O ceo despois de poñerse o Sol cara a fin deano. Despedida ó grande: os 5 planetas clásicos (Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno) brilan no arco da eclíptica. Neptuno e Urano tamén se ven con telescopio. Conxunción Venus-Mercurio o 29.
Leva dende o comezo do curso 2022/2023 formando e divertindo a unha xeración de estudantes.
Emblema do club de ciencia do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
No seu blog, hoxe pódense ver un vídeo dunha lámpada de lava, o último en ser cargado, outro vído de actividades no samaín, máis curiosas e divertidas que espeluznantes, e os primeiros pasos do club, que deixo a continuación:
Este curso comezou a súa andadura o Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Cada luns, no recreo de mediodía, 28 alumnos e alumnas reúnense para realizar experimentos científicos guiados por Leticia Fernández Joven e Andrés Rodríguez Ramos, profesores do Departamento de Física e Química; Javier Rodríguez González, profesor de Tecnoloxía e Susi Besteiro Cabanas, profesora de Bioloxía. A iniciativa ten como finalidade estimular o espíritu científico entre o alumnado e impulsar as vocacións STEM, orientadas ao ámbito tecnolóxico. Tamén pretende ser unha forma de potenciar a xa tradicional Feira da Ciencia, que na súa XXVIII edición contará con varios dos experimentos realizados no Club. Como actividade de benvida, fíxose a práctica “Arte culinario”. Tódolos participantes elaboraron o seu propio cadro e comprobaron como os deterxentes alteran a tensión superficial permitindo mesturar o leite e os colorantes alimentarios. O Samaín tamén tivo un toque científico, xa que ademais de “Saquiños fantasmas” e “Slime monstruoso”, co experimento “Cabazas tenebrosas”, o alumnado tivo a oportunidade de manipular xeo seco, comprobar a súa reacción coa auga así como facer pompas xigantes e curiosos vermes escumosos que non paraban de medrar. Ó longo do mes de novembro, o mes da ciencia, tocou facer un experimento moi sinxelo pero que sempre sorprende ao alumnado: “Fluidos non newtonianos”. Para iso, mesturaron maicena e auga comprobando como a viscosidade pode variar coa tensión aplicada. Tamén experimentaron outra propiedade dos fluidos, como é a densidade, realizando vistosas “Lámpadas de lava” con aceite, auga, colorante e pastillas efervescentes. Finalmente, rematamos o mes fabricando “Visores de hologramas” con metacrilato e aínda que cortar as pezas non resultou doado, o alumnado quedaba abraiado cando ó rematar a estructura podía observar imaxes tridimensionais impresionantes coa axuda do móbil. En definitiva, un Mes da Ciencia en Galego, celebrado por todo o alto: coa inauguración e posta en marcha do Club de Ciencia do IES Ribadeo. Seguiremos divulgando o noso saber científico...
Escoitar a Ángel Carracedo nunha charla é unha delicia. Téñoo experimentado nalgún congreso de Enciga no que interviu, e esta vez volveu repetirse. Chámoo charla pola proximidade do conferenciante co público e a suavidade do transcurso tanto do tempo como das ideas, mais o título é conferencia, algo que dá idea da contundencia da transmisión do seu coñecemento. Ambas condicións cumpre.
Gravado e logo preguntado, autorizou que colgaraa gravación en internet. Aí vai, acompañada de algunha foto de diapositivas que amosou cara ó final da exposición.:
Só unhas verbas para chamar a atención sobre unha morea de fotos do ceo, a máis chamativa unha ca outra. Están tomadas con telescopios no hemisferio sur, en Chile, e repartidas en varias web, como nesta. Un conxunto entre as máis destacadas pódese ver neste artigo. E, como mostra, un botón, a Galaxia do Sombreiro Pequeno:
Un aviso da NASA para a primeira parte de mañá: tormenta magnética. Espéranse interferencias e disrupcións nas sinais de radio e GPS nalgunhas áreas. Tendo en conta a inclinación actual da Terra, sobre todo no hemisferio norte.
A imaxe corresponde a un vídeo de Twitter que non se pode executar directamente no blog e representa o avance da tormenta ó longo do sistema solar, incluída a zona na que se atopa a Terra. O enderezo:
Por unhas poucas horas, e por erro da compañía, a Wiki As Ferias de Ciencia na Galiza estivo inaccesible. Desculpade as molestias se vos afectou.
De calquera xeito, se descubrides calquera falla de acceso -ou outra- á wiki ou a calquera dos blog relacionados con este, pregaría que mo fixérades saber, a traverso das redes sociais ou como contario nalgún dos blog, entre outras posibilidades.
A primeira feira de ciencia e tecnoloxía postpandémica de Ribadeo, 27ª edición, 2022, só pode cualificarse como un éxito atribuíble ós alumnos liderados por Mª Jesús Besteiro. Chega con falar cos alumnos participantes para pulsalo, pois non só son os artífices senón tamén os beneficiarios directos. Por suposto, a xente visitante coa que puiden falar tamén ten unha opinión semellante. Mágoa que xa rematara e, se non pasaches polo IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, xa non tes oportunidade, pois xa pechou. De calquera xeito, aquí deixo un pequeno apunte que pode servir de sucedáneo. Da nota de prensa enviada ós medios a algún vídeo de explicacións, pasando por fotos e mesmo unha exposición externa que complementaba o feito polos alumnos.
Aquí queda:
Das Catedrais á Lúa na XXVII Feira da Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Ribadeo, 9 de xuño, 2022. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo non quixeron rematar este curso de volta á normalidade sen celebrar a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, unha actividade emblemática que xa vai pola XXVII edición e que baixo o lema “Das Catedrais á Lúa” inclúe traballos moi diversos, algún dos cales xa foron presentados en Coruña, no Día da Ciencia na Rúa.
O alumnado de 1º ESO explica a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosan cranios de vaca, corzo, cabalo can, tigre, porco, xabaril e coello indicando as principais características dentarias dos herbívoros ruminantes e non ruminantes, dos carnívoros, omnívoros e roedores. Tamén animan a loitar contra a avespa asiática facendo trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da velutina, unha especie invasora que pon en perigo ás nosas abellas.
Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, presenta dende traballos elaborados en tecnoloxía coma hoteis para insectos polinizadores ou paradoxos mecánicos ata traballos de xeoloxía, concretamente da Praia das Catedrais. Reproduciron en pasta de modelar faias, grutas, túneis rochoso, ollos, arcos e farallóns e con eles amosan as distintas fases de evolución do cantil e o retroceso da liña de costa. A visita complétase coa exposición titulada “Mulleres que nos levaron á lúa” cedida pola unidade de Igualdade da Universidade de Vigo coa que se trata de visibilizar o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Coa axuda da Comisión de Igualdade, as alumnas de 1º ESO fan un repaso pola biografía de mulleres como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden. Trátase de mulleres enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiveron como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria do Apolo XI, fixeron de computadoras humanas, deseñaron a alimentación axeitada para os astronautas, descubriron novos combustibles ultralixeiros así coma outras moitas contribucións sen as cales non sería posible o lanzamento exitoso da nave e sen embargo non aparecen nos libros. Deste xeito, promóvese a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, foméntase a atracción das nenas ribadenses cara á ciencia e as enxeñarías e divúlgase o saber porque “os bos costumes non poden perderse”.
-
Vídeos e outro material:
Sobre o centro de gravidade:
Hoteis de insectos:
Rochas sedimentarias:
A formación das Catedrais:Dentición dos ruminantes: Dentición herbívoros non ruminantes: Dentición dos omnívoros: Dentición dos carnívoros: Dentición dos roedores: Trampas de velutina:
Sobre o electroimán
E complementos: exposicións. A primeira que deixo en baixo, a única externa, compleméntase coa entrada na Galipedia 'Mulleres na NASA', aínda que as mulleres das que trata non só traballaron coa NASA.
E outros murais e exposicións, novas ou xa integradas no IES (non poño o museo de ciencia, que queda para outra):
Complemento: ciencia, muller, esforzo.
Unha mirada matemática, exposición doutros anos no IES
Xoves e venres, pola mañá, unha nova edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo. Edición que fai a número 27. Despois de máis dun cuarto de século, das Catedrais á Lúa!
Aínda estás a tempo de vela. E se non, contarémocha por aquí.
Hai algún tempo, a ESA produciu o 'climate kit', un pdf cun certo nivel de interacción para procurar máis información en cada parte. Unha vez repasado, coido que é cousa de darlle difusión pola cantidade de información (sobre todo, con soporte gráfico) que é capaz de subministrar.
Hoxe por hoxe, o desafío / cambio climático mantense entre os principais a solventar nos próximos anos. Evidentemente, non é o único, aí está a guerra para que non o esquezamos, ou os avisos de falta de litio para as baterías, por non citar máis que dous feitos alarmantes cara ó futuro, e que se sumarían nunha rede de problemas máis difícil de sulucionar en conxunto que por separado, e que afecta ó noso medio vital.
'O informe usa evidencia de máis de 34000 fontes científicas e amosa como tormentas extremas, secas, inundacións, vagas de calor e incendios están causando disrución na produción de alimentos, interferindo con pesca e acuicultura, causando dano ás cidades, infrastrutura e caúde humana.
Chaves rápidas:
* O cambio climático xa ten causado “danos substanciais e incrementado perdas irreversibles, en ecosistemas terrestres, de augas doces e costeiras e marinos abertos”.
* Os crecentes eventos extremos de temperie e clima “teñen exposto a millóns de persoas a unha inseguridade alimentaria aguda e reducido a seguridade da auga”, podéndose ver os impactos máis significativos en partes de África, Asia, América Central e do Sur e o Ártico.
* Do 50 ó 75% da poboación mundial pode estar exposta a periódos de “condicións climáticas perigosas para a vida” debido á extrema calor e humidade para 2100.
* O cambio climático “incrementará a presión sobre a comida e a súa produción e acceso, especialmente en rexións vulnerables, minando a seguridade alimentaria e a nutrición”.
O informe fai un chamamento para unha acción ambiciosa e acelerada para adaptarnos ó cambio climático e facer recortes rápidos e profunedos nas emisións de gases de efecto invernadoiro.
Atópome hoxe no meu agregador RSS a referencia https://xkcd.com/2585, que deixo abaixo aproveitando a súa licenza CC. Apúntoa aquí porque dá a importancia do tratamento de datos e a exactitude nun mundo no que os datos son collidos de calquera lugar en calquera xeito e tratados daquela maneira.
'Podo levar a miña bicicleta a 72 km/h, di o ciclista. E axusta: se arredondas. Resulta que a velocidade á que pode ir é de 27 km/h, pero polo arredondamento e conversión de unidades convinte, esa cifra pode chegar á outra, que é o triplo, ou a calquera outra que se queira.
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.5 License.
Collendo as '17 Mph', cun conversor na rede (por exemplo: https://convertlive.com/es/u/convertir/nudos/a/millas-por-hora )daranos que é equivalente a 7,59968 m/s, ou sexa, con arredondamento, seguindo as normas que se usan, 8 m/s. O mesmo conversor nos dirá que 8 m/s son 15,5508 nós, ou sexa, de novo, limando decimais, 16 nós. Non vou seguir toda a ringleira de conversión. Chega con ver agora que se convertimos eses 16 nós de novo a millas por hora, o resultado é xa 17,8955 Mph, ou sexa, que 'podemos dicir' 18 Mph, e ganamos xa unha milla por cada hora. Sen violar as normas de arredondamento de datos. Pero, está ben? Evidentemente, non.
Nun caso como o anterior, é doado ver e decarse da 'trampa', do 'truco de maxia' que se usa. Con datos reais misturados diversos, nos xornais, na televisión ou en outro medio, as cousas poden variar abondo e pasar desapercibidos deturpamentos importantes. Os exemplos podes atopalos hoxe no xornal (o que sexa que mires, e non sei en que día estás a miralo) a pouco que te fixes. E tampouco fai falta que sexan datos numéricos.
Belén Lorenzo foi a gañadora da XIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada en Ribadeo
Ribadeo, 20 de febreiro, 2022.
O mércores 16 de febrero, Ribadeo foi
unha das 5 sedes onde se celebraron as probas correspondentes á fase
galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía, actividade na que participa
alumnado de 4ºESO, 1º e 2º bacharelato e que está organizada pola AEPECT
(“Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra”),
en colaboración coa SGE (Sociedad Geológica Española).
Pola mañá,
tivo lugar a fase práctica: unha Xincana Xeolóxica na Praia das
Catedrais e ás 3 da tarde, realizouse a proba teórica no IES Ribadeo Dionisio Gamallo, simultáneamente coa Facultade de Bioloxía de Santiago,
a Facultade de Ciencias da Coruña, a E.M.E de Minas de Vigo e a
Facultade de Ciencias de Ourense.
Despois, mentres os correctores
facían o seu traballo, o alumnado participou nun taller de Fluorescencia
Mineral impartido polo Doutor en Xeoloxía Fran Canosa e finalmente
chegou o momento dos premios, diplomas e agasallos do Concello de
Ribadeo e da U.S.C. para tódolos participantes. Foron entregados polo
propio Francisco Canosa, por Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de
Educación e Igualdade do Concello de Ribadeo e polo director do
instituto ribadense Modesto Refojo Alvariño.
A gañadora foi Belén
Lorenzo Pérez, alumna de 1º bacharelato do IES María Sarmiento que será a
represente da Mariña na fase nacional que terá lugar o día 26 de Marzo
en Almería.
O segundo posto foi para Nieves Cobelo Requeijo,
alumna de 1º bacharelato tamén do IES María Sarmiento. O terceiro, para
María Modesta Pardo Burgués, alumna de 2º Bacharelato do IES Fontem
Albei da Fonsagrada e recibiu un accesit Bruno Llano López de 4º ESO
tamén da Fonsagrada.
Finalmente, o premio para o mellor equipo
recaeu en 4, dos 8 alumnos ribadenses participantes: Ramón López Ondina,
Gonzalo Veiga Otero, Daniel Díaz Castro e Angel Muiña López, que a
pesar de ser dos máis pequenos, xa que cursan 4º ESO, fixeron un gran
papel en conxunto.
Desexámoslle moita sorte na fase nacional a
Belén Lorenzo, representante da Mariña na fase nacional. E a tódolos
participantes, noraboa polo seu esforzo e por colaborar de xeito
voluntario nunhas olimpíadas que pretenden fomentar o interese pola
Xeoloxía e as Ciencias da Terra e concienciar sobre a importancia da
preservación do medio natural.
Son as verbas finais da alocución de Luca Parmitano presentando o manifesto dos astronautas europeos na ESA. Coido que é unha chamada que non vai exactamente na liña de como penso, mais non deixa de ser unha arenga en favor da ciencia amosando as súas oportunidades e o que impide o avance da humanidade, aquí cinguido a unha parte pequena, Europa.
A XIII Olimpíada de Xeoloxía é una actividade convocada pola
AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra),
a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos.
Nesta edición da Fase Galega contamos coa colaboración da
Consellería de Educación, ademais das Facultades de Bioloxía de
Santiago, de Ciencias da Coruña, E.M.E de Minas de Vigo, a Facultade de
Ciencias de Ourense, ademais da Cidade da cultura en Santiago e o
Concello de Ribadeo. As probas realizaranse simultaneamente nas cinco
sedes: A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ribadeo.
BASES:
1. PARTICIPANTES:
Nesta actividade pode participar alumnado de 4º de ESO e Bacharelato.
2. INSCRICIÓN:
Os centros interesados en participar solicitarano, cumprimentando e
enviando as fichas de inscrición de alumnado e profesorado que se xunta
a: aepectgalicia@gmail.com entre o 15 de novembro de 2021 o 15 de xaneiro de 2022. O número máximo de participantes por centro,será de 8 alumnos/as (2 grupos).
As probas terán lugar o mércores 16 de febreiro de 2022 entre as 11 e as 18 h
3. DESENVOLVEMENTO DAS PROBAS:
-Proba teórica de 40 preguntas tipo test.
-Proba práctica, por equipos.
4. PREMIOS:
Cada sede concederá diploma acreditativo e algún material relacionado co estudo da xeoloxía a:
Campión/oa
2ª e 3ª persoa clasificadas e accesit 4ºESO
Mellor equipo
As persoas que acaden a máxima cualificación en cada sede pasarán á Fase Española, que se levará a cabo odía 26 de marzo en Almería, de xeito presencial. A organización garante aasistencia a esta, do grupo de gañadores/as de Galicia, cos gastos pagados e contando cunha persoa acompañante. Se se superan os 50 participantes por sede, irá tamén a 2ª persoa clasificada por esa sede e se se superan os 100 iría a 3ª.
É de destacar, ademais, que o alumnado que curse 2º de
Bacharelato poderá optar as bolsas que as universidades galegas conceden
para as persoas premiadas nas olimpíadas científicas.
Para máis información dirixirse a: aepectgalicia@gmail.com
Para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, que se celebra cada 2 de febreiro e que este ano ten por lema “Actuar polos humedais é actuar pola humanidade”, o alumnado de 4º ESO de Bioloxía saíron á ría acompañados pola profesora Susi Besteiro para estudar a ría como ecosistema e tomar conciencia do importante que é a súa conservación.
Nas distintas paradas observamos un bó número de aves invernantes axudados polos prismáticos e telescopio. Como a marea estaba baixando, nas zonas da enseada da Lieira xa descubertas, as limícolas como correlimos (Calidris alpina) e zarapitos (Numenius arquata) non perdían o tempo para alimentarse peteirando no fango. Nas zonas onde aínda había auga, as nadadoras como os patos asubións (Anas penelope), rabudos (Anas acuta) e alavancos reais (Anas platyrhynchos), buscaban algo para comer filtrando a auga e as zancudas como garzas (Ardea cinerea), garcetas (Egretta garzetta) e cullereiros (Platalea leucorodia), camiñaban polas láminas de auga cada unha co seu estilo propio. As espátulas mergullando o seu peteiro alongado vadeaban polas pozas, as garcetas peteiraban para extraer invertebrados acuáticos ou algún verme e as garzas reais con movementos sumamente lentos, tirábanse con forza sobre os peixes para ensartalos co seu peteiro que semella un arpón. Había gran actividade na ría, facía bo día e non era tempo de descanso excepto para os madrugadores cormoráns (Phalacrocorax carbo) que xa fartos de peixe, repousaban coas ás abertas para secar a plumaxe en zonas como o tesón, ou en illotes. Tamén pola beira galega, estaba en acción unha das águias pescadoras (Pandion haliaetus) e observamos o pousadeiro que teñen no medio da ría así como o “señuelo” que lle puxeran na beira asturiana o primeiro ano que invernou aquí unha delas, Panchita, para que pensara que tiña compañía.
Foi unha mañá moi agradable na que aínda que nos centramos na observación de aves invernantes, tamén aproveitamos para distinguir os grandes grupos de vexetación segundo a salinidade que soportan. As máis halófilas son as pradeiras mergulladas de Zostera que quedan ó descuberto en baixamar na Lieira e son das de maior extensión do Cantábrico. Despois, a partir da enseada de Vilavedelle, comezan a aparecer os xuncais e nunha posición máis retrasada, dende Porto ata Abres, os carrizais ou canaveirais que prefiren augas menos salgadas.
En definitiva, unha clase distinta para dar a coñecer o noso patrimonio natural e concienciar sobre a importancia da súa conservación. Feliz día dos Humedais!
'Como mostra, un botón'. Algunha imaxe resultado do concurso (en menor definición para poder cargalas rápido dende o blog). Déixoas coa ligazón á páxina concreta de onde foron recollidas para esta entrada; autores e licenza, nas ligazóns:
No 2021 a dirección do vento seguiu as pautas históricas, aínda que máis definidas que a media. Nas táboas a continuación obsérvase que os datos de S/SO máis NE/E suman, a nivel dos datos fiables recollidos na Pedro Murias, 74,8 % dos días no caso de acumulación no século, 3 de cada 4, mentras chegan a 81,3 % no caso de 2021 (máis de 4 de cada 5). É dicir, incrementouse a preponderancia dos ventos nordés e vendaval.
O adelgazamento da gráfica amósao dun xeito máis intuitivo:
Dúas consideracións antes de rematar:
- O posicionamento da estación meteorolóxica de Pedro Murias, cunha pequena cadea montañosa un pouco ó sur, fai moi posible que, de non existir dita cadea, de existir un espazo máis aberto en dirección sur, como ocorre coa vila de Ribadeo, as porcentaxes poideran variar lixeiramente, amplifiando a compoñente N-S nas gráficas.
- A suma de ventos de compoñente sur da o 45,3 % dos días a nivel século, mentres que acada o 50,5 % no 2021. Pero os ventos de compoñente sur son cálidos, correspondendo co aumento da temperatura observada. Asemade, son ventos con aire que se enfría ó subir en latitude, polo que traen chuvia, e dito incremento contraprestaría o aumento de temperatura do aire e baixa de humidade relativa consecuente. No caso de ventos de compoñente norte, son 34,5 % a nivel século, e só o 33,5 % a nivel 2021. Pero os ventos de compoñente norte son fríos...
- Quedaría por comprobar se os ventos encadean máis días -ou tempadas enteiras- seguidos tendendo a converterse nun sistema de alisios, correspondendo co agrupamento de chuvia caída en menos días.
O pobo e(n) festa (2015)
-
Deixo en baixo, en texto inserido e dous formatos máis, o artigo
aparecido en 2015 en Ágape (revista da Unidade Pastoral de Santa María do
Campo de ...
Contradición ou imposibilidade
-
Educar implica moitas cousas. Entre elas, procurar a inclinación a fixarse
no mundo que nos rodea ou participar tentando melloralo. Deixo unha foto
tomada ...
Cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física
-
¡Bienvenidos otra vez a Gravedad Cero! Es un honor para mí escribir este
post porque hoy celebramos el cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física,
una ave...