2009/06/11

Nota de prensa sobre o Galego

Adxunto unha nota de prensa da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia:
O GALEGO E O ENSINO DA CIENCIA
A Xunta Directiva da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que está presente no eido da educación secundaria dende hai máis de vinte anos e que conta con case un milleiro de profesores e profesoras no ámbito da Física, Química, Bioloxía, Xeoloxía, Matemáticas e Tecnoloxía, dende o coñecemento e a experiencia de tan prolongada presenza, pon de manifesto:
- Que os profesores e profesoras que participan nas actividades de ENCIGA desenvolven as súas actividades docentes en centros escolares situados en cidades, vilas grandes e pequenas e con moi variadas situacións sociolingüísticas.
- Que, polas súas actividades e antigüidade, é a asociación de profesores de ciencias máis importante no ámbito da secundaria das que hai no territorio español.
- Que esta asociación ten publicado ata hoxe 67 números da súa revista –Boletín das Ciencias– en galego, o que supón preto de mil cincocentos artigos dedicados ao ensino das ciencias na secundaria.
- Que leva celebrados 21 congresos anuais, nos que se teñen presentado unhas 800 comunicacións, cuxa inmensa maioría se expuxeron en galego.
- Que profesores e profesoras que colaboran ou colaboraron nas actividades de ENCIGA se contan entre os mellores profesionais no seu ámbito, como queda demostrado por teren recibido o recoñecemento de institucións e organismos de todo tipo, tanto de Galicia como de fóra dela.
- Que nunca nas súas actividades, asembleas, comunicacións, artigos, etc., se ten producido ningunha intervención no sentido de manifestar que o uso do galego poida producir ningún tipo de atranco na aprendizaxe dos contidos científicos, ou
en calquera outra acción que sexa propia do ensino na secundaria.
Por todo isto, MANIFESTAMOS que:
Calquera intención de situar o galego como un problema no ensino, en calquera etapa educativa, non se corresponde coa realidade e non se sustenta en ningunha razón didáctica ou pedagóxica.

2009/06/09

Unha cita (parece) de Einstein

Non o podo asegurar, pero grazas a Iria Acevedo chegoume unha anécdota sobre Einstein nun paquete de azucre:
-Un periodista preguntoulle a Einstein:
'Pode explicarme a lei da Relatividade?'
e Einstein contestoulle:
'Pode explicarme como se frite un ovo?
O periodista mirouno con estraneza e contestou:
'Pois si, si podo'
a isto, Einstein contestou:
'Bo, pois fágao, pero supoña que eu non sei o que é un ovo, nin unha sartén, nin o aceite, nin o lume'

Como comentario:
Quen diría que a relatividade é unha lei? Posiblemente iso deu pé á contestación de Einstein... aínda que o máis seguro é que a historia non sexa así, e que o da 'lei' saíra do relator do conto.
De calquera xeito, tendo en conta o que costou á xente corrente aceptar que o mundo non era plano despois de Colón, pois non é estrano que integrar a relatividade nas nosas cabezas coste tamén xeracións de incomprensión.

2009/05/30

A física, os físicos, as físicas, ...

A verba 'física', contando cos dous xéneros (é dicir, incluíndo tamén 'físico') ten varios sentidos. Un deles é o nome da ciencia por todos coñecida, outro é o perfil ou presenza dunha persoa, etc.
Xogando con estes significados anda pola web unha serie de correos, dos que aporto o contido de dous para comentar.
Un deles leva o título da foto, 'A muller co mellor físico do mundo', e, naturalmente, xoga con que quen o recibga espere atoparse unha escultural beleza 'física', mentras que o que se atopa e unha muller con un físico. O físico está identificado, naturalmente, é Einstein. A muller, non sei. De aí que a subira cambiándolle o nome e poñéndolle o de 'Einstein acompañado'. Por certo, que como non sei a orixe da foto, só que xa a recibín por varios condutos diferentes por internet, se alguén sabe máis da foto (orixe, quen é a muller, mesmo licenza, ...) por favor, que me deixe un comentario.

O outro correo tamén vai de Einstein e unha muller. Neste caso, identificada: Marilyn Monroe. A foto bauticeina co nome de 'Marileinstein', porque me pareceu un nome evidente. Tampouco coñezo a orixe dos correos, pero si deixo a correspondente ilustración e un dos comentarios (engadindo eu cousas e traducindo), que me chegaron nun documento de texto:
Comeza mirando a ilustración dende o teclado. Logo, vaite alonxando pouco a pouco, mirándoa. Así verás como a figura de Einstein se vai transformando nunha figura feminina xa clásica, quedando claro a partir dos 3 m de distancia que tes fronte a ti unha foto de Marlyn.

Sobre o custe da ciencia

Pode que a máis dun lle resulte 'cara' a investigación científica. Atopei unha entrada que pode facer repensar as cousas: http://www.microsiervos.com/archivo/ciencia/ocho-cosas-mas-caras-que-programa-espacial-usa.html

2009/05/13

Profesor 10: Divagando sobre educación.

Á espera da súa publicación en Xerfa:
Profesor 10: Divagando sobre educación.
"Se atopas cara a educación, proba a ignorancia" (Manuel Castells, citando un dito norteamericano)

E por que non profesora? Ó fin, parece que a maior parte da humanidade é de sexo feminino...
Vale pois, profesora 10. O tema é o mesmo.
Quen?
Por partes, non se trata de sinalar a ninguén, senón de comezar pensando que características debe ter unha profesora 10.
O primeiro sería eficiencia na tarefa de transmisión de coñecementos. O primeiro? Entón, hai que deixar relegada a tarefa de formación como persoa? Supónse que cando alguén pasa das mans dos 'mestres' á dos 'profesores' está a cambiar o que se pide del tan substancialmente? Non o creo así, pero, onde imos procurar máis información para determinar a tarefa do profesor, e así asignar as características que corresponden ó desempeño da mesma e á persoa que a debe desempeñar? No diccionario? Se collemos a definición do 'Diccionario de la Real Academia Española', vixésimo segunda edición, atopamos na súa primeira acepción:
"1. m. y f. Persona que ejerce o enseña una ciencia o arte." Algo semellante ocorre co correspondente da RAG. É dicir, o profesor ensina. E punto. ... non estou moi de acordo coa aplicación práctica da definición, pois se imos ás tarefas do profesor, da profesora, atopamos outras que en principio non teñen moito que ver coa definición, e máis coas funcións administrativas, por exemplo. Algo no que concorda o diccionario de pedagoxía que se pode consultar en liña:
"s. 1. Persoa que pola súa vocación dedica a súa existencia a transmitir a unha nova xeración unha síntese dos aspectos teóricos, prácticos, éticos e estéticos da cultura, de forma equilibrada e diferenciando coidadosamente os contidos permanentes e os transitorios. 2. Persoa que exerce a profesión docente, e que ten como principal tarefa a organización, sistematización e desenvolvemento do proceso de ensinanza. Ademais, debe levar a cabo tarefas de titoría, orientación, xestión, investigación, etc., podendo varia-la natureza ou o tipo de funcións segundo o nivel educativo no que o profesor traballe." Aquí si que xa estou algo máis de acordo co que representa o profesor (perdón, a profesora) na actualidade. Incluíndo os temas que deberan ser accesorios. O que debera... esa é xa outra historia.
Nun artigo de hai uns 14 anos, titulado 'Mestres, profesores, catedráticos', falaba de algo disto dende outro punto de vista: non mirando só á función, senón a percepción social, que tamén inflúe na función finalmente asignada dun xeito 'legal'. A lembranza dese artigo lévame a algo que se pode expresar como: a existencia de profesoras cambia de xustificación ó longo do tempo? É dicir, a educación está claro que ten que adaptarse ós tempos, e polo tanto, a función profesoral debera adaptarse tamén. Pero, que é o que continúa a traverso do tempo?
Chegado a este punto, xa estou liado (ó fin, o que pretendo confeso que é liar a quen lea para que pense sobre educación), pero quédame unha cuestión importante que non podo deixar pasar sen tratar, pois é totalmente relacionada co título: pode existir unha profesora 10 illada? Isto é, pode separarse o que fai unha profesora do que profesa o conxunto do grupo ('claustro') de profesoras dun centro e ser considerada unha 'profesora 10'? Tal vez en preescolar ou nos primeiros cursos de primaria se poda considerar. En medias, o que conta é o centro educativo, dende a directora á bedela, pasando polas propias alumnas-compañeiras, sendo o pilar fundamental o aunar esforzos de cada grupo de profesores correspondente a un nivel ... Estamos pillados xa pola estrutura: a calidade da educación depende dela tamén.
E os pais? pois ... deixo outra cita, pero xa non me meto no tema: "por unha beira, a calidade e adicación de mestres e profesores. Pola outra, a atención dos pais á educación dos seus fillos" (tamén, M. Castells, quitándolle o contexto de xeito intencionado)
Mirando agora máis de parte dos alumnos, deixando ó profesorado a unha beira... Imaxinas que se poidera dar o caso que que poñéndonos á beira do mar houbera unha xerfa que nos empapara de educación? Sería un chollo, non? ... Pois veriamos. O que non se consegue cun certo esforzo tende a non apreciarse. É posible que a xerfa se perdera no vacío, sen educar a ninguén por non achegarse á beira do mar.
Ben, se chegaches ata aquí, algo dese esforzo de educación seguro que xa o tes feito...
Antonio Gregorio Montes
Nota 1: M.Castells é especialista en temas de socioloxía relacionada coas novas tecnoloxías, non en educación.
Nota 2.Na primeira cita, para adecuala máis á nosa ideosincrasia, diría de tomar 'cara' como 'custosa', 'con necesidade de facer un esforzo para chegar a ela'.
El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.