2021/12/11

Mirando ó ceo antes do Nadal

    Remato de ver unha información do Real Observatorio de Madrid con datos en relación a algún astro no ceo da próxima semana. A conta é accesible en https://twitter.com/RObsMadrid.

    Na imaxe, que ven referida a uns '45 minutos despois da posta do Sol', aparecen Xúpiter, Saturno e Venus en posicións relativamente próximas, cara ó sur do campo de visión, formando un 'brilante trío' que deixa á súa esquerda á Lúa en crecente, e polo tanto, cada vez máis 'grande' co paso dos días. Preto do horizonte, e con prismáticos, ó anoitecer, poderá verse ó cometa Leonard preto do horizonte, a revelación deste inverno.

    Outra imaxe amósanos o ceo cara ó amencer. Na parte esquerda, Marte cara ó sureste, co cometa Leonard á súa esquerda, pouco visible (prismáticos e ceo con pouca iluminación). A imaxe de abaixo á dereita tamén amosa o lugar radiante das xemínidas (máximo a madrugada do 14), orixinadas polo asteroide 3200 Phaethon.


 

2021/11/25

A duración do día

    Agora que nos achegamos ós días máis curtos do ano, un amigo díxome algo así como que o día de Santa Lucía era o día máis curto do ano, pois así constaba no refrán 'Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día'. Fíxenlle unha aclaración e expliqueille que non, que o motivo do refrán era outro, por máis que estivera relacionado. Con esta entrada pretendo facer esa mesma aclaración engadindo algún gráfico.

    Para evitar o contido máis farragoso, non poño as táboas que dan orixe ós gráficos, senón só estes.

    O caso é que todos nos podemos decatar que no hemisferio norte, poñamos, en Galicia, en Ribadeo, os días con máis horas de luz, os 'días máis longos', agrúpanse en torno á primavera e verán, e os que teñen menos horas de luz, en torno ó outono e inverno. Se indagamos un pouco máis, veremos que os que teñen máis horas de luz andan arredor do 21 de xuño, no solsticio de verán, época na que o ángulo que forma a liña Terra-Sol coa liña centro da Terra-Polo norte terrestre (é dicir, a 'parte de arriba do eixe terrestre') é menor. Iso implica que durante eses días non só o Sol ilumina un punto da parte norte terrestre durante máis parte da súa traxectoria de xiro diario (é dicir, durante máis tempo), senón que ademáis, o Sol chega a unha altura maior no ceo.

    Visto o anterior, o tema está claro: os días con maior duración da luz sobre un punto son os que está arredor do solsticio de verán, no hemisferio norte o 21 de xuño (ou 20, segundo como coincida o calendario e bisiestos), que é o máis duración da luminosidade. O día no que máis dura a noite é o do solsticio de inverno, que no hemisferio norte acae o 21 de decembro (algúns anos, o 22, polo mesmo motivo que pode variar o solsticio de verán). Naturalmente, no hemisferio sur, as datas intercámbianse.

    Mais o refrán sobre a Santa Lucía, festexada o 13 de decembro, non debe interpretarse como que medra o número de horas de sol no ceo, senón que indica que, a partir dese día (de xeito aproximado, o mesmo que ocorre coas datas dos solsticios) os anoiteceres vanse retrasando.

    Entón, como se entende que a partir de Santa Lucía se faga de noite cada vez máis tarde, pero que o día siga minguando? Pois porque os amenceres seguen a ser máis tardíos ata os arredores do 3 de xaneiro. Algo semellante pasa cos días máis longos. Iso ocorre porque 'as 12' do reloxo non indican 'as 12' hora solar, por ir a Terra na súa rotación a unha velocidade diferente en diferentes momentos do ano. Así, as 13:23, 13:27 e 13:34 marcaron o momento do día co sol máis alto no ceo nun mesmo lugar os días 13 de decembro (Sta. Lucía), 21 de decembro, solsticio de inverno, e 3 de xaneiro, o día no que amenceu máis tarde nese inverno 2019/20 nese lugar de Galicia. O desfase da hora legal coa hora solar en Galicia, de cousa de hora e media en inverno e dúas horas e media no verán, é o que explica que haxa unha petición de cambio de hora para facer un axuste entre ambas horas máis acaído.

    Primeiro, un vídeo:


     A 'distancia entre mans' anterior, a duración da luz diaria, ven representada nas seguintes gráficas, sempre considerando a orixe do día na parte inferior da gráfica e o fin na parte superior (na parte esquerda vese a escala en fracción de día transcorrida e na dereita a escala en horas), e, a medida que se despraza a gráfica cara á dereita, representando un día máis avanzado no ano: 

    Xa a ollo nu nótase a maior amplitude entre orto (azul) e ocaso (vermello) do Sol, o amencer e o anoitecer, nos días centrais do ano. Nembargantes, as liñas correspondentes á saída do Sol e a súa posta non son simétricas, senón que teñen un pequeno desprazamento, que corresponde cun retardo ou adianto do Sol, que se manifesta de xeito lóxico tamén no momento no que o Sol acada o punto máis alto no ceo, que varía ó longo do ano (todo elo debido á variación da velocidade de xiro terrestre arredor do Sol ó conservarse o momento angular variando a distancia ó Sol na súa órbita).
    O caso é que se observa que o momento de amencer máis cedo é uns días antes do momento no que anoitece máis tarde, estando o día de maior duración de luz entre ambos momentos. O inverso sucede no inverno, cando o día de Santa Lucía, o día no que a noite comeza antes 'polo reloxo', é anterior ó día no que o Sol sae máis tarde, quedano o solsticio de inverno, que sinala o día con menos duración de horas de luz, entre ambos:
    Os solsticios son sinalados nas gráficas coas liñas longas, mentres as máis curtas representan os amenceres -ou anoiteceres- máis temperás -ou máis tardíos-.
    Unha gráfica complementria aclarando o sentido no que transcorren o día e o ano:
     E outra máis indicando en vermello o tempo de luz, e o tempo de noite en azul ou gris, segundo que sexa antes do amencer ou despois do anoitecer, dentro das vintecatro horas da xornada.

2021/11/15

O clima, aquí e hoxe

   Con motivo do 34 congreso de EnCiGa, o pasado sábado 13 de novembro presentei 'O Clima Aquí e Hoxe' como a miña aportación ó congreso de ensinantes. Por motivos de privacidade, nin preguntei se podía facer a gravación da miña intervención -polo demáis, como o resto das outras do congreso de EnCiGa deste ano 2021, virtual-, pero teño a presentación que usei como base para a intervención. Algo que pode facilitar o coñecer se tes ou non interese, e se o tes, aquí estou para seguir co tema. Aí vai:


 

2021/10/30

Terremotos? Si, claro

    Como xa saberás, na noite de xoves a venres houbo un terremoto con epicentro pŕoximo a Galicia de intensidade 4,4 mbLg, que se deixou sentir en toda a zona norte, e por suposto, dentro dela, na Mariña. Eu sentino, entre soños díxenme 'isto é un terremoto suave', din media volta (na cama) e seguín ó meu, que naquel momento era durmir.

   A Terra está 'viva', e maniféstao de diversos xeitos, sexa na procura de novos equilibrios ecolóxicos que tenten reequilibrar os desequilibrios que se van producindo, sexa polo cambio climático ó cambiar a constitución atmosférica, ou sexa polo movemento de placas tectónicas impulsado pola transferencia de calor calor interno que aínda conserva a Terra dende a súa constitución como planeta, entre outros casos que manifestan esa vitalidade do planeta. Atención, vitalidade non significa que, no que en relación ó mantemento da nosa vida, non estea a esmorecer e podamos empregar a imaxe de que 'a Terra morre': somos nós os que, polos cambios na Terra, temos peores condicións vitais (nosas).

   Volvendo ós terremotos. Prodúcense por movementos desas placas que lle dan armazón á superficie terrestre, a modo de exoesquelete. Cando dúas placas se moven de xeito relativo (ou dúas partes máis pequenas delas, subplacas, o fan, ou mesmo a liberación de tensións internas dentro dunha subplaca), pode ser para xuntarse, golpeando unha contra outra e onde unha tenderá a ir por riba da outra, para separarse, creando un espazo entre elas polo que pode saír material do interior terrestre, ou de xeito lateral unha esvarando en relación a outra. En calquera dos tres casos poden producirse terremotos, ó non ser os movementos suaves, senón producirse a saltos, cando vencen a resistencia (o 'rozamento') que ofrece o propio terreo. Ademais, poden producirse por outras causas, como os volcáns, como está a suceder na illa da Palma.

   O caso da chamada 'falla de Triacastela', que se chega dende a montaña do sur de Lugo ata o Cantábrico despois de pasar pola zona de Viveiro corresponde a unha raxa menor no interior da cortiza terrestre, que de cando en vez deixa terremotos, máis ben cara ó seus extremos, na zona de Triacastela ou no mar a uns 50 km da costa, como neste caso, onde se produce a discontinuidade da placa continental paralela á costa Cantábrica.(1)

   Cabe dicir que os movementos terrestres están á orde do día. Na páxina web do Instituto Xeográfico Nacional rexístranse uns cantos terremotos tódolos días, e iso, porque teñen que poñer un límite de intensidade mínima para cortar a lista nalgures, pois noutro caso, a lista sería interminable. Ademais, cando se produce un axuste relativamente grande na cortiza terrestre, non queda 'exacto', tendo a continuación xeralmente movementos de reaxuste máis pequenos nas proximidades do 'grande'. É dicir, sismos de menor intensidade, ós que se lles chama 'réplicas'. Así, neste caso houbo unha réplica ó pouco tempo, menos de 25 minutos despois. 

   Deixo dous anacos da lista do IXN para comparar. Na primeira columna, a magnitude: a maior magnitude, máis intensidade. Na segunda columna, data e hora, en UTC, é dicir, para a hora legal peninsular, a piques dun novo cambio horario, hai que sumarlle 2: o que aparece como as 4:32 UTC nos nosos reloxos terían codificados, leríamos '6:32', (hora legal en España peninsular). Nos lugares, sobresaen a cantidade detectada na illa da Palma (ILP), sexa no concello de Fuencaliente ou en Villa de Mazo. Nesa mesma columna, para os terremotos de maior magnitude, tamén aparece a intensidade máxima, unha especie de 'tradución' da magnitude a outra escala para equiparar os efectos de destrozos dos diversos terremotos. A última columna que aparece é a profundidade do epicentro, é dicir, do lugar onde se orixina o terremoto:


   Vemos que o terremoto 'do Cantábrico' produciuse ás 04:32:11 UTC, cunha intensidade de 4,4, a 92 km de Ribadeo (65 km de Burela, 58 km de Viveiro ou 42 km de Estaca de Bares), e unha réplica ás 04:56:00 UTC con intensidade 2,3. Os datos totais brindados na web indican claramente a posición, aínda que neste caso non dan a profundidade do epicentro do sismo máis intenso (aínda que si do menos intenso, 4 km):



   Pódese observar que a réplica foi un terremoto abondo superficial, e, no mapa, asemade xa na beira da placa continental. Ademais, as caracteríticas de ambos terremotos non os facían produtores de maremotos. Por sorte, pois ó estar tan próximos á costa, o tempo de chegada, e polo tanto, o tempo de evacuación aínda para os lugares máis apartados da Mariña tería sido menor de unha hora.
   Un resume de terremotos recollidos polo IGN na mesma zona nestes tres días é:
   Nunha escala máis ampla, o mapa de terremotos recollidos nas proximidades de territorio español, resume destes tres últimos días sería:
   Onde vemos que se destaca o terremoto do Cantábrico, por ser dos importantes na zona nese período, pero sobre todo, a estrela na illa da Palma, pola acumulación de sismos, algún significativamente máis intenso que o do Cantábrico.
-
Agunhas entradas sobre terremotos próximos, no blog:
-

Cŕedito das imaxes: IGN, permiso de reuso da información do sector público, capturadas o sábado 30 de outubro de 2021.

--

1 O coñecemento da zona está progresando día a día. O último artigo científico publicado sobre o fenómeno dos terremotos na zona, en particular en relación coa falla Cantábrica foi hai poucos días, aquí (e non inclúe ningunha 'falla de Triacastela', aínda que si a de Viveiro ou a de Valdoviño, que rematan, en particular a primeira, próximas a Triacastela, e a primeira aemáis segue o camiño cara ó mar que corresponde co que teño visto da 'falla de Triacastela').

 

2021/10/19

Segunda quincena de outubro? Alta temperatura en Ribadeo

    Unha cousa rápida: De novo, en outubro, altas temperaturas en Ribadeo. Hoxe, 19 de outubro, pasamos os 30 ºC na estación de Pedro Murias. A lembrar que en Ribadeo, a marca de temperatura está en 35,44 ºC, medidos o 15 de outubro de 2017...

   Si, xa sei que o cambio climático está facendo estragos. En Ribadeo, tamén:non é unha excepción. 

   A gráfica de temperatura e humidade de onte e o que lemos de hoxe (hora en UTC, 2 menos que a legal)

A gráfica de humidade, temperatura e temperatura de orgallo con datos de 10 en 10 minutos

E comentada:

A mesma gráfica, especificando de xeito aproximado os periodos de día e noite, visibles pola variación de temperaturas, a temperatura máxima do ano, lixeiramente por riba dos 30 ºC, a humedade máxima (100%) de noite...



2021/10/16

Física e Química en Ribadeo en Internet Archive e na Biblioteca Nacional de España

   Internet archive é unha web que pretende achegarse o máis posible á memoria de internet, dentro da imposibiidadade que o volume de datos e a súa variación diaria permita.

   Aí está tamén Física e Química en Ribadeo, e pode ser un lugar para, en atrancos da web, lograr acceder ó contido de FQRibadeo dende 2006, aínda que non cubra a totalidade do blog: https://web.archive.org/web/*/http://fqribadeo.blogspot.com

   Outro lugar para atopar unha copia desta web é o lugar da Biblioteca Nacional de España. Neste caso, a url é: http://www.dl-e.es/openwayback/wayback/*/http://fqribadeo.blogspot.com

2021/09/14

Auga para todos. Francisco Díaz-Fierros Viqueira

   Auga para todos, de Francisco Díaz-Fierros Viqueira é un libro de divulgación sobre a auga e a humanidade.

   Anos pasaron dende a 'Contribución a la climatología agrícola de Galicia' de Díaz Fierros (1971), o primeiro dos traballos do autor pensado para a súa difusión. Así como aquel no 1971 era a difusión dun traballo científico, o novo 'Auga para todos' ten unha visión máis xeral, ilustrativa das múltiples interaccións de auga e humanidade, a través do ciclo da auga, os seus usos e bausos, a súa necesidade... Un traballo de moi outro cariz, pero non menos necesario (máis ben, ó revés, pola pouca mentalización que moitas veces temos sobre o que poderíamos chamar 'o problema da auga'. Non me estenderei máis sobre o novo libro, pero tampouco sobre o vello, esgotado e que espero subir a internet nunha versión pdf despois de fotografalo (cousa xa feita) e coidalo un pouco (o manexo das fotografías, algo por facer). Sobre o novo, porque tanto Pancho Campos como eu mesmo temos escrito sobre el noutros lugares, aquí o de Pancho e aquí o meu, e aínda que é un libro que pola súa ocndición, non deberamos quedarnos cun apunte bibliográfico, senón coa súa enteira lectura. Así pois, isto é máis ben unha recomendación de lectura, polo que deixo en baixo os datos para localizalo:

Auga para todos

Francisco Díaz-Fierros Viqueira

ISBN: 978-84-16954-50-6

Año de publicación: 2017




2021/09/02

Bibliografía de apoio en Astronomía (1985)

   Hai tres décadas e media, contruín unha lista de libros relacionados coa astronomía con algúns comentarios pensando en orientar ós meus alumnos, pero non só a eles. No século seguinte ó que foi escrita, esta lista queda como mera curiosidade, aínda que algúns dos títulos poden ser homologables hoxe en día, e mesmo estén rulando a traverso de internet en pdf, epub ou outros formatos.

   Deixo abaixo as tres imaxes do ficheiro impreso en papel contínuo que é o que chegou a día de hoxe nas miñas mans, e, antes, o trasvase ó galego (o orixinal está escrito en castelán por mor de ser a lingua oficial no ensino no que impartía docencia, e sen acentos nin ñ pormor do tratamento de textos usado naquel momento) dos textos introdutorio e final que tamén recollen ditas imaxes:

-- 

Bibliografía de apoio en Astronomía

   En astronomía, como en calquera outro tema, é interesante practicar, pero tamén o é ter coñecementos teóricos. A transmisión destes coñecementos pode facerse de diversos xeitos, en particular por medio da escritura e máis concretamente por medio dos libros. Esta non é máis ca unha recompilación de materiais a partir de varias fontes, dende a miña propia biblioteca a un addendum (1979/82) do 'Astronomy educational material' da IAU (International Astronomical Union) na súa 'Part C', adicada a textos en castelán.

   Farei unha clasificación para que a relación sexa máis comprensible e asequible, seguindo un sistema parello ó empregado no citado informe da IAU, baseado nas seguintes categorías:

   PG, para materiais asequibles ó público en xeral, ben de temas particulares ou xerais.

   GT, para instrucións técnicas para o público en xeral, como para facer observacións, construción de telescopios, etc.

   GU, cursos introdutorios e outros temas de Astronomía Xeral para nivel xeral universitario.

   A, libros d enivel universitario especializados en astronomía.

   H, historia da Astronomía.

   Especificarei sucesivamente para cada libro dentro de cada categoría, título, autor, editor, ano de publicación e lugar, adxuntando para algún deles un sucinto comentario.

-

   Esta relación non pretende ser, nin moito menos exhaustiva, tendo en conta que hai novos libros no mercado tódolos días (reedicións aparte) e que só inclúe os libros en castelán. Esperemos que pronto se poda atopar unha bibliografía sobre o tema en galego, como xa existe en catalán.

   Habería que considerar tamén, sobre todo pola actualidade dos temas tratados, as revistas, tanto as propias de Astronomía, como Nadir, como outras que soen tocala con asiduidade.

   De calquera xeito, para dispor dunha auténtica bibliografía é necesario o idioma inglés, onde pode dicirse que está todo, e claro, a bibliografía existente nel non cabe nunha relación deste tipo.

   Outro tema a considerar, en plan previo á afición astronómica e como 'descanso do guerreiro' astrónomo serían as obras de ciencia ficción realista, que nos fan abandonar o tema da astronomía a meirande parte das veces soñando coa mesma astronomía, ó igual que o facemos aquí.





2021/07/07

Unha aproximación ó clima de Vilalba. I.-Temperatura media

   Polo momento, o clima de Vilalba non ten sido estudado de xeito independente. Calquera que viva en Vilalba terá unha idea tanto do clima como da temperie, do tempo que está a facer, fixo ou se prevé que faga nun momento dado. Pero sen datos obxectivos, as ideas dunhas e outras persoas, o seu xeito de sentir a meteoroloxía que afecta a Vilalba, variarán abondo. No mesmo pobo non hai estación meteorolóxica, e no concello, a única estación meteorolóxica funcional cunha serie de datos que xa vai sendo ampla (vinteun anos, 2/1/2001) foi levantada nunha zona de muíños de vento, a carón da fronteira co concello de Guitiriz. Ou sexa, lonxe da vila e a douscentos metros máis de altura que a casa do concello. De feito, o seu nome é 'Guitiriz - Mirador', o que dá unha idea da súa posición (43,226593º N, -7,783072º [O], WGS84). Abondo máis recente, oito anos (8/3/2013), é a de Lanzós (43,3746º N, -7,64468º [O]), tamén abondo máis próxima e a unha altura semellante á da casa do concello. E moito máis recente, pois aínda lle faltan meses para ter o ano (16/10/2020), é a de Santaballa (43,327644º N, -7.716554º [O], 'Feiranova-Santaballa'), tamén dunha altura semellante e máis próxima que a de Lanzós.

   O caso é que, coas tres estacións, xa se van recollendo datos para facer unha historia climática de Vilalba, e a iso ven esta entrada, a ilustrar o seu comezo, cos datos da temperatura media. Outro día colleremos outra variable.

   As gráficas teñen datos das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia, e a primeira tamén unha estimación, calculada a partir dos datos das tres estacións, da media de temperatura diaria na zona da casa do concello, na vila.

   A primeira gráfica non dá moitas claves a quen non estea afeito a tratar con este tipo de presentación de datos. Aínda así, vese que a serie máis longa (en azul, a de Guitiriz-Mirador) vai aumentando pouco a pouco o número de días anuais cunha temperatura media nas 24 horas no entorno dos 25 ºC, aínda que o día que ten unha temperatura media máis alta sexa do 2003. Tamén se ve que na parte correspondente á casa do concello, -en liña verde máis ancha por ser só unha estimación e así quitarlle a precisión- houbo días en xaneiro nos que a temperatura media baixou de cero graos centígrados, así como que é de esperar que aínda estean por vir os días máis cálidos.

    En canto á segunda gráfica, representa a temperatura media do ano anterior. Por exemplo, se collemos o día 5/6/2010, o punto sinalará a temperatura media dende un ano antes a ese día. Só ten representados os datos das dúas estacións máis lonxevas, pois Santaballa aínda non acadou abondo número de días de funcionamento como para pode facer a liña correspondente. Nesta representación é patente que os últimos anos foron máis quentes, temperaturas máis altas, con medias anuais duns once graos centígrados. É de prever que a media para o núcleo urbano de Vilalba sexa algo superior ós 11 ºC. Tamén están deuxadas as liñas de tendencia das dúas estacións, que se ve claamente que son ascendentes en ambos casos. Se hai moita diferenza de pendente entre elas é máis ben polo aínda curto período de funcionamento de Lanzós. Pero aínda así queda claro que, por termo medio, a temperatura de Vilalba-vila no que vai de século aumentou arredor de 1 ºC. Os datos son acordes co que todos sabemos: estamos nun cambio climático.

   Seguirá. Para quen teña interese, pode comparar cos datos de Ribadeo, para onde fixen un pequeno libriño cos datos de varias variables no que vai de século, facendo fincapé no 2020.

2021/07/05

Canadá, 50 ºC. Ribadeo, frío

Gráfica da NASA manifestando a anomalía de temperaturas en norteamérica estes días, en comparación coa media dos sete anos anteriores. Imaxe no dominio público.

 

   As novas dan fe: no Canadá están a sufrir temperaturas de case 50 ºC, en zonas onde o normal é que nesta época pouco máis teña feito que comezar o desxeo. Mentres, Ribadeo marcou o comezo de ano máis frío deste século.

   Está tolo o clima? Diría máis ben que quen está tolo somos nós, como especie, os humanos. O clima só responde ás leis físicas, aínda que ás veces sexan complicadas de entender, ou mesmo, aínda descoñecidas.

  E, mentres, está a estenderse de que hai que difundir os efectos extremos para amosar a gravidade da situación climática e propiciar unha mentalización rápida e a conseguinte actuación para enfrontarse ó cambio nocivo que estamos a experimentar. En contra, ese alarmismo é respondido dende filas opositoras, chamándoo como econazismo ou etiquetas semellantes.

   Na realidade, non fai falta poñer fincapé na difusión de catástrofes, nin provocadas polo clima, nin doutro tipo: pola súa propia natureza, eses efectos extremos son carne de noticia. E, en relación ó clima, cada vez son máis frecuentes e máis extremos. De xeito estatístico, eses efectos que soian darse de cento en vento, aumentan de xeito rápido a súa frecuencia con aparentemente pequenas variacións de temperaturas medias. Ó fin, que é un aumento de 1 ºC?

   Ese aumento de frecuencia non só é para aqueles fenómenos que asociaríamos con temperaturas altas, senón que nun aparente paradoxo (só aparente) tamén vemos aumentos doutros fenómenos que asociamos con temperaturas baixas. E así, hai non moito, a pasada primavera, mentres unha ampla zona de Europa centrada no Báltico, estaba a sufrir unha abafante vaga de calor 'mediterráneo', ó estilo do que se pode pasar nas costas cálidas dese mar no verán, a zona mediterránea estaba a sufrir unha vaga de frío 'polar'. Ambas vagas, anómalas, por máis que fora máis rara a calor báltica. E ambas, episodios puntuais que por si sós non significarían nada máis que unha flutuación típica, se ben pouco frecuente. Pero a suma de flutuacións dun e outro signo vese aumentar en cantidade e profundidade, e iso si, ese cambio de frecuencia e profundidade do conxunto, é efecto do cambio climático

   E é que un aumento da temperatura media supón que a atmosfera dispón de máis enerxía, e polo tanto, é máis inestable. Dicir algo como que 'en Galicia viranos ben que aumente algo a temperatura polo cambio climático' é afirmar o propio descoñecemento do tema, e non só no que a rexistros de temperatura poda afectar, pois unha cousa é pensar na temperatura media e outra que debido a ese aumento se podan rexistrar máis veces indesexables extremos da temperatura, sobre todo, altas. E, por suposto, desestimar outros efectos asociados como a seca e o descontrol de precipitacións ou a chegada de furacáns ás nosas costas. Non, por desgraza as novas non son alarmismo: son alarmantes aínda que haxa que comprendelas e matizalas.

2021/07/01

A temperatura...

    Chegou o 1 de xullo. A temperatura é 'de praia'. A auga, ao menos na ría de Ribadeo, los bloques, hai unha hora, para desfrutar dela.

   É dicir, para non pensar que a Terra está a requecer máis e máis... Deixo abaixo algunha gráfica sobre iso en Ribadeo.

   Estamos no día 183 do ano, queda aínda algo máis dun mes para acadar os días que, por termo medio, son máis calorosos. O Sol xa comezou a levantarse máis tarde e deitarse máis cedo, pero a inercia da Terra fai posible que sigan a subir as temperaturas. Algo a ter tamén en conta en relación co cambio climático.
   Ata o momento, a temperatura no ano axústase abondo a unha media dos anos que levamos no século, só un pouco por riba, despois dun xaneiro que resultou o máis frío do século e un febreiro dos máis calorosos.



El Tiempo en Ribadeo - Predicción a 7 días y condiciones actuales.