática de medición meteorolóxica da Pedro Murias leva dándonos os resultados, e, se collemos as temperaturas máximas diarias, observamos o que temos embaixo:

É dicir, o número de días que se leva acadado en Ribadeo nalgún momento do día temperaturas superiores a 25ºC vai aumentando paulatinamente, de media, a razón de máis de 3 días/ano cada catro anos. Se collemos os catro últimos (neste aínda pode haber algún día máis con temperatura maior que 25ºC, aínda que sexa improbable), temos 65 días con temperaturas superiores, mentras que nos catro primeiros do século (o 2 000 pertence ó século XX) o número é de só 30.
Non sei o que nos deparará este inverno, pero o aumento de temperaturas, o cambio climático, está claro en Ribadeo no que levamos de século.
--
Actualización: en outubro acadouse o 17 día de +25ºC este ano, o que aumenta a inclinación da gráfica...
-
Esta entrada participa na Edición LVI do Antroido da física/Carnaval de la Física , con blog anfitrión en High Ability Dimension

2012/03/21

Xa está: estamos na primavera. Cal é a diferenza?

Pois iso. Hoxe é o 21 de marzo, e entramos na primavera. Por? Ben, a primavera astronómicamente ven definida como o tempo entre o equinoccio e o solsticio de verán, é dicir, entre o momento no que a liña Terra-Sol é perpendicular ó eixe da Terra (inclinado respecto ó plano da eclíptica, o plano que describe a liña Terra-Sol ó xirar) e o momento no que ambas liñas presentan o mínimo ángulo, co Polo Norte da Terra máis próximo ó Sol que o sur.
Coincide que como a órbita da Terra ten unha lixeira excentricidade, a primavera e o verán no hemisferio norte transcorren no tempo no que a Terra está máis lonxe do Sol ...
E, como a Terra xira sobre si mesma a velocidade constante, ó estar ó Sol en referencia á Terra ó norte do plano que forma o ecuador, entón o tempo que cada día está iluminado un punto por riba do ecuador é maior que o tempo que non o está, e os días son máis longos. Ó ser os días máis longos e caer o Sol máis perpendicular, os raios chegan en maior cantidade a unha zona da superficie, e durante maior tempo ... co que hai unha temperatura máis alta.
Gráficos? Si, pero non hoxe.

2013/01/18

A temperie ribadense no 2012 (II)

(1ª parte)(3ª parte)
3.Choiva
Continuando coa recollida de datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias, atopámonos con que a serie fiable de choiva ten asemade unha lonxitude menor do conxunto total da datos recollidos, abranguendo igual que no caso de temperaturas, dende o 2003. Aínda así, con datos incompletos de 2001 e 2002, ditos anos están incluídos nas gráficas seguintes.
En termos xerais, podemos dicir que as choivas deste ano aínda se apartan do réxime medio, mais é normal que haxa desviacións nunha ou noutra época.
3.1. Choiva media.
A táboa cos datos recollidos é a que aparece á beira (tab1). Nela xuntei o resume de datos referentes a choiva.
Na primeira liña baixo os anos, aparece o total choiva caída 2001-2012 (a ter en conta que os datos de 2001 e 2002, como dixen, son incompletos, co que o total sería maior). Na última ringleira, aparece a media diaria de litros por cada metro cadrado caída ó longo do mes correspondente.
3.2. Choiva media anual.
Represéntase (gráfico 1) o dato do promedio de choiva acumulada para cada día do ano, numerados e con divisións no gráfico que agrupan de xeito aproximado dous meses. Ista representación da media de choiva acumulada ó longo dun ano para un día dado é unha gráfica que sorprende ó facela pola súa limpeza. Vese que a cantidade de choiva caída vaise incrementando lóxicamente, pero distínguense zonas de máis precipitación e zonas de menos. 


Se se divide a gráfica por tramos, pódese observar que ata o día 160 aproximadamente (10 de xuño), o réxime de choivas é prácticamente constante, pouco maior de 2,5 L/m2 e día. De aí ata aproximadamente o comezo astronómico do outono (21 de setembro), é dicir, prácticamente o período de verán, o réxime baixa a súa media, pasando a pouquiño máis de 1 L/m2 e día de xeito uniforme. De aí e ata comezo de decembro (pouco máis de dous meses, o comezo do outono), de novo volve a producirse unha uniformidade de choiva, pero esta vez en maior cantidade, sobrepasando os 4 L/m2 e día. O mes de decembro volta a ter un réxime de choiva semellante ó de comezos de ano.
O gráfico 2 representa un desglose de datos ano por ano, seguindo a táboa, onde se pode observar que no 2006 (1300 L/m2) choveu máis do doble que no 2004 (600 L/m2), e que o ano 2012, a liña máis grosa, é o terceiro máis seco do que levamos de século, sendo tanto o seu inverno como o seu verán as estacións máis secas, rematando ambas sendo o ano máis seco ata dito momento. Unha nota: para comparalo cos outros dous gráficos que represetan a acumulación de choiva, hai que ter en conta que a escala vertical é diferente neste caso, sendo a parte alta 1 400 L/m2 neste caso, fronte a 1 000 L/m2 nos outros dous.
O gráfico 3 (que se corresponde coa liña grosa do gráfico 2), correspondente á choiva que se foi acumulando durante o 2012, pode compararse co gráfico 1, correspondente coa media anual. En dita comparación, obsérvase que as choivas da primavera o inverno e foron medias, por contra das escasas do inverno e o outono.
3.3.Choiva media mensual.
O Gráfico 4 complementa ó anterior, representando a choiva caída cada día do pasado ano. Os picos corresponden na gráfica anterior cos momentos da liña máis inclinada, recollendo cada un dos tres días máis chuviosos uns 30 L/m2
O gráfico 5 corresponden á media de choiva diaria considerada mes a mes durante 2012, podendo poñerse en relación cos gráficos 3 e 4. O Gráfico 6 represetna os mesmos datos que o 5, pero indica á vista de xeito máis doado que a choiva acumúlase nos meses de outono, e que as diferenzas intermensuais son abondo bruscas, correspondendo coas diversas épocas do ano, ó contrario do que pasaba co gráfico semellante de temperaturas, que tiña unha evolución suave.

2017/01/03

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. II.- Chuvia

*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*

As dúas variables meteorolóxicas que máis se cre lembrar son as temperaturas, en primeiro lugar e das que xa falei, e a chuvia. E iso pasa porque nesta terra son os factores determinantes da temperie.
Un dito apunta a que nesta terra 'a fame ven en barca', e polo momento o cambio climático non invalida o dito, seguindo na liña de choiva e verdor ó noso arredor.

A táboa anterior indica que o ano pasado foi máis ben chuvioso, case duplicando ó ano no que menos chuvia caeu do século, o 2004, situándose as precipitacións case un 20% por enriba da media anual.
O gráfico a continuación amosa a evolución ó logo dos anos, presentándose o 2016 en liña máis remarcada, na que se poden observar as notables precipitacións de comezos de ano, e en xeral ata o mes de abril, que rematou sendo o primeiro cuarto de ano máis chuvioso do século. Mais despois o verán foi seco e o outono só un pouco máis chuvioso que a media.

Se comparado con outros anos foi un período húmido, tamén a tendencia confirma que estamos a sufrir un aumento leve de chuvia caída cada ano,
que aumentou a media anual nun 10% dende comezos de século.

A distribución da chuvia caída por meses ó longo do século non sofre variacións aprezables, como era de esperar por aumento dun período pequeno en relación ó total. Segue a destacar (cada vez máis) novembro, por riba de xaneiro, e o outono-inverno como tempada de chuvias, mentres o destaque do verán é pola falta de chuvias (tamén, cada vez máis).

Se representamos os mesmos datos en círculo, non aparece a mesma simetría da que facía gala a representación de temperaturas:

De calquera xeito, a chuvia é aleatoria. Algo que pode observarse na distribución semanal  que deixo a continuación, onde é identificable a semana na que se produxo a inundaciòn de xuño de 2010...



2022/01/17

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: vento

     O ano que rematou non foi especialmente ventoso. Aínda así superou a media do que vai de século, como pode aprezarse nas táboas a continuación:


    A distribución de vento no ano seguiu imitando a distribución media: máis vento no outono e inverno, menos no verán.
    Así, pode observarse que non houbo cambios aprezables na distrribución semanal en relación a anos anteriores:
    Confírmase así a tendencia mensual, como se pode observar nas dúas gráficas seguintes:

    Nesta última aprézase moi ben que de xuño a setembro é a tempada de calmas, mentres de novembro a marzo é a tempada de ventos (cousa de un 50% máis de vento diario).

    En canto á tendencia ó longo do século, a pesar de o ano pasado non foi ventoso, a liña segue ascendendo, tendo unha fiabilidade (R2) aínda baixa, pero tamén en ascenso.

    As dúas gráficas seguintes son complementarias das anteriores. Xusto abaixo, vemos a evolución do número de días con vento de máis de 20 m/s e a recta de axuste, observando como nos extremos, a liña de datos está máis alta que a recta, indicando que a tendencia é a aumentar o número de días ventosos, se ben o aumento observado é moi lento.
    A última gráfica incide no xa dito: o recorrido do vento ó longo do ano aumenta máis rápido (máis inclinación da liña) no inverno e no outono, e máis lento (menor inclinación) en primavera e, sobre todo, verán.


 

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.