2022/01/14

Comparando a temperie de Ribadeo e de Castropol

    As estacións meteorolóxicas de Ribadeo e de Castropol non están tan lonxe: entre a E.M. de Pedro Murias en Vilaframil e a situada preto do cemiterio de Castropol hai, en liña recta, 4,5 km. E a distancia dende a estación castropolense ó núcleo urbano de Ribadeo é menor: dende a estación ó pazo de Ibáñez hai, no caso da de Pedro Murias, 3,5 km, mentres que no caso da de Casstropol hai só 1,5 km, ría de Ribadeo por medio. É evidente que, de cara á información xenérica do termo municipal de Ribadeo, Pedro Murias está moito máis centrado que a E.M. de Castropol, pero non é así para a vila. Como os datos que levo recabando dende hai tempo están tomados da E.M. de Pedro Murias, e a vila está case na liña que une as dúas estacións, hai tempo que me veño preguntando se hai moita diferenza entre ambas e como inflúe iso sobre o axustar os datos dunha ou outra para a vila de Ribadeo. A dicir que ata os anos noventa, a estación que tiña de referenza estaba situada nas Figueiras, sendo a castropolense máis moderna, que eu saiba (houbo hai anos unha toma de medidas meteorolóxicas en Castropol, que entendo independente da actual), e vindo substituír a aquela. A comparación ven a cubrir un oco informativo doble. Por unha beira, de ser os datos de ambas estacións moi semellantes, indicaría que en ambos casos tamén serían semellantes ós que se poidan recoller na vila, e por outra banda, dita semellanza tamén implicaría que non importa tanto coller os datos dunha ou outra das estacións para a capital do noso concello.

    Collo unha serie de gráficas, só de chuvia e temperatura referidas a o ano pasado polo momento, para visualizar as comparacións de magnitudes. A ter en conta que, por comodidade, substitúo o nome das estacións meteorolóxicas polo do concello no que se atopan.

    Gráfica 1.-Representación por puntos de coordenadas da chuvia caída en Ribadeo e Castropol.

    Obsérvase que a recta de axuste ten un coeficiente de regresión R2 próximo a 1, indicando así que ambas magnitudes, a caída de chuvia en Ribadeo e a caída de chuvia en Castropol, día a día, están moi relacionadas. Por outra banda, o coeficiente da recta de axuste é lixeiramente superior a 1, indicando que recolle algo máis chuvia a estación de Castropol que a de Pedro Murias.

    Gráfica 2.-Representación da diferencia de acumulación de chuvia en Ribadeo e Castropol (chuvia en Ribadeo menos chuvia en Castropol, L/m2).

    Na gráfica 1 poden verse algúns puntos cunha desviación grande da liña de axuste. Corresponden a días nos que choveu moito máis nun lugar que noutro, e vense reflectidos nesta nova gráfica por picos cara arriba (cando choveu máis en Ribadeo) e cara abaixo (cando choveu máis en Castropol). Vemos, ó longo do ano (o 1 da escala horizontal corresponde ó 1 de xaneiro de 2021) que só en setembro-outubro choveu algo máis en Ribadeo (e finais de xaneiro/comezo de febreiro), mentres en novembro-decembro distinguiuse claramente Castropol, marcando con elo a tendencia anual.

    Gráfica 3.-Representación da diferencia diaria de chuvia caída en Ribadeo e Castropol (chuvia en Ribadeo menos chuvia en Castropol, L/m2).

    Na gráfica, os picos nun ou outro sentido corresponden ós vistos na gráfica 2, e poñendo un pouco de atención, corrobórase que na práctica totalidade de casos, vai primeiro o pico correspondente a Ribadeo e logo o de Castropol, indicando claramente un desfase temporal entre a chuvia de ambas estacións, aínda a pesar da pequena distancia que as separa. Iso corresponde con que, na gráfica 2, os picos sexan en xeral, para arriba (primeiro prodúcese a chuvia en Ribadeo e logo compénsase coa caída en Castropol)

    O conxunto das tres gráficas anteriores indica que, cunha certa marxe de erro, centrada nun pequeno desfase temporal e unha tamén pequena variación na cantidade de chuvia, o indicado por ambas estacións é semellante, servindo ambas como indicadores para a chuvia na vila de Ribadeo, se ben, naturalmente, sempre sería mellor a recollida de datos nunha estación situada na vila mesma, como a que ten funcionado nun curto período no IES Porta da Auga e logo, nun período máis curto aínda, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, en ambos casos a comezos deste século.

    Gráfica 4.-Representación das diferenzas diarias de temperaturas máximas (TM, representadas en azul) e mínimas (Tm, representadas en vermello) entre Ribadeo e Castropol (TR-TC).

    En canto ás temperaturas, na gráfia en baixo, obsérvase que as liñas vermellas, indicando diferenzas de temperaturas mínimas, están en franca maioría por riba do 0 (mínimas máis altas en Ribadeo que en Castropol), mentras as liñas azuis, indicando as diferenzas entre as temperaturas máximas, están asemade en franca maioría por baixo do 0 (máximas máis altas en Castropol que en Ribadeo).

    Gráfica 5.-Representación do número de días que se presenta unha determinada diferenza de temperaturas entre Ribadeo e Castropol (R-C, TM, Tm e T media).

    Nota: na gráfica, en baixo, os puntos sobre +3 e -3 indican o número de días cunha diferenza de 3 ºC ou máis, a favor dunha ou outra estación.

    Esta gráfica é en realidade as representacións correspondentes a tres magnitudes diferentes:

    5.1.Temperatura mínima (vermello). É a representación máis clara das tres, indicando unha concentración de diferenzas de T mínima arredor dos 0,6 ºC máis alta en Ribadeo. Case non hai días nos que a Tmin teña sido 1 ºC ou máis maior en Castropol ou 2 ºC ou máis maior en Ribadeo.

    5.2.Temperatura máxima (azul). O groso dos días houbo unha diferenza de temperaturas máximas entre 2,5 ºC máis alta en Castrropol e 0,5 ºC máis alta en Ribadeo, é dicir, un  intervalo de temperaturas semellante ó falado en 5.1, pero non hai un 'pico' tan claro como no caso anterior, indicando así a maior variabilidade nas diferenzas entre temperaturas máximas (a gran maioría, diurnas) que nas mínimas (a gran maioría, nocturnas)

    5.3. Temperatura media (amarelo). As diferenzas de temperaturas medias teñen unha banda máis ampla que as máximas, e moito máis que as mínimas, habendo unha diferenza de igual ou máis de 3 ºC a favor dun ou outro lugar ata 40 días no ano, máis do 10 % dos días. Esa amplitude fai necesario profundizar un pouco máis para entendela, como se fai na gráfica 6.


    Gráfica 6.-Representación do número de días que se presenta unha determinada diferenza de temperaturas entre Ribadeo e Castropol (R-C, TM, Tm e T media, indicando a media en cada caso)

    A gráfica é a mesma que no caso anterior, ó que se lle engadiu as liñas correspondentes ás diferenzas medias observadas. No caso de Tmin, a media corresponde á mesma diferenza que aparece como máximo da gráfica, 0,6 ºC máis altas en Ribadeo. No caso das máximas, corresponde ó medio da horquilla obvservada, 0,8 ºC máis alta en Castropol. É dicir, as máximas son máis altas en Castropol e as mínimas máis baixas, habendo polo tanto unha maior diferenza de temperaturas intra día nesa vila.

    Mais, se miramos a temperatura media, observamos que a media das diferenzas é 0. É dicir, a temperatura media anual de Ribadeo e castropol result ser a mesma, incidindo no dito para o caso da chuvia: o uso de datos dunha ou outra estación, a nivel do conxunto anual é irrelevante.





2022/01/08

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: chuvia

     Seguindo coa meteoroloxía de 2021, despois das temperaturas, incluídas máximas e mínimas, e seguindo o mesmo esquema que o ano pasado, analizo de xeito somero os datos da chuvia caída na estación meteorolóxica Pedro Murias. 

    O pasado ano foi relativamente chuvioso, chegando a 1137 L/m2 cando a media no que vai de século quedou en 986 L/m2. Só 5 anos dos 19 considerados para a media (o primeiro a estación meteorolóxica non funcionou na súa totalidade) tiveron máis chuvia que 2021.

Táboa 4.1

    A táboa amosao dato correspondente ó resume anual como novidade, mais se se compara o resto coa táboa do ano pasado, as variacións nas medias son pequenas, como é lóxico por representar só pouco máis do 5 % do valor da auga caída no que vai de século.

Gráfica 4.2b
    En consecuencia co anterior, o gráfico de resume das medias de auga caída non se diferencia grande cousa do do ano pasado, teno o perfil de chuvia en Ribadeo unha zona de máis caída de auga no outono, e de menos no verán.
Gráfica 4.2a
    Fronte ó anterior, o ano pasado non variou moito o típico, se ben nótase algo que se ven acentuando dende anos atrás, a concentración de choiva en certos días e tempadas.
Gráfica 4.2c
    Resalto nesta gráfica os datos de 2021 e 2020 para amosar o diferente perfil, con 200 L/m2 máis o ano pasado que hai dous anos,diferenza lograda basicamente nos meses de xaneiro-febreiro, moito máis chuviosos no 2021, e cun perfil moito menos suave que no 2020.
Gráfica 4.2d
    Como xa comentaba o ano pasado, a tendencia de chuvia parece ser a aumentar, aínda que de xeito polo momento tan tenue como pouco significativo estatísticamente [o coeficiente de x é pequeno, correspondente a un aumento de 3,47 (L/m2)/ano, e R2. tamén e pequeno, correspondente a unha baixa representatividade do axuste da ecuación de tendencia]
Gráfica 4.3a
    A gráfica anterior e a seguinte corresponden de xeito moi aproximado, como xa comentei, á mesma distribución que anos anteriores, representando o máximo de chuvias no outono e no inverno, coa estación máis seca no verán.
Gráfica 4.3b
    En anos anteriores non fixera o desglose de chuvia de xeito semanal, que deixo abaixo e que pouco engade á distribución mensual, pois a información extra que podía haber tamén se ve emborrataxada por ser menos cantidade de datos por cada comuna, e polo tanto, maior posibilidade de variación estatística.
Gráfica 4.3c
    Unha curiosidade é a distribución da chuvia que cae ó longo dun día. De media, pódese ver na gráfica a continuación que non hai diferencia aprezable de chuvia caída a unhas ou outras horas: a curva é case recta.
Gráfica 4.4a
    O agrupamento da chuvia nuns poucos días, en contra dun réxime de chuvia máis uniforme como é tradicional, é algo que din se está a converter en tendencia, mais en Ribadeo, aínda que hai a percepción de episodios de fortes chuvias de xeito cada vez máis frecuente, as estatísticas polo momento non permiten asegurar dita tendencia. A iso veñen as seguintes gráficas:
Gráfica 4.4b
    A anterior indica que o número de días de choiva o ano pasado foi de 156, destacando só un ano por baixo neste século (2004) a pesar de ser un ano relativamente chuvioso. A media de días con chuvia no século é 11 días máis: 167 (case o 46 % dos días). Iso indicaría que a chuvia se concentra en menos días, mais a liña de tendencia indica máis ben unha leve suba do nḿero de días de chuvia ó ano. A gráfica a continuación, a concentración de días con máis de 25 L/m2 de chuvia caída, tamén indica que houbo máis días con esa característica en 2021 que en anos anteriores, pero a liña de tendencia (ademais, cunha aproximación moi pobre, como indica o pequeno R2) volve a dicirnos que a tendencia é a que o número de ditos días se manteña ou diminúa. 
Gráfica 4.4c

2022/01/07

O ceo esta semana de xaneiro

    Remato de velo en Twitter do Real Observatorio de Madrid e non me resistín a darlle difusión aquí. A imaxe-montaxe é moi expresiva. Ó anoitecer, Mercurio achegarase a Saturno ata o día 13 de xaneiro de 2022, ó tempo que se afasta do Sol, podéndose ver mellor cada vez, ata que reotrne de novo cara ó Sol despois de acadar a máxima distancia aparente dende a Terra. Un pouco máis lonxe, Xúpiter, e logo, a Lúa, que seguirá a medrar afastándose do Sol no seu paso polas constelacións de Pisces, Aries e Taurus, estando o día 13 sobre Aldebarán a estrela máis visible desa constelación, e por baixo das Pléiades (que non están reseñadas no esquema). As tres Marías, o cinto de Orión, estarán apuntando a ambos, coma sempre, e polo tanto, tamén á Lúa ese día. Un tempo para aprender as posicións no ceo  a máis de desfrutar del, se a temperie acompaña.



2022/01/05

Xa amence máis cedo e comezou a diminuír a velocidade da Terra

    Hoxe amenceu máis cedo ca onte, que o fixo antes ca antonte. Día cinco de xaneiro. Na nosa terra, ninguén o notou: ceos cubertos, días grises, non se ve o Sol nacer. Temén, sería difícil que se notar, é moi pouquiño tempo antes ca onte, e onte, aínda menos ca antonte.

    Tampouco ninguén notou que a Terra foi onte máis rápido ou que estivo máis cerca do Sol que hoxe. De feito, que foi o día máis rápido deste ano no que en canto ó movemento arredor do Sol se refire. Non obstante, a xeometría do espazo así o fixo posible. O día 3 foi o de menos tempo de iluminación no hemisferio norte terrestre, onde estamos, e onte, o día no que na Terra estivo máis pŕoxima ó Sol (147 100 000 km menos o radio do Sol e o radio da Terra) e por iso foi máis veloz (30,29 km·s-1). Que non nos decatemos non significa que non estemos uns cinco millóns de km máis próximos ó Sol que cando é a distancia máxima, en xullo, ou que non vaiamos a unha velocidade de 1 km·s-1 máis rápido que daquela. Pode consultalo na Galipedia. comeza por aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Translaci%C3%B3n_da_Terra

Características orbitais da Terra.
    Nota: este artigo forma parte dun grupo de tres. Os anteriores son A duración do día e E chegou o inverno (e o día máis curto en horas de Sol sobre o horizonte)


2022/01/04

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: Temperaturas máximas e mínimas

   As temperaturas medias ás veces non son as mellores representacións da temperatura pola acomodación que representan ás crenzas asentadas de tipo subxectivo, ou ben, ao contrario, por axustar a 'unha media demasiado media' enmascarando outras características. De aí o uso das temperaturas máximas e mínimas, entre outras posibilidades.

    Comezando polos días con altas temperaturas, vemos que os datos confirman ano tras ano a tendencia a que as temperatuas sexan cada vez máis altas: cada ano hai, por termo medio, máis días que sobrepasan unha determinada temperatura. Dende hai máis dunha década elixín como referenza 25 ºC, por ser 11 ºC máis alta que a media (arredor dos 14 ºC), e estar máis do 90 % dos días sen superar eses 11 ºC máis ca media nin baixar de 11 ºC por baixo dela. A gráfica a continuación amosa a tendencia: cada ano máis días o termómetro chega a superar os 25 ºC, e aínda aqueles que se quedan por baixo dos anteriores non soen baixar moito da media de número de días. Tanto é así que se fixo evidente pouco a pouco que a variación de 11 ºC por riba e por baixo dos 14 ºC estaba quedando descompensada. Así, collín para a representación tamén temperaturas superiores que permitiran ver que pasaba con outra perspectiva. No caso de temperaturas máximas, collín 30º, alzando as espectativas a temperaturas máis altas.

    No que respecta ás máximas, a gráfica de tendencia é clara: o número de días nos que se espera acadar 25 ºC ou máis pasou de 9 no 2001 a case 14 neste 2022, é dicir, aumentou máis dun 50 %. E, se meiramos o número de días nos que se espera acadar 30 ºC ou máis, pasou na práctica de 0 a 2, cun incremento porcentual disparado.  

    En canto ó número de días con temperaturas por biaxo dos 3 ºC, pasou de esperarse máis de 20 no ano 2001 a 3 neste ano de 2022, unha reducción drástica ó 15 % da cantidade inicial, como queda claro na gráfica seguinte. E, un pouco máis abaixo, amósase que para a outra referencia, a temperatura de 6 ºC, o descenso pasa de 67 días a 16, a cuarta parte, nunha tendencia semellante.Mais nesa última gráfica hai outra cousa curiosa máis, ultimamente hai varios anos nos que a temperatura mínima non se atopa ningún día entre os 3 ºC e os 6 ºC.



 

2022/01/01

Meteoroloxía en Ribadeo no 2021: Temperaturas

    O ano 2021 en Ribadeo non foi especialmente caloroso, mais rematou coa semana de final de ano máis cálida do século, incluíndo o día de fin de ano máis caloroso: a lectura realizada ás 12 da noite, cambio de ano, na Pedro Murias era de 21,31 ºC, na práctica, máis alta que en calquera momento do día 31, e mantívose por derriba desa marca ata case as seis da mañá do día 1. Pódense constatar ademáis, que entre as medidas tomadas na estación meteorolóxica da Pedro Murias e os termómetros que se podan ter no exterior das casas no pobo pode haber varios grados de diferenza.

    Un ano que comezou sendo moi frío e que rematou cunha media de temperatura normal para o século, o que non impideu que a temperatura media do século siga subindo, aínda que por este período, a suba sexa pequena.

    Deixo algunha gráfica ilustrativa.

1.-Representación das temperaturas medias anuais. De seguir así, e aínda que este ano pode verse que non foi especialmente caloroso (7º ano na clasificación entre os 19 representados) a liña de tendencia indica claramente que ó longo do śeculo sobrepasaríanse os 3 ºC de aumento. A lembrar que nos cúmios do clima tentábase que o aumento de temperatura mundial son sobrepasara os 1,5 ºC...

2.-A variación da temperatura media ó longo do século, considerando as temperaturas anuais, indica que tamén este ano se subiu a media, aínda que pouco:

 3.-A temperatura media mensual non sobre grandes cambios. A lembrar que inclúe todos os momentos do día, mesmo pola noite.

4.-A gráfica anterior pódese representar de diversaos xeitos. O que deixo a continuación visibiliza ben os cambios ó longo do ano, de xeito cíclico.

5.-A última gráfica é mais complicada de entender. Representa a evolución da temperatura ó longo do século, pero tendo en conta a variación diaria, co que tende a subir nos veráns e a baixar nos invernos, aínda que se nos fixamos ben na parte final, vemos que o último altibaixo ten comezado a subir, efecto das altas temperaturas deste fin de ano.

2021/12/11

Mirando ó ceo antes do Nadal

    Remato de ver unha información do Real Observatorio de Madrid con datos en relación a algún astro no ceo da próxima semana. A conta é accesible en https://twitter.com/RObsMadrid.

    Na imaxe, que ven referida a uns '45 minutos despois da posta do Sol', aparecen Xúpiter, Saturno e Venus en posicións relativamente próximas, cara ó sur do campo de visión, formando un 'brilante trío' que deixa á súa esquerda á Lúa en crecente, e polo tanto, cada vez máis 'grande' co paso dos días. Preto do horizonte, e con prismáticos, ó anoitecer, poderá verse ó cometa Leonard preto do horizonte, a revelación deste inverno.

    Outra imaxe amósanos o ceo cara ó amencer. Na parte esquerda, Marte cara ó sureste, co cometa Leonard á súa esquerda, pouco visible (prismáticos e ceo con pouca iluminación). A imaxe de abaixo á dereita tamén amosa o lugar radiante das xemínidas (máximo a madrugada do 14), orixinadas polo asteroide 3200 Phaethon.


 

2021/11/25

A duración do día

    Agora que nos achegamos ós días máis curtos do ano, un amigo díxome algo así como que o día de Santa Lucía era o día máis curto do ano, pois así constaba no refrán 'Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día'. Fíxenlle unha aclaración e expliqueille que non, que o motivo do refrán era outro, por máis que estivera relacionado. Con esta entrada pretendo facer esa mesma aclaración engadindo algún gráfico.

    Para evitar o contido máis farragoso, non poño as táboas que dan orixe ós gráficos, senón só estes.

    O caso é que todos nos podemos decatar que no hemisferio norte, poñamos, en Galicia, en Ribadeo, os días con máis horas de luz, os 'días máis longos', agrúpanse en torno á primavera e verán, e os que teñen menos horas de luz, en torno ó outono e inverno. Se indagamos un pouco máis, veremos que os que teñen máis horas de luz andan arredor do 21 de xuño, no solsticio de verán, época na que o ángulo que forma a liña Terra-Sol coa liña centro da Terra-Polo norte terrestre (é dicir, a 'parte de arriba do eixe terrestre') é menor. Iso implica que durante eses días non só o Sol ilumina un punto da parte norte terrestre durante máis parte da súa traxectoria de xiro diario (é dicir, durante máis tempo), senón que ademáis, o Sol chega a unha altura maior no ceo.

    Visto o anterior, o tema está claro: os días con maior duración da luz sobre un punto son os que está arredor do solsticio de verán, no hemisferio norte o 21 de xuño (ou 20, segundo como coincida o calendario e bisiestos), que é o máis duración da luminosidade. O día no que máis dura a noite é o do solsticio de inverno, que no hemisferio norte acae o 21 de decembro (algúns anos, o 22, polo mesmo motivo que pode variar o solsticio de verán). Naturalmente, no hemisferio sur, as datas intercámbianse.

    Mais o refrán sobre a Santa Lucía, festexada o 13 de decembro, non debe interpretarse como que medra o número de horas de sol no ceo, senón que indica que, a partir dese día (de xeito aproximado, o mesmo que ocorre coas datas dos solsticios) os anoiteceres vanse retrasando.

    Entón, como se entende que a partir de Santa Lucía se faga de noite cada vez máis tarde, pero que o día siga minguando? Pois porque os amenceres seguen a ser máis tardíos ata os arredores do 3 de xaneiro. Algo semellante pasa cos días máis longos. Iso ocorre porque 'as 12' do reloxo non indican 'as 12' hora solar, por ir a Terra na súa rotación a unha velocidade diferente en diferentes momentos do ano. Así, as 13:23, 13:27 e 13:34 marcaron o momento do día co sol máis alto no ceo nun mesmo lugar os días 13 de decembro (Sta. Lucía), 21 de decembro, solsticio de inverno, e 3 de xaneiro, o día no que amenceu máis tarde nese inverno 2019/20 nese lugar de Galicia. O desfase da hora legal coa hora solar en Galicia, de cousa de hora e media en inverno e dúas horas e media no verán, é o que explica que haxa unha petición de cambio de hora para facer un axuste entre ambas horas máis acaído.

    Primeiro, un vídeo:


     A 'distancia entre mans' anterior, a duración da luz diaria, ven representada nas seguintes gráficas, sempre considerando a orixe do día na parte inferior da gráfica e o fin na parte superior (na parte esquerda vese a escala en fracción de día transcorrida e na dereita a escala en horas), e, a medida que se despraza a gráfica cara á dereita, representando un día máis avanzado no ano: 

    Xa a ollo nu nótase a maior amplitude entre orto (azul) e ocaso (vermello) do Sol, o amencer e o anoitecer, nos días centrais do ano. Nembargantes, as liñas correspondentes á saída do Sol e a súa posta non son simétricas, senón que teñen un pequeno desprazamento, que corresponde cun retardo ou adianto do Sol, que se manifesta de xeito lóxico tamén no momento no que o Sol acada o punto máis alto no ceo, que varía ó longo do ano (todo elo debido á variación da velocidade de xiro terrestre arredor do Sol ó conservarse o momento angular variando a distancia ó Sol na súa órbita).
    O caso é que se observa que o momento de amencer máis cedo é uns días antes do momento no que anoitece máis tarde, estando o día de maior duración de luz entre ambos momentos. O inverso sucede no inverno, cando o día de Santa Lucía, o día no que a noite comeza antes 'polo reloxo', é anterior ó día no que o Sol sae máis tarde, quedano o solsticio de inverno, que sinala o día con menos duración de horas de luz, entre ambos:
    Os solsticios son sinalados nas gráficas coas liñas longas, mentres as máis curtas representan os amenceres -ou anoiteceres- máis temperás -ou máis tardíos-.
    Unha gráfica complementria aclarando o sentido no que transcorren o día e o ano:
     E outra máis indicando en vermello o tempo de luz, e o tempo de noite en azul ou gris, segundo que sexa antes do amencer ou despois do anoitecer, dentro das vintecatro horas da xornada.

2021/11/15

O clima, aquí e hoxe

   Con motivo do 34 congreso de EnCiGa, o pasado sábado 13 de novembro presentei 'O Clima Aquí e Hoxe' como a miña aportación ó congreso de ensinantes. Por motivos de privacidade, nin preguntei se podía facer a gravación da miña intervención -polo demáis, como o resto das outras do congreso de EnCiGa deste ano 2021, virtual-, pero teño a presentación que usei como base para a intervención. Algo que pode facilitar o coñecer se tes ou non interese, e se o tes, aquí estou para seguir co tema. Aí vai:


 

2021/10/30

Terremotos? Si, claro

    Como xa saberás, na noite de xoves a venres houbo un terremoto con epicentro pŕoximo a Galicia de intensidade 4,4 mbLg, que se deixou sentir en toda a zona norte, e por suposto, dentro dela, na Mariña. Eu sentino, entre soños díxenme 'isto é un terremoto suave', din media volta (na cama) e seguín ó meu, que naquel momento era durmir.

   A Terra está 'viva', e maniféstao de diversos xeitos, sexa na procura de novos equilibrios ecolóxicos que tenten reequilibrar os desequilibrios que se van producindo, sexa polo cambio climático ó cambiar a constitución atmosférica, ou sexa polo movemento de placas tectónicas impulsado pola transferencia de calor calor interno que aínda conserva a Terra dende a súa constitución como planeta, entre outros casos que manifestan esa vitalidade do planeta. Atención, vitalidade non significa que, no que en relación ó mantemento da nosa vida, non estea a esmorecer e podamos empregar a imaxe de que 'a Terra morre': somos nós os que, polos cambios na Terra, temos peores condicións vitais (nosas).

   Volvendo ós terremotos. Prodúcense por movementos desas placas que lle dan armazón á superficie terrestre, a modo de exoesquelete. Cando dúas placas se moven de xeito relativo (ou dúas partes máis pequenas delas, subplacas, o fan, ou mesmo a liberación de tensións internas dentro dunha subplaca), pode ser para xuntarse, golpeando unha contra outra e onde unha tenderá a ir por riba da outra, para separarse, creando un espazo entre elas polo que pode saír material do interior terrestre, ou de xeito lateral unha esvarando en relación a outra. En calquera dos tres casos poden producirse terremotos, ó non ser os movementos suaves, senón producirse a saltos, cando vencen a resistencia (o 'rozamento') que ofrece o propio terreo. Ademais, poden producirse por outras causas, como os volcáns, como está a suceder na illa da Palma.

   O caso da chamada 'falla de Triacastela', que se chega dende a montaña do sur de Lugo ata o Cantábrico despois de pasar pola zona de Viveiro corresponde a unha raxa menor no interior da cortiza terrestre, que de cando en vez deixa terremotos, máis ben cara ó seus extremos, na zona de Triacastela ou no mar a uns 50 km da costa, como neste caso, onde se produce a discontinuidade da placa continental paralela á costa Cantábrica.(1)

   Cabe dicir que os movementos terrestres están á orde do día. Na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional rexístranse uns cantos terremotos tódolos días, e iso, porque teñen que poñer un límite de intensidade mínima para cortar a lista nalgures, pois noutro caso, a lista sería interminable. Ademais, cando se produce un axuste relativamente grande na cortiza terrestre, non queda 'exacto', tendo a continuación xeralmente movementos de reaxuste máis pequenos nas proximidades do 'grande'. É dicir, sismos de menor intensidade, ós que se lles chama 'réplicas'. Así, neste caso houbo unha réplica ó pouco tempo, menos de 25 minutos despois. 

   Deixo dous anacos da lista do IXN para comparar. Na primeira columna, a magnitude: a maior magnitude, máis intensidade. Na segunda columna, data e hora, en UTC, é dicir, para a hora legal peninsular, a piques dun novo cambio horario, hai que sumarlle 2: o que aparece como as 4:32 UTC nos nosos reloxos terían codificados, leríamos '6:32', (hora legal en España peninsular). Nos lugares, sobresaen a cantidade detectada na illa da Palma (ILP), sexa no concello de Fuencaliente ou en Villa de Mazo. Nesa mesma columna, para os terremotos de maior magnitude, tamén aparece a intensidade máxima, unha especie de 'tradución' da magnitude a outra escala para equiparar os efectos de destrozos dos diversos terremotos. A última columna que aparece é a profundidade do epicentro, é dicir, do lugar onde se orixina o terremoto:


   Vemos que o terremoto 'do Cantábrico' produciuse ás 04:32:11 UTC, cunha intensidade de 4,4, a 92 km de Ribadeo (65 km de Burela, 58 km de Viveiro ou 42 km de Estaca de Bares), e unha réplica ás 04:56:00 UTC con intensidade 2,3. Os datos totais brindados na web indican claramente a posición, aínda que neste caso non dan a profundidade do epicentro do sismo máis intenso (aínda que si do menos intenso, 4 km):



   Pódese observar que a réplica foi un terremoto abondo superficial, e, no mapa, asemade xa na beira da placa continental. Ademais, as caracteríticas de ambos terremotos non os facían produtores de maremotos. Por sorte, pois ó estar tan próximos á costa, o tempo de chegada, e polo tanto, o tempo de evacuación aínda para os lugares máis apartados da Mariña tería sido menor de unha hora.
   Un resume de terremotos recollidos polo IGN na mesma zona nestes tres días é:
   Nunha escala máis ampla, o mapa de terremotos recollidos nas proximidades de territorio español, resume destes tres últimos días sería:
   Onde vemos que se destaca o terremoto do Cantábrico, por ser dos importantes na zona nese período, pero sobre todo, a estrela na illa da Palma, pola acumulación de sismos, algún significativamente máis intenso que o do Cantábrico.
-
Agunhas entradas sobre terremotos próximos, no blog:
-

Cŕedito das imaxes: IGN, permiso de reuso da información do sector público, capturadas o sábado 30 de outubro de 2021.

--

1 O coñecemento da zona está progresando día a día. O último artigo científico publicado sobre o fenómeno dos terremotos na zona, en particular en relación coa falla Cantábrica foi hai poucos días, aquí (e non inclúe ningunha 'falla de Triacastela', aínda que si a de Viveiro ou a de Valdoviño, que rematan, en particular a primeira, próximas a Triacastela, e a primeira aemáis segue o camiño cara ó mar que corresponde co que teño visto da 'falla de Triacastela').↩

 

2021/10/19

Segunda quincena de outubro? Alta temperatura en Ribadeo

    Unha cousa rápida: De novo, en outubro, altas temperaturas en Ribadeo. Hoxe, 19 de outubro, pasamos os 30 ºC na estación de Pedro Murias. A lembrar que en Ribadeo, a marca de temperatura está en 35,44 ºC, medidos o 15 de outubro de 2017...

   Si, xa sei que o cambio climático está facendo estragos. En Ribadeo, tamén:non é unha excepción. 

   A gráfica de temperatura e humidade de onte e o que lemos de hoxe (hora en UTC, 2 menos que a legal)

A gráfica de humidade, temperatura e temperatura de orgallo con datos de 10 en 10 minutos

E comentada:

A mesma gráfica, especificando de xeito aproximado os periodos de día e noite, visibles pola variación de temperaturas, a temperatura máxima do ano, lixeiramente por riba dos 30 ºC, a humedade máxima (100%) de noite...



El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.