2021/03/25

Que a Terra non sempre rota coa mesma velocidade?

   Unha nova do correo da ESA lembroume unha cousa que en xeral se pasa por alto e non se lle dá importancia: a rotación da Terra varía mi pouco no tempo, pero varía. Non é constante.

   A principal variación a longo prazo está asociada ás mareas: a Lúa (tamén o Sol, pero moito menos) ó producir ás mareas leva a un movemento da auga e a un rozamento desta coa superficie sólida, ralentizando o xiro ó ser o xiro da Lúa arredor da Terra moito máis lento (velocidade angular da Lúa na súa órbita) que o da Terra arredor do seu propio eixe (velocidade angular da rotación terrestre).

   Pero non é o único efecto a considerar, nin todos os efectos son para diminuír a velocidade angular e alongar o día: o derretemento do xeo das montañas actúa acortando a duración diaria, ó diminuír o radio medio de xiro da materia terrestre (diminúe o momento de inercia, e por conservación do momento angular, a velocidade angular aumenta). Tamén, a un prazo moito máis curto que a idade da Terra, actúan os cambios debidos a que a órbita da Lúa non é circular arredor da Terra, co que en consecuencia (conservación do momento angular) a velocidade angular da Lúa non é constante, nin a súa distancia á Terra, coa súa influencia na velocidade da auga e a cantidade de auga, e polo tanto, na velocidade de xiro do conxunto terrestre.

   Pero é que aínda hai máis. Están, por exemplo, os movementos debidos ós terremotos, desprazando masas de terra e variando o xiro en consecuencia, ou o derretemento de xeo e neve sobre a terra, que como foi dito máis arriba, vai parar ó mar e distribúese en toda a superficie, non só a unha distancia do eixe da terra equivalente á que estaba antes de derreterse, e fai variar o momento de inercia, ou a dilatación da auga, que tamén fai que o líquido se redistribúa pola superficie...

Desprazamento do terreo no terremoto citado.
Obtida do artigo referido.


   Efectos todos eles moi pequenos, pero que na actualidade poden observarse e estudarse. Incluíndo correntes oceánicas, ventos atmosféricos ou actividades humanas. Fenómenos que por certo tamén poden contribuír a variar lixeiramente o eixe terrestre.

  Custa pensar que cando a Terra se solidificou, o que chamamos hoxe 'un día' tiña entre seis e oito horas de duración, e un 'ano' consistiría en máis de 1000 amenceres e atardeceres. Hai dez anos, un terremoto de magnitude 9,0 en Xapón, de seis minutos de duración (e que causou mortes e destrucción), tamén acurtou a duración do día en 1,8 microsegundos (millonésimas de segundo) e cambiou a posición do eixe do corpo da Terra -a liña imaxinaria arredor da cal se equilibra a masa do mundo- uns 17 cm. (Nota: o eixe do corpo é o eixe de equilibrio de masa da Terra, mentres que o eixo de rotación oscila arredor del.)

   E unha cousa práctica: por que se ocupa a ESA diso? Pois, a máis de pola súa interese científica, por intereses prácticos como a boa sincronización e optimización do funcionamento dos satélites, precisando máis a súa posición en relación ás nosas cabezas e ás estacións de seguimento, e mellorando polo tanto a comnicación.

2021/03/21

Reflexionando nun día de cambio de tempada: ciencia e lingua

   21 de marzo. Equinoccio, saída do inverno e comezo da primavera. Día de cambio, onde o a luz do día xa predomina sobre a noite no hemisferio norte, razón quizais pola que foi proclamado día da árbore... Un día de cambio, de novos equilibrios.

   Caeu na miña man un artigo sobre 'como o inglés deviu a lingua da física', que me fixo pensar sobre esta lingua nosa na que estou a escribir, o galego.

   Primeiro, un resume: O latín, lingua coñecida pola xente culta do renacemento, a que sabía ler, foi o vehículo ideal para pasar a unha lingua coñecida os escritos gregos descubertos daquela. Aló polos anos 1800, o coñecemento do latín xa non era tan estendido, e en Europa habí tres linguas que competían a nivel científico: inglés, alemán e francés. Os intercambios facíanse combinándoas, podendo haber intercambio epistolar no que unha parte escribira nunha lingua e a outra, noutra. No primeiro terzo do século XX, Alemaña destacaba no campo da física, e era a meca de quen aspiraba a formarse e desenvolver unha carreira científica, comezando a tomar avantaxe. Mais os nazis, coa súa persecución dos xudeus -unha parte considerable dos científicos alemáns por aquel entón- o negacionismo científico nalgúns campos, e a perda da guerra, esnaquizaron esa preeminencia. Na outra beira do atlántico, con máis cartos despois da guerra, os científicos emigrados alí xunto cos locais, fixeron posible que a ciencia nos EEUU se despegara por riba do nivel europeo, atraen máis científicos para a súa formación e desenvolvemento, e facilitando o despegue das revistas científicas en inglés. Aínda así, naqueles tempos en Rusia houbo un despegue científico grande, mais a influencia do ruso quedou truncada pola decisión das autoridades soviéticas de cerrar as revistas científicas rusas con artigos en inglés, mentres nos EEUU se financiou a tradución do ruso ó inglés, incrementando a potencia científica desta lingua mentres Rusia se illaba prexudicando a súa produción científica.

   Que repercusión ten isto nunha lingua minorizada, sen estado que a defenda (e cunha defensa deficiente por outras institucións), nun páramo científico no que son escasos os resaltes? Pois diría, para comezar, que en física iso ven a eliminar a preeminencia do castelán, xa que a publicación é en inglés, non en castelán, que queda a un nivel semellante ó galego...

   Non é para un alba de groria, mais a reflexión amorosa sobre ciencia e lingua pode favorecer a ambas e á xente que a fai e os seus sucesores: non é o mesmo facer ciencia (ou outra cousa) nun idioma aprendido que nunha linga nativa. E a lingua é un dos pés vitais cos que contamos, unha parte viva de nós mesmos que se desenvolve nun equilibrio ecolóxico con outras semellanes que non son nosas do mesmo xeito que nós non somos delas.

2021/02/24

Unha farmacia en 1903

   Unha xoia, unha curiosidade... e máis. A apertura dunha farmacia por Manuela Barreiro Pico en Ribadeo en 1903 foi un paso adiante para a consideración da muller, pero tamén deixou algúns documentos que son unha curiosidade. Adxunto, dun escaneado realizado por un taller do concello de Ribadeo, os produtos químicos e útiles que tería a farmacia:






















2021/02/21

Mañá á 7 de mañá a Estación espacial Internacional enfilará a rúa Reinante

   Hoxe xa podemos dicir que a tecnoloxía nos permite seguir mirando máis alto que o ceo. Vendo unha páxina que caeu nas miñas mans hai pouco, https://james.darpinian.com/satellites/, podo adiantar que ás 7 e 7 minutos da madrugada de mañá luns 22 de febreiro, a Estación Espacial Internacional enfiará con abondo boa dirección por riba da rúa Reinante de Ribadeo. Na páxina pode verse como será o avance no ceo (cun fondo proporcionado por Google Street View) ó tempo que outra parte da pantalla amosa o avance sobre o globo terrestre do satélite elixido entre os próximos que farán presenza por riba do lugar. Non hai perda. E é só unha páxina máis... pero sitúate co teu ordenador ou o teu teléfono nun lugar e xa saberás a que parte do ceo e cando mirar.


Unha entrada anterior que complementa moi ben esta: a Vista desde a Estación Espacial Internacional en cada momento.

2021/01/28

28 de xaneiro: 23 anos do protocolo de Quioto

Mapa de TUBS en Commons. Lic. CC BY SA 3.0

   Kioto, cidade xaponesa, acubillou no 1998 o cume do clima que resultou no protocolo de Quioto, un amago de acordo mundial para enfrontármonos a un reto tamén mundial, o cambio climático, no que cada vez ten un protagonismo maior a humanidade. Algo que xa viña sendo advertido polos científicos dende moitos anos antes: en 1975, o xeofísico Wallace S. Broecker (1931-2019) publicou un artigo en Science, “Cambio climático: ¿Estamos ó borde dun quecemento global pronunciado?”

   E 23 anos despois, neste día 28 de xaneiro adicado ó clima pola ONU, seguimos a peor. O ano pasado, en plena pandemia, batíronse marcas de CO2 na atmosfera e de temperaturas e fenómenos climáticos extremos. E este ano non pinta diferente.

   Claro que se está comezando a tomar medidas, con moito atraso, que miran a neutralizar o avance do dióxido de carbono na composición atmosférica. Dende a produción eléctrica ó uso de transportes eléctricos, pasando pola universalidade das luces led. Pero, dentro dun tipo de comercio capitaneado polo capital, hai que esperar a que a rendibilidade económica prevaleza para seguir adiante. E a natureza non está ó servizo da economía, aínda que así llo pareza a moita xente en moitas circunstancias. Pero a natureza e o equilibrio químico no planeta non entende de capitalismo.

   A máis da páxina sobre cambio climático da ONU, non moitos datos e ligazóns, a modo de lembranza, deixo un vídeo curto sobre o que nos afecta do cambio climático...



2021/01/25

28 billóns de toneladas de xeo 'fundiron'

Un billón de toneladas de xeo nun cubiño, comparado con New York. Imaxe da ESA.

   A cifra é un cálculo, pero moi aproximado: 28 billóns de toneladas de xeo foron perdidas -por termo medio, pasaron a converterse en auga líquida- entre 1994 e 2017. Fundíronse en 23 anos. É dicir, algo máis -pouco- do que representa un cubo de 30 km de lado. Pode parecer pouco pola superficie (a metade da superficie ocupada pola provincia de Guipúscoa), pero a cousa cambia se pensamos que a altura sería próxima a catro veces a do Everest... E, para rematala, a taxa de perda está empeorando, tendo pasado de 0,8 billóns por ano ó comezo a 1,3 billóns por ano ó final dese período: a provincia de Guipúscoa cuberta cunha altura de xeo de 750m.

   É só unha cousa máis, relacionada con outras: nese período, a atmosfera lévase quentado a razón de 0,26º C/década, e o mar, 0,12 ºC/década dende 1980. E incrementando a taxa.

   Si, o clima está cambiando...

Máis, na nova da ESA.

2021/01/23

71 edicións de 'El rincón de la ciencia'

   Unha revista escolar... Hai a quen iso de 'revista escolar' lle parece pouca cousa. Por iso, aclaro neste caso, úsoo como cualificativo de orixe, non de calidade. E é que ter editados 71 números de 'El rincón de la ciencia' no IES Victoria Kent de Torrejón de Ardoz indica algo máis que facer unhas follas falando de algo de ciencia. Implica anos de traballo e esforzo coordinado de profesores e alumnos, e un saber facer -aínda que só fora como consecuencia do anterior- que eleva o listón para converter a publicación en desexable. O comentario de textos, de 'Ciencia sin ficción' a 'Fantasmas de la ciencia española' ou 'Guía de aves del Jardín de las Delicias' Pode dar á imaxinación outra visión do que é a revista...

   Deixo abaixo parte da portada da web da revista tomada hoxe mesmo. Para ir facendo boca.

El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.