2013/01/05

Unha vista astronómica

Foi no Nadal. A imaxe está collida da ESA, e presenta Xúpiter e os seus catro satélites galileanos á vista preto da Lúa case chea ...

O tamaño do diámetro de Xúpiter é dunhas doce veces o da Terra (unhas 48 veces o da Lúa), e a distancia, na foto, uns 600 Mkm, unhas 1 700 veces a distancia á Lúa. Isas relacións fan que a Lúa se vexa abondo máis grande que Xúpiter (unhas 30 veces)

2012/12/21

Sabemos que noite é a máis longa?

Ben, si, este ano xa sabemos que día é o máis curto no hemisferio norte: hoxe, 21 de decembro. Así o implica que ás 11:15 (UTC, equivalente á hora solar no meridiano de Greenwich) sexa o solsticio de inverno. Pero, e a noite máis longa?
Seguro que haberá quen esteña tentado a dicir que esta noite que ven, e nalgures acertará, pero non en todo o hemisferio norte.
?
Isto é así porque aqueles lugares que teñan as 12 hora solar antes das 11:15 UTC, van a ter a noite máis longa a anterior, mentres que os que as teñen despois, terán a noite máis longa despois...
Voltando ó tema, o 21 de decembre deste ano é o día máis curto? En serio? Ben, pasa algo semellante ó da noite máis longa, pero ó quedar case centrado o solsticio no medio do día UTC, só unha pequen aparte da superficie terrestre terá o día 20 como o máis longo.
En fin, cousas da inclinación da Terra. A explicación? Para unha explicación maior, antes coido que é convinte ter unhas cantas ideas de astronomía e de matemáticas ...

De calquera xeito, o solsticio de inverno está asociado a ritos pagáns e cristiáns, no que está incluído o Nadal. Así pois, que o medrar da luz a partir do solsticio ilumine a vosa vida cada vez mellor!

Participante no 'antroido da física/carnaval de la física' correspondente a decembro 2012, xestionado por High Ability Dimension.

2012/12/08

Práctica da medida do índice de refracción dun vidro

É unha práctica que uso como 'quencemento' para abordar a práctica de óptica das dispostas como obrigadas para as PAAU en Galicia.
Trátase de facer pasar un feixe estreito de raios por un vidro semicircular. Medindo o ángulo de incidencia e o de refracción, obtemos o cociente dos seus seos, e podemos establecer o índice de refracción relativo entre aire e vidro ou viceversa, e asumindo que a índice de refracción do aire é 1, calcular o do vidro.
Deixo embaixo tres posibilidades (habería outra cuarta, para cando os raios, procedentes da esquerda, entraran pola cara curva, e polo tanto, sen desviación), notando que na última delas hai raio reflectido, non refractado, o que sempre chama a atención.

 As táboas de datos dunha serie feita este ano por estudantes no IES de Ribadeo e a súa representación gráfica, son:

Obśervase a falta de datos para os ángulos nos que hai reflexión total, e bastante boa coincidencia de resultados para calquera ángulo (exceptuando ángulos extremos, como é normal), correspondendo cun n lixeiramente superior a 1,5 para o vidro. Na táboa tamén se calcula a inversa para o caso naire/nvidro.
--
A modo de anexo: o que di a web das PAAU en Galicia sobre cuestións xerais das prácticas.
1. Orientacións xerais relativas á realización das prácticas
As prácticas presentadas están estruturadas de xeito xeral seguindo catro apartados: Introducción ou presentación xeral, onde se inclúe un breve estudio teórico.
Obxectivos da práctica.
Procedemento experimental para realiza-la experiencia.
Dado a falta de uniformidade na dotación de material para a realización das prácticas, prescindimos da pormenorización exhaustiva de material especial para as mesmas.
Cuestións relativas á práctica.
 Indicacións para cubrir unha ficha sobre a experiencia
É conveniente compara-los resultados entre as diversas prácticas, analiza-las hipóteses previas e, con posterioridade, anota-las conclusións na ficha correspondente. Convén salientar que o que aquí se presenta non son exactamente experiencias de investigación, senón só orientacións para reproducir algúns dos pasos elementais dun proceso investigador, pero dun xeito dirixido. E esto, facendo especial fincapé no método e coidados na realización da experiencia. Tamén facemos unha breve introducción na que comentamos aspectos elementais relativos ó calculo de erros e o emprego de cifras significativas.
O cálculo de erros non ten por que ser un obxectivo prioritario da realización das prácticas no nivel de ESPO ó que van dirixidas estas orientacións. Sen embargo, coidamos que non estaría de máis un adecuado tratamento dos datos obtidos e unha análise cualitativa dos resultados obtidos en relación ós erros cometidos.
Como normas xerais que compren ser tidas en conta na realización das prácticas, e de cara a resolución axeitada das cuestións exposas, proponse:
1º Facer un esquema ou debuxo da montaxe da práctica.
2º Comentar brevemente como se realizou.
3º Explica-lo fundamento físico da práctica, tratando, se é posible, de face-la xustificación en base a unha ecuación matemática.
4º Responder ás cuestións propostas o máis claramente posible.

2. Erros e cifras significativas
As medidas realizadas experimentalmente veñen afectadas de certa imprecisión, de modo que cando medimos varias veces unha magnitude constante, obtéñense, de ordinario, resultados lixeiramente diferentes.
CLASES DE ERROS
a/ Erros accidentais: son erros casuais que afectan ó resultado xeral da medida e debidos a influencias exteriores, fluctuacións experimentais.
b/ Erros sistemáticos: debidos o erro dos aparellos utilizados na medida, ou o método empregado.
CUALIDADES DOS INSTRUMENTOS DE MEDIDA
a/ Exactitude: Un instrumento é exacto cando consegue dárno-lo valor correcto da magnitude física medida.
b/ Fidelidade: O aparello debe dar resultados reproducibles.
c/ Precisión: Un instrumento é tanto máis preciso canto menor sexa o erro cometido cando se utiliza.
d/ Sensibilidade: Un aparello é tanto máis sensible canto máis claramente acuse pequenas variacións no valor da magnitude medida.
CIFRAS SIGNIFICATIVAS
Cifra significativa é todo díxito ó que se lle coñece o valor con seguridade (exceptuando o cero cando se utiliza para situa-lo punto decimal). O resultado da suma ou resta de dous números carece de cifras significativas máis aló da última cifra decimal na que ambos números orixinais teñen cifras significativas. O número de cifras significativas do resultado dunha multiplicación ou división non debe ser maior que o menor número de cifras significativas de calquera dos factores.
ERRO ABSOLUTO E RELATIVO
Erro absoluto é a diferencia entre o valor verdadeiro dunha magnitude e o valor obtido experimentalmente. Ten as dimensións da magnitude medida. O erro absoluto dunha suma ou diferencia é igual a suma dos erros absolutos dos sumandos. Erro relativo é o cociente entre o erro absoluto e o valor exacto da magnitude medida. É un número adimensional. O erro relativo dunha magnitude M producto de varios factores é igual á suma dos erros relativos de cada un dos factores que interveñen na expresión, multiplicado cada un polo seu exponente.

2012/12/07

Unha práctica: o quencemento e arrefriamento da auga

Os datos xa teñen anos. Están feitos por catro alumnos de 1º bac, collendo cantidades semellantes de auga e mecheiros semellantes, e datos cada minuto ó comezo (os últimos, con horas de arrefriamento, están tomados por min).
É só unha mostra, sen conclusións nin máis pretensións ...
As táboas e gráficos xerais, o segundo cortado ós datos recollidos polos alumnos,sen as 'rectas' finais...
 As curvas de quencemento xerais, comezadas dende o acendido do lume e truncadas as dúas máis rápidas no momento máis cálido e as outras dúas ós 12 minutos, onde se intúe máis que se ve que as temperaturas aumentan máis rápido canta menor diferencia de temperatura co ambiente ten o líquido ...
Os incrementos de temperatura, minuto a minuto, nun dos conxuntos de datos, no que se pode observar que os incrementos de temperaturas ó quencer van diminuíndo, e logo, ó arrefriar, tamén van diminuíndo ...

E a gráfica de temperaturas correspondente a dito conxunto de datos:

todas as táboas de datos e gráficas están colgadas en http://examesdefisicaequimica.wikispaces.com/1Bac

2012/11/06

Navier e Stokes no verán


Algo de ciencia, metido na vida diaria ... -Publicado hai máis dunha década en A Mariña/El Progreso-

Levo observando que a prensa, no verán e a falta doutras noticias que considera de máis interese, decántase algunha que outra vez por insertar novas de ciencia. Hai unha delas (unha das "novas") que se repite tódolos veráns en tódolos diarios: o efecto dos raios UV (ou UVA, ultravioleta). Esta reseña, a base de repeticións, parece dar algo de fastidio o poñela soa, e aprovéitase un congreso, un cursiño, etc, para darlle outro tratamento informativo, lixeiramente diferente dos anos precedentes.

Ante a soedade dunha noticia así, pode que para non deixala orfa, pode que pola asociación ou lembranza de que as noticias de ciencia tamén existen, entón xurden polas mesmas datas algunhas outras. Este comezo de xullo, por exemplo, tocoulle a vez á exploración á Marte, en particular polas dificultadees que tivo a Mars pathfinder para facer sair á sojourner (*) e dar unha volta pola superficie do planeta. Claro, as dificultades sempre teñen un pouco de morbo, aínda que sexan máquinas que actúan en boa parte de xeito robotizado. É comprensible a difusión da noticia, se para unha aterraxe de Clinton en Torrejón hai unha cobertura informativa que inclúe un comunicado de que se vai pasar a comunicación, fala antes un locutor dende a base, devólvese a conexión, volve ser avisado o tema dende o mesmo programa de tv, ... Apaguei a tele antes que Mr. President chegara e non sei aínda se se bicou o chan ó xeito papal ou non: a que viña xa o escoitara antes. Claro que unha crónica é unha crónica, aínda que sexa feita en Madrid a partir dunha rolda de prensa en Florida ilustrada con fotos de Marte. A noticia é noticia, e supoño que cando así se fai é porque vende (xa sexa o de Clinton ou o da pathfinder).

A ciencia, no verán, pode ser un recurso. Pero podíaselle sacar máis partido, a parte das noticias da prensa. Por exemplo, paseando por un porto deportivo pódense observar as tobeiras de saída de auga dunha moto acuática. Se ben a tecnoloxía usada nas mesmas é abondo máis básica, o sistema é semellante ó que ten a derradeira xeración de cazas saídos ó mercado, o que quere dicir tecnoloxía avanzada, que para a guerra sempre hai cartos.

Recollendo o fío, o sistema de dirección da moto pode relacionarse co avance de reacción do calamar, e se seguimos así chegamos, por exemplo, á relacionalo con cousas como a resistencia ó avance dos avións e a turbulencia, tamén en avións ou en sinxelas tuberías (¿a quen non lle molestou nunca o ruído dunha tubería cun fluxo de auga producindo unha vibración que entrou en resonancia?).

Pois resulta que ese tipo de problemas técnicos gardan relación coa pel dos tiburóns e dos delfíns, que tamén soen ser noticia no verán. Os tiburóns teñen na pel unhas falsas nervaduras que se están a usar como guía para diminuir a turbulencia e polo tanto a resistencia ó avance nos avións. Agora resulta, despois de tantos anos buscando superficies lisas para ter menos rozamento, que as superficies rugosas poden sacar ventaxa no campo dos transportes.

Tamén os delfíns levan ós estudiosos do tema un pouco máis aló no coñecemento. Esta vez a causa é que a pel do delfín váise movendo dun xeito case microscópico ó tempo co avance do animal. Para entendérmonos, é algo así como se os delfíns aproveitaran o xeito de locomoción das orugas, pero en tres dimensións, e non só no chan, claro. Un sistema semellante pénsase que pode estar funcionando nos avións a finais da próxima década.

Saltando dun asunto a outro, estou cáseque perdido. Ó tempo, éntranme ganas de saber máis e contalo: gustaríame facer un recorrido sobre a ciencia na realidade de cada día. Eso ten dificultades: non hai espacio, non hai tempo, non sei, ... e dubido que permitiran publicar moitas reseñas dese estilo nun lugar como este.

Unha vez cortado o artigo, podemos agora volver ó comezo: o título. Cando comecei quería falar de ciencia, e non como noticia senon como animación ou como resalte de algo que pode facer máis achegadas a nós as cousas que nos rodean. Mirando o colller un tema do verán para aplicala, a auga prestábase por estar asociada á diversión. E como fluído que é, o seu movemento é controlado tamén polas ecuacións de Navier e Stokes, máis descoñecidas, e polo tanto, exóticas que as de Newton, ás que complementan. Resulta que son esas ecuacións as que rixen tódolos fenómenos mencionados dende o das motos de auga, aínda que ó remate non falara delas...

Diversións da época do ano asociadas a conceptos dos que non se soe falar. ¿Quedarán gans de ler algo sobre un tema deste tipo?. Chega con tratar de comprender mellor o mundo que nos rodea, día a día.

----------------------------

(*) Traducido queda mellor: a nave busca-corredoiras de Marte tivo problemas para que o vehículo residente poidera saír e desprazarse pola superficie do planeta.

2012/10/11

É a ciencia só para maiores?

Quen pense que si, que tente artellar un método para parender ciencia ou facer que guste, á xente xa de maior ... ó mellor cambia de idea. Quen pense que non, ó mellor lle pode sacar algún partido ás "I Xornadas educaBarrié sobre experiencias de ciencia en Educación Infantil".
Así que, enfróntate ó problema cun criterio científico: prantéxate o problema, hipotetiza, testa a resposta ....

2012/10/09

Clase de astronomía ó natural

A medida que nos metemos máis e máis no outono, os días son máis curtos, e os amenceres máis tardíos. Agora é a época na que a entrada á clase coincide co amencer, e de xeito direto ou a traverso de cristaleiras, hai oportunidades múltiples para contemplar o ceo, dende Ribadeo ou outro lugar.
A pasada lúa chea, antes de meterse no horizonte oeste, serviu como telón de fondo a unha clase de astronomía a primeira hora da mañá. Tres conxuntos de tres liñas paralelas que se ven corresponden ó refrexo da iluminación interior. O movemento da lúa foi patente ó longo da clase, a visión dos cráteres, terrae e maria máis vívida ...

O amencer polo leste, cos ceos de tonos de lume. Os edificios, do fin do Xardín á esquerda, ó fin da avenida de Galicia, á dereita, marcan a silueta por baixo das nubes, fácilmente caracterizables.

Aquí parece que o lume queda pola outra beira do edificio do fondo, ou aínda da outra beira da ría. Á esquerda, a parte vella do edificio e no ceo á dereita, nubes máis obscuras.

O Cantábrico comezando a ter o tono de mar polo día. Cara á dereita, a Casa do Óptico co seu gurugú. O horizonte (no mar a uns 18 km, calculado pola redondez da Terra) é craro e palpable a variación da atmosfera coa altura.

Xa amencido, o Cantábrico segue ó fondo, aínda que non haxa contraste co ceo por riba de Vilaselán, fai aparecer nubes, clásicas e producidas algunhas por avións (propiciando o ensino da atmosfera húmida ou seca ...)

A máis de no IES, ceos en Ribadeo hainos ... a semana pasada collín este arco da vella por riba da torre da igrexa, dende diante do Rosa-Lar. Demostrado: aprender é algo que se pode facer en calquera lugar.

** entrada participante no 'Entroido da Física/Carnaval de la Física', edición outubro 2012, soportada polo blog 'Últimas noticias del cosmos' **

2012/10/02

Sobre o clima en Ribadeo

Hai poucos días fixen unha entrada sobre o clima do verán ribadense (http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/09/rematou-o-veran-verdade-climatoloxica.html), na que esta mesma noite descubrín unha anomalía grave nos datos. Laméntoo. Coido que compre corrixila, o que fago nesta entrada a unha non habitual, repetindo a anterior xa corrixida e completando agora parcialmente con datos sobre choiva extendidos a todo o ano, durante todo o século actual. Fago a mesma salvedade que fixen na pasada entrada, pois hai falta dalgún día solto que pode variar lixeiramente o resultado dalgún ano concreto. O 2001, debido a que ten abondas faltas no comezo de ano, non o computei como ano completo.

O verán rematou o 22 de setembro preto das 5 da tarde hora oficial. Despois de cada verán, sempre hai comentarios sobre como se desenvoltou. E resulta que as percepcións subxectivas poden coincidir moi ben coa realidade meteorolóxica ...
Deixo abaixo gráficas e datos de temperaturas e cantidade de choiva dos veráns do século:
Vese que as temperaturas medias do verán (22 de xuño a 21 de setembro, ambos incluídos) deixan a 2012 en 4º lugar, por tras de 2006, 2004 e 2003. Se ben, como se pode ver nas táboas de abaixo (ordeadas a primeira por ano e a segunda por temperatura). Non obstante, as de 2004 e 2003 son case imperceptiblemente iguais ás de 2012, sendo só as de 2006 netamente máis altas.

En canto á choiva, aclarar que mentras que algunha falta de datos nas temperaturas non inflúe grandemente pola homoxeneidade do verán, unha equivalente falta de datos nos correspondentes á choiva, si que poideran variar a gráfica de precipitacións, de aí que anote nos datos de 2004 e 2009 faltan medidas na web correspondente a Pedro Murias, de onde tomo os datos deste artigo.



Coa salvedade antedita sobre os datos, unha volta corrixidos, obsérvase que o verán 2012 si foi especialmente seco en Ribadeo, completando o terceiro ano consecutivo de veráns secos, e véndose na gráfica que ó longo do que levamos de século, os veráns tenden a ser máis secos.


-- -- --
O primeiro gráfico novo representa a media de choiva acumulada ó longo dun ano para un día dado. É unha gráfica que me sorprendeu ó facela pola súa limpeza. Vese que a cantidade de choiva caída vaise acumulando ó longo do ano, pero distínguense zonas de máis precipitación e zonas de menos. Ó final hai unha caída (o día 366) que corresponde ó feito de que este século levamos só rematados dous anos bisestos, un deles o máis seco ata o momento.
Na segunda imaxe dividín a gráfica por tramos (obviando o do 366). Así pódese observar que ata o día 160 aproximadamente (10 de xuño), o réxime de choivas é prácticamente constante, pouco maior de 2,5 L/m2 e día. De aí ata aproximadamente o comezo astronómico do outono (21 de setembro), é dicir, prácticamente o verán, o réxime baixa a súa media, pasando a pouquiño máis de 1 L/m2 e día de xeito uniforme. De aí e ata comezo de decembro (pouco máis de dous meses, no comezo do outono), de novo volve a producirse unha uniformidade de choiva, pero esta vez maior, sobrepasando os 4 L/m2 e día. O mes de decembro volta a ter un réxime de choiva semellante ó de comezos de ano.

O anterior, en canto ás medias. Desglosado ano por ano, temos a seguinte gráfica, onde se pode observar que no 2006 (1300 L/m2 ) choveu máis do doble que no 2004 (600 L/m2 ), e que o conxunto deste ano , a 30 de setembro, era o máis seco dos referidos.
Como casa isto co referido no post anterior? Pois por dúas razóns: O inverno foi con diferencia o máis seco do século e o verán, tamén, se ben xusto antes do cambio de estación houbo unha choiva que convertiría o conxunto nun ano máis normaliño, aínda que algo máis seco que a media.


Vémolo coas marcas da gráfica seguinte, onde se ven os de días de choivas en xuño e a lenta evolución ata a marca de fin de setembro, últimas medidas recollidas.

-- --
Despois do anterior, quizáis veña ben unha reflexión: remataba o artigo que tento corrixir indo contra a percepción subxectiva. E está demostrado que a subxectividade moitas veces traballa en contra da realidade. Pero non sempre. E cos datos obxectivos tamén se pode equivocar un no seu tratamento (ou na súa obtención). Algo que hai que ter en conta...

2012/09/23

Rematou o verán. A verdade climatolóxica en Ribadeo

Recoñecemento de erro. Deixo a entrada de abaixo tal como foi posta en principio, mais hoxe, día 2 de outubro, remato de descubrir un erro que me levou a que os datos e as gráficas de choiva (non as de temperaturas) esteñan mal. A entrada está refeita corrixida e ampliada en http://fqribadeo.blogspot.com.es/2012/10/sobre-o-clima-en-ribadeo.html.
O verán rematou onte preto das 5 da tarde hora oficial. Despois de cada verán, sempre hai comentarios sobre como se desenvoltou. E resulta que as percepcións subxectivas non soen coincidir moi ben coa realidade meteorolóxica ...
Deixo abaixo gráficas e datos de temperaturas e cantidade de choiva dos veráns do século:
Vese que as temperaturas medias do verán (22 de xuño a 21 de setembro, ambos incluídos) deixan a 2012 en 4º lugar, por tras de 2006, 2004 e 2003. Se ben, como se pode ver nas táboas de abaixo (ordeadas a primeira por ano e a segunda por temperatura). Non obstante, as de 2004 e 2003 son case imperceptiblemente iguais ás de 2012, sendo só as de 2006 netamente máis altas.

En canto á choiva, aclarar que mentras que algunha falta de datos nas temperaturas non inflúe grandemente pola homoxeneidade do verán, unha equivalente falta de datos nos correspondentes á choiva, si que poideran variar a gráfica de precipitacións, de aí que anote nos datos de 2004 e 2009 faltan medidas na web correspondente a Pedro Murias, de onde tomo os datos deste artigo.


Coa salvedade antedita sobre os datos, obsérvase que 2012 non foi especialmente seco en Ribadeo ... e aínda que abondo por baixo de 2007, 2010 e 2008, tamén netamente por riba do ano seguinte en precipitacións estivais no século, 2002.

En fin, así son as cousas, aínda que as percepcións de cada un poden negar subxectivamente os datos obxectivos.

2012/09/16

2012/09/14

Bubble bursts ou como se desfai unha burbulla

Collida de http://www.facebook.com/photo.php?fbid=10151094325781985&set=a.10150933321916985.416583.369953306984&type=1&ref=nf
Remato de atoparme esta imaxe en internet. É bonita, e nestes momentos ten xerados 53 comentarios en facebook. Ningún explicativo, e case todos de asombro. Mais coido que é unha imaxe fenomenal para explicar unhas cantas cousas a partir da tensión superficial.
Por exemplo, con irregularidade estatística, a rotura é simétrica ó diámetro dende o punto onde a tocou o dedo.
As pingas que se forman, descreben traxectorias tanxentes á antiga superficie da burbulla onde se atopaban, como corresponde á tensión superficial que sufrían nese momento.
O movemento captado das pingas (traxectoria nun instante) implica que hai unha aceleración da rotura, pois as traxectorias (ata un límite) van facéndose maiores a pesares de levar menos tempo rota a burbulla na zona.
O reflexo na zona aínda enteira indica que só existe unha pequena onda de perturbación (un par de ventres) que se propaga antes de que se produza a rotura.
E, por último por hoxe, quen non distingue que as liñas da parte inferior son lixeiramente máis pronunciadas que as da parte superior? (como corresponde a que por gravidade o grosor da burbulla é maior pola parte inferior)
-Entrada para participar en 'Carnaval de la física' (Antroido da física') en setembro 2012, coordinada polo blog 'Hablando de ciencia'-
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.