2019/12/28

María Vieites, novo Premio á mellor traxectoria profesional científica xove

Onte tivo lugar a X Reunión Galega de Xóvenes Investigadores no Extranxeiro. Nela foille entregado a María Vieites Díaz, investigadora no CERN e profesora na Universidade de Lausana, e ribadense, o Premio á Mellor Traxectoria Profesional Científica Xove. O premio, para menores de 30 anos, foi concedido por AMIT – Gal, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia. A xuntanza desenvolveuse na Domus de A Coruña a instancias do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) María estudou no IES Porta da Auga, de onde pasou á Universidade de Santiago de Compostela, graduándose en CC. Físicas e facendo logo un Master en Física de partículas de altas enerxías, e a tese de doutoramento [Study of the B0 →ρ(770)0 K*(892)0 decay with an amplitude analysis of B0 →(π + π − )(K + π − ) decays] xa a cabalo entre Suiza e Galicia. Na actualidade imparte clase na École Polytechnique Fédérale de Lausanne, o que comparte coa investigación no CERN como Postdoctoral Researcher no grupo LHCb da Politécnica. Moi lonxe quedan xa os traballos para as feiras de ciencia de Ribadeo como os publicados nas 'actas de actividades' no IES Porta da Auga, como se pode ver no seu currículo.

2019/12/22

Material dunha ruta xeolóxica en Ribadeo: As Catedrais


Coido que é de interese para coñecer ben o noso entorno: o Colexio Oficial de Xeólogos remata de facer público na súa páxina material (trípticos e unidades didácticas) sobre 12 rutas xeolóxicas de Galicia, entre elas, unha nas Catedrais. Non deixa de ter interese para o noso entorno, non só para xente 'en formación', senón para calquera que queir estar 'mellor informado'. As ligazóns son estas:
Díptico 'Augas Santas'
Libro Secundaria 'Augas Santas'

2019/11/21

A muller na ciencia, serie de animacións

A partir do blog 'Mulleres con ciencia' chego á serie de vídeos 'A muller na ciencia', dispoñibles en youtube. Deixo aquí catro exemplos de animación para desfrutar, aprender e posiblemente reconsiderar a postura da muller na ciencia (e da muller, así, a secas):





2019/11/17

Ensinantes/aprendices

Onte rematou en Viveiro o XXXII Congreso de EnCiGa, a asociación de ensinantes de ciencias de Galicia. Para unha reseña de tódalas actividades, ou, no futuro próximo, as comunicacións escritas, remito á páxina de Enciga. Mais non me resisto a deixar unhas pinceladas a máis dos post da comunicación "A Ciencia na Galipedia" e poster "Selectividade Galego e Física: uns datos parciais" que levei e xa puxen.
En primeiro lugar, unha foto para a directiva de EnCiGa, constituída agora só por mulleres coa presidencia de María Inés García Seijo, despois de moitos anos de presidencia de Paulino Estévez:
Coido que o merecen pola súa labor nunha sociedade que na actualidade conta cuns 500 membros e é dinámica abondo como para organizar o congreso e publicar a revista a máis doutras actividades.
Como todos os anos, o congreso foi un crisol de ideas diversas manifestadas a traverso de conferencias, obradoiros, comunicacións ou paneis, pero tamén un lugar onde crear e manter comunidade arredor do ensino da ciencia tendo como piares persoas, os congresistas.
Destacaría moitas cousas que apreciei, pero iso supón deixar sen xulgar os tres cuartos de cousas que literalmente, non puiden atender por ser simultáneas coas que si puiden atender. Por iso, só unhas pinceladas sobre as conferencias.
A primeira, sobre a táboa periódica, de Manolo Bermejo, sorprendeume polo artellamento de datos que me fixo descubrir algúns recovecos dun tema sobre o que parece que está todo dito hai tempo. Todo dito, pero non todo comprendido e relacionado polos ouvintes, como puiden comprobar. A conferencia titulábase 'Ten vida a táboa periódica?' Quedou confirmado que si.
Na segunda, "Galicia, unparaíso xeolóxico", J.F. Canosa deixou ganas no público dun coñecemento máis profundo da nosa terra, da súa constitución, dos seus pregues non sempre tan suaves...
O sábado, Olalla López Costas deslumbrou cou negrura dos restos humanos: "A ciencia dos esqueletos: Xanelas ao pasado" non só abriu esas xanelas de coñecemento, senón que dexiou unha visión de que aciencia que se fai en Galicia ten concexións internacionais coas que se trata codo a codo. E tamén abriu esas fiestras sobre  a historia itnerpretada a traversdo dos seres vivos, das persoas  que viviron nun determinado período, da súa alimentación, enfermidades e relación entre ambas.
En fin, quedo con ganas de expoñer máis cousas do congreso, pero será en todo caso noutras entradas.

2019/11/08

#WebSummit (3)

Chegou o día final do WebSummit e moitas cousas por contar, que irán en entradas extra.
A primeira impresión foi a xente chegando con maletas para saír de alí directo ó aeroporto. Unha vez dentro, se ben ó comezo do día non se notaba menos xente, cara ó mediodía xa era evidente. Ata había sitio sentado en xeral nas charlas!
O que non variou a pesar diso é o trasego contínuo da xente saíndo e entrando nos espazos onde se daban. e é que con moitas posibilidades de xeito contínuo unha detrás de outra, hai que fiar moi fino para ir chegando se outra interesa máis e está a piques de comezar.
En relación a iso, o uso das app, tanto do propio evento, como de tradució ou transcrición, é convinte  dende antes mesmo de comezar. A de tradución, aínda que se saiba inglés, pois hai veces que ó estar lonxe non se escoita. A do evento, para o manexo da axenda, e a de transcrición para apuntes concretos. Desta servireime aínda para os post que virán.
Unha cousa rápida, como o último día, como ponte para os post que faltan:
Co corte do entrevistado de Wikileaks ó entrevistador en termos 'non sigas por aí. Dende o comezo, estás representando a outra parte, e esto non pode seguir así, como representante da outra parte e entrevistador' seguido dun forte aplauso da audiencia nunha charla moi concurrida, marcouse un nivel ético.
Os robot marcaron un punto de atención nas diversas formas presentadas. Pero non todos eran tecnolóxicos. Chama a atención que tamén chamara a atención dos visitantes este que amoso abaixo...
En fin, a salto de mata, como  o último día, e sabendo que o cumio non se rematou de xeito efectivo aquí...
--
Anterior do Websumit:
#WebSummit (2)
#WebSummit (1)
#WebSummit (0)

2019/11/07

#WebSummit (2)

O segundo día do WebSummit haberá quen diga que foi máis do mesmo. E si, e non. Evidente, o cumio seguiu a mesma liña, pero quen puxera un pouco de interese ámbolosdous días tería considerado cousas diferentes abondo como para dicir que foi diferente.
A xente vese máis cansa, e quizais hai un pouco menos xente que o primeiro día. Pero segue habendo colas, moitas charlas onde é imposible ter asiento se non estás xa a anterior que tivera lugar alí, etc. E a festa da noite, na LX Factory, non desmerece (en todo caso, máis ben mellora) a do día anterior na Pink Street.
De charlas e outras cousas de hoxe ocuparase outra entrada.Esta máis ben dalgunhas curiosidades. A primeira foto amosa un posto onde se vende Budapest. É só un exemplo. Cidades, rexións ou países enteiros (España incluida, terá lugar noutro post) anúncianse / traen empresas / fanse viosibles porque 'hai que estar' / ...

Onte comentaba o contraste da xente vendendo Coca-Cola cargados con mochilas. Contraste tamén co posto da empresa no que se anuncia o seu 'obxectivo' nun panel con imaxes cambiantes (a lembrar que estamos nunha feira tecnolóxica): usar 50% de material reciclado.


A medida que pasa o tempo, o visitante é máis consciente da cantidade 'inmensa' de voluntarios que contribúen ó evento. Non sei se todos son voluntarios coas mesmas bases de contribución ou non, pero están por tódalas partes. Nun espazo baleiro recoñeceselles e dáselles as grazas:


Outro contraste: Nun momento no que as enquisas se fan por internet,mesmo en tempo real, hai paneis variados nos que se poñen a disposición da xente pegatinas redondas para pegar en gráficos e así contribuír a unha estatística visual. Aquí deixo a foto de dúas desas estatísticas dun conxunto de tres entre os variados que hai:


De igual xeito, hai varios paneis con post it, como este no que se pide reseñar o mellor da planificación do equipo do que se forma parte. Por certo, xa non vin o referido a España que reseñei onte.
A feira é variada, de xeito que os políticos vense en situacións diversas. E algunhas intervencións son abondo aprezadas, como a do ex Premier británico Tony Blair:
Nas feiras véndese. De todo. Comida e bebida como algo necesario para aguantar a xornada. Pero sobre todo, do específico que trate a feira. E logo, doutras cousas colaterais ou non tanto. Xa vimos nesta a Coca-cola, ás cidades... e tamén hai aparellos electrónicos menos sofisticados, como auriculares ou soportes de man para móbiles, como os da foto.
Tamén se venden ideas, e metaideas sobre esas ideas. Iso é o que fai a EPO/EOP, a Oficina Europea de Patentes, vender a idea da necesidade de patentar co sistema actual. Tamén sobre este tema podemos volver, pois houbo charlas na mesma liña.


E para rematar o día, fóra do recinto, festa na LX Factory, un lugar para visitar en Lisboa. Ten unha librería, como se pode ver na vista moi parcial de abaixo...


 ... pero tamén garitos diversos, tendas, e un local para música, grande en superficie e volume:
E, como se pode ver, tamén grande en número de persoas no seu interior. Persoas que mañá estarán -supónse- de novo na WebSummit, pois á LX Factory só se entraba coa acreditación...

2019/11/05

#WebSummit (1)

Martes 5 de novembro. Primeira xornada efectiva no WebSummit 2019. Os pavillóns a tope. A entrada a primeira hora, aínda lenta...
Entrar implica ter unha primeira impresión. E nun lugar coma este, sempre cos tintes de entusiasmo e claroscuros polas regandixas. Ver entrar a xente fresca pola mañá e o batiburrillo de stands de todo tamaño, cor e disposición chamando a atención, auguran un bó 'cumio', polo demais imposible de abranguer. Un pouco menos visibles a pesar de querer chamar a atención para vender, os empregados coa mochila chea de Coca-cola ás costas e unha bandeira para facerse a si mesmos máis visibles presentan un contraste coa tecnoloxía que os rodea.
Coido que a un sitio como este pódese ir de dous xeitos aproveitando o que hai: a tiro fixo, cunha planificación das actividades da visita (e polo tanto cun coñecemento previo abondo profundo e elixindo antes entre as diversas opcións que coinciden nun gtempo) ou a pasear parando nos sitios que se ve interesantes ó paso, investigando. O traballo pódese facer escoitando ou facéndote escoitar. Nos stands, nas charlas, talleres, ... pero tamén nas zonas de xuntanza e/ou restauración das empresas e entidades ou externas, que segundo avanza o día van sendo ocupadas non só para comer ou beber. A vista ven ben para as ideas, para poñer máis atención no que parece que interesa, pero a oralidade prima no ti a ti das relacións e desata o barullo que ateiga o local xa ateigado tamén de xente.
Son tres días, de martes a xoves, de cumio. E algo imposible de referir na súa totalidade de xeito curto, máis aló de facer notar algúns detalles, como a ridiculez de espazo ocupado polas empresas que pretenden nacer ('alpha') en relación coas grandes empresas e entidades que dispoñen de cartos.
Hoxe o contido das charlas que visitei estaba relacionado coa educación e a aprendizaxe. Unha, 'cognitive enterprise', brindaba por IBM, viu a sementar a idea de que a empresa, o seu funcionamento, debe basearse no coñecemento. Coñecemento da xente e as súas/nosas cousas, con transferencia do privado (noso, individual) ó público para ser aproveitado polo privado (das empresas e os seus donos) mediante ferramentas públicas que polo seu volume son difícis de manexar polo privado/individuo pero non polo privado/empresa.
Outra, 'Education beyond classroom', cun fondo de espazo físico ben diferente, marcando diferencias, tentaba explicar como as novas tecnoloxías son capaces de enganchar na aprendizaxe mediante a motivación. Dúas empresas e unha representante da UNESCO enunciaron cadansúas ideas en educación. Quedaríame con algo que hoxe por hoxe considero que ten unha importancia e veracidade limitada, pero aínda moi útil: como se enunciou alí, detrás de cada app educativa hai un bó profesor.
Outra máis, de Katherine Maher, de Wikipedia, co Altice Arena on moita xente. En plan moi didáctico, tentou facer ver que a colaboración comunitaria xunto con tecnoloxías abertas e accións colectivas pode ser o futuro contra a mentira no coñecmento: a confianza na Wikipedia así o amosa, cunha tecnoloxía que é máis poderosa canto máis libre e aberta. Algo que se intenta bloquear por todas partes a estas alturas de internet.
Mentres, ó longo de todo o día estaba clara a necesidade dunha condición previa para para sacar algo de xugo ó evento. E non é tanto unha base tecnolóxica como unha base idiomática, que se alza como primeira (ou última) barreira para o aproveitamento do que se está a tratar.
Un remate máis de andar por casa: a xente ó final do día está cansa. Mesmo diría que moita xente procura un asento nun lugar de charlas e de aí non se levanta ata que pechan, sinxelamente por cansanzo, non porque estea a escoitar unha charla tras outra. Nunha feira tecnolóxica, os post it empréganse con certa profusión, e para moitas cousas. E, nos servizos, as típicas colas nos de mulleres e a mala dirección do mexo que deixa a pegada de moitos homes.
Cognitive enterprise.

Education beyond classroom


A primeira hora.
A hora máis avanzada
Alphas: espazo de mesa no que cabe unha persoa e pouco máis (da outra beira da mesa, outra empresa)

Sen comentarios.

#WebSummit (0)

O primeiro día no WebSummit non hai realmente webSummit... pero si moito que facer.
Hoxe foi a inauguración do WebSummit en Lisboa. Edward Snowden foi a estrela mediante videoentrevista. Estrela que cumpriu: o Altice Area a tope non comezou a deixar algunha cadeira libre ata despois da súa intervención, na que lembrou puntos fundamentais da privacidade escasa hoxe en internet, e rematou dicindo
que a protección da privacidade de todos require a protección de cada un.
Aínda sendo a estrela, sufriu un aumento da música (incomprensible para min) para evitar que se excedera do tempo adicado. Algo así lle pasou tamén no escenario ó fillo de Will Smith e a súa visión de auga potable para todos. Claro que o impacto era diferente e detrás deste último viñan os políticos para as verbas de inauguración. Tamén foi máis sensible o impacto da música neste caso.
Outras intervencións, como as mulleres portuguesas empresarias de éxito en startups, poideron ser interesantes, pero de recheo. E a actuación do enviado de Huawei resultou interesante pola proxección do que significa a empresa china a nivel mundial, limitándose a falar da súa empresa.
Acreditarse e entrar non foi sinxelo, non pola burocracia, senón polo tempo, quedando xente ás portas do inmenso pavillón despois de pasarse hora e media entre cola e xestión para obter o badge para entrar (que tamén se podía xestionar antes no aeroporto).
Despois, a festa. Alí mesmo, no Night Summit ou (de xeito máis específico) nas varias festas na cidade asociadas ó Websummit, como a do Hub Criativo do Beato, tranquila e eficaz para conectar, a do Ministerium Club, co 'cirque do summit', buliciosa a tope, ou a do alto do Hotel Mundial, para aproveitar as vistas de Lisboa de paso que se inician os contactos.
Alguinhas fotos para darunha idea:
Snowden no WebSummit

O público falando Snowden

O público no acto dos políticos

No Hub

Cirque do Summit

A festa na terraza do Hotel

2019/10/28

Auga para Ribadeo para 300 000 anos

Auga para Ribadeo para 300 000 anos: ese é o resume do 'último polo momento' iceberg desprendido da Antártida: unha masa de xeo de 300 000 millóns de toneladas, cunha superficie duns 60 km x 30 km, unhas 18 veces o concello de Ribadeo, e un grosor superior a 200 m.
Se botamos as contas, cun consumo en Ribadeo duns 3 000 000 de litros diarios, saen cen millóns de días, ou sexa, uns trescentos mil anos.
O nome asignado ó iceberg é D28, e o seu 'nacemento', o o 20 de setembro, a partir da 'nai', a plataforma de xeo Amery. Na imaxe da ESA:

A CIENCIA NA GALIPEDIA

Preséntase a continuación un traballo a expoñer no XXXII Congreso de Enciga, a celebrar en Viveiro entre o 14 e o 16 de novembro de 2019.

A CIENCIA NA GALIPEDIA
Antonio Gregorio Montes

ABSTRACT
Wikipedia is the Galician version of Wikipedia, the free, open and collaborative online encyclopedia, sister of other projects such as Wikibooks or Wiktionary, many of which have also a Galician version.
The use of these projects, still largely unknown, is already also largely used in teaching by covering the current curriculum: offers it a layer of support, extension and/or contrast, while being useful for developing ideas or doing different kinds of work.
Is presented an analysis of the characteristics of the set and the structure of the articles, interaction, and educational possibilities, mostly in science.

RESUME
A Galipedia é a versión galega da Wikipedia, a enciclopedia libre, aberta e colaborativa en liña, irmá maior doutros proxectos como Wikibooks, orientada á producción de libros, Commons, repositorio multimedia, ou Wiktionary, dicionario en liña, moitos deles tamén con versión en galego.
O uso destes proxectos, aínda descoñecidos en gran parte, serve xa de apoio de facto no ensino recubrindo o currículo previsto cunha capa de ampliación e/ou contraste, ó tempo que é útil para o desenvolvemento de ideas ou a realización de traballos.
Preséntase asemade unha pequena análise de características do conxunto da constelación wikimedia e dos artigos, posibilidades de interacción e educativas, en particular, en ciencia.
Por outra banda, a perspectiva da Wikipedia é diferente por parte do alumnado e do profesorado. Presentarase o contraste entre ambos puntos de vista, así como a posibilidade de integración desta ferramenta en diferentes estilos de ensino.
Asemade, repasaranse algúns temas laterais como o uso de citas, licenza, ou a importancia de cara á pluralidade lingüística.

GALIPEDIA, WIKIPEDIA, WIKIDATA, COMMONS, WIKIBOOKS... E OUTRAS LERIAS
Nun entorno científico, todo o mundo ten máis ou menos claro que é a ciencia, aínda que as versións que se podan dar resulten ó final diferentes e podan abonar discusións teóricas.
A outra parte do título ca comunicación pode non estar tan clara para moita xente. Na páxina principal de calquera Wikipedia, como na Portada da Galipedia, hai seccións de introdución á propia enciclopedia, apoio para o seu uso ou edición, etc, o que non quita para que a pesar do extenso da súa difusión, sexa unha grande descoñecida máis aló do feito de que permite a consulta enciclopédicadun termo concreto.
Wikimedia é unha fundación sometida legalmente á lei nos EEUU pero de ámbito mundial, deseñada para manter ferramentas de coñecemento baseadas nas wiki en liña, libres, abertas e colaborativas. O nacemento desa constelación foi a Wikipedia en inglés, en formato enciclopedia. Despois viñeron os brotes de diversas linguas (hoxe máis de 300, segundo a Lista de Wikipedias). Entre elas, o galego, onde se coñece coloquialmente como Galipedia. E tamén, a diversificación de posibilidades: dicionario (Wiktionary)1, repositorio multimedia (Commons), elaboración de libros (Wikibooks), acumulación de fontes documentais (Wikisource), base de datos (Wikidata)2, etc, todas relacionadas, cos mesmos principios e metodoloxía, e impregnadas coa filosofía inherente ós chamados cinco piares da Wikipedia: enciclopedia neutral libre con normas de conduta sen regras prefixadas  -é dicir, con regras discutidas pola comunidade de soporte- (Wikipedia:Cinco piares, 23/10/2019)3.
De igual xeito que a fundación ten unha existencia ignorada por moita xente, nos usuarios, en xeral, hai descoñecemento e incomprensión dos cinco piares, en particular, que non é unha fonte primaria. É dicir, moitas veces o que non se entende é a lóxica da Wikipedia, e non as súas posibilidades, pero istas pasan a ser desperdiciadas ou mal usadas por dita falta de comprensión.
Por outra banda, aínda que o sistema wiki permite unha interacción total co contido, a súa imbricación cunha garantía de calidade fai necesaria tanto unha formación previa no sistema como un sistema de seguemento e organización da xente voluntaria. En certo xeito é paradóxico, presentando a wikipedia como axuda á formación, pero é algo que fai posible unha estrutura que só na Galipedia, nas páxinas principais, contén 160 000 artigos a día de hoxe (Portada, 23/10/2019), e non o resulta tan chocante se se pensa que o usuario consultivo só necesita manexar internet, e as habilidades necesarias vanse complicando a medida que aumenta a intrusión do usuario no propio sistema. Sistema que se complementa con páxinas de discusión, de necesidades, informativas, etc, nun número comparable -pero maior aínda- ó xa citado, incluíndo todo o historial de cada unha das páxinas, o que permite unha trazabilidade que axuda a resolver problemas internos e mellorar o conxunto. E, de xeito externo ou interno a cada un dos proxectos, pero ensamblado no conxunto, tamén complementado con material didáctico, cursos (Trainings, 2019) (Teach with wikipedia, 2019), etc, para potenciar e mellorar o uso da Wikipedia e a constelación de irmás e a súa relación co mundo educativo.
Dada a evolución da lexislación actual, unha introdución á Wikipedia estaría coxa sen puntualizar a licenza de uso. Nas wikipedias a licenza é de Atribución Compartir Igual 3.0 (CC BY-SA 3.0), da familia de licenzas Creative Commons. Basicamente, como é especificado na páxina citada da Galipedia, pódese (permite)
“Compartir — copiar e redistribuír o material en calquera medio ou formato. Adaptar — remesturar, transformar e recrear sobre o material para calquera propósito, incluso comercialmente.”
De xeito que o licenciante non pode revogar estas liberdades mentres se cumpran os termos da licenza, que resumidos, indican:
“Atribución — Debe dar o recoñecemento apropiado, fornecer un vínculo á licenza e indicar se se fixeron cambios. Pode facelo de calquera maneira razoábel pero non de maneira que poida suxerir que o licenciante o apoia a vostede ou o seu uso. Compartir igual — Se vostede remestura, transforma ou recrea sobre o material, debe distribuír as súas colaboracións coa mesma licenza cá orixinal. Sen restricións adicionais — Non pode aplicar termos legais ou medidas tecnolóxicas que legalmente impidan a outros facer algo que a licenza permite.”
Como nota da importancia destes termos, tódalas páxinas da Galipedia amosan a licenza antedita no seu pé de páxina.

CARACTERÍSTICAS DOS ARTIGOS
Os artigos da Galipedia ou de calquera outra Wikipedia son feitos literalmente por calquera. Aínda que cabería mellor o dicir ‘por calesqueiran’, pois só artigos totalmente recentes non teñen engadidios ou variacións realizadas por outras persoas diferentes a quen creou o artigo. Se se mira ‘Leis de Newton’, no historial aparecen nestes momentos máis de noventa aportacións diferentes (Historial de revisións de ‘Leis de Newton’) que van dende a súa creación o 16 de marzo de 2004 por Agremon a un cambio de æ en troques de ae en ‘Philosophiæ Naturalis’ o 5 de xullo deste ano feito polo alcume Alfonso Márquez. Cambios todos que se poden ver, un por un, e reverquer en caso de incidencia ou estudar para ver a evolución do artigo: un artigo bó non se fai dun momento para outro, senón que leva literalmente moito tempo. De feito, pódense poñer avisos de ‘en uso’ cando alguén está a modificar un artigo para que non se solapen edicións. Ou outros avisos: no caso das Leis de Newton, aínda despois de todos os cambios feitos, nestes momentos hai un letreiriño que indica que son necesarias máis referencias...
Así pois, os contidos son modificables, nunha especie de revisión por pares entre os voluntarios que participan na edición da Wikipedia, entre os que podes estar ti en calquera momento. A modificación inclúe as ampliacións de texto ou ecuacións o mesmo que a inclusión de material gráfico ou sonoro, inclusión de categorías para a súa clasificación, conexión coas versións noutras linguas, relación con outros artigos na mesma Wikipedia ou de xeito externo, control de autoridades, etc.
Visto o anterior, a posibilidade de interacción de profesorado e alumnado é enorme, como o é a que poda exercer calquera persoa, moito máis aló da súa consulta. Así, a cuestión sería saber aproveitar as posibilidades en caso de querer facelo.

REVISIÓN DO ESTADO DE ARTIGOS

Para tratar un tema calquera cunha certa amplitude, en termos da Wikipedia, en xeral é necesario visitar varios artigos, pois un tema amplo non estará concentrado só nun. Máis aínda, precisamente a profundización de contido nun artigo pode aumentr en demasía a súa extensión, o que fai convinte a subdivisión de dito artigo para facelo máis manexable. Así, o artigo sobre Albert Einstein na Galipedia trata moi por riba o efecto fotoeléctrico ou a relatividade especial, mais dirixe por ligazóns (hipervínculos) ós artigos que tratan ditos temas de xeito máis extenso.
Da mesma forma que dentro dunha Wikipedia os artigos compleméntanse e interrelacionan mediante ligazóns, tamén deben complementarse con outras fontes -de aí a importancia que se lle dá as referencias-, máis aínda cando un dos piares da Wikipedia indica que a enciclopedia non é unha fonte primaria, é dicir, que o que se pon nela debe ir referido a algo anterior que actúe como fonte primaria de datos e como validación do ‘resume’, ‘descrición’ ou ‘explicación’ que representa o artigo. Así, a Wikipedia non é un lugar onde se dispoñen investigacións orixinais, senón onde se poden referir esas investigacións como cita ou fonte.
Os artigos en si poden ter niveis de perfección moi diferentes. Dende artigos literalmente en embrión ata outros clasificados como artigos bos, ou como artigos de calidade, cos seus correspondentes criterios de calidade, ou que foron destacados, hai toda unha gama de posibilidades, cambiantes no tempo a medida que cada artigo vai consolidándose. Como exemplo, iso lle pasou (e pode rastrexarse no historial de edicións) ó artigo sobre Maria Goeppert-Mayer, Premio Nobel de Física, ó longo dos seus 14 anos de historia, e hoxe clasificado como ‘artigo bo’.

APOIO
Calquera wikipedia pode usarse como apoio na aula ou fóra da aula, e elixir o facelo en calquera momento, mais moitas veces, a decisión depende non de ter a idea, senón de saber facelo.
A Galipedia e moitas das outras wikipedias teñen toda unha literatura de apoio para a introdución dos usuarios e en xeral, dos colaboradores, como a Axuda ou a Guía no caso da Galipedia. Mais, unha vez superada a introdución, dentro de cada Wikipedia tamén existen lugares de interacción entre os usuarios que supoñen asemade un lugar de axuda para a xente recén chegada (ou non tanto), axuda facilitada polos máis expertos. No caso da Galipedia, o lugar principal deste tipo é A Taberna. Lugares así son posibles pola idea que encerra a colaboración na enciclopedia, o que permite asemade unha relación ‘social’ tanto dentro de lugares específicos nas wikipedias como en vivo, a traverso de diversas xuntanzas, ou por outros medios, como Telegram ou o Whatsapp, facilitando a relación e a axuda entre os participantes nunha auténtica rede de complementareidade onde cada persoa aporta segundo as súas posibilidades.

SISTEMA DE CLASIFICACIÓN E PROCURA

Ó estar constituídos os sistemas wiki en base a relacións internas por ligazóns, a aproximación a unha clasificación, o mesmo que o sistema de procura, pode ser ‘á medida’. Dende a anarquía asociada ó seguemento de ligazóns ó chou á estruturación de coñecementos que ven dada pola categorización.
Así, na Categoría:Física na Galipedia, hai a día de hoxe 49 subcategorías, a máis de 293 artigos directamente sinalados nesa categoría. Iso permite a procura non só dun artigo polo seu título, senón a aproximación dende un tema xeral a outro máis particular, ou o salto ó mesmo nivel dun tema a outro para unha explicación, por poñer tres exemplos totalmente diferentes de sistema de procuras. De xeito natural, os tipos de procura poden variar, misturando ou comezando cun tipo e continuando con outro. Un exemplo: procuramos as leis de Newton, que ligan a aceleración, categorizada como magnitude física, onde atopamos masa, que nos leva ó concepto de masa inercial e que nos permite profundizar e estruturar o coñecemento anterior arredor dese concepto...

CAL WIKIPEDIA?
Antes de tentar elixir entre wikipedias, unhas verbas sobre a elección da Wikipedia como acompañante no ensino.

WIKIPEDIA NO ENSINO?
É un dito estendido que cada maestriño ten o seu libriño: o xeito de facer as cousas de cadaquén é diferente, así como tamén obra de xeito diferente segundo o nivel. En relación á Wikipedia e o ensino, a literatura existente aumenta en cantidade cando se vai subindo de nivel educativo, con especial atención ó entorno universitario, e aínda existen proxectos en diversas wikipedias que tratan de adaptar os artigos a un nivel determinado, sexa lingüístico (Simple English) ou de idade (Vikidia, que non depende da Fundación Wikimedia, Txiquipedia, Wikiproxecto 1000 artigos de calidade para alumnado de 12 a 16 anos). As posibilidades están presentes en calquera nivel: A Galipedia é unha ferramenta para a aprendizaxe e o ensino. A Wikipedia estase a usar en todo o mundo para moi diferentes temáticas escolares, así como de moi diferentes xeitos (Schulenburg, F. 2016; Coomer, A. 2013) en niveis de diversos sistemas educativos. Ata existe unha wiki para dar acubillo a proxectos educativos (da que aínda non existe versión en galego), Wikiversity. E é que a Fundación Wikimedia como órgano aglutinador e de participación dos wikipedistas é consciente de que a distribución do saber pasa aínda hoxe en gran parte pola educación regrada, motivo polo que lle está a adicar esforzos diversos e liñas de actuación, como cando lle adica un espazo a contemplar as razóns para uso da wikipedia na educación (Reasons to use Wikipedia).
A Wikipedia é hoxe por hoxe unha ferramenta aprezada por unha elevada cantidade de estudantes que teñen acceso a ela. Os profesores manteñen unha relación amor / odio nunha porcentaxe variable, pero descartando na práctica a indiferencia: ninguén pode ignorar a Wikipedia como ferramenta xa en uso no ensino. Ademais, aínda que a xeración actual de profesores non medrou coa Wikipedia, a situación que está cambiando rapidamente. Así, Wikipedia pode ser unha parte chave do conxunto de ferramentas usadas xa na educación, manexada por unha porcentaxe de persoas que aumenta rapidamente (Gregorio, A. 2019). Non obstante, unha chave sobre a que o alumnado e profesorado poden ter puntos de vista moi diferentes ó non compartir obxectivos, o que se conxuga cunha comprensión parcial do que representa unha wiki e os ‘piares’ da Wikipedia.
A Wikipedia pode proporcionar unha potente ferramenta para a educación individualizada, axudar a desenvolver obras ou a avanzar en proxectos, pero só é unha base, ou unha chave, non un método, ou o peor aínda, unha educación "todo en un", a modo dos pisos ‘chave en man’. É unha boa ferramenta que debe integrarse nun conxunto de ferramentas e métodos usados en función da idade, o tipo de aprendizaxe de preferencia / sistema educativo, a autonomía, a importancia dada á colaboración, etc. Pero nunca unha ferramenta excluínte: o anterior non implica sobrevaloración. Como interacción coa aprendizaxe colaborativa, as wikis son superadas por outras ferramentas, necesitando integración para potenciar as mellores características de cada ferramenta no marco do método que se siga en cada momento. En caso contrario, pode ser mesmo contraproducinte como foi destacado polo mesmo fundador da Wikipedia, Jimmy Wales xa nos primeiros anos da enciclopedia (Young, J.R. 2006). De calquera xeito, en xeral os estudantes con conscientes de forma implícita de todo isto -o seu manexo da rede dalles unha certa intuición-, aínda que para moitos, simplificando, a Wikipedia só é unha ferramenta para un obxectivo: aprobar ano tras ano aproveitando o copia / pega.
En Enciga téñense presentado xa diversos traballos relacionados coa Galipedia e o ensino (Gregorio, A. 2005; Gregorio, A. 2013). Hoxe por hoxe, a introdución da Wikipedia en educación é un campo onde se levan producido diversas experiencias (Lightning talks), reflexións (Gregorio, A. 2019) ou estudos (Case Studies; Selwyn, N. 2016; Aibar, E. 2013, Monash University 2015, Neist J. 2019, McDowell, Z. 2016, etc), e, dado os resultados que se van anunciando, seguirá a medrar.

A GALIPEDIA NO ENSINO
A Galipedia non ten, evidentemente, unha presenza, número de artigos ou calidade en xeral como a versión inglesa da Wikipedia. Aquela, con seis millóns de artigos nestes momentos (English Main Page, 23/10/2019) ten un volume de artigos case corenta veces o da Galipedia, co que iso supón en información, a máis de que a lonxitude media de cada un é superior, é moito máis usada e revisada, etc. De feito, xa hai case década e media que se consideraba dita versión comparable en calidade á Enciclopedia Británica daquela (Terdiman, D, 2005), e o aumento de datos e precisións, etc, estivo medrando case exponencialmente durante unha década máis. Mais en xeral, a inglesa non será a versión que se tente consultar polo alumnado galego. As posibilidades decántanse máis ben pola Galipedia ou pola Wikipedia en Español.
Os estudantes nun contexto bilingüe ou multilingüe prefiren o uso da Wikipedia máis grande: está máis publicitada, ten máis artigos, é máis usada como a asociada á lingua dominante, etc. Ista diferente consideración leva a unha perda de diversidade nas posibilidades educativas a partir dun sesgo contra as linguas ‘menores’: a Wikipedia, que posibilitou a esperanza de posibilidades lingüísticas equivalentes para diferentes linguas debido ó seu xerme de diversidade, pode ser hoxe motivo de discriminación. ¿Pódese reverter esta tendencia?
En boa parte, a resposta ó anterior depende do impulso no contexto educativo. En particular, en relación a Galicia e á ciencia, a Galipedia ten deixado de ser hai tempo unha ‘enciclopedia de cousas de Galicia’ a modo dunha ‘Gran Enciclopedia Gallega’ dixital para abranguer temas científicos, que son ‘do mundo’.4 É evidente que a recomendación do uso dunha ou outra versión da Wikipedia en educación depende dos criterios seguidos. Hai que ter en conta que a educación formalmente establecida pola sociedade tende a reproducir a sociedade dun xeito acrítico, canonizando os estereotipos, e a Wikipedia e o seu uso non serían unha excepción nesa regra xeral.
As wikipedias teñen un conxunto de normas sobre política interior a cada unha delas. Este feito ofrécenos variedade entre as Wikipedias (se ben é certo que a variedade cualitativa redúcese en temas científicos, non ocorre o mesmo moitas veces coa cuantitativa) o que pode ser usado como unha ampliación da gama de paisaxes que se pode estender sobre unha idea, e iso implicaría ao menos a consideración do uso conxunto de varias wikipedias.
Por outra banda, o título deste subapartado pode levarnos a un campo en principio abondo apartado dos temas científicos ou mesmo do ensino: temos emocións? É dicir, imos elixir unha ou outra Wikipedia por un tema emocional? O caso é que está demostrado a nivel científico que si, que tomamos a grande maioría das decisións por causas emocionais, sendo as razóns apoios para as posturas que nos indican as emocións...

O CURRÍCULO
A Galipedia ou calquera outra wikipedia non está adaptada ó currículo de calquera materia, nin o pretende (quitadas as wikis específicas como xa se citou). O currículo é algo cambiante nos niveis e no tempo, e compróbase que aínda os pequenos cambios de adaptación entre dous centros supoñen ás veces inconvintes en temas concretos á hora de usar un texto. A máis, non se pode pretender usar unha enciclopedia como libro de texto en bruto. A comprobación de que artigos corresponden a un determinado currículo é asemade algo cambiante pola variación que pode sufrir a mesma Galipedia, na que o aumento de contido dun artigo, a división do mesmo como resultado dunha ampliación, etc, pode variar a súa contemplación dentro dun campo conceptual asociado.
Proxectos concretos dentro de cada Wikipedia poden tentar achegar os textos a un enfoque de ensino,  procurar axudas para o uso didáctico da Wikipedia ou sinxelamente, a unha mellora preferente de artigos sobre un determinado tema, como o Wikiproxecto Matemáticas ou o Wikiproxecto a Galipedia na aula, mais aínda así non por iso se libran totalmente das consideracións xerais anteditas
Unha posibilidade de aproveitamento seguindo rigorosamente a programación é o salto de ligazón en ligazón a traverso dos artigos dun determinado tema, ben sinalado polo profesor ou profesora, ben descoberto polo alumnado seguindo indicación realizada na clase. Trátase da trazabilidade do currículo, en teoría explicitado o primeiro día de clase dun xeito ou outro, e plo tanto, recorrible previamente polo alumnado na enciclopedia.

CONSIDERACIÓNS SOBRE AS LIÑAS DE ACTUACIÓN
Conforme o dito, as posibles liñas de actuación considerando o uso da Galipedia no ensino, son variadas, incluíndo a aportación na realización de traballos, a ampliación de coñecementos, contraste de ideas, desenvolvemento, etc, mesmo a contribución na edición de artigos -que representa un piar moi desexable na formación persoal do alumnado-, e dende o uso consultivo á propia intervención  nos artigos xa citada, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.
O contraste entre usuario e colaborador nunha Wikipedia non ven reflectido nunha fronteira definida. Polo tanto, non debe facerse delo unha bandeira no ensino. Un editor soe ser ó mesmo tempo usuario, e moitas veces, tamén é certa a afirmación inversa. En calquera caso, a xente que pasa por unha Wikipedia ten non só diferentes niveis de destreza no seu manexo, senón tamén un espectro continuo de porcentaxes de tempo de colaboración e tempo de uso, podendo usar unha medida de colaboración como relación co rendemento educativo, pero só como unha posibilidade discutible (como se fai máis abaixo).
Os estudantes usan Wikipedia non só polo doado que é copiar / pegar senón tamén pola integración / interpretación única en cada artigo -raro é que se paren nas páxinas de discusión a ver diferentes posturas, interpretacións, faltas observadas, etc-, o que lles permite en teoría aforrar esforzo no seu avance polo coñecemento, como se de libro de texto se tratara, simplificando a súa propia comprensión da realidade: unha lectura sinxela e única, non un conxunto de puntos de vista diferentes para contrastar entre eles. Algo que é contraproducente para a súa propia formación, que hai que considerar nas liñas de actuación e contra o que se debe loitar, máis aínda se se trata de potenciar o uso de Wikipedia en educación.
É importante a consideración das condicións nas que se pode actuar na educación coa Wikipedia. Por exemplo, hai moita diferencia entre usala como lugar onde procurar material ou integrala nunha experiencia vital de coñecemento. Diferencia que hi que considerar á hora de programar unha aprendizaxe, de integrar o método no currículo.
¿Cóntase cunha métrica para medir a eficacia da Wikipedia respecto á educación? ¿O sistema Wikipedia facilita o uso multimodal? Son algunhas das preguntas que se poden propor no tema Wikipedia e Educación. E ás que se pode comezar a dar resposta, pero que depende de aspectos tanto subxectivos como obxectivos. Así, pode dicirse que non hai unha métrica establecida de xeito único e obxectivo, pero iso é o que ocorre no mundo educativo a tódolos niveis, onde as métricas que se pretenden ‘universais’ (poñamos, as que dan lugar ó estudo PISA) comezan por depender duns criterios impostos á educación que non teñen por que ser universais nin moito menos, senón dependentes dunha determinada idea dos obxectivos do ensino. Ou, sobre o uso multimodal: a Wikipedia sería un elemento máis dentro do conxunto de instrumentos usables, que facilitaría o entronque con outras ferramentas así como diferentes xeitos de uso, pero que, ó tempo, restaría tamén o tempo dispoñible para eses outros recursos, en cantidade moi variable dependendo o estilo de ensino.

A MODO DE CONCLUSIÓN
Quedarían moitos detalles a examinar, determinar, a esbozar liñas de actuación, a máis de temas puramente didácticos ou enciclopédicos e que polo tanto escapan a unha intervención como a presente. Por exemplo, na Wikipedia o uso de referencias non só é unha obriga senón unha necesidade a partir de que é unha fonte non primaria e necesítase polo tanto unha certificación da bondade dos datos. Algo que se pode aproveitar no ensino científico como potenciador e integrador da idea do avance na ciencia ‘a ombreiros de xigantes’ atribuído a Newton. Pero, levado ó límite, tamén é unha restrición ou algo que pode derivar nos indesexados ‘argumentos de autoridade’ para xustificar calquera cousa en base a quen o di (do mesmo xeito que hai que escapar de ‘si, dío a Wikipedia’ como argumento de autoridade).
Para rematar polo comezo, o título, lembrar que de calquera xeito, ó final, o uso ben dado por toda unha constelación de factores, dos emocionais ós comprensivos, ós históricos, ós prácticos ou ós dependentes dos intereses, non pretendendo poder analizar de xeito independente unha toma de decisións, o uso da Galipedia, cunha análise que sempre será parcial.

REFERENCIAS
A Taberna. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:A_Taberna
Agremon. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Usuario:Agremon
Atribuído a Newton. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikiquote.org/wiki/Isaac_Newton
Aibar, E. Et al. Wikipedia in higher education: an empirical study on faculty perceptions and pactices. Presentado a EDULEARN13 (5th International Conference on Education and New Learning Technologies). Recuperado o 20 de outubro de 2019 en http://openaccess.uoc.edu/webapps/o2/bitstream/10609/24741/1/AIBAR_EDULEARN2013preprint_WIKI4HE.pdf
Albert Einstein, Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Albert_Einstein
Alfonso Márquez. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Usuario:Alfonso_M%C3%A1rquez
Artigos bos. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Artigos_bos
Artigos de calidade. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Artigos_de_calidade
Axuda. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Axuda
Case studies. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/Case_Studies
Categoría:Física. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:F%C3%ADsica
Category:Trainings. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Category:Trainings
CC BY-SA 3.0. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Texto_da_Licenza_Creative_Commons_Reco%C3%B1ecemento-CompartirIgual_3.0
Coomer, A. Should university students use Wikipedia? 2013, Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://www.theguardian.com/education/2013/may/13/should-university-students-use-wikipedia
Commons. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://commons.wikimedia.org/wiki/Portada_galega
Creative Commons CC BY-SA 3.0. Recuperado o 25 de outubro de 2019 de https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0/legalcode
English Main Page. Recuperado o 23/10/2019 en https://en.wikipedia.org/wiki/Main_Page
Head, A.J., Eisenberg, M.B. How today college students use wikipedia for course-related research. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://firstmonday.org/article/view/2830/2476
Gregorio Montes, A (2005). Galipedia, wikipedia, blog: aproveitables na aula? CD ROM XVIII Congreso Enciga, dispoñible en http://www.enciga.org/files/boletins/58/Gregorio_Galipedia.pdf
Gregorio Montes, A. (2013). A wikipedia, o ensino e a aprendizaxe.   XXVI Congreso Enciga, Boletín das Ciencias nº 77,  dispoñible en http://www.enciga.org/files/boletins/77/IN13_A_wikipedia_o_ensino_e_a_aprendizaxe.pdf
Gregorio Montes, A. Wikipedia to Education, E2W: revisiting some ideas. En Wikimedia & Education Conference 2019. Recuperado o 18 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Wikimedia%2BEducation_Conference_2019/Submissions/Wikipedia_to_Education_%26_E2W:_revisiting_some_ideas
Guía. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Guía
Historial de revisións de ‘Leis de Newton’, Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Leis_de_Newton&action=history
Lista de wikipedias, recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Lista_de_Wikipedias
Lightning talks. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://meta.wikimedia.org/wiki/Wikimedia%2BEducation_Conference_2019/Programme/Lightning_talks
Maria Goeppert-Mayer, recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Maria_Goeppert-Mayer
McDowell, Z. Evaluating student learning through Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/blog/2016/08/29/evaluating-student-learning-through-wikipedia/
Monash University. Wikipedia use -- nothing to be ashamed about. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://www.eurekalert.org/pub_releases/2015-02/mu-wu-021115.php
Neist, J. An instructional designer’s thoughts on Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en  https://wikiedu.org/blog/2019/10/24/an-instructional-designers-thoughts-on-wikipedia/
Portada. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Portada
Portal: Science. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://en.wikipedia.org/wiki/Portal:Science
Reasons to use Wikipedia. Recuperado o 20 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/Reasons_to_use_Wikipedia
Schulenburg, F, 2016, recuperdo o 23 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/blog/2016/01/14/wikipedia-15-and-education/
Selwyn, N; Gorard, S. Students' use of Wikipedia as an academic resource — Patterns of use and perceptions of usefulness. The Internet and Higher Education, v.18, 2016. accesible en https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S1096751615000585
Simple english. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://simple.wikipedia.org/wiki/Main_Page
Teach with wikipedia. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://wikiedu.org/teach-with-wikipedia/
Terdiman, D, (2005) Study: Wikipedia as accurate as Britannica. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://www.cnet.com/news/study-wikipedia-as-accurate-as-britannica/
Tips and Resources. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education_Portal/Tips_and_Resources
Txiquipedia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://eu.wikipedia.org/wiki/Txikipedia:Azala
Vikidia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://es.vikidia.org/wiki/Vikidia
Wikibooks. Trecuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikibooks.org/wiki/Portada
Wikiclassroom; New way for students imspiration. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://outreach.wikimedia.org/wiki/Education/News/June_2019/Wikiclassroom:_New_way_for_students%27_inspiration
Wikidata. Recuperado o 24 de outubro de 2019 de https://www.wikidata.org/wiki/Wikidata:Main_Page
Wikimedia. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Fundaci%C3%B3n_Wikimedia
Wikipedia:A Galipedia, unha ferramenta para a aprendizaxe e o ensino. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:A_Galipedia,_unha_ferramenta_para_a_aprendizaxe_e_o_ensino
Wikipedia:Cinco piares. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en  https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Cinco_piares
Wikiproxecto 1000 artigos de calidade para alumnado de 12 a 16 anos. Recuperado o 25 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_1000_artigos_de_calidade_para_alumnado_de_12_a_16_anos
Wikiproxecto:A Galipedia na aula. Recuperado o 23/10/2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_A_Galipedia_na_aula
Wikiproxecto:Matemáticas. Recuperado o 23 de outubro de 2019 en https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wikiproxecto_Matem%C3%A1ticas
Wikisource. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wikisource.org/wiki/Portada
Wikiversity. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://es.wikiversity.org
Wiktionary. Recuperado o 24 de outubro de 2019 en https://gl.wiktionary.org/wiki/Wiktionary:P%C3%A1xina_principal
Young, J.R. Wikipedia Founder Discourages Academic Use of His Creation. The chronicle of higher education, 2006. Recuperado o 15 de outubro de 2019 en https://www.chronicle.com/blogs/wiredcampus/wikipedia-founder-discourages-academic-use-of-his-creation/2305

2019/10/25

2019/10/09

sobre a práctica da determinación da lonxitude de onda cunha rede de difracción

Dende hai varios anos, as probas de acceso á Universidade (agora coas siglas ABAU) teñen proposta unha práctica da rede de difracción. A redacción actual é a seguinte:


Cabe axustar que moitas das redes que usan hoxe en día os centros educativos non son de 100 liñas/mm ou semellante, senón máis ben de 1000 liñas /mm. Isto ten un efecto que hai que considerar: xa non se pode establecer como semellantes a distancia entre rede e unha pantalla perpendicular ó raio central xerado pola rede e a distancia entre rede e primeiro máximo lateral.
Na imaxe anterior vese claramente que para redes desta densidade de liñas, ó ser o grande ángulo de desviación dos puntos laterais en relación ó máximo central, debemos de optar por medir a distancia dentre rede de difracción e máximo lateral, pola semellanza de triángulos. Isto pode facerse calculando o que chamei D' polo teorema de Pitágoras ou ben por medición directa cunha pantalla perpendicular ó raio que xera ese máximo. En caso de non facelo así, seguindo a considerar D, para unha rede de 1000 liñas / mm o erro na lonxitude de onda observada é do orde do 30 %.
--
Entrada con datos sobre o tema no blog de xuvenciencia.

2019/09/18

Unha chamada (máis) de atención

Remato de ver unha gráfica por enésima vez. Por primeira vez decateime dun dato que representa.

A cousa é que se se collen os máximos anuais (os picos da parte de arriba dos dentes de serra), en 1958 representaba unha concentración de 317 ppm, e en 2019, de 414 ppm. É dicir, en 61 anos, un aumento de máis dun 30 % sobre unha situación en inicio que xa estaba viciada pola contaminación (as 280 ppm sobrepasáronse de xeito consistente sobre o ano 1800), e segue a aumentar. Que significa? Pois básicamente, que o efecto invernadoiro causado polo CO2 leva aumentado un tercio dende mediados do século pasado. Tendo en conta que o efecto invernadoiro normal permite que nós vivamos sobre a superficie da Terra ó favorecer un aumento da temperatura media de máis de trinta ºC, e que o planeta ten unha enorme inercia térmica, é para botarse a tremer pensando o que podería aumentar a temperatura aínda sen aumentar os niveis actuais de concentración de CO2 Por sorte, o CO2 non é o único gas de efecto invernadoiro, é dicir, o único gas que contribúe a ese aumento da temperatura (por exemplo, o vapor de auga tamén inflúe), pero tampouco é o único que temos descontrolado.
Collendo un vello refrán, a deus rogando e co mazo dando, encomendémos, crucemos os dedos e traballemos a favor do control que o noso planeta intenta, polo momento, en contra das nosas actuais accións contaminantes.
Máis datos? https://scripps.ucsd.edu/programs/keelingcurve/permissions-and-data-sources/

2019/09/13

Ser un físico ou unha física

"Being a physicist requires learning the basic principles and equations that describe matter, and then performing experiments to test and possibly push beyond them." (https://www.symmetrymagazine.org/article/finding-happiness-in-hardware)

Sempre crin que non había un só xeito de ser -ou considerarse- 'físico' ou 'física'. a máis de que diferentes partes da física requiren aproximacións diferentes, o desenvolvemento vital da persoa tamén diversifica as diferencias, co que tentar poñer liñas comúns para unificar  é unha tarefa ardua e non moi rendible. A cita que traio aquí, de introdución a un artigo, non vai no sentido de definir o 'que é ser', senón máis ben, a aproximación ó mundo que debera estar asociado a unha persdoa que se define como física e científica.
Primeira cousa: Pódese ser 'físico' e non científico? Coido que nominalmente, si, pero entón a verba 'físico' queda como un título de propiedade, non de ser. Como un titulo académico, non como alguén que desenvolve as funcións dun físico (e non, por exemplo, dun docente)
O que nos di a frase que tomo prestada é que 'ser' un físico ou unha física require unha visión investigativa do mundo, unha aproximación á realidade (e non o dí aí, pero eu diríao, á vida) que inclúe a comprensión do estado da arte actual, a súa aplicación e testado e, eventualmente, a mellora dese entramado de coñecemento e da súa comprensión.
Dende hai tempo, dende que a Física acadou a súa maioría de idade, en moitas aulas, considérase cada lei física ou ecuación como produto final, verdade divina, relixión, na procura dunha aprendizaxe e non dunha formación -como parte de educaciṕon- na que o coñecemento sería unha estrutura de servizo útil e nese sentido, protexida, pero presta a ser cambiada ou mellorada se é necesario ou mesmo convinte polo mellor rendemento doutra. É dicir, non unha relixión, senón unha acción continuada de mellora na que cada un comparte cos demáis pequenas ou grandes posibilidades de mellora.
Vense á cabeza, pola comparación da física como unha relixón, aquelas loitas de hai varias centurias entre diversas concepcións do cristianismo e o dito 'a fe sen obras é unha fe morta' (na Carta a Santiago, a partir do cap2, versículo 14, "¿De qué le sirve a uno, hermanos míos, decir que tiene fe, si no tiene obras? ¿Acaso esa fe puede salvarlo?"). Pois iso, ser físico requeriría unha demostración práctica continuada, o mesmo que a 'fe' non sirve de nada, se é que se considera a súa existencia, de non ter obras que a respalden e sirvan de testemuña. O outro é ostentar un título.

2019/08/15

Brilante Perseida

Este ano remata de pasar o momento de máxima actividade das Perseidas. Deixo aquí un vídeo para desfrutar da estrela fugaz que din foi máis impresionante este ano:
Transcribo en galego e poño ligazóns no texto que acompaña como pé ó vídeo:
Esta impresionante bola de lume é un Perseida que sobrevoou Castela-A Mancha e Andalucía o 13 de agosto ás 22:08 hora local (hora oficial; hora universal 20:08 TUC). Ocorreu como resultado da entrada á atmosfera terrestre dun fragmento desprendido do cometa Swift-Tuttle a uns 210 mil quilómetros por hora. O fenómeno da iluminación comezou a uns 130 km de altitude sobre a provincia de Cidade Real, case na vertical de Puertollano. A bóla de lume, que se puido ver a máis de 400 km de distancia debido ao seu espectacular brilo, avanzou cara ao suroeste para acabar apagándose uns 81 km sobre a provincia de Málaga, case na vertical de Marbella. 
Este evento foi rexistrado polos detectores do proxecto SMART dos observatorios astronómicos de Calar Alto (Almería), Sierra Nevada (Granada), La Sagra (Granada), La Hita (Toledo) e Sevilla. Estes detectores operan no marco da Rede de Meteoroloxía e vías de paso do suroeste de Europa (SWEMN).

2019/07/04

A Lúa móvese!

A foto a continuación representa o movemento aparente no ceo da Lúa á mesma hora durante os 28 días dun ciclo solar. É unha mostra evidente non só da rotación da Lúa arredor da Terra (vense as fases), senón da inclinación da órbita luar fronte á eclíptica e da diferente velocidade da Lúa en diferentes fases da súa órbita. Todo, claro está, a máis da beleza da foto.
Foto: un mes de ciclo lunar, tomada de Alessandro Di Masi Sanergía
Algús datos sobre  movemento da Lúa:
Raio medio órbita 384 400 km
Excentricidade órbita 0,0549
Período orbital 27 d 7 h 43,7 m
Inclinación orbital 5,1454°
Precesión do nodo (tempo que tarda o plano da órbita en completar unha volta arredor do eixe sobre a eclíptica) 18,6 anos
Precesión apsidal (tempo que tarda o punto da órbita máis preto da terra en dar unha volta arredor da órbita) 8,9 anos
Ciclo de fases 29,8 días terrestres
Variación da distancia Terra-Lúa 27,3 días
A Lúa vese cunha variación máxima de tamaño do 14 % entre os momentos máis próximos á Terra e os máis alonxados

2019/06/09

Póñame 50 g de plástico para ir comendo, por favor

Remato de ler algo que me da datos que máis ou menos imaxinaba de xeito difuso. A cousa é que cada ano andamos sobre as 50 000 micropartículas de plástico inxeridas (artigo titulado 'Cada año ingerimos 50 000 partículas de plástico' en eldiario.es). Evidentemente, as micropartículas poden variar moito en tamaño -e en masa-. E o número de partículas comidas ou respiradas, tamén, dependendo de múltiples factores. No mesmo artigo aparece que as augas embotelladas en plástico teñen unha densidade de partículas de plástico máis de 20 veces superior que as augas da billa, o que da unha idea das variacións que se poden manexar dunha persoa a outra. Por iso, unha estimación sobre a súa masa ten un erro moi grande, e por iso mesmo, 50 g é unha estimación (non vou entrar en detalles de como cheguei a ela) que cabería dentro do aceptable.
Agora ben, Iso significa en 20 anos unha cantidade de 1 kg de plástico no noso organismo. Suponse que a grande maioría será eliminado por diferentes medios, principalmente defecado, mexado ou espirrado, mentras que relativamente poucas partículas poderán ir a parar a lugares do noso organismo no que non se podan eliminar e esperen a nosa morte para seguir a degradarse. Temos unha avantaxe sobre moitos animais: somos capaces de separar os trozos plásticos maiores para que non se vaian acumulando no noso bandullo e cheguen a facernos morrer por dita acumulación, como se ten observado nalgúns animais (hai pouco unha balea apareceu morta con 50 kg de plástico no seu interior). Pero iso non significa que  esa cantidade de plástico non nos faga dano, ou podamos ignorala. Somos entidades que funciona con principios químicos e necesitamos unhas condicións e un equilibrio... Ou, estás disposto ou disposta a ignorar 1 kg de plástico no teu organismo?
Actualización (20190629): un estudo dunha universidade australiana estima o plástico inxerido en ata 5 g/semana.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.