Mentres esta noite en Ribadeo chovía a cántaros con cantantes baixo a choiva da fin de semana, 'aquí á beira' caía un bólido, anaco de rocha de cousa de 1 m de diámetro desprendido dun cometa. Deixo dous mostras de vídeos que collín na rede, tomados un en Portugal (Braga), máis impactante, outro en Sevilla, máis informativo, e outro... Hora: 0:46 desta madrugada.
Hai pola rede outros moitos vídeos do fenómeno... E datos:
V de entrada da rocha na atmosfera, aprox. 161 000 km/h
Recorrido no ceo: dende uns 200 km sobre Don Benito (Badaxoz) a uns 50 km ó oeste da Guarda, sobre o mar e uns 54 km de altura.
Calcúlase que puido verse ata a uns 800 km de distancia, resultando en lugares próxims ó recorrido de maior luninosidade que a Lúa chea.
A primeira feira de ciencia e tecnoloxía postpandémica de Ribadeo, 27ª edición, 2022, só pode cualificarse como un éxito atribuíble ós alumnos liderados por Mª Jesús Besteiro. Chega con falar cos alumnos participantes para pulsalo, pois non só son os artífices senón tamén os beneficiarios directos. Por suposto, a xente visitante coa que puiden falar tamén ten unha opinión semellante. Mágoa que xa rematara e, se non pasaches polo IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, xa non tes oportunidade, pois xa pechou. De calquera xeito, aquí deixo un pequeno apunte que pode servir de sucedáneo. Da nota de prensa enviada ós medios a algún vídeo de explicacións, pasando por fotos e mesmo unha exposición externa que complementaba o feito polos alumnos.
Aquí queda:
Das Catedrais á Lúa na XXVII Feira da Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Ribadeo, 9 de xuño, 2022. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo non quixeron rematar este curso de volta á normalidade sen celebrar a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, unha actividade emblemática que xa vai pola XXVII edición e que baixo o lema “Das Catedrais á Lúa” inclúe traballos moi diversos, algún dos cales xa foron presentados en Coruña, no Día da Ciencia na Rúa.
O alumnado de 1º ESO explica a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosan cranios de vaca, corzo, cabalo can, tigre, porco, xabaril e coello indicando as principais características dentarias dos herbívoros ruminantes e non ruminantes, dos carnívoros, omnívoros e roedores. Tamén animan a loitar contra a avespa asiática facendo trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da velutina, unha especie invasora que pon en perigo ás nosas abellas.
Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, presenta dende traballos elaborados en tecnoloxía coma hoteis para insectos polinizadores ou paradoxos mecánicos ata traballos de xeoloxía, concretamente da Praia das Catedrais. Reproduciron en pasta de modelar faias, grutas, túneis rochoso, ollos, arcos e farallóns e con eles amosan as distintas fases de evolución do cantil e o retroceso da liña de costa. A visita complétase coa exposición titulada “Mulleres que nos levaron á lúa” cedida pola unidade de Igualdade da Universidade de Vigo coa que se trata de visibilizar o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Coa axuda da Comisión de Igualdade, as alumnas de 1º ESO fan un repaso pola biografía de mulleres como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden. Trátase de mulleres enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiveron como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria do Apolo XI, fixeron de computadoras humanas, deseñaron a alimentación axeitada para os astronautas, descubriron novos combustibles ultralixeiros así coma outras moitas contribucións sen as cales non sería posible o lanzamento exitoso da nave e sen embargo non aparecen nos libros. Deste xeito, promóvese a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, foméntase a atracción das nenas ribadenses cara á ciencia e as enxeñarías e divúlgase o saber porque “os bos costumes non poden perderse”.
-
Vídeos e outro material:
Sobre o centro de gravidade:
Hoteis de insectos:
Rochas sedimentarias:
A formación das Catedrais:Dentición dos ruminantes: Dentición herbívoros non ruminantes: Dentición dos omnívoros: Dentición dos carnívoros: Dentición dos roedores: Trampas de velutina:
Sobre o electroimán
E complementos: exposicións. A primeira que deixo en baixo, a única externa, compleméntase coa entrada na Galipedia 'Mulleres na NASA', aínda que as mulleres das que trata non só traballaron coa NASA.
E outros murais e exposicións, novas ou xa integradas no IES (non poño o museo de ciencia, que queda para outra):
Complemento: ciencia, muller, esforzo.
Unha mirada matemática, exposición doutros anos no IES
Xoves e venres, pola mañá, unha nova edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo. Edición que fai a número 27. Despois de máis dun cuarto de século, das Catedrais á Lúa!
Aínda estás a tempo de vela. E se non, contarémocha por aquí.
Remato de velo en Twitter do Real Observatorio de Madrid e non me resistín a darlle difusión aquí. A imaxe-montaxe é moi expresiva. Ó anoitecer, Mercurio achegarase a Saturno ata o día 13 de xaneiro de 2022, ó tempo que se afasta do Sol, podéndose ver mellor cada vez, ata que reotrne de novo cara ó Sol despois de acadar a máxima distancia aparente dende a Terra. Un pouco máis lonxe, Xúpiter, e logo, a Lúa, que seguirá a medrar afastándose do Sol no seu paso polas constelacións de Pisces, Aries e Taurus, estando o día 13 sobre Aldebarán a estrela máis visible desa constelación, e por baixo das Pléiades (que non están reseñadas no esquema). As tres Marías, o cinto de Orión, estarán apuntando a ambos, coma sempre, e polo tanto, tamén á Lúa ese día. Un tempo para aprender as posicións no ceo a máis de desfrutar del, se a temperie acompaña.
Remato de ver unha información do Real Observatorio de Madrid con datos en relación a algún astro no ceo da próxima semana. A conta é accesible en https://twitter.com/RObsMadrid.
Na imaxe, que ven referida a uns '45 minutos despois da posta do Sol', aparecen Xúpiter, Saturno e Venus en posicións relativamente próximas, cara ó sur do campo de visión, formando un 'brilante trío' que deixa á súa esquerda á Lúa en crecente, e polo tanto, cada vez máis 'grande' co paso dos días. Preto do horizonte, e con prismáticos, ó anoitecer, poderá verse ó cometa Leonard preto do horizonte, a revelación deste inverno.
Outra imaxe amósanos o ceo cara ó amencer. Na parte esquerda, Marte cara ó sureste, co cometa Leonard á súa esquerda, pouco visible (prismáticos e ceo con pouca iluminación). A imaxe de abaixo á dereita tamén amosa o lugar radiante das xemínidas (máximo a madrugada do 14), orixinadas polo asteroide 3200 Phaethon.
En Ribadeo, o máximo da eclipse será ás 11:45, hora oficial, comezando ás 10:55 de forma practicamente inobservable. E, dun xeito aproximado, poderá verse así (no máximo):
Hai que ter en conta que, de poder velo, o brilo resalta sobre a escuridade, co que a apariencia da parte eclipsada (cousa dun 15 %) será aínda menor.
Nestas terras só será parcial, mentres noutros lugares poderá chegarse a ver como anular, é dicir, como un anel luminoso arredor dun centro escuro, a sombra que proxectará a Lúa sobre o seu centro. Pola nosa posición, a Lúa quedará descentrada en relación ó Sol, observándose só que tapa un pouco unha beira. Claro está, só será visible se as nubes o permiten, e a diminución de luz non será abondante, polo que, de non permitilo, pasará inadvertido.
A Lúa chea, xoves, dende Ribadeo. Foto de Suso Fernández.
Na madrugada do xoves houbo unha eclipse de Lúa. Viuse dende Norteamérica a Australia e dende o sudeste asiático á Arxentina. Ademáis, foi unha Lúa grande, unha 'superlúa'. Pódese repasar a eclipse en moitos lugares, como aquí.
Mentres, atopei unha necesidade de explicar algunhas cousas sobre a eclipse. Para comezar, nalgúns lugares anunciábase como un 'evento astronómico dobre, eclipse lunar e superluna'. Unha eclipse de Lúa prodúcese cando a Terra interponse entre a Lúa e o Sol, proxectando a súa sombra sobre ela. Como a Terra é dun diámetro aproximado dobre nque a Lúa, a sombra é maior que o que ocupa a Lúa, co que (ó contrario do que ocorre na eclipse de Sol) o noso satélite queda oculto completamente un bo rato, mentres transita pola sombra da Terra. Mentres, a Terra vai xirando e a eclipse pódese ver dende diferentes lugares do noso planeta. No caso da eclipse de Sol, ó ser semellantes o tamaño aparente da Lúa e o do Sol vistos dende a Terra (os cocientes de diámetro do astro / distancia á Terra son semellantes), no caso de haber eclipse total, é dunha duración case instantánea no máximo, a Lúa tapa malamente ó Sol. Ademáis, en ambos eclipses daríase o caso da Lúa nova perfecta (eclipse de Sol) e Lúa chea perfecta (eclipse de Lúa), que non poden ser vistas precismente deido ás interposicións necesarias para que se dera esa perfección, debido ás eclipses.
A cualificación de 'Superlúa' (a máis de ser unha esaxeración por non ser tanta a diferenza posible), indica que a Lúavese dun tamaño grande en relación a outras ocasións. Iso indica que está máis achegada á Terra, que está no punto da súa órbita, que é elíptica, máis próximo ó noso planeta, no perixeo (literalmente, 'achegada á Terra'). A Lúa móvese de xeito que o centro da Terra e o da Lúa están a una distancia entre 356 400 km e 406 700 km, co que nos momentos no que está máis próxima, vese cunha superficie cousa dun 30% maior que cando está mais afastada. Asemade, ó estar máis achegada, tamén chega maior cantidade de luz en proporcion semellante, e os efectos das mareas vivas son notados cunha variación de intensidade asemade semellante.
Nas eclipses, a luz que lle chega á Lúa está refractada e filtrada a traverso da atmosfera terrestre. E, o mesmo que pasa nos amenceres e atardeceres, a atmosfera e as partículas dispersas nela fan que a luz de cores vermellas teña máis dificultade a torcerse que a de cores azulados, co que estas últimas cores saen dispersadas en todas as direccións, mentres os tonos vermellos son os que menos se torcen e chegan á Lúa, que aparece avermellada por ese efecto (chamado 'efecto Tyndall')
Unha nova do correo da ESA lembroume unha cousa que en xeral se pasa por alto e non se lle dá importancia: a rotación da Terra varía mi pouco no tempo, pero varía. Non é constante.
A principal variación a longo prazo está asociada ás mareas: a Lúa (tamén o Sol, pero moito menos) ó producir ás mareas leva a un movemento da auga e a un rozamento desta coa superficie sólida, ralentizando o xiro ó ser o xiro da Lúa arredor da Terra moito máis lento (velocidade angular da Lúa na súa órbita) que o da Terra arredor do seu propio eixe (velocidade angular da rotación terrestre).
Pero non é o único efecto a considerar, nin todos os efectos son para diminuír a velocidade angular e alongar o día: o derretemento do xeo das montañas actúa acortando a duración diaria, ó diminuír o radio medio de xiro da materia terrestre (diminúe o momento de inercia, e por conservación do momento angular, a velocidade angular aumenta). Tamén, a un prazo moito máis curto que a idade da Terra, actúan os cambios debidos a que a órbita da Lúa non é circular arredor da Terra, co que en consecuencia (conservación do momento angular) a velocidade angular da Lúa non é constante, nin a súa distancia á Terra, coa súa influencia na velocidade da auga e a cantidade de auga, e polo tanto, na velocidade de xiro do conxunto terrestre.
Pero é que aínda hai máis. Están, por exemplo, os movementos debidos ós terremotos, desprazando masas de terra e variando o xiro en consecuencia, ou o derretemento de xeo e neve sobre a terra, que como foi dito máis arriba, vai parar ó mar e distribúese en toda a superficie, non só a unha distancia do eixe da terra equivalente á que estaba antes de derreterse, e fai variar o momento de inercia, ou a dilatación da auga, que tamén fai que o líquido se redistribúa pola superficie...
Desprazamento do terreo no terremoto citado. Obtida do artigo referido.
Efectos todos eles moi pequenos, pero que na actualidade poden observarse e estudarse. Incluíndo correntes oceánicas, ventos atmosféricos ou actividades humanas. Fenómenos que por certo tamén poden contribuír a variar lixeiramente o eixe terrestre.
Custa pensar que cando
a Terra se solidificou, o que chamamos hoxe 'un día' tiña entre seis e oito horas
de duración, e un 'ano' consistiría en máis de 1000 amenceres e atardeceres. Hai dez anos, un terremoto de magnitude 9,0 en Xapón, de seis
minutos de duración (e que causou mortes e destrucción), tamén acurtou a duración do día en 1,8 microsegundos (millonésimas de segundo) e cambiou a posición do eixe do corpo da Terra -a liña imaxinaria arredor da cal se
equilibra a masa do mundo- uns 17 cm. (Nota: o eixe do corpo é
o eixe de equilibrio de masa da Terra, mentres que o eixo de rotación
oscila arredor del.)
E unha cousa práctica: por que se ocupa a ESA diso? Pois, a máis de pola súa interese científica, por intereses prácticos como a boa sincronización e optimización do funcionamento dos satélites, precisando máis a súa posición en relación ás nosas cabezas e ás estacións de seguimento, e mellorando polo tanto a comnicación.
O CSIC conta cunha morea de recursos online para achegarse á ciencia e disfrutala de moitos xeitos. Exposicións e museos virtuais, debuxos animados e outros vídeos, blogs, experimentos, xogos, apps e libros. Algunhas propostas para aprender ciencia na casa de xeito divertido:
NanoKit do programa NanoEduca do Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía (ICN2). Material experimental didáctico, vídeos e fichas para alumnado e profesorado. + 12 anos.
KIDS.CSIC.
Infantil e Primaria. Vídeos de animación,
biografías, xogos e tests interactivos. Ten guías para aula e familias. Do CSIC na Escola. 4 a 12 anos.
The QuEST. Debuxos animados do IAA
sobre objectivos científicos do Telescopio Solar Europeo
(EST).
Blog ICMAT. Reflexión e divulgación. Instituto de Ciencias Matemáticas.
Só os paranoicos sobreviven. Blog de Tomás García Azcárate (Instituto de Economía, Xeografía e Demografía), revista Mercados.
Cencia e consciencia. Blog Instituto de Ciencias do Mar (ICM) + Unidade de Tecnoloxía Mariña do Centro Mediterráneo de Investigacións
Mariñas e Ambientais (CMIMA).
O que o teu ollo non ve. Os ciclos de vida da estrutura dos materiais
de construción con Microscopía Electrónica, con aumentos de ata 250 000 x. Visión e descarga.
Museo Virtual da Ciencia do CSIC. Recursos pedagóxicos, presentacións didácticas e información sobre instrumentos científicos de valor
histórico do CSIC.
Foi de repente. Un científico anunciou que un corpo celeste ía chocar contra a terra dentro duns anos. Logo, nun par de días, houbo un desmentido.
O de menos, os datos concretos. O importante, o feito. E os comentarios arredor del.
O feito foi que un científico realizou cálculos sobre a traxectoria dun corpo que se move no espacio cunhas dimensións do orden de quilómetros. os datos estaban tomados de posicións sucesivas del, eran escasos. Por outra banda, se un corpo dese tamaño cae a terra, podería facer un cráter no lugar onde caera, producir un xeitoso terremoto e facer opaca a atmósfera con todo o material sacado do seu sitio despois dun tremendo estalido liberador de enerxía. Os cálculos foron que a súa traxectoria cruzaríase coa da terra dentro duns anos, e o seu significado estaba claro: estabamos a punto para un cataclismo parello ó que parece que extingueu ós dinosaurios. A terra estaría asolada en menos dunha década, e en troques dos saurios, agora tocaríanos a nós.
Un anuncio de tal calibre moveu á comunidade científica dos astrónomos a ocuparse do tema. Obtivéronse máis datos, revisáronse outros recollidos de antigo, e fixéronse novos cálculos. O resultado é que o corpo que se auguraba ía destrui-la nosa civilización, tras mellorar os datos e realizar os cálculos, prevese que pasará a unha distancia de nós comparable á que mantén dende que se lembra a nosa compañeira a lúa. Todo o mundo respira máis tranquilo.
Agora, a repercusión da noticia. Nada máis darse, representantes do governo dos E.U.A. dixeron que se estaba a preparar un plan de intervención. Consistiría dito plan en lanzar varios cohetes cargados con bombas nucleares contra o obxecto, coa finalidade de desviar lixeiramente a súa traxectoria ou desfacelo en trozos máis pequenos. Dos dous xeitos, evitaríase que un só proxectil chegara a causar un dano abondo como para destrui-la "civilización". Era a primeira vez que a humanidade estaba intentando poñer as armas de destrucción masiva dun país a favor da salvación do mundo. Sería cousa se ver se era abonda a potencia ou non.
Tra-la rectificación dos científicos (na realidade non foi rectificación, senon declaracións diferentes por parte doutra xente diferente), pasouse a unha segunda fase. Foi cando se "redescubriu" que estatísticamente a probabilidade de morrer pola caída a terra dun asteroide ou meteorito é moito menor que a de morrer por accidente de automóbil ou atropellado. De xeito indirecto estábase a dicir que todo fora un bulo e que o que agora estaba a falar xa o sabía antes do desmentido. Tamén se comenta que hai un montón de corpos vagando po lo espacio que poden ser unha ameza para o noso planeta. E que a maioría deles son aínda uns completos descoñecidos.
Unha aclaración: o científico que deu á luz pública os seus cálculos non se pode dicir que estivera equivocado no xeito de face-las cousas; só que dispoñía de datos con moito erro, e dentro do erro estaba o motivo da falsa alarma. É algo que sucede con certa frecuencia. Pero... calquera día pode haber un aviso do mesmo xeito, e xa que a terra cobre unha distancia duns dous millóns e medio de quilómetros en vintecatro horas, non dar tempo a que nos enteren de que vai ocorrer unha catástrofe. Trátase de confiar, en todo caso pregar, e seguir a vivir como tódolos días. Ó fin e ó cabo, din que unha vez lle preguntaron a un santo que se estaba a divertir, que que faría se lle informaran que ía morrer ó pouco tempo. O santo, que se supón que cumpría con aquelo de que cadía ten o seu afán, parece ser que respondeu: seguir a divertirme. A boa conciencia da tranquilidade.
N49, nebulosa restos dunha supernova. Foto tomada polo Hubble (NASA)
Hoxe, 11 de abril, amenceu cuberto en Ribadeo. Leva varios días sen aparecer o Sol ou a Lúa, e, por suposto, nin rastro de estrelas.
Por iso é bó momento para aproveitar unha nova utilidade da NASA para estes tempos de coronavirus na casa, e, de paso que sen aspectos descoñecidos e bonitos do ceo, aprender e aprender a querer o noso mundo.
A cousa é que o Hubble ven sacando fotos detalladas do ceo dende hai case 30 anos. De feito, pronto se celebrará o tinta aniversario do seu lanzamento. E, a pesar dos seus miopes inicios (tiveron que facérselle diversos axustes xa en órbita para corrixir defectos de construción da lente principal) leva desenvolto unha inestimable valor para a ciencia e tamén para o arte.
Aínda que recorrer a web da NASA pode dar moitas alegrías, para quen non quera andar dun a outro lugar ata atopar o sitio ó que me refiro, aquí podes ver fotos de lugares fotografados polo Hubble de xeito que terás a disposición unha foto tomada o teu cumpreanos, unha vez que metas os datos, claro.
A foto que deixo arriba foi tomada nun dos meus cumpre. E coido que é bonita abondo. Ou non?
Co meu agradecemento a Inma, que me pasou a info.
A unha semana da Feira da Ciencia de Ribadeo
-
Un ano máis (e van 31 edicións), achégase a Feira da Ciencia de Ribadeo.
Iso, unha feira montada arredor da ciencia. Despois de comezar no século
pasado, f...
Cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física
-
¡Bienvenidos otra vez a Gravedad Cero! Es un honor para mí escribir este
post porque hoy celebramos el cuarto cumpleaños del Carnaval de la Física,
una ave...