2020/04/10

Parabéns a Andrea Vilar

Con retraso de máis dun trimestre entérome por casualidade que a ribadense Andrea Vilar gañou o concurso R (bases) que pretendía facer un estudo sobre a mortalidade asociada ó cancro en Galicia para aproveitar os datos do mellor xeito posible:
"Tomando como referencia o conxunto de datos DatosR_SIMCA.csv, que se
pode descargar desta mesma páxina, se pide elaborar un proxecto no que,
utilizando R como ferramenta principal, se realice un estudo sobre os
mencionados datos, aportando como resultado final unha interpretación
dos mesmos en forma de informe, estudo estatístico, visualización gráfica,
aplicación ou calquera outro formato que serva para ilustrar o traballo
realizado.
O conxunto de datos é un ficheiro con datos de mortalidade por distintos
tipos (13) de cancro , diferenciados por sexo, en Galicia no período 1980-
2017.
"

"


Gañadores do Concurso R



Damián Pallas e Andrea Vilar son os gañadores da primeira edición do Concurso R organizado por MeLiSA.

Unha vez reunido o xurado e avaliados todos os traballos, o mesmo acordou que o traballo presentado por Damián Pallas e Andrea Vilar é merecedor do primeiro premio por achegar un estudo estatístico dos datos, un informe dinámico elaborado con R Markdown e unha aplicación (Shiny) de visualización dos mesmos.
Nesta primeira edición do Concurso R participaron un total de 4 traballos (dous en modalidade individual, e outros dous en grupo):


  • Antón Blanco Vilariño
  • Damián Pallas e Andrea Vilar
  • María Cristina Vilas Taboada
  • Grupo Modestya
    • María Alonso Pena
    • María Isabel Borrajo García
    • Mercedes Conde Amboage
    • Laura Davila Pena
    • Arís Fanjul Hevia
    • Laura Freijeiro González
    • Brais González Rodríguez
    • Alejandra López Pérez
    • Alfredo Montero Fernández
Todos os traballos presentados reflicten unha gran calidade, e son froito do esforzo realizado por todos e cada un dos finalistas, e dende MeLiSA queremos recoñecer a súa participación a todos eles.
Tal e como se recolle nas bases do concurso, o primeiro premio consiste nun Slimbook Zero, e o resto de finalistas recibirań un Kit Linuxero de teclado e rato do fabricante VantPC.
Nos próximos días anunciarase a data e lugar de entrega do premio.
Este concurso forma parte das actividades que a asociación MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), e está incluída no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia.
"

2020/04/07

A difracción na casa

A difracción é un fenómeno ondulatorio. Prodúcese en tódalas ondas. Podemos reproducilo con ondas luminosas na casa. Iso axudará a que o comprendamos.
 

2020/03/21

O saber e a física

Aló polo 2011, escribín o que poño a continuación, sen telo publicado máis aló de subilo a un repositorio secundario. Hoxe escríboo en tentando educar e aquí. Aí vai:
O saber e a física
Ás veces, temos unha visión moi limitada das cousas. E estudamos (e ensinamos) con esa visión limitada, perdendo a posibilidade que nos ofrece a realidade para aumentar o saber nun campo polo aproveitamento, e a aplicación, do coñecemento noutro. Van abaixo algúns exemplos, aplicados ó saber e á física.
– O rendemento na adquisición do saber pouco ten que ver coa física, se non é porque a propia física é un saber.
A sentenza anterior é falsa, pois o rendemento ven estudado pola física no seu campo, e pode extenderse. Vexamos unha aplicación sinxela, a do rendemento (termodinámico), que ven a dicir que o que rende unha máquina térmica aumenta coa calor que recibe e diminúe coa calor que rexeita (e ambos, son proporcionais á temperatura a que é recibida e rexeitada, respectivamente, a calor). A partir desa sinxela expresión, podemos poñer algo semellante en relación con outros tipos de rendemento. Por exemplo, co rendemento académico: aumenta coa cantidade de coñecemento ou método (‘saber’, ó fin) recibido, e diminúe coa candidade dos mesmos perdida ou esquecida … e ambos son proporcionais ó interese posto na aprendizaxe.
Podemos ampliar a relación/explicación anterior de xeito doado: se nos situamos en relación ó interese amosado polo alumno ou alumna, como a cantidade de coñecemento recibida é proporcional ó intererese prestado, e a cantidade de saber interiorizada, proporcional ó interese que se pon en interiorizalo (polo tanto, a cantidade esquecida proporcional á falta de dito interese), obtemos que o rendemento aumenta co intererese da alumna ou alumno e diminúe coa dispersión de intererese posterior a obter o coñecemento. Ou sexa, pura física aplicada.
Vaiamos por outra.
– Din que o saber non ocupa lugar.
E é certo. E non é certo. E non é contradicción. Vamos, igual que o principio de complementareidade na física … Isto xa é ciencia avanzada: unha partícula leva unha onda asociada e viceversa, de tal xeito que a onda será partícula e a partícula será onda dependendo das circunstancias polas que atravese. Ou sexa, un neutrón, poñamos, é unha partícula, e non é unha partícula, e non é unha contradicción ver neutróns unhas veces como partículas e outras como ondas.
Co saber pasa algo semellante: non ocupa lugar porque calquera lugar ten a capacidade de xerar información, saber. Pero, ó tempo, o saber implica na xente a necesidade de conexións neuronais, e a máis saber, maior número necesario. Mais as conexións danse no espazo, co que a máis saber, máis necesidade de espazo …
Vaiamos por unha terceira, a modo de conclusión.
– O principio de indeterminación ten que ver coa velocidade de adquisición de coñecementos
O principio de indeterminación, indícanos que chega un punto nas medicións no que a mellora da precisión na posición implica un aumento na imprecisión da cantidade de movemento, ou, alternativamente, a mellora da precisión na enerxía implica un aumento na imprecisión do tempo de vida da partícula, e viceversa. Pois ben, a enerxía está relacionada coa información: a máis información, mais enerxía necesaria para gardala; a máis enerxía, máis información necesaria para describir o que sucede. Así, o aumento da enerxía disposta implica un aumento na velocidade de adquisición do coñecemento, e polo tanto, unha diminución do tempo para conseguilo…
Vaia, que aprender física aumenta o rendemento (non só académico)! (*)
Antonio Gregorio Montes
(*) Verdade de Perogrullo (**): se aprendes máis, aumentas o rendemento? …

2020/02/25

O síndrome de Kessler

Lixo espacial arredor da Terra. Imaxe da NASA. A notar os obxectos en órbita xeosíncrona.

De sempre, o ceo foi inspiración. Tamén científica, coa astronomía relacionada coa medición do tempo como base para o desenvolvemento científico posterior. Hoxe por hoxe, seguimos mirando ó ceo para o desenvolvemento científico, e usándoo para testar experiencias agra que podemos acadar a viciñanza externa ó noso planeta cos nosos aparellos. O caso é que, como quen emporca a súa propia casa, non só estamos a emporcar a mesma Terra con residuos diversos, senón tamén o noso ceo, con restos de satélites non retirados nin apartados a órbitas que non molesten, senón deixados ns órbitas de funcionamento. Iso fai que hoxe por hoxe o ceo inmediato sexa algo así cunha autopista con coches abandoados polo medio. restos de satélites que poden impactar a outros, novos ou vellos, e aumentar así o número de restos sen control no espazo. Tendo en conta que estamos a falar de velocidades relativas de varios km cada segundo, ben superiores ás que ten unha bala disparada por unha pistola normal, podemos facernos unha idea do que representa. Sorte da magnitude do espazo de que estamos a falar, que ten evitado ata o momento que a astronáutica se teña convertido xa nunha imposibilidde práctica.
O feito dese descontrol e as súas consecuencias son o que se coñece como síndrome de Kessler. E aquí podemos ver unha pequena tira desdramatizando e axudando a clarificar a situación.

2019/12/28

María Vieites, novo Premio á mellor traxectoria profesional científica xove

Onte tivo lugar a X Reunión Galega de Xóvenes Investigadores no Extranxeiro. Nela foille entregado a María Vieites Díaz, investigadora no CERN e profesora na Universidade de Lausana, e ribadense, o Premio á Mellor Traxectoria Profesional Científica Xove. O premio, para menores de 30 anos, foi concedido por AMIT – Gal, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia. A xuntanza desenvolveuse na Domus de A Coruña a instancias do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) María estudou no IES Porta da Auga, de onde pasou á Universidade de Santiago de Compostela, graduándose en CC. Físicas e facendo logo un Master en Física de partículas de altas enerxías, e a tese de doutoramento [Study of the B0 →ρ(770)0 K*(892)0 decay with an amplitude analysis of B0 →(π + π − )(K + π − ) decays] xa a cabalo entre Suiza e Galicia. Na actualidade imparte clase na École Polytechnique Fédérale de Lausanne, o que comparte coa investigación no CERN como Postdoctoral Researcher no grupo LHCb da Politécnica. Moi lonxe quedan xa os traballos para as feiras de ciencia de Ribadeo como os publicados nas 'actas de actividades' no IES Porta da Auga, como se pode ver no seu currículo.

2019/12/22

Material dunha ruta xeolóxica en Ribadeo: As Catedrais


Coido que é de interese para coñecer ben o noso entorno: o Colexio Oficial de Xeólogos remata de facer público na súa páxina material (trípticos e unidades didácticas) sobre 12 rutas xeolóxicas de Galicia, entre elas, unha nas Catedrais. Non deixa de ter interese para o noso entorno, non só para xente 'en formación', senón para calquera que queir estar 'mellor informado'. As ligazóns son estas:
Díptico 'Augas Santas'
Libro Secundaria 'Augas Santas'

2019/11/21

A muller na ciencia, serie de animacións

A partir do blog 'Mulleres con ciencia' chego á serie de vídeos 'A muller na ciencia', dispoñibles en youtube. Deixo aquí catro exemplos de animación para desfrutar, aprender e posiblemente reconsiderar a postura da muller na ciencia (e da muller, así, a secas):





2019/11/17

Ensinantes/aprendices

Onte rematou en Viveiro o XXXII Congreso de EnCiGa, a asociación de ensinantes de ciencias de Galicia. Para unha reseña de tódalas actividades, ou, no futuro próximo, as comunicacións escritas, remito á páxina de Enciga. Mais non me resisto a deixar unhas pinceladas a máis dos post da comunicación "A Ciencia na Galipedia" e poster "Selectividade Galego e Física: uns datos parciais" que levei e xa puxen.
En primeiro lugar, unha foto para a directiva de EnCiGa, constituída agora só por mulleres coa presidencia de María Inés García Seijo, despois de moitos anos de presidencia de Paulino Estévez:
Coido que o merecen pola súa labor nunha sociedade que na actualidade conta cuns 500 membros e é dinámica abondo como para organizar o congreso e publicar a revista a máis doutras actividades.
Como todos os anos, o congreso foi un crisol de ideas diversas manifestadas a traverso de conferencias, obradoiros, comunicacións ou paneis, pero tamén un lugar onde crear e manter comunidade arredor do ensino da ciencia tendo como piares persoas, os congresistas.
Destacaría moitas cousas que apreciei, pero iso supón deixar sen xulgar os tres cuartos de cousas que literalmente, non puiden atender por ser simultáneas coas que si puiden atender. Por iso, só unhas pinceladas sobre as conferencias.
A primeira, sobre a táboa periódica, de Manolo Bermejo, sorprendeume polo artellamento de datos que me fixo descubrir algúns recovecos dun tema sobre o que parece que está todo dito hai tempo. Todo dito, pero non todo comprendido e relacionado polos ouvintes, como puiden comprobar. A conferencia titulábase 'Ten vida a táboa periódica?' Quedou confirmado que si.
Na segunda, "Galicia, unparaíso xeolóxico", J.F. Canosa deixou ganas no público dun coñecemento máis profundo da nosa terra, da súa constitución, dos seus pregues non sempre tan suaves...
O sábado, Olalla López Costas deslumbrou cou negrura dos restos humanos: "A ciencia dos esqueletos: Xanelas ao pasado" non só abriu esas xanelas de coñecemento, senón que dexiou unha visión de que aciencia que se fai en Galicia ten concexións internacionais coas que se trata codo a codo. E tamén abriu esas fiestras sobre  a historia itnerpretada a traversdo dos seres vivos, das persoas  que viviron nun determinado período, da súa alimentación, enfermidades e relación entre ambas.
En fin, quedo con ganas de expoñer máis cousas do congreso, pero será en todo caso noutras entradas.

2019/11/08

#WebSummit (3)

Chegou o día final do WebSummit e moitas cousas por contar, que irán en entradas extra.
A primeira impresión foi a xente chegando con maletas para saír de alí directo ó aeroporto. Unha vez dentro, se ben ó comezo do día non se notaba menos xente, cara ó mediodía xa era evidente. Ata había sitio sentado en xeral nas charlas!
O que non variou a pesar diso é o trasego contínuo da xente saíndo e entrando nos espazos onde se daban. e é que con moitas posibilidades de xeito contínuo unha detrás de outra, hai que fiar moi fino para ir chegando se outra interesa máis e está a piques de comezar.
En relación a iso, o uso das app, tanto do propio evento, como de tradució ou transcrición, é convinte  dende antes mesmo de comezar. A de tradución, aínda que se saiba inglés, pois hai veces que ó estar lonxe non se escoita. A do evento, para o manexo da axenda, e a de transcrición para apuntes concretos. Desta servireime aínda para os post que virán.
Unha cousa rápida, como o último día, como ponte para os post que faltan:
Co corte do entrevistado de Wikileaks ó entrevistador en termos 'non sigas por aí. Dende o comezo, estás representando a outra parte, e esto non pode seguir así, como representante da outra parte e entrevistador' seguido dun forte aplauso da audiencia nunha charla moi concurrida, marcouse un nivel ético.
Os robot marcaron un punto de atención nas diversas formas presentadas. Pero non todos eran tecnolóxicos. Chama a atención que tamén chamara a atención dos visitantes este que amoso abaixo...
En fin, a salto de mata, como  o último día, e sabendo que o cumio non se rematou de xeito efectivo aquí...
--
Anterior do Websumit:
#WebSummit (2)
#WebSummit (1)
#WebSummit (0)

2019/11/07

#WebSummit (2)

O segundo día do WebSummit haberá quen diga que foi máis do mesmo. E si, e non. Evidente, o cumio seguiu a mesma liña, pero quen puxera un pouco de interese ámbolosdous días tería considerado cousas diferentes abondo como para dicir que foi diferente.
A xente vese máis cansa, e quizais hai un pouco menos xente que o primeiro día. Pero segue habendo colas, moitas charlas onde é imposible ter asiento se non estás xa a anterior que tivera lugar alí, etc. E a festa da noite, na LX Factory, non desmerece (en todo caso, máis ben mellora) a do día anterior na Pink Street.
De charlas e outras cousas de hoxe ocuparase outra entrada.Esta máis ben dalgunhas curiosidades. A primeira foto amosa un posto onde se vende Budapest. É só un exemplo. Cidades, rexións ou países enteiros (España incluida, terá lugar noutro post) anúncianse / traen empresas / fanse viosibles porque 'hai que estar' / ...

Onte comentaba o contraste da xente vendendo Coca-Cola cargados con mochilas. Contraste tamén co posto da empresa no que se anuncia o seu 'obxectivo' nun panel con imaxes cambiantes (a lembrar que estamos nunha feira tecnolóxica): usar 50% de material reciclado.


A medida que pasa o tempo, o visitante é máis consciente da cantidade 'inmensa' de voluntarios que contribúen ó evento. Non sei se todos son voluntarios coas mesmas bases de contribución ou non, pero están por tódalas partes. Nun espazo baleiro recoñeceselles e dáselles as grazas:


Outro contraste: Nun momento no que as enquisas se fan por internet,mesmo en tempo real, hai paneis variados nos que se poñen a disposición da xente pegatinas redondas para pegar en gráficos e así contribuír a unha estatística visual. Aquí deixo a foto de dúas desas estatísticas dun conxunto de tres entre os variados que hai:


De igual xeito, hai varios paneis con post it, como este no que se pide reseñar o mellor da planificación do equipo do que se forma parte. Por certo, xa non vin o referido a España que reseñei onte.
A feira é variada, de xeito que os políticos vense en situacións diversas. E algunhas intervencións son abondo aprezadas, como a do ex Premier británico Tony Blair:
Nas feiras véndese. De todo. Comida e bebida como algo necesario para aguantar a xornada. Pero sobre todo, do específico que trate a feira. E logo, doutras cousas colaterais ou non tanto. Xa vimos nesta a Coca-cola, ás cidades... e tamén hai aparellos electrónicos menos sofisticados, como auriculares ou soportes de man para móbiles, como os da foto.
Tamén se venden ideas, e metaideas sobre esas ideas. Iso é o que fai a EPO/EOP, a Oficina Europea de Patentes, vender a idea da necesidade de patentar co sistema actual. Tamén sobre este tema podemos volver, pois houbo charlas na mesma liña.


E para rematar o día, fóra do recinto, festa na LX Factory, un lugar para visitar en Lisboa. Ten unha librería, como se pode ver na vista moi parcial de abaixo...


 ... pero tamén garitos diversos, tendas, e un local para música, grande en superficie e volume:
E, como se pode ver, tamén grande en número de persoas no seu interior. Persoas que mañá estarán -supónse- de novo na WebSummit, pois á LX Factory só se entraba coa acreditación...

2019/11/05

#WebSummit (1)

Martes 5 de novembro. Primeira xornada efectiva no WebSummit 2019. Os pavillóns a tope. A entrada a primeira hora, aínda lenta...
Entrar implica ter unha primeira impresión. E nun lugar coma este, sempre cos tintes de entusiasmo e claroscuros polas regandixas. Ver entrar a xente fresca pola mañá e o batiburrillo de stands de todo tamaño, cor e disposición chamando a atención, auguran un bó 'cumio', polo demais imposible de abranguer. Un pouco menos visibles a pesar de querer chamar a atención para vender, os empregados coa mochila chea de Coca-cola ás costas e unha bandeira para facerse a si mesmos máis visibles presentan un contraste coa tecnoloxía que os rodea.
Coido que a un sitio como este pódese ir de dous xeitos aproveitando o que hai: a tiro fixo, cunha planificación das actividades da visita (e polo tanto cun coñecemento previo abondo profundo e elixindo antes entre as diversas opcións que coinciden nun gtempo) ou a pasear parando nos sitios que se ve interesantes ó paso, investigando. O traballo pódese facer escoitando ou facéndote escoitar. Nos stands, nas charlas, talleres, ... pero tamén nas zonas de xuntanza e/ou restauración das empresas e entidades ou externas, que segundo avanza o día van sendo ocupadas non só para comer ou beber. A vista ven ben para as ideas, para poñer máis atención no que parece que interesa, pero a oralidade prima no ti a ti das relacións e desata o barullo que ateiga o local xa ateigado tamén de xente.
Son tres días, de martes a xoves, de cumio. E algo imposible de referir na súa totalidade de xeito curto, máis aló de facer notar algúns detalles, como a ridiculez de espazo ocupado polas empresas que pretenden nacer ('alpha') en relación coas grandes empresas e entidades que dispoñen de cartos.
Hoxe o contido das charlas que visitei estaba relacionado coa educación e a aprendizaxe. Unha, 'cognitive enterprise', brindaba por IBM, viu a sementar a idea de que a empresa, o seu funcionamento, debe basearse no coñecemento. Coñecemento da xente e as súas/nosas cousas, con transferencia do privado (noso, individual) ó público para ser aproveitado polo privado (das empresas e os seus donos) mediante ferramentas públicas que polo seu volume son difícis de manexar polo privado/individuo pero non polo privado/empresa.
Outra, 'Education beyond classroom', cun fondo de espazo físico ben diferente, marcando diferencias, tentaba explicar como as novas tecnoloxías son capaces de enganchar na aprendizaxe mediante a motivación. Dúas empresas e unha representante da UNESCO enunciaron cadansúas ideas en educación. Quedaríame con algo que hoxe por hoxe considero que ten unha importancia e veracidade limitada, pero aínda moi útil: como se enunciou alí, detrás de cada app educativa hai un bó profesor.
Outra máis, de Katherine Maher, de Wikipedia, co Altice Arena on moita xente. En plan moi didáctico, tentou facer ver que a colaboración comunitaria xunto con tecnoloxías abertas e accións colectivas pode ser o futuro contra a mentira no coñecmento: a confianza na Wikipedia así o amosa, cunha tecnoloxía que é máis poderosa canto máis libre e aberta. Algo que se intenta bloquear por todas partes a estas alturas de internet.
Mentres, ó longo de todo o día estaba clara a necesidade dunha condición previa para para sacar algo de xugo ó evento. E non é tanto unha base tecnolóxica como unha base idiomática, que se alza como primeira (ou última) barreira para o aproveitamento do que se está a tratar.
Un remate máis de andar por casa: a xente ó final do día está cansa. Mesmo diría que moita xente procura un asento nun lugar de charlas e de aí non se levanta ata que pechan, sinxelamente por cansanzo, non porque estea a escoitar unha charla tras outra. Nunha feira tecnolóxica, os post it empréganse con certa profusión, e para moitas cousas. E, nos servizos, as típicas colas nos de mulleres e a mala dirección do mexo que deixa a pegada de moitos homes.
Cognitive enterprise.

Education beyond classroom


A primeira hora.
A hora máis avanzada
Alphas: espazo de mesa no que cabe unha persoa e pouco máis (da outra beira da mesa, outra empresa)

Sen comentarios.

#WebSummit (0)

O primeiro día no WebSummit non hai realmente webSummit... pero si moito que facer.
Hoxe foi a inauguración do WebSummit en Lisboa. Edward Snowden foi a estrela mediante videoentrevista. Estrela que cumpriu: o Altice Area a tope non comezou a deixar algunha cadeira libre ata despois da súa intervención, na que lembrou puntos fundamentais da privacidade escasa hoxe en internet, e rematou dicindo
que a protección da privacidade de todos require a protección de cada un.
Aínda sendo a estrela, sufriu un aumento da música (incomprensible para min) para evitar que se excedera do tempo adicado. Algo así lle pasou tamén no escenario ó fillo de Will Smith e a súa visión de auga potable para todos. Claro que o impacto era diferente e detrás deste último viñan os políticos para as verbas de inauguración. Tamén foi máis sensible o impacto da música neste caso.
Outras intervencións, como as mulleres portuguesas empresarias de éxito en startups, poideron ser interesantes, pero de recheo. E a actuación do enviado de Huawei resultou interesante pola proxección do que significa a empresa china a nivel mundial, limitándose a falar da súa empresa.
Acreditarse e entrar non foi sinxelo, non pola burocracia, senón polo tempo, quedando xente ás portas do inmenso pavillón despois de pasarse hora e media entre cola e xestión para obter o badge para entrar (que tamén se podía xestionar antes no aeroporto).
Despois, a festa. Alí mesmo, no Night Summit ou (de xeito máis específico) nas varias festas na cidade asociadas ó Websummit, como a do Hub Criativo do Beato, tranquila e eficaz para conectar, a do Ministerium Club, co 'cirque do summit', buliciosa a tope, ou a do alto do Hotel Mundial, para aproveitar as vistas de Lisboa de paso que se inician os contactos.
Alguinhas fotos para darunha idea:
Snowden no WebSummit

O público falando Snowden

O público no acto dos políticos

No Hub

Cirque do Summit

A festa na terraza do Hotel

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.